Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 09 de outubro de 2000 Páx. 13.855

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 228/2000, do 13 de xullo, polo que se acorda a mutación demanial parcial dunha parcela, sita no recinto do Instituto de Ensino Secundario A Granxa, no termo municipal de Ponteareas (Pontevedra).

Mediante Real decreto 2734/1983, do 28 de xullo (BOE nº 259, do 29 de outubro), transferiuse ó Ministerio de Educación e Ciencia os centros de formación profesional do Instituto Nacional de Emprego procedentes da obra de formación profesional da administración institucional de servicios socio profesionais, entre eles o Centro Agrario da Granxa de Ponteareas (Pontevedra).

Por outra parte, o Real decreto 1724/1987, do 18 de decembro (BOE nº 4 de xaneiro), sobre ampliación de servicios e medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación non universitaria (centros de formación profesional regrada) establece a transferencia á Xunta de Galicia do Instituto de Ensino Secundario A Granxa xunto co resto dos centros deste tipo que o Inem dispoñía en Galicia.

Con data do 23 de novembro de 1999, recibiuse na Secretaría Xeral e do Patrimonio, a solicitude da Secretaría Xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, de mutación demanial de parte do predio nº 010 adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e sito no recinto do instituto de educación secundaria A Granxa de Ponteareas, de 680 m, afectada polas obras de acondicionamento da estrada PO-254, treito: Ponteareas-Mondariz, clave: N/PO/97.1.

Con data do 6 de xuño de 2000, púxose de manifesto pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a conformidade para que a dita mutación demanial se leve a cabo.

Ó abeiro do artigo 12 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Acorda-la mutación de destino dunha superficie de 680 m, delimitada no plano incorporado ó expediente e que forma parte do predio adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no que se sitúa o Instituto de Educación Secundario A Granxa de Ponteareas (Pontevedra), que está afectada pola obras de acondicionamento da estrada PO-254, treito: Ponteareas-Mondariz, Clave: N/PO/97.1.

2. A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para dar efectividade ó disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, trece de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda