Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 26 de setembro de 2000 Páx. 13.373

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 218/2000, do 13 de setembro, polo que se modifica a estructura organizativa do Complexo Hospitalario de Pontevedra e os órganos de coordinación e dirección.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 33 establece a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade interior e na organización de tódolos servicios, institucións e entidades en materia de sanidade. Da antedita facultade deriva a correspondente capacidade de crear órganos e determina-las súas estructuras.

O Decreto 229/1998, do 24 de xullo, polo que se crea o Complexo Hospitalario de Pontevedra e se establecen os seus órganos de dirección e coordinación, tivo como finalidade optimiza-los recursos existentes na área sanitaria e lograr unha organización eficaz e eficiente, e unha mellor coordinación dos recursos de atención especializada da área sanitaria de Pontevedra, Hospital Provincial e Hospital Montecelo.

A experiencia acumulada neste tempo, desde a creación do complexo hospitalario, así como a próxima incorporación a este sector sanitario dun novo hospital comarcal que atenderá parte da poboación pertencente á área actual do complexo hospitalario (área de saúde do Salnés), e o desenvolvemento dos plans funcionais correspondentes, aconsellan unha modificación da estructura organizativa, o que permitirá dar un paso máis na coordinación e xestión das súas actividades.

Esta modificación na estructura organizativa do complexo hospitalario dotarao de maior flexibilidade e facilitará o mellor desenvolvemento das súas funcións co obxecto de garantir unha maior adaptabilidade e obte-lo máximo rendemento dos recursos existentes. Ó mesmo tempo permitirá a creación dunhas novas unidades e o seu desenvolvemento ulterior.

Preténdese, en definitiva, garantir que se teña en conta o volume e a diversidade dos recursos humanos e que se adopten solucións organizativas eficaces.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto modifica-la estructura directiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra, dependente do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 2º.-Estructura directiva.

1. O complexo hospitalario estructúrase en órganos unipersoais e órganos colexiados.

2. Son órganos unipersoais a Xerencia Xeral e, con dependencia xerárquica desta, os seguintes:

a) A Dirección Asistencial, da que dependerán dous directores de centro.

b) A Dirección de Recursos Humanos e de Relacións Laborais.

c) A Dirección de Recursos Económicos e de Servicios Xerais.

d) A Dirección de Enfermería.

3. Son órganos colexiados do complexo os seguintes:

a) Como órgano colexiado de dirección, a Comisión de Dirección.

b) Como órgano consultivo e de asesoramento, a Comisión de Garantía de Calidade.

Artigo 3º.-A Xerencia Xeral.

1. O seu titular é o máximo responsable da asistencia especializada na área de Pontevedra.

2. Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A execución das directrices sinaladas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e polo Servicio Galego de Saúde.

b) A representación do complexo hospitalario.

c) A proposta de obxectivos do complexo hospitalario.

d) A proposta, definición e execución das estratexias do complexo hospitalario.

e) A programación, dirección e control da execución das actividades do complexo hospitalario, a través dos seus medios materiais e persoais, e a coordinación das súas unidades.

f) A reasignación de recursos humanos e materiais entre os centros directivos que constitúen o complexo.

g) A presentación do anteproxecto de orzamentos do complexo hospitalario.

h) A autorización do gasto dos centros que compoñen o complexo hospitalario.

i) A actuación como órgano de contratación, nos contratos imputables ós seus respectivos créditos.

j) A proposta dos plans anuais asistenciais, económicos, docentes e investigadores do complexo hospitalario.

k) A presentación dunha memoria anual de actividades e dos informes periódicos que considere conveniente ou que lle sexan solicitados.

l) A proposta de nomeamentos e cesamentos dos postos directivos do complexo hospitalario.

m) A proposta, de se-lo caso, dos incentivos do persoal, así como outras funcións que lle poidan ser delegadas polos órganos competentes.

Artigo 4º.-Dirección Asistencial.

O seu titular exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta de definición do catálogo asistencial.

b) A dirección e avaliación da actividade asistencial.

c) O desenvolvemento dos programas de calidade asistencial.

d) O fomento e a coordinación da implantación de sistemas de xestión departamental ou por áreas.

e) A coordinación coa atención primaria da área, así como coa especializada dos outros hospitais da provincia.

f) A coordinación e dirección de tódolos sistemas de información da actividade asistencial, así como a dirección sobre tódolos procesos inherentes ó ingreso e alta do paciente.

g) O deseño de estratexias, proxectos e modelos organizativos.

h) Substituí-lo xerente xeral nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade así como no exercicio das funcións que aquel lle puidese delegar.

Artigo 5º.-Dirección de Recursos Humanos e Relacións Laborais.

O seu titular desempeñará as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento da política de persoal e das relacións laborais.

b) O deseño, dirección, avaliación e control dos plans de desempeño, promoción e incentivación do persoal.

c) O deseño, implantación, dirección e control dos procesos de administración e xestión do persoal.

d) A avaliación, segundo os criterios establecidos polas direccións respectivas, dos rendementos e capacitación do persoal.

e) Aqueloutras que lle encomende o xerente xeral.

Artigo 6º.-Dirección de Recursos Económicos e de Servicios Xerais.

Ó seu titular corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A proposta, dirección, avaliación e control dos plans económicos.

b) A dirección económica e a proposta de pagamentos con cargo ós orzamentos dos centros de xestión que integran o complexo.

c) O deseño orzamentario dos departamentos e a proposta do anteproxecto de orzamentos do complexo hospitalario.

d) Implantación e dirección de tódolos sistemas de compras, subministracións e contratación do complexo hospitalario.

e) A asistencia técnico-administrativa ás demais direccións do complexo hospitalario.

f) A definición do catálogo de servicios non asistenciais.

g) A proposta e dirección da contratación de obras e servicios.

h) A coordinación e supervisión dos servicios externos.

i) O deseño, implantación, dirección e control dos sistemas de subministracións, alimentación, lavandería, limpeza e comunicacións.

j) Aqueloutras que lle encomende o xerente xeral.

Artigo 7º.-Dirección de Enfermería.

Ó seu titular corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación dos servicios adscritos á súa dirección, realizando o seguimento e a avaliación do seu funcionamento e propondo, cando así o considere conveniente, as medidas oportunas tendentes a logra-la mellor prestación da asistencia por parte deles.

b) A promoción e o impulso das actividades asistenciais, docentes e investigadoras, desenvolvidas polo persoal de enfermería, realizando o seguimento e a avaliación permanente delas.

c) O exercicio de tódalas funcións e competencias que lle sexan expresamente delegadas ou encomendadas polo xerente xeral.

Artigo 8º.-Directores de centro.

Cada director de centro exercerá a representación do centro ou centros que se lle asignen, así como a programación, control e avaliación da actividade asistencial destes, e todas aqueloutras outras funcións que lles encomende o director asistencial.

Artigo 9º.-Forma de provisión de postos.

Os postos correspondentes ó xerente xeral, director asistencial, director de Recursos Humanos e Relacións Laborais, e director de Recursos Económicos e Servicios Xerais, director de Enfermería e directores de centro serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais. Os anteditos postos proveranse a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior ou media universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral. Tamén se poderán prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no DOG, na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior ou de grao medio universitario e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

Artigo 10º.-Subdirectores.

1. Os subdirectores serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do xerente xeral, a través do procedemento de libre designación, mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior ou de grao medio universitaria e se atopen vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral.

2. A súa dependencia será dos directores correspondentes: un por cada director do complexo (director de Recursos Humanos e Relacións Laborais, director de Xestión e Servicios Xerais e directores de centro). Da Dirección de Enfermería dependerán dúas subdireccións. Os subdirectores terán baixo a súa supervisión directa as xefaturas de servicio ou sección, ou postos de coordinación que se establezan.

3. Os subdirectores exercerán as funcións que expresamente lles deleguen ou encomenden os seus correspondentes directores, ós que substituirán nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante. Nos supostos de que existan dous ou máis subdirectores dependentes do mesmo director, o xerente xeral designará o que, con carácter provisional, realice as funcións encomendadas a aquel.

De non se realiza-la designación, asumirá a dirección o subdirector de máis antigüidade no cargo.

Artigo 11º.-Comisión de Dirección.

A Comisión de Dirección é o órgano colexiado de coordinación e dirección do complexo hospitalario, con funcións de análise e seguimento dos plans e actividades que nel se desenvolvan, e estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o xerente xeral.

Vocais: o director asistencial, o director de Recursos Humanos e de Relacións Laborais, o director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais, o director de Enfermería e os directores de centro.

Artigo 12º.-Comisión de Garantía de Calidade.

A Comisión de Garantía de Calidade é un órgano consultivo e de asesoramento en materia de control de calidade do complexo hospitalario. Os seus vocais serán nomeados polo xerente xeral e estará presidido polo director asistencial.

Disposicións transitorias

Primeira.-A estructura directiva regulada neste decreto implantarase con suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no orzamento de gastos dos centros de xestión afectados.

Segunda.-Mentres non se provexan tódolos postos previstos neste decreto poderán permanece-los da actual estructura.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango e, en concreto, aquelas contidas

no Decreto 229/1998, do 24 de xullo, en canto se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociales para dicta-las disposicións e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e a execución desta norma.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de 2000.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais