Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 19 de setembro de 2000 Páx. 13.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de oficinas e despachos da provincia de Lugo.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de oficinas e despachos da provincia de Lugo (código 2700645), asinado o día 12 de xullo de 2000, pola representación da Asociación de Asesores e Xestores da Provincia de Lugo e as centrais sindicais CIG-Banca 50%, FES-UGT 27,8% e CC.OO 22,2%, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación provincial, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 8 de agosto de 2000.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo para o sector de oficinas

e despachos da provincia de Lugo

Capítulo I

Unidades de negociación

Artigo 1º.-Partes concertantes.

A comisión negociadora do convenio de oficinas e despachos de Lugo está integrada pola parte empresarial: Asociación de Asesores e Xestores da Provincia de Lugo co 100%; e pola parte social: as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG) co 50%, Unión Xeral de Traballadores (UGT) co 27,8% e Comisións Obreiras (CC.OO.) co 22,2%.

Ámbalas dúas partes recoñécense como interlocutores válidos con lexitimación suficiente para a negociación do presente convenio de acordo co que establece o título III do vixente Estatuto dos traballadores, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1995.

Capítulo II

Ámbitos, vixencia e denuncia

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Rexerase polo presente convenio a totalidade dos traballadores e traballadoras que, na actualidade ou no sucesivo, presten os seus servicios nas empresas reguladas polo ámbito funcional e situadas dentro do ámbito territorial.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O convenio será de aplicación a tódalas empresas encadradas, ou que no futuro se encadren, nas actividades reguladas pola Ordenanza laboral para oficinas e despachos, de 31 de outubro de 1972, hoxe derrogada.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As normas do presente convenio serán de aplicación en toda a provincia de Lugo.

Artigo 5º.-Ámbito temporal e vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1999, con independencia da data da súa publicación no BOP ou DOG.

A duración será ata o 31 de decembro de 2000, entendéndose prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.

Artigo 6º.-Denuncia.

Calquera das dúas partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a denuncia á outra parte e á autoridade laboral competente, con tres meses de antelación -como mínimo- á data de expiración da súa vixencia ou á de calquera das súas prórrogas.

Capítulo III

Representación das partes negociadoras

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará formada por catro representantes da Asociación de Asesores e Xestores da Provincia de Lugo; dous da CIG; un de FES-UGT e outro de CC.OO., organizacións que figuran como asinantes do presente convenio.

Para os efectos de notificacións, sinálanse os seguintes enderezos:

Pola representación económica: Asociación de Asesores e Xestores da Provincia de Lugo, situada na praza de S. Domingos, 6-8, 2ª de Lugo.

Pola representación social: Confederación Intersindical Galega (CIG), na Ronda da Muralla, 58, baixo de Lugo; FES-UGT na Ronda da Muralla 58, 1º de Lugo e Comisións Obreiras, na Ronda da Muralla 58, baixo de Lugo.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo distribuirase da seguinte forma:

a) Xornada de inverno: 40 horas efectivas semanais, traballadas de luns a venres, en réxime de xornada partida.

Aquelas empresas que teñan establecida xornada continuada durante todo o ano, respectarana como condición máis beneficiosa, distribuíndoa de luns a sábado.

b) Xornada de verán: 35 horas efectivas semanais, traballadas de luns a venres, en réxime de xornada intensiva ou continuada. Este réxime de xornada levarase a cabo desde o día 1 de xullo ó día 30 de setembro, ámbolos dous inclusive, agás as asesorías contables e fiscais, que poderán optar, consonte as obrigas do calendario fiscal, polo periodo comprendido desde o 20 de xullo ó 12 de outubro.

Os días 24 e 31 de decembro considéranse con carácter xeral como días non laborables. No caso de que os traballadores teñan que prestar servicios nas datas sinaladas por razóns organizativas ou de necesidade de atención ou asistencia ó público, as empresas terán que substituí-lo desfrute do descanso nas datas sinaladas por outro tempo de descanso equivalente.

Para o ano 2000, dado que os días 24 e 31 de decembro coinciden en domingo, os traballadores e traballadoras afectados polo presente convenio desfrutarán dunha ponte, considerándose como non laborable ben o día 24 de xullo, ben o día 14 de agosto.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

Ós traballadores interesados concederánselles -necesariamente-os seguintes permisos retribuídos:

a) Matrimonio do traballador ou traballadora: 15 días.

b) Matrimonio de ascendentes, descendentes e colaterais ata o terceiro grao de consanguinidade e afinidade: o día no que se celebre a cerimonia.

c) Por nacemento de fillo: 3 días.

d) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave de cónxuxe e parentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade: 5 días.

e) Morte do cónxuxe, parentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade e irmáns: 3 días, que se ampliarán ata 5 días se o óbito ocorrese en provincia distinta á do centro de traballo. Tíos e cuñados: 1 día; 2 se é fora da provincia.

f) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora: ata un máximo de 3 días non acumulables a vacacións. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a súa necesidade.

g) Licencia a representantes sindicais: aplicarase o lexislado nesta materia.

h) O tempo necesario para a realización de exames en centros oficiais.

i) Para a mudanza por cambio de domicilio, 2 días.

Os días ós que fai referencia este artigo entenderanse, en todo caso, como naturais e sen prexuízo do establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 10º.-Vacacións anuais.

O persoal regulado por este convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais, que se desfrutarán preferentemente nos meses de verán, de acordo coas necesidades da empresa.

As quendas de vacacións serán fixadas pola empresa e os delegados de persoal ou comités de empresa -onde os haxa- ou, no seu defecto, por quen designen os traballadores.

A data de comezo do desfrute farase coincidir cun luns laborable, agás cando se trate dun mes natural.

Capítulo V

Percepcións económicas

Artigo 11º.-Salario base.

En concepto de salario base mensual corresponden a cada unha das categorías profesionais, os importes que se detallan na primeira columna das táboas salariais anexas, que reflicten un incremento para o ano 1999 do 3% e para o ano 2000 do 2,5%.

Establécese para o ano 2000, o segundo de vixencia do presente convenio, unha cláusula de revisión no suposto de que o IPC real oficial estatal correspondente ó ano 2000 supere o 2%, no exceso da indicada cifra, e con efectos desde o 1 de xaneiro de 2000.

Para o aboamento dos atrasos correspondentes ós anos 1999 e 2000 establécese un prazo de dous meses contados a partir da publicación do presente convenio no BOP de Lugo ou DOG.

Artigo 12º.-Remuneración anual.

En cumprimento do que dispón o artigo 26.5º do vixente Estatuto dos traballadores, detállanse na segunda columna da táboa salarial anexa os salarios

no seu cómputo anual, en función da xornada efectiva pactada no presente convenio.

Artigo 13º.-Antigüidade.

Establécese un complemento persoal de antigüidade para tódalas categorías, consistente en trienios por un importe do 6% do salario base, que se devengarán desde o día primeiro de mes no que se cumpra o trienio.

En todo caso, seguiranse percibindo as cantidades que se tiveran devengadas en concepto de antigüidade á data de entrada en vigor deste convenio.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderán, en caso ningún, supoñer máis do 60%.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias e participación en beneficios.

Os traballadores ó servicio das empresas afectadas por este convenio percibirán tres gratificacións extraordinarias cada ano: unha no mes de xullo, outra no mes de setembro, e a terceira no mes de decembro. O importe de cada unha delas será dunha mensualidade de salario base máis antigüidade.

Así mesmo, e en concepto de participación en beneficios, os traballadores percibirán unha paga máis no mes de marzo de cada ano, calculada de igual forma cás anteriores.

O persoal que ingrese ou cese na empresa durante o transcurso do ano, percibirá as gratificacións extraordinarias e a participación de beneficios en proporción ó tempo traballado.

Aqueles traballadores ou traballadoras que polos conceptos anteriores veñan percibindo das empresas o importe correspondente a unha mensualidade do seu salario real, seguirán excepcionalmente coas mesmas condicións, por teren carácter máis beneficioso.

As pagas correspondentes ós meses de marzo e setembro poderán ratearse ó longo do ano por acordo entre empresa e traballadores.

Capítulo VI

Conceptos extrasalariais

Artigo 15º.-Axudas de custo e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón dos métodos de organización das empresas, deba efectuar saídas fóra do concello no que radica o centro de traballo, quedan establecidas da seguinte maneira a partir da data de publicación do presente convenio no BOP de Lugo ou DOG:

-Axuda de custos completa: fíxase na contía de 3.300 ptas. para tódalas categorías.

-Media axuda de custos: será do importe do 50% da contía anterior, igualmente para tódalas categorías.

Artigo 16º.-Complemento de transporte.

Establécese para tódalas categorías profesionais e para o período que vai desde o 1 de xaneiro do

2000 ata o 31 de decembro do 2000 un complemento de transporte por mes efectivamente traballado na contía de 5.500 ptas./mes.

Artigo 17º.-Gastos de locomoción ou quilometraxe.

O traballador ou traballadora que, por necesidades do servicio, teña que desprazarse fóra do lugar onde radique o seu centro de traballo empregando o seu vehículo particular, percibirá por este concepto a cantidade de 24 pesetas por quilómetro.

Capítulo VII

Cadros de persoal, ascensos e cesamento

Artigo 18º.-Cadros de persoal.

As empresas reguladas por este convenio axustarán os seus cadros de persoal ás seguintes normas:

a) Os empregados ou empregadas que teñan directamente baixo a súa responsabilidade quince ou máis traballadores dos grupos titulados administrativos ou técnicos, clasificaranse como xefes ou xefas superiores.

b) En dependencias con dez ou máis traballadores dos grupos citados na letra anterior, o empregado ou empregada que se atope á fronte deles terá a categoría de xefe ou xefa de primeira.

c) Nos centros de traballo onde presten os seus servicios un número de sete traballadores dos grupos xa citados anteriormente ou, no suposto de que sendo menos de sete exista un mínimo de tres clasificados como oficial ou asimilado, estará á fronte deles un xefe ou xefa de segunda.

Artigo 19º.-Ascensos.

-Oficiais: tódalas empresas reguladas polo presente convenio están obrigadas a dispoñer nos seus cadros de persoal como mínimo dun número de oficiais de primeira igual ó vinte por cento do total de oficiais.

A elección dos novos oficiais de primeira é facultade exclusiva do empresario. Para o seu cómputo, terase en conta a fracción decimal que supere o 0,50.

-Auxiliares administrativos: os auxiliares administrativos con catro anos de servicio nesta categoría dentro da empresa, pasarán automaticamente á categoría de oficial de segunda administrativo; e ó cumpri-los nove anos, ascenderán automaticamente a oficial de primeira.

-Ordenanza: o ordenanza, ós catro anos de servicio na empresa, pasará automaticamente á categoría de conserxe, e ós nove anos, á de conserxe maior.

-Auxiliar especialista de oficina: o auxiliar especialista de oficina con máis de tres anos na súa categoría dentro da empresa, ascenderá automaticamente á categoría de calcador.

-Cobradores: os cobradores ó cumpriren dez anos de antigüidade na súa categoría dentro da empresa, asimilaranse -exclusivamente para efectos económicos- ós oficiais de segunda administrativos.

-Aspirantes: os aspirantes con dous anos de servicio nesta categoría dentro da empresa pasarán automaticamente á categoría, ben de auxiliar especialista de oficina, ben de auxiliar administrativo.

Artigo 20º.-Aviso previo para o cesamento.

O traballador ou traballadora que desexe cesar voluntariamente no servicio á empresa estará obrigado a poñelo en coñecemento do empresario por escrito, cumprindo un prazo de aviso previo de quince días para os traballadores que figuren nos grupos de cotización á Seguridade Social 01 e 02 e de sete días para o resto dos traballadores.

O incumprimento por parte do traballador da obriga de avisar coa indicada antelación dará dereito ó empresario a descontar da liquidación de salarios o importe do salario, incluído o rateo das pagas extraordinarias, dun día por cada día de atraso no aviso.

Capítulo VII

Acción sindical

Artigo 21º.-Dereitos sindicais.

En todo o concernente ós aspectos sindicais dentro e fóra das empresas, aplicarase o que sobre esta materia dispón o vixente Estatuto dos traballadores e a Ley orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Capítulo IX

Contratación

Artigo 22º.-Contratación eventual.

No uso da posibilidade prevista no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, modificado polo Real decreto lei 8/1997, no ámbito de aplicación do presente convenio poderanse concerta-los contratos eventuais previstos en tal artigo cunha duración máxima de trece meses e medio dentro dun período de 18 meses. No caso de concertarse tales contratacións por prazo inferior a trece meses e medio, poderán ser prorrogadas mediante acordo das partes sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo.

Capítulo X

Cómputos e vinculación

Artigo 23º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, por tanto, absorberán e compensarán no seu conxunto as melloras de calquera tipo que viñeran anteriormente satisfacendo as empresas, ben sexa por imperativo legal, convenio colectivo, etc.

Artigo 24º.-Vinculación á totalidade.

Como se cita no artigo anterior, as condicións establecidas no presente convenio e pactadas polas súas partes deliberadoras, forman un todo orgánico e indivisible. En consecuencia, non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias normas con esquecemento das restantes, senón que, para tódolos efectos,

o presente convenio aplicarase e observarase na súa totalidade.

No suposto de que a autoridade laboral ou xurisdicción competente, no exercicio das súas facultades, declarase nulo total ou parcialmente algún artigo, quedará o presente convenio invalidado na súa totalidade, levándose a cabo unha nova negociación.

Capítulo XI

Acción social

Artigo 25º.-Incapacidade temporal (IT).

En calquera suposto de baixa por incapacidade temporal, as empresas afectadas por este convenio estarán obrigadas a lle aboar ó traballador ou traballadora nesta situación o 100% do salario correspondente no momento de producirse a baixa.

Artigo 26º.-Póliza de seguros.

As empresas están obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguros que cubra, nos casos de accidente laboral con resultado de morte ou invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez, 1.500.000 pesetas.

As empresas disporán dun prazo de dous meses, a partir da publicación do presente convenio no BOP de Lugo ou DOG, para concertar-la póliza indicada, a cal cubrirá os procesos iniciados a partir de tal prazo.

Do mesmo prazo disporán as empresas de nova creación dende a data de alta no IAE.

Artigo 27º.-Revisións médicas.

Tódalas empresas vinculadas ó presente convenio colectivo, estarán obrigadas a solicitar do Gabinete Técnico Provincial de Seguridade e Hixiene no Traballo, ou da mutua patronal que cubra o risco de accidentes de traballo, un recoñecemento médico anual para todo o persoal. O tempo empregado para o dito recoñecemento aboarao a empresa.

En todo caso, e dado que a normativa en vigor en materia de prevención de riscos laborais obriga empresario á vixilancia da saúde, deberán realizarse os recoñecementos médicos que resulten aconsellables en función da avaliación de riscos realizada na empresa.

Artigo 28º.-Seguridade e saúde no traballo.

a) Seguridade e saúde no traballo: de conformidade co disposto na Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, os traballadores e traballadoras teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo. O citado dereito supón a existencia dun correlativo deber da empresa na protección dos traballadores ó seu servicio fronte ós riscos laborais.

No cumprimento do deber de protección, a empresa deberá garanti-la seguridade e saúde dos traballadores ó seu servicio en tódolos aspectos relacionados co traballo. Igualmente a empresa está obrigada a

garanti-la formación práctica e adecuada nestas materias a tódolos traballadores.

Corresponde a cada traballador velar polo cumprimento das medidas de prevención que en cada caso sexan adoptadas.

b) Especial protección por embarazo ou parto: no marco sinalado nos parágrafos anteriores a avaliación de riscos, á que obriga a normativa en vigor en materia de prevención de riscos laborais, deberá comprender, se é o caso, a determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto. Se os resultados de tal avaliación revelasen un risco para a seguridade e saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición ó dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada.

c) Comisión paritaria de seguridade e saúde no traballo: as partes asinantes acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de seguridade e saúde no traballo integrada por catro representantes de cada una das partes asinantes. Pola parte empresarial 4 da Asociación de Asesores e Xestores da Provincia de Lugo e pola parte sindical 2 da CIG, 1 de UGT e 1 de CC.OO.

Ámbalas representacións comprométense a manter reunións por convocatoria de calquera das partes con 15 días de antelación. Así mesmo, as partes asinantes comprométense á elaboración dun regulamento de funcionamento da comisión no que constará que as súas funcións básicas terán como obxectivos prioritarios, polo menos, os seguintes:

1. Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a prevención dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2. Prestar asesoramento ós empresarios e traballadores para evitar e/ou reduci-los riscos que atenten contra a integridade física e a saúde dos traballadores.

3. Dar a coñece-las normas e procedementos que en materia de seguridade e saúde no traballo dicten os organismos competentes nesta materia.

4. Cantas outras funcións se atribúa a comisión, orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e saúde no traballo no sector de oficinas e despachos da provincia de Lugo.

Disposición adicional

Única.-As partes asinantes desde convenio manifestan a súa vontade de contribuír á normalización do idioma galego e apoiar canto axude a tal obxectivo. Nese sentido acordan redactar e dar trámite de publicación ó convenio en galego, así como propicia-lo o seu uso nas relacións laborais no ámbito das empresas do sector.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No non establecido de forma expresa no presente convenio, aplicarase a Ordenanza laboral para oficinas e despachos, do 31 de outubro de 1972, hoxe derrogada, mentres non sexa substituída por un acordo marco estatal ou autonómico.

Segunda.-Unidades de negociación.

A representación das partes que negociaron aproban e subscriben o texto deste convenio, está constituída da seguinte forma:-Pola parte económica:

José Luis Valcárcel Yáñez.

Salustiano Velo Sabín.

Eugenia López Arias.

Berta López Ferreiro.

José Luis Pontón Fernández.

Andrés Manuel Caso Martínez.

Manuel Núñez Carreira.

-Pola parte social:

Antón Casabella Mosquera.-CIG-Banca, aforro, seguros e oficinas.

Xosé Valcárcel Sánchez.-CIG-Banca, aforro, seguros e oficinas.

Sonia García Gómez.-CIG-Banca, aforro, seguros e oficinas.

Mónica Flores Ferreiro.-CIG-Banca, aforro, seguros e oficinas.

Juan Carlos Araújo Rodríguez.-FES-UGT.

Nieves Gil Rodríguez.-FES-UGT.

Guillermo Fernández Vázquez.-FES-UGT.

Anselmo Sampedro Ania.-CC.OO.

Manuel Vilela González.-CC.OO.

Emeterio Páramo Pantón.-CC.OO.

ANEXO I

Táboa salarial

Vixencia 1-1-1999 ó 31-12-1999

Categoría profesionalSoldo

mensual

Retribuc.

anual

* Grupo I. Titulados/as:
Titulado/a grao superior 128.2232.051.568
Titulado/a grao medio 115.7521.852.032

* Grupo II. Administrativos/as:
Xefe/a superior 115.7521.852.032
Xefe/a de 1ª 114.0701.825.120
Xefe/a de 2ª, caixeiro/a con sinatura, xefe/a de reporteiros 110.5651.769.040
Traductor/a e intérprete xurado de máis dun idioma 110.5651.769.040
Oficial de 1ª, caixeiro/a sen sinatura, intérprete xurado cun idioma 101.5981.625.568
Operador/a máquinas contables, taquimecanógrafo/a, telefonista 101.5981.625.568
Recepcionista con máis de dous idiomas, inspector/a de zona 101.5981.625.568
Oficial de 2ª, telefonista e recepcionista cun idioma 96.5521.544.832
Reporteiro/a de axencia de información 96.5521.544.832
Traductor/a e intérprete non xurado, xefe/a de visitadores 96.5521.544.832
Auxiliar administrativo, telefonista, visitador/a, cobrador/a, pagador/a 83.9411.343.056
Aspirante 58.995943.920

Categoría profesionalSoldo

mensual

Retribuc.

anual

* Grupo III. Técnicos de oficina:
Xefe/a superior 115.7521.852.032
Xefe/a de 1ª, xefe/a de equipo de informática 114.0701.825.120
Analista, programador/a de ordenadores 114.0701.825.120
Xefe/a de 2ª, xefe/a de delineación, xefe/a de explotación 110.5651.769.040
Programador/a de máquinas auxiliares, administrador/a de test 110.5651.769.040
Coordinador/a de tratamento de cuestionarios 110.5651.769.040
Xefe/a de equipo de enquisas, coordinador/a de estudios 108.8851.742.160
Delineante proxectista 102.5801.641.280
Debuxante proxectista, controlador/a, operador/a de ordenadores 101.5981.625.568
Delineante 96.5521.544.832

* Grupo IV. Especialistas de oficina:
Xefe/a de máquinas básicas 107.0591.712.944
Operador/a de tabuladores, inspector/a de entrevistadores 101.5981.625.568
Encargado/a departamento de reprografías 101.5981.625.568
Operador/a de máquinas básicas, debuxante 96.5521.544.832
Entrevistador/a, enquisador/a 96.5521.544.832
Calcador/a, perforista, verificador/a, clasificador/a 89.2671.428.272
Auxiliar especialista de oficina 83.9411.343.056
Aspirante 58.995943.920

* Grupo V. Subalternos:
Conserxe maior 89.2671.428.272
Conserxe 85.7621.372.192
Ordenanza 83.9411.343.056
Mozo dos recados de 17 anos 57.316917.056
Mozo dos recados de 16 anos 49.607793.712

* Grupo VI. Oficios varios:
Encargado/a almaceneiro/a 96.5521.544.832
Oficial de 1ª, conductor/a de 1ª 93.0501.488.800
Oficial de 2ª, conductor/a de 2ª 89.2671.428.272
Axudante, operador/a reproductor de planos 85.7621.372.192
Operador/a multicopista e serocopista 85.7621.372.192
Peón, mozo/a, limpador/a, limpador/a de xornada completa 83.9411.343.056

ANEXO II

Táboa salarial

Vixencia 1-1-2000 ó 31-12-2000

Categoría profesionalSoldo

mensual

Retribuc.

anual

* Grupo I. Titulados/as:
Titulado/a grao superior 131.4292.102.864
Titulado/a grao medio 118.6461.898.336

* Grupo II. Administrativos/as:
Xefe/a superior 118.6461.898.336
Xefe/a de 1ª 116.9221.870.752
Xefe/a de 2ª, caixeiro/a con sinatura, xefe/a de reporteiros 113.3291.813.264
Traductor/a e intérprete xurado de máis dun idioma 113.3291.813.264
Oficial de 1ª, caixeiro/a sen sinatura, intérprete xurado cun idioma 104.1381.666.208
Operador/a máquinas contables, taquimecanógrafo/a, telefonista 104.1381.666.208
Recepcionista con máis de dous idiomas, inspector/a de zona 104.1381.666.208
Oficial de 2ª, telefonista e recepcionista cun idioma 98.9661.583.456
Reporteiro/a de axencia de información 98.9661.583.456
Traductor/a e intérprete non xurado, xefe/a de visitadores 98.9661.583.456
Auxiliar administrativo, telefonista, visitador/a, cobrador/a, pagador/a 86.0401.376.640
Aspirante 72.8001.164.800

Categoría profesionalSoldo

mensual

Retribuc.

anual

* Grupo III. Técnicos de oficina:
Xefe/a superior 118.6461.898.336
Xefe/a de 1ª, xefe/a de equipo de informática 116.9221.870.752
Analista, programador/a de ordenadores 116.9221.870.752
Xefe/a de 2ª, xefe/a de delineación, xefe/a de explotación 113.3291.813.264
Programador/a de máquinas auxiliares, administrador/a de test 113.3291.813.264
Coordinador/a de tratamento de cuestionarios 113.3291.813.264
Xefe/a de equipo de enquisas, coordinador/a de estudios 111.6071.785.712
Delineante proxectista 105.1451.682.320
Debuxante proxectista, controlador/a, operador/a de ordenadores 104.1381.666.208
Delineante 98.9661.583.456

* Grupo IV. Especialistas de oficina:
Xefe/a de máquinas básicas 109.7351.755.760
Operador/a de tabuladores, inspector/a de entrevistadores 104.1381.666.208
Encargado/a departamento de reprografías 104.1381.666.208
Operador/a de máquinas básicas, debuxante 98.9661.583.456
Entrevistador/a, enquisador/a 98.9661.583.456
Calcador/a, perforista, verificador/a, clasificador/a 91.4991.463.984
Auxiliar especialista de oficina 86.0401.376.640
Aspirante 72.8001.164.800

* Grupo V. Subalternos:
Conserxe maior 91.4991.463.984
Conserxe 87.9061.406.496
Ordenanza 86.0401.376.640

* Grupo VI. Oficios varios:
Encargado/a almaceneiro/a 98.9661.583.456
Oficial de 1ª, conductor/a de 1ª 95.3761.526.016
Oficial de 2ª, conductor/a de 2ª 91.4991.463.984
Axudante, operador/a reproductor de planos 87.9061.406.496
Operador/a multicopista e serocopista 87.9061.406.496
Peón, mozo/a, limpador/a, limpador/a de xornada completa 86.0401.376.640