Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 04 de outubro de 2000 Páx. 13.748

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2000 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico especialista en equipamentos vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Vacante no cadro de persoal laboral desta universidade unha praza de técnico especialista en equipamentos do Servicio de Obras e Equipamentos, e aprobado pola Xunta de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, aprobados por Decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto),

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir unha praza de técnico especialista en equipamentos (grupo III) da Universidade da Coruña.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia, segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Maestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabre

ra, s/n, CP 15001), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os dereitos de exame serán de 5.640 pesetas, que se ingresarán, directamente ou mediante transferencia, en calquera das oficinas da Caixa Postal, na conta corrente nº 1302-1700-42-0017957982, Probas selectivas para técnicos especialistas en equipamentos, a nome da Universidade da Coruña. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso, a falta do cal determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola xerencia da universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no DOG da presente convocatoria, e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados, ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Comunidade Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito,

menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así estea previsto nos tratados internacionais subscritos pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión dunha titulación de FP de 2º grao ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá posuírse a credencial que acredite a súa homologación.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar destes durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador establecerá, para as persoas con minusvalidez que o tivesen demandado na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de técnico especialista en equipamentos, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo, o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, contra a que os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución, conforme

o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 9.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal, na súa constitución, composición e funcionamento, aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que estime adecuado.

6.4. O tribunal terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios publicaranse na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), que establece os diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase de apto ou non

apto, é necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, e do certificado de aptitude en español para estranxeiros, expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegar esta documentación non poderán ser declarados exentos, debendo, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueles outros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal publicará, neses mesmos lugares, a relación dos aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aqueles opositores que, en número non superior ó das prazas convocadas e que teñan acadada a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I, e con indicación expresa da obtida por cada un deles. Esta lista será confeccionada segundo a orde de puntuación final acadada por cada aspirante e en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se encontren incluídos nesta relación terán a consideración de non ter aprobado as probas selectivas, único extremo acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, con proposta de que se formalicen con eles os correspondentes contratos de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

c) Declaración xurada ou promesa de que non está separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar que non están sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Cumpridos debidamente, polo aspirante que superara as probas selectivas, os trámites de presentación de documentos, será contratado como técnico especialista en equipamentos da Universidade da Coruña.

10.3. O período de proba será de seis meses, durante os cales o traballador terá os dereitos e obrigacións correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade teñan desempeñado funcións de técnicos especialistas en equipamentos na Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e ós estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), ó convenio colectivo aplicable ó persoal laboral da Universidade da Coruña, a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e ás bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña,

nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 6 de setembro de 2000.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Técnico especialista en equipamentos

Procedemento de selección

-Fase de oposición:

a) Exercicios.

A fase de oposición consistirá na realización de dos exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa no programa que figura como anexo.

A valoración deste exercicio será de 0 a 20 puntos, sendo necesario obter 10 puntos para superalo.

Segundo exercicio: de carácter eliminatorio, consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego. Este exercicio valorarase como apto ou non apto, sendo necesario para superalo obte-lo resultado de apto, correspondendo ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixido para obte-lo resultado de apto.

Estarán exentos da realización do segundo exercicio os aspirantes que acrediten a posesión do curso de perfeccionamento de galego, ou estudios equivalentes. Tal acreditación poderase presentar ata os 10 días seguintes á publicación das notas do primeiro exercicio.

O tempo para a realización de cada exercicio será fixado polo tribunal.

-Fase de concurso:

Nesta fase valóranse, ata un máximo de 10 puntos, os servicios prestados na Universidade da Coruña como persoal contratado laboral non permanente na categoría de técnico especialista en equipamentos, a razón de 0,35 puntos por cada mes completo ou fracción.

-Sistema de puntuación:

A cualificación final das probas estará determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada fase, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida no primeiro exercicio e, de persistir este, á maior puntuación obtida na fase de concurso.

ANEXO II

Técnico especialista en equipamentos

Programa das probas

Módulo I. Lexislación universitaria.

1. A Universidade da Coruña. Estructura. Órganos de goberno.-Centros, departamentos, institutos, servicios. Rector, vicerrectores, secretario xeral, xerente, decanos, directores, outros órganos unipersoais. Órganos colexiados: Consello Social, Claustro, Xunta de Goberno, xuntas de Centro, consellos de Departamento e institutos.

2. O persoal docente e investigador na Universidade da Coruña.-Clases e réxime xurídico do profesorado universitario.

3. O persoal de administración e servicios na Universidade da Coruña.-Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios.

4. O estudio e a investigación na Universidade da Coruña.-Estudios de 1º e 2º ciclo. Estudios de doutoramento e posgrao. A organización da investigación. Contratos, convenios e cursos de especialización.

Módulo II. Introducción á ergonomía e á biomecánica ocupacional.

1. Mobiliario docente universitario: consideracións xerais. Criterios básicos de deseño. Aspectos constructivos, materiais e acabados.

2. Ergonomía no ámbito docente: obxectivos. Características fundamentais da poboación universitaria española: distribución por idades, sexos, porcentaxe de persoas zurdas e dimensións antropométricas. Actividades que se realizan nas aulas. Problemas ergonómicos máis frecuentes asociados ós deseños actuais.

3. Aspectos constructivos do mobiliario docente: xeneralidades. Materiais e solucións constructivas: asentos e respaldos. Mesas. Pas. Problemas da durabilidade asociados ós deseños actuais.

4. Recomendacións de tipo ergonómico. Tipos de mobles: conxunto cadeira-mesa, pupitres, cadeiras de pa.

5. Recomendacións xerais: seguridade, espacio de traballo, espacio de entrada e saída do porto, espacio de circulación pola aula, aloxamento de libros, cartafoles, apuntamentos, etc; separación entre o respaldo da cadeira e o bordo da mesa, superficie do asento, conformación do respaldo, espacio debaixo da superficie de traballo.

6. Recomendacións dimensionais: dimensións do asento: altura, profundidade e inclinación do asento, largo do asento, forma e espacio libre baixo este. Dimensións do respaldo: ángulo asento-respaldo, altura do bordo inferior do respaldo e altura do apoio lumbar, altura do bordo superior do respaldo, altura do respaldo e radio da curvatura horizontal.

Dimensións da mesa: altura da mesa ata o solo e ata o asento. Dimensións da superficie de traballo: anchura e profundidade.

Inclinación da mesa. Espacio libre baixo a mesa: altura libre para as coxas, para os xeonllos, para as pernas. Profundidade libre para os xeonllos e para as pernas. Largura libre baixo a mesa. Separación respaldo-mesa.

Dimensións da pa: superficie de traballo: largo, lonxitude total da pa e lonxitude útil da pa. Altura pa-asento e inclinación da pa. Altura baixo a pa. Separación respaldo-pa.

7. Recomendacións constructivas.-Asentos e respaldos: material. Base e recubrimentos. Formas constructivas.Taboleiros das mesas, estantes e pas: material base e recubrimentos. Estructuras: mecanismos.

8. Normativa.-Normativa española (UNE) e do MEC sobre características funcionais e especificacións, resistencia estructural e estabilidade, métodos de ensaio e homologación existentes na actualidade sobre mobiliario.

Módulo III. Outros equipamentos.

1. Servicios de hostalería, científicos e técnicos.

2. Os equipamentos do laboratorio.

3. Os equipamentos de apoio á docencia e á investigación.

4. Os equipamentos informáticos.

ANEXO III

Técnico especialista en equipamentos

Tribunal cualificador

-Titulares:

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:

Miguel Silva Suárez, director do Servicio de Obras e Equipamentos.

Juan Andrés Pombo Prieto, xefe da Sección de Tesourería e Caixa.

Dous representantes do comité de empresa.

Secretario: Justiniano Rodríguez Soto, xefe do Servicio de Persoal, que actuará con voz e sen voto.

-Suplentes:

Presidente: José Ramón Soraluce Blond, vicerrector de Infraestructuras e Servicios.

Vocais:

Alfonso Vidal Carnota, xefe da Sección de Estudiantes.

Cristina Ribao Álvarez, auxiliar administrativo.

Dous representantes do comité de empresa.

Secretario: Daniel Miguélez Costa, xefe da Sección de Selección e Formación de Persoal, que actuará con voz e sen voto.