Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 26 de setembro de 2000 Páx. 13.411

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 219/2000, do 21 de xullo, polo que se declara definitivamente a Lagoa do Rei espacio natural en réxime de protección xeral.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas e os seus compoñentes.

As competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe fóronlle conferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 27.30º do Estatuto de autonomía, asumidas pola Xunta de Galicia a través do Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, dispón no seu artigo 21.2º que as comunidades autónomas con competencias plenas na materia poderán establecer outras figuras de protección distintas ás reguladas no seu artigo 12.

Consonte as citadas normas legais foi aprobado o Decreto 82/1989, do 11 de maio, polo que se regula a figura de espacio natural en réxime de protección xeral.

Por orde da Consellería de Medio Ambiente do 15 de xullo de 1999 someteuse a información pública e audiencia ós interesados o informe para a inclusión definitiva no Rexistro de Espacios Naturais de Galicia da Lagoa do Rei, como establece o artigo 5 do Decreto 82/1989, sen que se presentasen alegacións.

Pola mesma orde, procedeuse, ó abeiro do artigo 6 do mencionado decreto, á declaración provisional da citada Lagoa do Rei como espacio natural en réxime de protección xeral.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteún de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Segundo o Decreto 82/1989, declárase definitivamente a Lagoa do Rei, cunha superficie total de 4,45 ha, como espacio natural en réxime de protección xeral, e ordénase a súa inclusión definitiva no Rexistro de Espacios Naturais de Galicia.

Artigo 2º

Os límites da Lagoa do Rei como espacio natural en réxime de protección xeral, representados graficamente no anexo ó presente decreto, son os seguintes:

Norte: terreos do Colexio Santo Anxo (Rábade).

Leste: terreos veciñais do concello de Begonte.

Oeste: terreos do concello de Rábade.

Sur: predios particulares e terreos do concello de Begonte.

Artigo 3º

A declaración como espacio natural en réxime de protección xeral, consonte o artigo 3 do Decreto 82/1989, suporá unhas limitacións con respecto ás actividades que se poidan desenvolver.

1. En todo o espacio natural quedan prohibidas as seguintes actividades:

-Os vertidos de toda natureza.

-As acumulacións de lixos, entullos ou calquera tipo de residuo sólido.

-As actividades cinexéticas.

-As actividades acuáticas.

-A substitución das masas forestais autóctonas por outras de carácter alóctono.

2. Poderán levarse a cabo de xeito ordenado os usos e actividades tradicionais; para o resto das actividades requirirase informe preceptivo e vinculante da Consellería de Medio Ambiente, que será solicitado polo promotor ou titular das accións, actividades, proxectos ou obras que se pretendan emprender.

En calquera caso, precisan autorización da Consellería de Medio Ambiente as seguintes actividades:

-A actividade urbanística.

-A pesca fluvial.

-As actividades extractivas ou de recolleita de flora e fauna.

-A introducción de especies de flora e fauna.

-Os aproveitamentos forestais.

-As repoboacións forestais.

-Os movementos de terras.

-As actividades científicas e de educación ambiental.

-A acampada.

-As queimas.

-As actividades ruidosas.

3. De preverse efectos negativos nas accións que se vaian emprender, a Consellería de Medio Ambiente poderá esixi-lo estudio ambiental que corresponda.

Disposición adicional

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente