Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 18 de setembro de 2000 Páx. 13.058

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 215/2000, do 13 de setembro, de cooperación coas entidades locais para o ano 2000.

Os desequilibrios interrexionais de Galicia, tanto en infraestructuras físicas, económicas e sociais, como en dotación de servicios, condicionan o desenvolvemento harmónico da rexión e dificultan o aproveitamento das súas potencialidades.

Co obxectivo de compensa-los desequilibrios existentes, ademais da importante e clara finalidade de mellora-la actividade económica da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo ininterrompidamente unha política de cooperación coas entidades locais á que se engade a posta en marcha da acción Potenciación do desenvolvemento local incluída no Programa Operativo Plurifondo de Galicia 2000-2006.

O investimento previsto está cofinanciado polos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e polo Programa Operativo Plurifondo de Galicia 2000-2006, dentro das medidas, infraestructuras e equipamentos colectivos en pequenos e medianos municipios e rehabilitación e equipamentos de zonas urbanas, e inclúe a cantidade de 4.359.900.000 ptas. con destino ó Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia coas entidades locais.

O 5 de agosto de 1997 publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 149, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que regula no capítulo II do título V, a Comisión Galega de Cooperación Local. De conformidade co artigo 190 desa lei, aprobouse o Regulamento de organización e funcionamento da dita comisión, polo Decreto 280/1998 (DOG nº 203, do 20 de outubro).

O artigo 8 do citado decreto establece que a comisión funciona en pleno e en subcomisións, e prevé expresamente a Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro con funcións específicas, entre elas, o estudio e informe de criterios para a distribución do Fondo de Cooperación Local.

A citada subcomisión, na data de 5 de xullo de 2000, elevoulle ó pleno a proposta de distribución territorial do Fondo de Cooperación Local para 2000, e recibiu o informe positivo deste na súa reunión do 27 de xullo de 2000.

Por outra banda, para lograr unha maior axilidade e eficacia resulta conveniente formular un procedemento eficiente de xestión e seguimento que, dentro do marco legal establecido para a xestión dos fondos públicos, permita facilita-lo control dos investimentos que se financien.

Para tal fin a Xunta de Galicia considera necesario establecer unha norma con rango de decreto que, por un lado, fixe os criterios de distribución do Fondo tomando como base o acordo adoptado polo Parlamento de Galicia na súa Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, ademais dos aprobados pola Comisión Galega de Cooperación Local en exercicios precedentes e os da propia Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro e, por outro, recolla as experiencias obtidas en anteriores fases de cooperación local, articulando un procedemento que estableza medidas de racionalidade, axilidade e eficacia, facilitando a cooperación entre administracións.

En virtude do exposto, oída a Comisión Galega de Cooperación Local, na súa reunión do 27 de xullo do 2000, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

Este decreto ten como finalidade regular, para a anualidade de 2000, o Fondo de Cooperación coas Entidades Locais previsto no Programa Operativo Plurifondo de Galicia 2000-2006 nas medidas, infraestructuras e equipamentos colectivos en pequenos e medianos municipios e rehabilitación e equipamentos en zonas urbanas.

Artigo 2º.-Obxectivos.

As actuacións previstas neste decreto teñen como obxectivo xeral compensa-los desequilibrios internos de Galicia en infraestructuras básicas de carácter local e, en particular, incrementar estas, achegando os servicios públicos locais de Galicia á media do Estado, facilitando ó mesmo tempo o apoio á actividade económica nos núcleos e zonas menos desenvolvidas da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios os municipios cunha poboación non superior ós 50.000 habitantes. Os concellos poderán agruparse para realizar proxectos que afecten conxuntamente o seu territorio. Neste caso terán prioridade na asignación dos créditos que se xeren, como créditos libres, con posterioridade á distribución a que fai referencia o artigo 10º deste decreto.

Artigo 4º.-Financiamento.

1. As iniciativas que se leven a cabo na cooperación coas entidades locais para 2000 tramitaranse financeiramente a través do crédito de 4.359.900.000 ptas. consignado na aplicación orzamentaria 05.06.811B.760.0 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

2. Os proxectos que se consideren como iniciativas dentro do programa poderán acadar un financiamento da Xunta de Galicia de ata o 100% do investimento. O montante elixible poderá incluí-lo custo de honorarios de redacción ou dirección de obra do proxecto, se así se manifesta expresamente na solicitude.

3. Co obxecto de garanti-la eficacia do investimento e reduci-la xestión administrativa dos expedientes, o custo individual dos proxectos que se aproben será, como mínimo, de 3.000.000 de ptas.

4. O financiamento previsto pola Xunta de Galicia poderá utilizarse para o cofinanciamento de plans establecidos polas administracións locais. Neste suposto a porcentaxe máxima de cada proxecto subvencionable con cargo ó FEDER ou a outro fondo comunitario non poderá supera-lo 75% do conxunto

do achegado por tódalas administracións públicas que participen no seu financiamento.

Artigo 5º.-Comisión Galega de Cooperación Local.

1. A Comisión Galega de Cooperación Local é o órgano permanente de colaboración para a coordinación entre a Administración autonómica e as entidades locais galegas, tendo as funcións consultiva e deliberante previstas no artigo 191 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A Comisión Galega de Cooperación Local estructúrase, entre outros, de acordo coa referida lei, e co Decreto 280/1998, do 24 de setembro, nos seguintes órganos colexiados:

a) Pleno.

b) Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro.

Artigo 6º.-Composición do Pleno.

A composición do Pleno é a establecida no artigo 189 da citada Lei 5/1997 e está integrado paritariamente por representantes da Comunidade Autónoma e por representantes das entidades locais galegas.

Artigo 7º.-Composición da Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro.

En virtude do artigo 8.3º e 4º do Decreto 280/1998, do 24 de setembro, a Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro, estará presidida polo conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia e dela formará parte o director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, que exercerá a función de secretario. Estará composta de forma paritaria por representantes da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades locais, que serán designados polo Pleno. Os membros da Subcomisión poderán delega-la súa asistencia nos suplentes designados para os efectos.

Artigo 8º.-Competencias do Pleno e da Subcomisión.

Son competencias do Pleno da Comisión Galega de Cooperación Local as recollidas no artigo 191 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia.

Son competencias da Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro as recollidas no punto 2º do artigo 8 do Decreto 280/1998, do 24 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento da Comisión Galega de Cooperación Local.

Artigo 9º.- Actuacións subvencionables.

a) Pequenas infraestructuras e equipamentos locais.

1. As iniciativas amparadas neste epígrafe teñen como obxectivo xeral o desenvolvemento local e o apoio á actividade económica a través da creación

ou establecemento de servicios públicos de carácter infraestructural básico.

2. Poderanse acoller a este programa os municipios cunha poboación inferior a 20.000 habitantes, que se relacionan no anexo do presente decreto, onde se asignan as porcentaxes e importes correspondentes a cada provincia e municipio.

3. Para os efectos deste epígrafe, consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á creación ou o establecemento dos servicios públicos seguintes:

-Abastecemento de auga.

-Saneamentos.

-Vías e accesos públicos a núcleos de poboación.

-Iluminación pública.

-Recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.

4. Exclúense deste concepto as obras de reforma, reparación menor, conservación ou mantemento de servicios existentes. A natureza do proxecto definirá unha actuación única e referirase necesariamente á obra completa no sentido establecido pola Lei de contratos das administracións públicas e demais normativa de aplicación.

b) Rehabilitación e equipamentos en zonas urbanas.

1. Poderanse acoller a esta modalidade os municipios cunha poboación comprendida entre 20.000 e 50.000 habitantes, que se relacionan no anexo do presente decreto, onde se asignan as porcentaxes e importes correspondentes a cada municipio.

2. Para os efectos deste epígrafe, considéranse actuacións subvencionables as seguintes:

-Parques.

-Soterramento de vías férreas.

-Equipamento urbano.

-Restauración de fachadas e edificios.

-Reposición de pavimentos.

-Eliminación de barreiras arquitectónicas e urbanísticas.

-Carrís bici.

3. Exclúense deste concepto as obras de reparación menor, ou mantemento de servicios existentes. A natureza do proxecto definirá unha actuación única e referirase a obra completa, a teor do establecido pola Lei de contratos das administracións públicas e demais normativa de aplicación.

Artigo 10º.-Criterios de distribución.

A distribución territorial do crédito realizarase de acordo cos criterios xerais adoptados, no seu momento, polo Parlamento de Galicia na súa Comisión 3ª

de Economía, Facenda e Orzamentos, así como os elaborados nos distintos plenos da Comisión Galega de Cooperación Local e na Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro de Galicia.

Artigo 11º.-Solicitude, prazos e resolucións.

1. As corporacións locais poderán presentar na Direccción Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda as súas solicitudes. O prazo de presentación terá como límite máximo un mes, contado a partir da data de publicación deste decreto no DOG.

As solicitudes estarán integradas polos seguintes documentos:

a) Instancia cuberta no modelo normalizado que se xunta como modelo 1.

b) Proxecto técnico, con informe de viabilidade do técnico municipal competente ou, no seu defecto, dun profesional colexiado, segundo modelo 2.

c) Certificado do órgano municipal competente, segundo modelo 3.

As solicitudes confeccionaranse tendo en conta o importe asignado na cooperación financeira da Xunta de Galicia de acordo co anexo deste decreto.

2. A Consellería de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, dictará, a partir do remate do prazo de presentación das solicitudes, as resolucións pertinentes nun prazo de vinte días hábiles.

Artigo 12º.-Licitación e contratación das obras.

O proceso de licitación, contratación e execución dos proxectos contidos no programa será realizado pola entidade local beneficiaria de acordo coa súa propia normativa. Malia o anterior, deputacións e concellos poderán acordar mutuamente que aquelas asuman o dito proceso. Neste último caso, as entidades locais presentarán na Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro a relación de obras das que se fan cargo directamente e os acordos adoptados neste sentido por ámbalas dúas administracións.

Artigo 13º.-Prazo de tramitación e xestión das obras do programa.

1. O período elixible de execución dos proxectos será considerado a partir do 1 de xaneiro de 2000.

2. De acordo coa finalidade e cos obxectivos previstos neste decreto, a formalización do contrato non poderá supera-la data do 31 de decembro de 2000.

O prazo de execución non será superior a un ano, condición que deberá figurar expresamente nos documentos de licitación e contratación que se establezan. No suposto de que os concellos non cumpran este prazo, solicitarán antes do seu vencemento unha ampliación, xustificando as causas do incumprimento, e a Dirección Xeral de Planificación Económica

e Fondos Comunitarios resolverá o que proceda.

Tal prórroga non se precisará no suposto de participación de plans cofinanciados polas administracións, en que o prazo poderá prorrogarse o tempo necesario para a xustificación da anualidade de 2000 do dito plan, sen que poida supera-lo ano 2001, podendo a Consellería de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, establecer excepcionalmente un prazo superior, de acordo coa normativa comunitaria ó respecto.

Malia o anterior, non poderán ser obxecto de financiamento nin, se é o caso, prorrogarse os prazos ós proxectos que, por estaren suxeitos a situacións tales como expropiación de terreos, non poidan cumprir cos obxectivos previstos para a cooperación local.

Artigo 14º.-Procedemento de pagamento.

1. Os pagamentos relacionados co programa efectuaranse de acordo coas previsións que ó respecto establece a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, demais normas de aplicación e do regulado no presente decreto. Os pagamentos derivados da execución dos proxectos realizaranse contra certificacións de obra executada ou xustificantes de subministración realizada. O máximo de solicitudes de pagamento será de seis.

1.1. O primeiro pagamento documentarase con:

a) Modelo 4: datos da adxudicación.

b) Modelo 5: datos da contratación e acta de replanteo.

c) Modelo 6: solicitude de pagamentos.

d) Modelo 7: certificación de obra.

e) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

f) Documento xustificativo do importe dos honorarios de redacción ou dirección do proxecto, ou ben acreditativo do pagamento deles por parte da entidade beneficiaria, se é o caso.

1.2. Da segunda á quinta certificación, que non poderán superar, acumuladas á primeira, o 80% do total do custo financiado, a documentación será a seguinte:

a) Modelo 6: solicitude de pagamentos.

b) Modelo 7: certificación de obra.

c) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

1.3. Para a derradeira ou única, se é o caso, certificación cubriranse os seguintes documentos:

a) Modelo 6: solicitude de pagamentos.

b) Modelo 7: certificación de obra.

c) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

d) Modelo 8: acta de recepción.

No caso de subministración, a certificación de obra poderase substituír pola correspondente factura, aprobada polo órgano competente.

Ós documentos que integran o único pagamento ou liquidación da subvención incorporaráselles un informe sobre a execución da obra subvencionada, realizado polo técnico competente da empresa designada pola Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, e contratada pola Consellería de Economía e Facenda.

2. Os aboamentos libraranse mediante transferencia bancaria á entidade financeira e á conta designada pola entidade local aberta, para tal efecto, coa denominación de Cooperación Local, da que só se disporá para o aboamento de certificacións de obra, facturas de subministracións e, se é o caso, honorarios de redacción ou dirección de obra do proxecto.

Para estes efectos, a conta será a que figure na solicitude normalizada de pagamento (modelo 6).

3. Tódolos documentos e modelos deberán ser remitidos en duplicado exemplar, orixinal ou copia debidamente dilixenciada, á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 15º.-Seguimento e control.

1. A Consellería de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, como órgano competente do programa, queda obrigada a dar conta do seguimento e control deste á Comisión Galega de Cooperación Local e ó Comité de Seguimento do Programa Operativo de Galicia 2000-2006.

2. Con independencia da obriga de xustifica-lo emprego do financiamento asignado, durante a execución do investimento e ó seu remate a Consellería de Economía e Facenda e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderán exerce-los controis establecidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para a xestión e seguimento dos fondos distribuídos.

Artigo 16º.-Información e publicidade nas obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada información e publicidade dos proxectos incluídos no programa. Para tal efecto, nas obras colocaranse, con cargo á empresa adxudicataria, paneis que se axusten as características xerais establecidas na Decisión da Comisión Europea (94/342/CE), do 31 de maio de 1994, sobre as actividades de información e publicidade que deben levar a cabo os estados membros, por seren obras cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Artigo 17º.-Incumprimento.

O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos no presente decreto poderá orixinar un expediente de incumprimento que motivará a perda da subvención ou, se é o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades recibidas polo concello, xunto cos xuros correspondentes segundo o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e disposicións regulamentarias que se dicten para o efecto.

Artigo 18º.-Remanentes de crédito.

Os remanentes de crédito que se produzan como consecuencia da contratación ou execución das obras incluídas nel, reintegraranse como remanente dispoñible ós concellos que así o soliciten, antes da data da acta de recepción da obra principal, para financia-las modificacións que xurdan durante o exercicio dos proxectos aprobados ou as melloras das actuacións subvencionables.

No caso de máis dunha obra aprobada, as baixas existentes poderán ser aplicadas a calquera delas.

No suposto de que o remanente ou remanentes sexa igual ou superior a 3.000.000 de ptas. poderá ser aplicado nunha nova obra, sempre que se cumpran os demais requisitos establecidos neste decreto que lle sexan de aplicación.

Os créditos non utilizados, por non se presentaren solicitudes por parte das entidades ou non se aprobaren os proxecto seleccionados nelas, así como as cantidades non comprometidas no presente exercicio, reintegraranse como remanente libre para a súa utilización en novas previsións do Fondo de Cooperación coas Entidades Locais.

Artigo 19º.-Lexislación aplicable.

Ademais da normativa estatal e autonómica que sexa aplicable, será de aplicación a normativa comunitaria pola que se establece a regulación sobre os fondos estructurais, por tratarse de actuacións financiadas con cargo ós citados fondos comunitarios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións pertinentes en desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-A entrada en vigor deste decreto será o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda