Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 25 de setembro de 2000 Páx. 13.331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 14 de setembro de 2000 pola que se establecen axudas para as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola en Galicia.

O elevado grao de mecanización das explotacións agropecuarias galegas leva consigo un volume de

gastos que na actualidade é necesario reducir para que poidan ser competitivas nuns contornos socioeconómicos cada vez máis axustados e esixentes.

Unha forma de reducir custos, sen detrimento da productividade, é o uso en común dos apeiros, máquinas e equipos por parte de varios agricultores que se unen e constitúen unha cooperativa de utilización de maquinaria agrícola (CUMA).

A CUMA é unha cooperativa agraria que ten como único obxecto a adquisición e o uso de maquinaria agrícola de forma compartida por tódolos seus socios, baixo unhas normas específicas recollidas nos seus estatutos, que regulan o seu funcionamento.

En consecuencia, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria considera de interese fomenta-las cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, establecendo axudas para a súa constitución, así como para a adquisición das máquinas e equipos necesarios, co fin de lograr unha correcta racionalización do parque de maquinaria agropecuaria dispoñible, mellora-los servicios e aforrar custos nas explotacións agropecuarias galegas.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I. 1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Fomentar e apoia-la constitución de cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Só poderán acollerse as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, de carácter agropecuario, que teñan o seu domicilio social en Galicia.

Artigo 3º.-Condicionantes.

1. Para poder ser subvencionable, a CUMA deberá ter como mínimo 6 socios e como máximo 15, salvo que o seu interese ou a súa excepcionalidade aconsellen a modificación destes límites.

2. Os socios deberán permanecer na CUMA un mínimo de 5 anos, en calquera caso nunca menos do período de amortización da maquinaria, excepción feita dos supostos de baixa xustificada previstos nos estatutos.

O socio que cause baixa está obrigado a desembolsa-la parte correspondente, segundo sexan os compromisos adquiridos ata ese momento, en relación coa maquinaria adquirida pola CUMA.

A CUMA nos seus estatutos, ou en todo caso asembleariamente, debe establece-las medidas necesarias para salvagarda-lo futuro económico da cooperativa cando a baixa de socios poida significar un quebranto patrimonial que poña en perigo a súa viabilidade.

3. A CUMA debe estar formada polo menos por un 75% de socios que sexan agricultores a título

principal ( ATP ). Tamén se valorará que sexan socios doutra cooperativa de carácter agropecuario existente na comarca.

4. Os socios da CUMA están obrigados a utilizar plenamente na súa explotación as máquinas, equipos, apeiros e servicios técnicos obxecto da CUMA. Previamente á súa admisión como socios deben asina-los documentos nos que se concreten tales obrigas, de acordo co establecido nos seus estatutos.

Tamén se especificará o compromiso económico en relación coa maquinaria que se vaia adquirir, mentres sexa propiedade da CUMA e ata o final da súa amortización.

5. Toda a maquinaria propiedade da CUMA é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións.

Excepcionalmente, para favorece-la súa amortización, pódense prestar servicios a terceiros, sempre que non superen o 25% das horas totais traballadas pola máquina ou equipo afectado.

6. A CUMA non pode vende-la maquinaria e demais bens da súa propiedade antes de que remate o prazo de amortización dela, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente.

Ademais, a CUMA comprométese a non vender, doar nin cederlle en uso a maquinaria a ningún dos seus socios, nin tampouco ós seus familiares directos.

7. Non se subvencionarán os investimentos da CUMA cando leven consigo duplicidade co tipo de maquinaria que teñen os seus socios nas súas explotacións, salvo casos puntuais xustificados detalladamente.

Tampouco se subvencionará a adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.

8. A CUMA está obrigada a levar ó día un libro rexistro da maquinaria coa que presta os servicios cooperativizados, así como un programa de control e xestión que lle permita establecer e analiza-los seus custos.

9. A constitución dunha CUMA e o programa de investimentos para realizar deben estar suficientemente xustificados e avalados pola memoria técnica e polo estudio de viabilidade correspondente, para que poidan ser subvencionados.

En calquera caso, será condición necesaria o informe favorable da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación sobre o interese e a necesidade de constitución da cooperativa de utilización de maquinaria agrícola, así como sobre o investimento e servicios técnicos prestados ós seus socios.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Realización da memoria técnica e do estudio de viabilidade previos que avalen a creación da CUMA.

A axuda non superará o 50% do seu custo, ata un máximo de 150.000 ptas. por CUMA subvencionable.

2. Gastos de constitución, fundamentalmente asesoramento, elaboración da documentación, tramita

ción, gastos notariais e rexistrais e demais gastos derivados.

Poderanse subvencionar na súa totalidade ata un máximo de 250.000 ptas. por CUMA.

3. Adquisición por primeira vez de máquinas, equipos e apeiros, destinados ás actividades de carácter agropecuario que teñen lugar nas explotacións dos socios da CUMA.

A axuda pode chegar ó 35% do seu custo, ata un máximo de 20.000.000 de ptas. por CUMA.

4. Adquisición de máquinas, equipos e apeiros, destinados a repoñe-los que xa teñen as CUMAS existentes.

A axuda pode chegar ó 20% do seu valor, cun máximo de 10.000.000 de ptas.

5. Construcción dunha nave para almacén de maquinaria, oficinas e equipamento vario relacionado coa actividade da CUMA.

Poderase subvencionar ata o 35% do investimento realizado, cun máximo de 5.000.000 de ptas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das axudas que se solicitan e da documentación.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubri-los correctamente na súa totalidade.

Xuntarase a documentación que se detalla nesta orde, segundo se especifica minuciosamente no artigo 7º e no anexo II.

3. No caso daquelas CUMA que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada polo menos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario.

4. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Prazos.

1. As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A CUMA deberá estar formalmente constituída e inscrita no Rexistro de Cooperativas de Galicia antes do día 15 de novembro do presente ano.

3. En xeral, pódense solicita-las subvencións que se establecen nesta orde para as accións realizadas desde o 1 de xaneiro do ano 2000, previamente a

súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sempre que se cumpran as condicións que nela se esixen.

Artigo 7º.-Documentación.

1.Copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector, segundo o modelo anexo III, na que se:

-Aproba realiza-los investimentos e accións para os que se vai pedir subvención.

-Acorda solicita-la subvención.

-Autoriza á persoa encargada dos trámites.

2. Informe xeral sobre a CUMA, segundo o modelo anexo IV, debidamente cuberto.

3. Certificación, segundo o modelo anexo V, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento en xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ó abeiro desta orde.

4. Copia compulsada do CIF.

5. Copia compulsada da escritura de constitución, dos estatutos e da inscrición rexistral.

6. Composición da xunta rectora, ou se é o caso da comisión promotora.

7. Copia da memoria técnica xustificativa, do plan de investimentos a curto e medio prazo e do plan de financiamento previstos.

8. Copia do estudio de viabilidade que avale a constitución da CUMA, e acreditación e cualificación do equipo técnico que o elaborou.

9. Orzamento e facturas proforma dos investimentos para as que se solicita a axuda.

10. Relación nominal dos socios da CUMA, cos seus efectivos productivos e capital social. Tamén deberán presentar copia do seu DNI.

11. Declaración xurada individualizada da maquinaria que ten cada un dos socios na súa explotación, e certificación en conforme non existe duplicidade co tipo de maquinaria que ten a CUMA ou que pretende adquirir ó abeiro desta liña de axudas.

12. Certificacións en conforme a CUMA cumpre os condicionantes establecidos no artigo 3º desta orde, sobre os seguintes aspectos:

-Relación das medidas previstas para salvagarda-lo futuro económico da CUMA.

-Compromiso de que a maquinaria da CUMA é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións, coa salvidade prevista no número 5 do artigo 3º.

-Compromiso de non vende-la maquinaria antes da súa amortización.

-Compromiso de non vender, doar nin ceder en uso a maquinaria a ningún dos seus socios nin ós familiares directos deles.

13. Certificacións individuais e documentación acreditativa de cada un dos socios da CUMA en conforme cumpren os condicionantes fixados no artigo 3º desta orde, en relación cos seguintes aspectos:

-Compromiso de permanencia na CUMA durante polo menos 5 anos e mentres a maquinaria estea en período de amortización.

-Compromiso económico de cada socio coa CUMA.

-Compromiso de usar plenamente a maquinaria da CUMA nas súas explotacións.

-Se é o caso, acreditación en conforme é agricultor a título principal, (fotocopia da última declaración do I.R.P.F.).

-Se é o caso, xustificante en conforme son socios doutra cooperativa de carácter agropecuario.

14. Copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas, ou copia do imposto de sociedades do último exercicio económico.

15. Certificación bancaria do número de conta.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Para aproba-las solicitudes de axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

1. O interese e a importancia dos investimentos que se van realizar, así como as razóns e xustificacións expostas na memoria técnica e no estudio de viabilidade.

2. As medidas de salvagarda para garanti-la continuidade e o futuro económico da CUMA.

3. A relación existente entre o plan de investimentos da CUMA e a dimensión e actividade desenvolvida polos seus socios.

4. O número de agricultores beneficiados, que debe ser acorde coa capacidade de traballo das máquinas e equipos adquiridos e co plan de amortización deles.

5. Que os socios da CUMA, maioritariamente, sexan agricultores con menos de 40 anos de idade.

6. Que os socios da CUMA, maioritariamente, sexan á vez socios doutra cooperativa de carácter agropecuario.

Artigo 9º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, para que o servicio competente comprobe se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo terase por desistido da súa petición e arquivarase a solicitude, logo de reso

lución dictada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e considerados os criterios de preferencia establecidos para esta liña de axudas, elaboraranse as propostas de resolución, que o director xeral de Industrias e Alimentación remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería.

Unha vez fiscalizadas, elevaranse as propostas de resolución ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, como órgano competente para resolver.

2. Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, e en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas o pagamento queda supeditado a súa correcta xustificación.

3. O prazo para resolver será de tres meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas unha vez transcorrido o devandito prazo sen recaer resolución expresa.

Artigo 11º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e investimentos.

A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 12º.-Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.714-A.770.1 «Apoio a entidades asociativas», e 09.04.615-A.770.0 «Ordenación de produccións e mercados agrarios», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, dotadas respectivamente cuns importes de cincuenta millóns de pesetas, (50.000.000 de ptas.), e dez millóns de pesetas, (10.000.000 de ptas.), así como con outros remanentes que puidesen existir nas mesmas aplicacións.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables para cada unha das axudas reguladas nesta orde deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

O incumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades asociativas beneficiarias.

2. Con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá modifica-los

prazos establecidos para a tramitación e xustificación das axudas recollidas nesta orde, cando así o soliciten as entidades interesadas e sempre que o motiven debidamente.

3. A xustificación do gasto efectuarase directamente ante o Servicio de Fomento Asociativo (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela).

4. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das cooperativas de utilización de maquinaria agrícola beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente os investimentos e gastos realizados, de acordo co que se especifica no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

En todo caso, as facturas que se presenten para xustifica-los gastos realizados deberán trae-lo IVE desagregado correctamente e virán acompañadas da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite que xa están pagadas.

5. Para proceder ó pagamento da subvención concedida é imprescindible que previamente a CUMA beneficiaria presente a seguinte documentación de carácter xeral:

a) Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

b) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

c) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

d) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

e) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins recollidos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente da CUMA.

f) Copia compulsada das correspondentes inscricións no Rexistro de Maquinaria Agrícola.

6. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderase solicitar documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

7. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación que se presente ó respecto, unha vez descontado o IVE. Se os gastos totais xustificados son inferiores ós orzados e admitidos, practicarase a reducción proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

8. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, á vista da documentación presentada e unha vez feitas as inspeccións in situ que considere necesarias, valorará se as accións e investimentos realizados pola CUMA se axustan ó inicialmente soli

citado. De non ser así, emitirá informe ó respecto, que poderá considerarse condicionante para a determinación do importe final da axuda concedida.

Artigo 14º.-Seguimento e control.

1. Ante a complexidade desta orde de axudas, será obrigatorio que as entidades beneficiarias comuniquen á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ó destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria