Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 19 de setembro de 2000 Páx. 13.147

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de industrias vinícolas da provincia de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de industrias vinícolas da provincia de Lugo (código 2700045), asinado o día 18 de xullo de 2000, pola representación da Asociación de Empresarios Mayoristas de Vinos da Provincia de Lugo e da central sindical CSI-CSIF (100%) e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 8 de agosto de 2000.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de industrias vinícolas da provincia de Lugo

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As estipulacións do presente convenio colectivo obrigan a tódalas empresas e traballadores da actividade de industrias vinícolas, alcoholeiras e sidreiras, así como da actividade de almacenamento de viños e licores.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan abranguidos neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídas no seu ámbito funcional, coa excepción dos menores de 16 anos, a contratación dos cales queda prohibida.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

A duración do presente convenio é desde o 1 de maio de 2000 ata o 30 de abril de 2001, con independencia da súa data de publicación no BOP ou no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial será a provincia de Lugo.

Artigo 5º.-Denuncia.

O convenio entenderase automaticamente denunciado o 31 de marzo de 2001, agás acordo expreso de prórroga anual que, necesariamente, incluirá a revisión salarial aplicable ó novo período.

Artigo 6º.-Salario.

Inclúese anexa a este texto a táboa salarial vixente desde o 1 de maio de 2000 ata o 30 de abril de 2001.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Quinquenios ó 5% sobre o salario base de convenio que corresponda á categoría do traballador, variando o seu importe de acordo co ascenso de categoría e da correspondente escala salarial. Para efectos de antigüidade empezarase a computar esta desde o día en que o traballador empezou a presta-lo seus servicios na empresa. Todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 25 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Comité paritario.

Conforme o establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, constituirase unha comisión mixta paritaria para a interpretación, aplicación e desenvolvemento das cláusulas deste convenio, así como

a incorporación ou adaptación das modificacións da normativa laboral xeral ó seu ámbito funcional.

A comisión paritaria estará integrada por dous representantes de cada unha das partes asinantes deste acordo.

Os acordos da comisión paritaria son vinculantes para ámbalas partes e, se é o caso, pasarán a integra-lo contido do convenio colectivo. Para a súa validez requiren o voto favorable maioritario de cada unha das dúas partes consideradas individualmente.

Será preceptiva a presentación de reclamación previa ante a comisión paritaria por conflictos, tanto individuais coma colectivos, naquelas reclamacións que se pretenda interpor perante a xurisdicción social cando o seu fundamento legal se derive da aplicación ou interpretación das cláusulas deste convenio.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e 25 de xullo serán equivalentes cada unha delas ó importe dunha mensualidade e aboaranse os días 22 de decembro e 22 de xullo, respectivamente.

Artigo 10º.-Vacacións.

Tódolos traballadores sometidos a este convenio colectivo desfrutarán dun período anual de vacacións de trinta días naturais.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

Establécese unha xornada laboral consistente en 40 horas semanais que se distribuirán de luns a venres, ámbolos dous incluídos, agás nos casos en que entre empresa e traballadores se tome acordo en contra con respecto dos traballos en sábados.

Artigo 12º.-Roupa de traballo.

As empresas, cada ano, distribuirán dúas fundas a cada un dos seus traballadores. Así mesmo, entregarase un traxe de augas ó requirilo a metereoloxía e os productores que presten servicio no exterior.

Artigo 13º.-Premio de xubilación.

Establécese para tódolos traballadores que se xubilen con polo menos dez anos de antigüidade na empresa e consistirá nunha gratificación equivalente ó salario base do convenio nun mes e maila antigüidade. Así mesmo, e compatible co premio ou gratificación anterior, establécese que aqueles traballadores con polo menos dez anos de antigüidade na empresa, que soliciten a súa xubilación, reunindo as condicións legalmente establecidas, percibirán como premio de xubilación as seguintes cantidades:

-Ós 60 anos: 175.000 pesetas.

-Ós 61 anos: 150.000 pesetas.

-Ós 62 anos: 125.000 pesetas.

-Ós 63 anos: 100.000 pesetas.

Os premios de xubilación contidos neste artigo terán carácter extrasalarial.

A xubilación será obrigatoria ós 65 anos para aqueles casos nos que o traballador, dadas as normas de determinación dos anos de cotización, teña dereito a xubilarse co 100 % da pensión.

Artigo 14º.-Licencias retribuídas.

O persoal neste convenio colectivo desfrutará das seguintes licencias retribuídas:

-15 días en caso de matrimonio.

-2 días por cambio de domicilio na cidade.

-4 días por cambio de residencia fóra da cidade.

En todo caso e por aplicación do disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores, os traballadores terán dereito a licencia polos motivos e coa duración prevista no artigo mencionado, incluído no punto engadido por medio do establecido na disposición adicional décimo primeira da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Artigo 15º.-Retirada do carné de conducir.

As empresas, con respecto ós choferes repartidores que, en cumprimento das súas obrigas laborais, se lles retirase o carné de conducir, por infracción -conducindo un vehículo da empresa- comprometeranse a ocupa-lo traballador afectado en tarefas que requiran unha cualificación profesional equivalente e compatible coa súa, por un máximo de tres meses.

Esta medida non será de aplicación en caso de infracción reiterada ou de retirada definitiva do carné de conducir.

Artigo 16º.-Seguro de invalidez ou morte.

As empresas suxeitas a este convenio colectivo contratarán en favor dos seus traballadores -sempre e cando o traballador figure na relación do TC2 con polo menos sesenta días- un seguro de accidente dunha contía de dous millóns de pesetas nos casos de invalidez permanente ou morte; as indemnizacións que por estes conceptos tivesen lugar, aboaranse a través da empresa.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que puidese causa-lo traballador, na Seguridade Social ou mutua patronal, así como con calquera outra que sexa imputable a terceiros.

Artigo 17º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte para tódolos traballadores afectados polo presente convenio, na contía mínima de 190 pesetas por día efectivamente traballado.

Artigo 18º.-Dereitos sindicais.

As empresas afectadas polo presente convenio colectivo poderán deducir a través da nómina as cotas correspondentes ós afiliados das centrais sindicais asinantes do presente convenio. Os interesados deberán solicitalo por escrito á dirección da empresa.

Os importes retidos entregaránselle á persoa que designe a central sindical ou ó número de conta que esta lle notifique á empresa.

Artigo 19º

As táboas salariais do presente convenio en ningún caso quedarán por debaixo do salario mínimo interprofesional que fixe o Goberno anualmente, senón 5.000 pesetas por riba deste, respectando as diferencias nas categorías.

Disposición derradeira

En todo o non previsto no presente convenio observarase o disposto na lexislación laboral vixente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Xubilación voluntaria ós 64 anos.

Os traballadores incluídos no ámbito persoal do presente convenio colectivo de traballo, con 64 anos cumpridos, que desexen acollerse á xubilación voluntaria co 100% dos dereitos, poderá facelo. As empresas afectadas veranse obrigadas a concede-la dita xubilación e substituír a cada traballador conforme o previsto no Real decreto 1194/1985 ou a normativa que o substitúa.

Segunda.-Contratación eventual do artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores.

Estes contratos poderán ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

Terceira.-Axudas de custo.

Para efectos de garantir que ós traballadores se lles reintegren os gastos que realicen como consecuencia do seu traballo, todo traballador con dereito a axuda de custo percibirá unha cantidade fixa por axuda de custo completa, e unha cantidade fixa por media axuda de custo, segundo o caso, ou ben gastos para xustificar a elección da empresa.

Cuarta.-Extinción de contratos do artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores.

As empresas afectadas por este convenio deberán poñer en coñecemento dos representantes legais dos traballadores do centro de traballo ou empresa correspondente, calquera situación que puidese dar orixe a extincións de contrato, conforme as circunstancias ás que fai referencia a letra c) do artigo 52 do Estatuto dos traballadores, con indicación das posibles causas.

Quinta.-Contrato indefinido de fomento de emprego.

Entendendo as partes asinantes que a modalidade contractual de contrato para o fomento da contratación indefinida é un instrumento adecuado para a consecución de emprego estable, no ámbito de aplicación deste convenio poderá concertarse esta modalidade contractual con traballadores emprega

dos na empresa mediante un contrato de duración determinada ou temporal, incluídos os contratos formativos, subscrito unha vez transcorrido un ano desde a entrada en vigor do Real decreto lei 8/1997.

Sexta.

As táboas salariais anexas, con vixencia desde o 1 de maio de 2000 ata o 30 de abril de 2001, son o resultado de aplicar un incremento salarial do 2% ás táboas salariais vixentes para o período anterior, ás que se lles incrementou o resultado da conversión en cotizable da antiga paga extrasalarial de Nosa Señora das Viñas.

Táboa salarial do convenio de industrias vinícolas

Vixente desde o 1 de maio de 2000 ata o 30 de abril de 2001

Grupo/categoría profesionalSalario

base/mes

Salario

base/ano

Grupo A. Técnicos
Encargado81.2801.137.920

Grupo B. Administrativos
Auxiliar administrativo, oficial 2ª79.4681.112.552

Grupo C. Comerciais
Viaxante, oficial 2ª79.4681.112.552

Grupo D. Subalternos
Limpador/a79.3641.111.096

Grupo E. Obreiros
E.1. Profesionais de oficio:
Conductor carné 1ª, oficial 1ª80.7421.130.388
Conductor repartidor, oficial 2ª79.4681.112.552
E.2. Outros:
Almaceneiro, oficial 2ª79.4681.112.552
Mozo especialista79.3641.111.096