Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 09 de outubro de 2000 Páx. 13.855

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 229/2000, do 13 de setembro, polo que se cede, a título gratuíto, unha franxa de terreo do inmoble situado na rúa Montevideo, 9, termo municipal de Lugo, a favor do Concello de Lugo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude dos reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo, sobre transferencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia de traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, (BOE do 9 de agosto); 2368/1984, do 19 de decembro, sobre valoración definitiva, ampliación de medios adscritos ós servicios traspasados á adaptación dos transferidos en fase preautonómica en materia de sanidade, (BOE

do 16 de xaneiro), e 1995/1985, do 9 de outubro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade de Galicia en materia de sanidade (AISNA), (BOE do 14 de novembro), posúe a titularidade do inmoble situado na rúa Montevideo, 9, termo municipal de Lugo.

O Concello de Lugo solicitou da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a utilización dunha franxa de terreo que une a rúa Montevideo co Carril dos Fornos, con destino a apertura dun vial público de conexión dos anteditos viais, co fin de dar acceso a un soar no que se construirá un aparcadoiro de superficie.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que ten na actualidade adscrito o inmoble, informou favorablemente á cesión solicitada, coa condición de que o concello habilite un mínimo de trinta prazas de aparcadoiro e que afronte os custos das obras de adecuación necesarias.

Mediante Decreto 149/1999, do 14 de maio (DOG nº 99, do 26 de maio), desafectouse do dominio público o antedito inmoble, logo do informe favorable da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda do 3 de xuño de 1999, (DOG nº 117, de 21 de xuño) declarouse a alienabilidade do antedito ben inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión do inmoble de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Lugo da titularidade dunha franxa de terreo de setecentos sesenta metros cadrados (760 m) do inmoble situado na rúa Montevideo, 9, termo municipal de Lugo, que linda ó norte, en liña aproximada de doce metros, coa rúa Montevideo; ó sur, en liña aproximada de once metros, co Carril dos Fornos; ó leste, en liña aproximada de sesenta e catro metros, co edificio da antiga Delegación Provincial da Consellería de Sanidade, e ó oeste, en liña aproximada de sesenta e oito metros, con Manuel Millares Cortón e máis de Benigno López Campo.

O dito terreo segregarase do predio inscrito no Rexistro da Propiedade de Lugo nº 1 a nome da Comunidade Autónoma de Galicia no tomo 698, libro 291, folio 150, predio número 21010, inscrición 3ª.

Artigo 2º

A cesión do inmoble queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión do inmoble descrito será a apertura do vial de conexión entre as rúas Montevideo e Carril dos Fornos, para dar acceso a un soar no que o Concello de Lugo construirá un aparcadoiro de superficie.

b) A cesión queda sometida á condición suspensiva pola que o Concello de Lugo habilitará un mínimo de trinta prazas para uso exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia e a título gratuíto, polo prazo de trinta anos, no aparcadoiro de superficie que vai construir no antedito soar.

c) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión do inmoble e reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

d) Serán de conta do Concello de Lugo os custos e impostos derivados da obtención da licencia de segregación e da formalización en escritura pública da segregación e da cesión.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda