Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 28 de setembro de 2000 Páx. 13.518

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 21 de setembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros.

O Regulamento (CEE) nº 3760/1992, do Consello, do 20 de decembro, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e da acuicultura (DOCE do 31 de decembro), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999, do Consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación da pesca (DOCE do 26 de xuño), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun estado membro, sen prexuízo das especi-

ficidades rexionais, con vistas a logra-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) nº 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións e regúlase o procedemento de concesión das axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros que en cada exercicio orzamentario se prevexan para esta finalidade nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os previstos nos orzamentos xerais do Estado e no IFOP.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

Para os efectos da concesión das axudas previstas na presente orde, só terán a consideración de auxiliables os proxectos correspondentes á realización de investimentos que teñan como finalidade a consecución dun efecto económico duradeiro, ofrezan unha garantía suficiente de viabilidade técnica e económica, procurando unha mellora duradeira das condicións de producción e primeira venda dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, e que teñan como obxectivo algún dos seguintes:

a) A mellora das condicións de desembarque, tratamento e almacenamento dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura nos portos pesqueiros.

b) O apoio á actividade dos buques pesqueiros, incluíndo a subministración ou servicio de carburante, xeo e auga, así como o mantemento e reparación dos buques.

c) O acondicionamento dos peiraos co fin de mellora-las condicións de seguridade ó embarcar ou desembarca-los productos.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 13 e ademais nas disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca.

En particular e para teren acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumpri-las condicións e cri-

terios de intervención estipulados no punto 2.3 do anexo III do Regulamento (CE) 2792/1999.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Para o exercicio de 2000, as axudas outorgaranse con cargo ó concepto 12.03.722C.770.0 (Axudas a equipamentos dos portos pesqueiros) cun importe máximo de 288.458.000 pesetas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Nos exercicios sucesivos, estas axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano correspondente.

En calquera caso, o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente.

As axudas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas e as entidades e corporacións de dereito público que sexan titulares ou que proxecten a implantación de equipamentos ou establecementos para a prestación dos servicios de apoio ás actividades dos portos pesqueiros previstos no artigo 2º, sempre que estean en posesión das necesarias habilitacións administrativas e os investimentos se realicen dentro da Comunidade Autónoma.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios ó formalizaren a súa solicitude sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación ás mesmas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e á súa contabilidade e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectúa-la entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Artigo 7º.-Incumprimento das obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública reci

bida, co xuro de demora, no caso do incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios, se é o caso administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes delas, seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

O importe das axudas previstas na presente orde terá que aterse ó establecido no grupo 3 do cadro III incluído no anexo IV do Regulamento CE nº 2792/1999, do 17 de decembro de 1999, e que de seguido se amosa:

Grupo 3

Participación financeira comunitarian35%
Rexións do obxectivo nº 1 (*)

Participación financeira estado membroo5%

* Incluídos os previstos no punto 1 do artigo 6 do Regulamento (CE) nº 1260/1999.

Os titulares dos proxectos que ó abeiro da presente orde teñan a consideración de auxiliables poderán ser beneficiarios dunha axuda económica en forma de subvención de capital de ata o 50% do custo do correspondente investimento elixible.

Non obstante, os baremos relacionados no devandito cadro, cando os investimentos se refiran ó uso de técnicas ou instalacións colectivas que reduzan substancialmente os efectos sobre o ambiente, a participación dos beneficiarios privados poderá limitarse ó 30% dos gastos subvencionables nas rexións do obxectivo número 1.

Artigo 9º.-Investimentos prioritarios.

Na procura do obxectivos referidos no artigo 2º e para os efectos da concesión das correspondentes axudas, terán a consideración de prioritarios aqueles investimentos que presenten interese para toda a colectividade de pescadores usuarios do correspondente porto e que contribúan ó desenvolvemento xeral do mesmo e á mellora dos servicios ofertados e, en concreto:

a) Os que supoñan unha mellora da productividade mediante a racionalización dos procesos de producción e a utilización de novas tecnoloxías, así como a mellora das condicións hixiénicas e sanitarias dos productos.

b) Os que contribúan á mellora das condicións de seguridade e hixiene no traballo.

c) Os acometidos polas distintas asociacións e organizacións de productores pesqueiros.

d) Aqueles que supoñan a creación e mantemento de emprego, con especial incidencia na creación de postos de traballo que permitan a diversificación de actividades en zonas xeográficas afectadas polo cesamento da actividade pesqueira extractiva.

e) E os que contribúan ó respecto ó ambiente mediante a utilización de técnicas que permitan o aproveitamento dos residuos derivados dos procesos productivos.

Artigo 10º.-Investimentos auxiliables.

Poderán outorgarse axudas para os seguintes investimentos:

-Construcción e adquisición de edificios e instalacións.

