Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 18 de setembro de 2000 Páx. 13.058

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 214/2000, do 21 de xullo, polo que se adscriben ó ente público Instituto Galego de Promoción Económica e ó organismo autónomo Instituto Galego de Estatística os edificios do complexo administrativo de San Lázaro.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade dos edificios que integran o complexo administrativo de San Lázaro, sitos en San Lázaro, Santiago de Compostela.

Pola Lei 9/1988, do 19 de xullo, creouse o Instituto Galego de Estatística, como organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, pola Lei 5/1992, do 10 de xuño, creouse o Instituto Galego de Promoción Económica, como ente de dereito público, adscrito tamén á Consellería de Economía e Facenda.

Vistos os informes da Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda e da

Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia,

Á vista do disposto nos artigos 13 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 20 e seguintes do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, pola que se aproba o Regulamento para a execución da dita lei, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteún de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Adscríbense ó ente público Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e ó organismo autónomo Instituto Galego de Estatística os edificios de 3.958 y 1.641 metros cadrados de superficie respectivamente, do complexo administrativo de San Lázaro, para o cumprimento directo dos fins atribuídos ás súas respectivas competencias.

Artigo 2º

A adscrición confírelles ós ditos entes públicos as facultades de administración, xestión e conservación dos bens inmobles adscritos.

Artigo 3º

Os gastos das instalacións comúns ós dous edificios (centro de tranformación e grupo electróxeno) ó atoparse individualizados mediante os correspondentes aparellos de medida, serán aboados por cada organismo segundo o seu consumo. O resto dos gastos comúns ós dous edificios aboaranse en proporción ás superficies ocupadas.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, resolverá tódalas incidencias que poidan xurdir na execución deste acordo e levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteún de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda