Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 28 de setembro de 2000 Páx. 13.542

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 21 de setembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a promoción, fomento da calidade e busca de novas saídas comerciais dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

O Regulamento (CEE) nº 3760/1992, do Consello, do 20 de decembro, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e a acuicultura (DOCE do 31 de decembro), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999, do Consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación da pesca (DOCE do 26 de xuño), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun Estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a logra-los obxectivos no Regulamento (CE) nº 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

O obxecto desta orde é establece-las bases e condicións e regula-lo procedemento de concesión das axudas establecidas no Programa Operativo do Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia ó abeiro do Regulamento (CE) 2792/1999 para o período 2000-2006, e para os efectos de apoia-lo financiamento de investimentos de carácter colectivo relativos á promoción, fomento da calidade e busca de novas saídas comerciais dos productos galegos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

1. Para os efectos da concesión das axudas previstas nesta orde só terán a consideración de auxiliables os investimentos que contribúan á consecución dun efecto económico duradeiro e ofrezan unha garantía suficiente de viabilidade técnica e económica, e que teñan como obxectivos xerais:

-O fomento da competitividade empresarial mediante a aplicación de políticas de calidade no proceso da producción e comercialización dos productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

-A promoción e o fomento do seu consumo e a busca de novas saídas comerciais.

2. Na procura dos devanditos obxectivos xerais poderán ser beneficiarias de axudas para a súa realización as seguintes medidas:

a) Operacións relacionadas coa certificación da calidade, etiquetaxe dos productos, racionalización das denominacións e normalización dos productos.

b) Deseño de campañas de promoción, incluídas as destinadas a poñer de relevo o factor calidade.

c) Propostas de enquisas e probas para analiza-las reaccións dos consumidores e do mercado.

d) Organización de xornadas, congresos ou convencións destinados ó fomento da calidade nas produccións do sector pesqueiro.

e) Prospeccións de mercado e sondaxes, con inclusión das perspectivas de comercialización de productos comunitarios en terceiros países.

f) Deseño de campañas para mellora-las condicións de comercialización.

g) Elaboración de consellos e axudas á venda e servicios ofertados a maioristas, comercio polo miúdo e organizacións de productores.

As medidas non poderán orientarse en función de marcas comerciais nin facer referencia a un país ou zona xeográfica determinada, salvo no caso concreto en que o recoñecemento oficial de orixe por referencia a unha zona xeográfica determinada para un producto ou procedemento de fabricación sexa concedido en virtude do Regulamento (CEE) nº 2081/1992. Tal referencia tan só poderá admitirse a partir da data en que a denominación fose inscrita no rexistro establecido no artigo 6 punto 3º, do citado regulamento.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 14º e, ademais, nas disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca.

En particular, e para ter acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumpri-las condicións e os criterios de intervención estipulados no punto 3 do anexo III do Regulamento (CE) nº 2792/1999.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Para o exercicio de 2000 as axudas concederanse con cargo ó concepto 12.03.722B.770.0 (Promoción privada de productos e investigación de mercados) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, aprobados pola Lei 7/1999, do 29 de decembro, ata un importe máximo inicial de 36.057.000 ptas.

Para os exercicios sucesivos, estas axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias

que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano correspondente e se especifiquen na orde que dará a publicidade á correspondente convocatoria, quedando polo tanto condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente.

As axudas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas que promovan medidas de carácter colectivo e formen parte dun marco asociativo dedicado á actividade de extracción, comercialización ou transformación dos productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios, ó formaliza-la súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e o pagamento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a elas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Artigo 7º.-Incumprimento das obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso do incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios e, se é o caso, administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes destas, seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

Os titulares dos proxectos de investimento que ó abeiro desta orde teñan a consideración de auxiliables poderán ser beneficiarios dunha axuda económica en forma de subvención de capital de ata o 50% do custo do correspondente investimento elixible.

Conforme o establecido no Regulamento (CE) 2792/1999, a contribución do IFOP á axuda concedida poderá ser de ata o 35% do referido custo, e a contribución das administracións públicas españolas no seu conxunto non poderá ser inferior ó 5% deste.

As axudas reguladas por medio desta orde son compatibles con calquera outra procedente das administracións públicas e ata o límite do 60% do custo elixible do correspondente proxecto.

En caso de concorrencia doutras axudas en forma distinta da de subvención de capital, estas non debe

rán excede-lo equivalente referido no páragrafo anterior.

En calquera caso, a contribución do beneficiario ó financiamento do custo elixible do seu proxecto non poderá ser inferior ó 40% deste.

Artigo 9º.-Investimentos prioritarios.

Terán a consideración de prioritarias para a concesión de axudas ó abeiro desta orde as seguintes medidas:

a) As destinadas á procura da procedente normalización e tipificación dos productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

b) As encamiñadas á comercialización de especies procedentes das capturas da flota pesqueira galega artesanal.

c) As destinadas á comercialización de especies subexplotadas ou excedentarias.

d) As promovidas polas distintas asociacións e organizacións de productores.

e) As aplicadas conxuntamente por varias organizacións ou asociacións sectoriais.

f) As destinadas a promove-los productos obtidos mediante métodos respectuosos co ambiente.

Artigo 10º.-Investimentos auxiliables.

Con carácter xeral, terán a consideración de auxiliables os seguintes investimentos:

-Os gastos de axencias publicitarias e outros prestadores de servicios implicados na preparación e realización de accións de promoción.

-A creación de lemas ou etiquetas durante o período que duren as accións de promoción, así como a publicación de materiais.

-Os gastos de persoal externo, de locais e de vehículos necesarios para as accións.

-No caso de que o investimento se refira a operacións relacionadas coa certificación da calidade, etiquetaxe dos productos, racionalización das denominacións e normalización dos productos, maquinaria e equipamentos, que incluirá soportes de carácter informático e asistencia técnica.

Non obstante a concesión da correspondente axuda, as medidas consistentes en campañas de promoción, mellora da comercialización e de consellos e axudas á venda previstas no artigo 2º.2, alíneas b), f) e g) deberán ser supervisadas e aprobadas polos servicios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura con carácter previo á súa difusión, segundo o disposto no artigo 18º desta orde.

En relación cos investimentos que se realizarán no marco da medida prevista no artigo 2º.2, alínea d), terán a consideración de auxiliables unicamente os gastos de organización de eventos ou actividades de carácter monográfico dedicados a poñer de relevo o factor calidade no sector pesqueiro en xeral.

Sen prexuízo do anterior, no caso de que os investimentos aprobados consistan na realización das campañas previstas no artigo 2º.2, alíneas b), f) e g) desta orde a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá, dentro das súas limitacións

orzamentarias, asinar convenios para financia-los gastos correspondentes á fase relativa á difusión.

Neste caso será a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura quen, coa participación do beneficiario, que será reflectida na correspondente acta, deseñe o correspondente plan de medios e contrate, conforme a normativa vixente en materia de contratación pública, os correspondentes servicios.

Artigo 11º.-Investimentos non auxiliables.

Non serán subvencionables os gastos de funcionamento do solicitante (persoal, vehículos, material e outros).

Igualmente excluiranse do investimento auxiliable que se vai considerar, o imposto sobre o valor engadido e outros impostos, así como os gastos relativos a licencias, permisos e taxas administrativas.

Artigo 12º.-Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura segundo o modelo que figura no anexo I a esta orde, e presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou no de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais, e en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de 1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Xunto coa solicitude deberá presentarse por cuadriplicado exemplar a seguinte documentación, correspondendo un deles a documentación orixinal ou debidamente compulsada:

a) Memoria relativa ós investimentos que se van realizar, que deberá desenvolve-los seguintes puntos:

-Xustificación do investimento.

-Descrición polo miúdo dos investimentos que se van realizar e da súa valoración económica, xuntando para o efecto os seus correspondentes orzamentos ou facturas pro forma.

-Valoración económica das súas vantaxes.

-Calendario previsto de execución.

-Plan de financiamento, con indicación polo miúdo da achega de recursos propios e alleos.

-Se é o caso, relación de efectivos humanos e materiais que o solicitante dedicará á acción en que consiste o investimento que se vai realizar.

b) Declaración sobre calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida procedente de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, destinada a financiar total ou parcialmente o investimento para a realización do cal se solicita a axuda.

c) Documento acreditativo de estar en situación de alta no IAE no concello e na actividade para o apoio da cal se pretende realiza-lo investimento, se procede.

d) Copia do CIF e da escritura constitutiva e/ou dos seus estatutos, segundo corresponda, ou da súa modificación, do solicitante, debidamente inscritas e formalizadas, así como o DNI e a acreditación

para o efecto do seu representante para formaliza-la solicitude, se é caso; se o solicitante é unha persoa física, copia do seu NIF.

No caso de que a solicitude fose presentada conxuntamente por dous ou máis solicitantes non constituídos en asociación ou sociedade mercantil, sempre que non formen parte dun mesmo grupo empresarial, a solicitude normalizada e a memoria e declaración referida nas alíneas a) e b) anteriores deberán ser asinadas polo representante legal de cada unha delas, debendo a restante documentación ser presentada referida a cada unha das partes que presentan a solicitude. Xunto con esta documentación presentarase documento que reflicta a formalización do acordo entre as partes para a formalización dunha solicitude de axudas ó abeiro desta orde.

Artigo 13º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou da correspondente convocatoria.

Artigo 14º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados coa colaboración dos servicios periféricos da consellería.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e sen prexuízo da aprobación, se é o caso, polo Consello da Xunta.

Artigo 15º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de seis (6) meses, contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía adminstrativa, cabe interpoñer, con carácter postestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun (1) mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous (2) meses, contados, en ámbolos casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 17º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de quince (15) días naturais, contados a partir do seguinte ó da recepción da notificación, para remitirlle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura escrito

de aceptación dela e das condicións particulares que nela se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Ademais, e de conformidade co disposto no artigo 6º, no caso de que o investimento auxiliado se corresponda coa realización dalgunha das campañas previstas no artigo 2º.2, alíneas b), f) e g), o beneficiario deberá presentar obrigatoriamente perante a consellería, con anterioridade á súa difusión e por duplicado, unha memoria definitiva da campaña que se vai difundir que incluirá deseño, orzamento e plan de medios proposto que se contratarán, xunto con cadanseu exemplar dos soportes que servirán de soporte da campaña (anuncios televisivos, cuñas radiofónicas, carteis, artigos publicitarios, etc. ). A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo máximo de quince (15 días) contados a partir do seguinte ó da súa recepción, pronunciarase razoadamente sobre o particular entendéndose, no caso contrario, a inexistencia de inconvenientes á súa difusión.

Artigo 19º.-Modificacións do proxecto.

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ó orzamento como ás distintas partidas que os compoñen, requirirá aceptación expresa por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e deberá ser posta en coñecemento desta sempre con anterioridade á súa realización.

Artigo 20º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e agás que a resolución individual de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a eles deberá realizarse antes do 1 de novembro do ano correspondente ó exercicio económico de que se trate.

Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, por resolución do director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados, para que os investimentos rematen dentro do ano inmediatamente seguinte a aquel no que deberían facelo; para a concesión desta prórroga, que deberá solicitarse dentro do prazo inicial de finalización, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval, do importe total da axuda pendente de percibir mailos xuros legais do diñeiro, depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 21º.-Pagamentos.

O pagamento da axuda realizarase, con carácter xeral, unha vez rematados e xustificados os investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate. No caso que de que este teña o carácter de parcial no marco dunha axuda concedida con carácter plurianual, o pagamento esixirá a previa constitución de garantía na forma e para os efectos previstos no artigo 37, Dous, 2 e) da Lei 7/1999, de orzamentos xerais da C.A. para 2000, e concordantes correspondentes a exercicios sucesivos.

No caso de que o investimento xustificado fose inferior en contía ó orzamento do investimento

proxectado que serviu de base para a concesión da axuda ou se, tratándose dunha axuda concedida imputada a máis dun exercicio orzamentario, este fose inferior ó importe mínimo de xustificación establecido para un determinado exercicio na correspondente resolución sempre e cando as causas que motivaron a reducción do investimento sexan debidamente xustificadas, a axuda que se pagará reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

De igual maneira a axuda que se pagará tamén se reducirá proporcionalmente se, aínda que a contía do investimento xustificado fose igual ou inferior á do investimento aprobado, este se desviase substancialmente daquel por se teren realizado modificacións no investimento e non se obtivese a aceptación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura establecida no artigo 19º desta orde.

O pagamento das axudas establecidas nesta orde queda condicionada á aprobación do proxecto remitido para este efecto á Comisión Europea.

Artigo 22º.-Xustificación dos investimentos.

Finalizado totalmente ou ben de xeito parcial -tratándose dunha axuda concedida con cargo a máis dun orzamento- o correspondente investimento e nas datas límites indicadas no artigo anterior, os beneficiarios deberán presentar perante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e nos mesmos lugares e xeito indicados no artigo sexto desta orde, a seguinte documentación (por cuadriplicado exemplar, debendo corresponder un deles á documentación orixinal ou compulsada):

a) Memoria polo miúdo do desenvolvemento da medida realizada, con indicación de resultados e valoracións.

b) Facturas e xustificantes de pagamento, incluíndo extractos de movemento de conta, que deberán reflectir polo miúdo os servicios prestados coa finalidade de comproba-la súa correspondencia co investimento proxectado que serviu de base para a concesión da axuda, xunto coa que se presentará unha relación polo miúdo destas con indicación de número de xustificante, número de factura, concepto e importe con e sen IVE; ademais de face-la factura referencia a un determinado orzamento distinto a aquel que figura na documentación da solicitude inicialmente aprobada, deberá xuntarse copia del.

c) Declaración responsable, con achega documental, sobre calquera tipo de axuda, concedida ou solicitada e procedente de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional e internacional, destinada a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para a realización do cal se concedeu a axuda.

d) Certificacións, expedidas por cada Administración, que acrediten que o beneficiario está ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, así como como que non ten débedas pendentes coa Xunta de Galicia, e acreditación do pagamento da última liquidación do IAE.

e) Certificado expedido por banco ou entidade financeira que acredite a titularidade dunha conta

bancaria a nome do beneficiario, na que este desexa que se efectúe o pagamento do importe da axuda.

Ademais, e segundo se trate da medida para a realización da cal se concedeu a axuda, xunto coa documentación anterior os beneficiarios deberán presentar:

a) No caso de operacións relacionadas coa certificación da calidade, etiquetaxe dos productos, racionalización das denominacións e normalización dos productos previstas no artigo 2º.2, alínea a) desta orde:

-Memoria xustificativa, polo miúdo, que incluirá o relato do desenvolvemento da medida e os seus resultados, así como a valoración final que o beneficiario fai dela.

-Cada exemplar das etiquetas e outro material editado no curso do desenvolvemento da medida.

b) No caso de campañas globais de promoción, mellora da comercialización e de consellos e axudas á venda previstas no artigo 2º.2, alíneas b), f) e g) da orde:

-Memoria xustificativa, polo miúdo, que incluirá o relato do desenvolvemento da campaña e os seus resultados, así como a valoración final que o beneficiario fai da campaña.

-Cada exemplar dos soportes que serviron de soporte da campaña (anuncios televisivos, anuncios ou cuñas radiofónicas, carteis, folletos, artigos publicitarios, etc. ).

-Certificados de emisión, se procede, dos anuncios difundidos nos distintos medios de comunicación, selados e asinados polo responsable do correspondente departamento.

c) No caso da organización de xornadas e congresos prevista na alínea d) do artigo 2º.2:

-Memoria descritiva, polo miúdo, do sucedido no correspondente evento, así como unha valoración final e de resultados feita polo beneficiario da axuda.

-Un exemplar de elementos propios da celebración do evento, tales como o cartel anunciador e o programa de actividades, así como un resumo de prensa do publicado acerca do evento durante e trala súa celebración.

d) E, finalmente, no caso de propostas de enquisas e probas para analiza-las reaccións dos consumidores e do mercado, así como no de prospeccións de mercado e sondaxes, con inclusión das perspectivas de comercialización de productos comunitarios en terceiros países, previstas no artigo 2º.2, alíneas c) e e) da orde, presentarase o correspondente informe final da medida realizada.

No caso de que os beneficiarios fosen conxuntamente dúas ou máis personas xurídicas non constituídas en asociación ou sociedade mercantil, a correspondente memoria xustificativa deberá ser asinada polo representante legal de cada unha delas; a restante documentación deberá ser presentada referida a cada unha das partes beneficiarias.

Non obstante o establecido neste artigo, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá requirir do beneficiario a presentación de calqueira

outra documentación que considere necesaria para comproba-la correcta execución e xustificación do investimento correspondente á medida auxiliada.

Artigo 23º.-Fin do expediente.

Porán fin ó expediente:

a) A resolución expresa ou presunta.

b) A desistencia ou renuncia expresa do solicitante ou do seu representante.

c) A declaración de caducidade, nos termos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

d) O incumprimento dos prazos para a realización dos investimentos.

Artigo 24º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera momento inspeccionar e controla-lo destino das axudas e o cumprimento dos fins para os que foron concedidas. En consecuencia, os servicios da consellería poderán facer visitas e inspeccións nos centros de traballo dos beneficiarios onde se realizasen investimentos, así como naqueles servicios prestados por estes, e mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comproba-la súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar en calquera momento da tramitación do procedemento canta documentación se considere necesaria para comproba-la adecuada execución do proxecto que fose obxecto das axudas.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta orde será de aplicación o establecido nos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposición transitoria

Con efectos referidos exclusivamente para o exercicio 2000 e respecto daqueles investimentos comezados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, só poderán beneficiarse dunha axuda ó abeiro dela cando xunto coa solicitude se acredite de xeito fidedigno ter comezado o investimento e ter efectuados os seus correspondentes pagamentos a partir do 1 de xaneiro de 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para que dicte as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2000.

Amancio Landín Járaiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura