Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Venres, 08 de setembro de 2000 Páx. 12.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de xullo de 2000 pola que se lle concede autorización definitiva á Escola Familiar Agraria Piñeiral de Arzúa (A Coruña), para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de Comercio.

Examinado o expediente instruído por instancia do titular da Escola Familiar Agraria Piñeiral de Arzúa (A Coruña), solicitando autorización para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de Comercio.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio) polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; Orde do 21 de decembro de 1999 (DOG do 31-1-2000) pola que se regulan determinados aspectos relativos a autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica; Decreto 296/1999 (DOG do 18-11-1999) polo que

se desenvolven determinados aspectos dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 133/1995 do 10 de maio (DOG do 22) e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que desenvolve o dito decreto.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la Escola Familiar Agraria Piñeiral de Arzúa para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de Comercio, quedando a composición resultante segundo se especifica no anexo desta orde.

Segundo.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia no dito centro.

Terceiro.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente y a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Cuarto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: Arzúa.

Localidade: Arzúa.

Enderezo: Santa María, s/n .

Código do centro: 15020313.

Denominación específica: Escola Familiar Agraria Piñeiral.

Titular: Federación de Escuelas Familiares Agrarias.

Ensinanzas que se autorizan.

Familia profesional: Comercio e Marketing.

1 ciclo formativo de grao medio de Comercio (1 unidade para 20 postos escolares).

Composición resultante.

a) Centro de educación secundaria:

-4 unidades de educación secundaria obrigatoria.

b) Centro de formación profesional específica:

Familia profesional: Comercio e Marketing.

-1 ciclo formativo de grao medio de Comercio (1 unidade para 20 postos escolares).

-1 ciclo formativo de grao superior de Xestión comercial e marketing (1 unidade para 20 postos escolares).

-2 unidades de FP2 da rama: agraria; especialidade: administración e xestión de empresas agrarias.