-A adquisición de maquinaria, instalacións e equipamentos de primeiro uso.

-A adquisición de elementos de transporte interno.

-Todos aqueloutros investimentos referidos a aspectos productivos e de control da producción tendentes á mellora da calidade para acadar un maior valor engadido, sempre que a súa realización non sexa contraria á normativa de aplicación vixente.

Artigo 11º.-Investimentos non auxiliables.

En ningún caso serán obxecto de axudas as seguintes accións:

-Os gastos correntes de mantemento e de conservación dos bens e equipos.

-A adquisición de recambios, reparacións e reposicións.

-A adquisición de maquinaria, bens e equipos que non sexan de primeiro uso.

-Os investimentos que teñan por obxecto productos da pesca e da acuicultura destinados a seren utilizados e transformados con fins que non sexan o consumo humano, salvo se se trata de investimentos exclusivamente destinados ó tratamento, transformación e comercialización de refugallo dos productos da pesca e da acuicultura.

-Aqueles destinados á modernización de maquinaria ou instalacións comprendidos en proxectos de investimento, o financiamento dos cales fora realizado con axudas públicas no período comprendido nos ultimos 5 anos anteriores ó da solicitude.

Artigo 12º.-Certificacións de non inicio e fin de obra.

a) Actas de non inicio.

Será condición indispensable para a concesión das axudas que con anterioridade ó inicio dos traballos e á realización das adquisicións correspondentes ós investimentos fose presentada a solicitude de axuda de acordo co establecido na presente orde, e que por parte dos servicios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura se expedise certificación que acredite a non iniciación dos investimentos dos mesmos.

Se fora necesario, e así se acredite, realiza-las obras antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes, excepcionalmente poderá facerse unha acta, inmediatamente antes de que as obras vaian comezar efectivamente, que terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte, e se nesta a solicitude non fora seleccionada exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderá producir efectos tamén nas convocatorias sucesivas.

A realización da certificación de non inicio das obras en ningún caso implica dereito ningún á concesión da axuda, nin mérito para iso.

b) Actas de fin de obra.

Para o pagamento das axudas correspondentes é imprescindible que se proceda a emitir certificación de fin de obra do mesmo xeito que se dispón na letra a).

Artigo 13º.-Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura segundo o modelo que figura no anexo I a esta orde, e presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou no de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais, e en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Xunto coa solicitude deberán presentarse por cuadruplicado exemplar o formulario que figura como anexo II a esta orde e a documentación que a seguir se relaciona (dous exemplares orixinais ou debidamente compulsados e dúas copias):

1. Estudio técnico dos investimentos, que conterá como mínimo:

a) Localización e xustificación do investimento.

b) Relación detallada polo miúdo dos investimentos que se pretenden realizar, co seu orzamento detallado.

c) Calendario previsto de realización dos investimentos co seu correspondente plan de financiamento por anualidades.

d) Indicación do número de postos de traballo existentes antes do investimento e dos que se prevexan crear despois do seu remate, con indicación en ámbolos dous casos dos postos que corresponden a traballadores fixos, eventuais, fixos descontinuos etc.

e) Calquera outro dato que se considere conveniente para mellor coñecemento do proxecto.

2. No caso de instalacións xa existentes deberán indicarse ademais e polo miúdo, incluíndo plano detallado, os activos existentes sinalándose cáles serán obxecto de renovación, modernización ou innovación, se se trata de investimentos destinados para estes fins.

3. Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións necesarias para a realización dos investimentos.

Excepcionalmente no caso de concesión administrativa ou de licencia municipal de obras admitirase informe favorable da autoridade portuaria ou concello correspondente, segundo corresponda, e do mesmo xeito no caso de precisarse certificación ó respecto do efecto ou impacto ambiental do investimento e non posuíla na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, deberá acreditarse ter presentada a correspondente perante a respectiva Comisión Provincial de Medioambiente. Nestes últimos casos e, sempre antes da concesión da axuda, é imprescindible achega-la licencia definitiva e/ou a devandita certificación no momento en que así o requira a Administración.

4. Declaración sobre calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida, ou que se pretenda solicitar a calquera outra Administración pública, destinada a subvencionar de modo total ou parcial o proxecto de investimento para o cal se solicita axuda.

5. Certificado expedido por banco ou entidade financeira que acredite a titularidade da conta bancaria a nome do solicitante e na que se efectuará o pagamento do importe da axuda, se é o caso.

6. Acreditación do pagamento do imposto de actividades económicas (IAE) correspondente ó último exercicio controlado.

7. Documentos acreditativos da personalidade da empresa e, se é o caso, aqueles que acrediten a

representación de quen, no seu nome, asine a solicitude de axuda.

8. Formularios TC-1 e TC-2 correspondentes ó último mes controlado.

Artigo 14º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou da correspondente convocatoria.

Artigo 15º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados coa colaboración dos servicios periféricos da consellería.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e sen prexuízo da aprobación, se é o caso, polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 16º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de seis (6) meses, contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 17º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun (1) mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous (2) meses, contados, en ámbolos casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 18º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de quince (15) días naturais contados a partir do seguinte á recepción da notificación para remitir á Consellería

de Pesca, Marisqueo e Acuicultura escrito de aceptación dela e das condicións particulares que nela se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 20º.-Modificacións do proxecto.

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ó orzamento como ás distintas partidas que os compoñen requirirá aceptación expresa por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e deberá ser posta en coñecemento desta sempre con anterioridade á súa realización.

Artigo 21º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e agás que a resolución individual de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a eles deberá realizarse antes do 1 de novembro do ano correspondente ó exercicio económico de que se trate.

Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, por resolución do director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados, para que as obras rematen dentro do ano inmediatamente seguinte a aquel no que deberían facelo; para a concesión desta prórroga, que deberá solicitarse dentro do prazo inicial de finalización, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval, do importe total da axuda pendente de percibir mailos xuros legais do diñeiro, depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 22º.-Pagamentos.

O pagamento da axuda realizarase, con carácter xeral, unha vez rematados e xustificados os investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate.

Se o importe do investimento realizado fose inferior ó que foi obxecto da concesión da axuda inicialmente prevista, esta reducirase proporcionalmente, sempre e cando o investimento xustificado se axuste ó proxecto inicial.

O pagamento das axudas establecidas na presente orde queda condicionado á aprobación do proxecto da mesma remitido para este efecto á Comisión Europea.

Artigo 23º.-Xustificación dos investimentos.

Para o cobro do importe da axuda correspondente ós investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate o beneficiario deberá presentar do mesmo xeito que o establecido no artigo 14º

desta orde e por cuadriplicado exemplar o formulario que figura como anexo III a esta orde, xunto con dous orixinais e dúas copias da documentación que a seguir se relaciona:

1. Adquisición de edificios: documentos que acrediten as operacións de compravenda e de forma separada os xustificantes de pagamento, así como peritación da obra civil independentemente do terreo.

2. Adquisición de maquinaria, instalacións, equipamentos, elementos de transporte e outros activos fixos: factura e certificacións bancarias de pagamento así como os que correspondan ós gastos de transporte, seguro e calquera outro que se orixine ata a súa incorporación ó establecemento.

3. Construcción de edificacións e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto que acredite as características e valor dos distintos conceptos abranguidos nel e que se realizasen e xustificasen durante o exercicio económico do que se trate xunto cos seus xustificantes de pagamento.

4. Adquisición de bens e equipamentos fóra da CE: presentación da correspondente autorización da Dirección Xeral de Política Comercial e Investimentos Exteriores do Ministerio de Economía e Facenda. En todo caso o beneficiario acreditará e xustificará de modo fidedigno o investimento realizado. No caso de realizar contrato de subministración, os pagamentos a conta soamente se terán en conta nos expedientes plurianuais.

5. Formularios TC-1 e TC-2 correspondentes ó último mes controlado.

6. Declaración responsable con achega documental doutras axudas concedidas para o financiamento dos investimentos, así como daqueloutras que se solicitasen.

7. Certificacións que acrediten que o beneficiario está ó día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como que non ten débedas coa Xunta de Galicia.

Artigo 24º.-Fin do expediente.

Porán fin ó expediente:

a) A resolución expresa ou presunta.

b) A desistencia ou a renuncia expresa do solicitante ou do seu representante.

c) A declaración de caducidade, nos termos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas

e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

d) E o incumprimento dos prazos para a xustificación da realización dos investimentos.

Artigo 25º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera momento inspecionar e controla-lo destino das axudas e o cumprimento dos fins para os que foron concedidas. En consecuencia, os servicios da consellería poderán facer visitas e inspeccións nos centros de traballo dos beneficiarios onde se realizasen investimentos, así como naqueles servicios prestados por estes, e mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comproba-la súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar en calquera momento da tramitación do procedemento canta documentación se considere necesaria para comproba-la adecuada execución do proxecto que fose obxecto das axudas.

Disposición adicional

En todo o non previsto na presente orde será de aplicación o establecido nos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposición transitoria

Con efectos exclusivamente para o exercicio de 2000 e respecto daqueles expedientes que tivesen que ser acometidos con anterioridade á data de publicación desta orde poderán acollerse á mesma sempre que, de modo fidedigno, poidan xustifica-lo non inicio das obras e que os gastos derivados das mesmas sexan efectivamente pagados a partir do 1 de xaneiro de 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para que dicte as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2000.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura