Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Venres, 08 de setembro de 2000 Páx. 12.722

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2000, conxunta da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se premian as mellores memorias dos proxectos de educación do consumidor na escola, desenvolvidos dentro do marco da Rede Europea de Educación do Consumidor, e para a selección de novos proxectos presentados por centros educativos de niveis non universitarios, que desexen incorporarse á citada rede.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria teñen establecidas liñas de actuación conxunta cara impulsa-las actividades para o desenvolvemento da educación do consumidor nos centros escolares.

A Rede Europea de Educación do Consumidor é un proxecto para a realización de actuacións coordinadas de actividades de formación e información, intercambio de experiencias, e para a realización de materiais curriculares sobre a educación do consumidor na escola.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑEMOS:

Primeiro.-Obxecto.

A convocatoria ten por obxecto convocar premios ás mellores memorias e anexos dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede Europea de Educación do Consumidor, e para a selección de novos proxectos, presentados por centros educativos de niveis non universitarios que desexen incorporarse á Rede Europea de Educación do Consumidor.

Segundo.-Dotación económica.

A contía destinada a premia-las memorias dos proxectos realizados polos centros vinculados á Rede Europea de Educación do consumidor é de 2.400.000 pesetas (14.424,30 euros), a razón de 200.000 pesetas (1.202,02 euros) como máximo a cada memoria; e para os novos proxectos que presenten os centros que desexen integrarse na rede antedita, será de 600.000 pesetas (3.606,07 euros) seleccionándose un máximo de tres centros, que recibirán premios de 200.000 pesetas (1.202,02 euros) cada un.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pagará dentro da presente convocatoria premios ata un total de 1.000.000 de pesetas (6.010,12 euros) e o Instituto Galego de Consumo fará o pagamento dos premios ata un total de 2.000.000 de pesetas (12.020,24 euros).

O pagamento dos premios farase con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.04.322I.640.1 dos orzamentos para o ano 2000 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e 08.50.343A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2000.

Terceiro.-Bases.

1. Poderán participar nesta convocatoria todos aqueles centros educativos de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma galega, que estean integrados na Rede Europea de Educación do consumidor para a modalidade de premios ás memorias dos proxectos xa realizados, e para a modalidade de selección de novos proxectos poderán participar tódolos centros educativos de niveis non universitarios de Galicia.

2. Para concursar na modalidade de premios a memorias, é necesario presenta-la memoria do traballo desenvolvido dentro do curso escolar 1999/2000.

3. As memorias que concursen deberán presentarse en soporte papel e informático, por duplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ó traballo estará datada e cuñada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

Os traballos que se presenten nesta modalidade deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional asinada polo coordinador ou coordinadora do proxecto, segundo o modelo do anexo I desta resolución.

b) Memoria descritiva, dun máximo de dez folios da primeira fase do proxecto, na que se reflectirán os obxectivos e contidos desenvolvidos, a metodoloxía empregada, as datas de realización, enlaces coas seguintes fases e criterios e procedementos de avaliación. Igualmente deberá consta-la valoración do profesorado e do alumnado, agás a do alumnado

de educación infantil, sobre o traballo realizado respecto da consecución dos obxectivos previstos.

c) Anexos dos traballos ou actividades realizadas polos alumnos durante a experiencia.

4. Para concursar na modalidade de premios ós novos proxectos que presenten os centros que desexen integrarse na Rede Europea de Educación do Consumidor, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo II e un esquema do proxecto a realizar que figura como anexo III na presente convocatoria, acompañando a documentación que se relaciona a seguir:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, asinada polo director/a do centro escolar, segundo o modelo do anexo II desta resolución.

b) Presentar un esquema do proxecto de educación do consumidor, seguindo o modelo que figura como anexo III da presente resolución, no que se concreten os obxectivos, metodoloxía, nivel de aplicación, actividades previstas e criterios de avaliación que se desenvolverán no curso escolar 2000/2001, ou ben, proxectos a máis longo prazo con avaliacións anuais. Xuntarase a acta do consello escolar, na que conste a aprobación do proxecto.

c) No proxecto deberán participar, cando menos, catro profesores do centro durante un período de tres anos. Acompañarase a acta do claustro do centro onde figuren o nome e apelidos dos profesores participantes e do coordinador ou coordinadores do proxecto.

d) No caso de que un proxecto abranga máis dun centro, xuntarase acta do consello escolar de cada un dos centros.

e) Os novos proxectos que concursen deberán presentarse en soporte papel e informático, por duplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ó traballo estará datada e cuñada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

5. O prazo de presentación da documentación para ambas modalidades comezará ó día seguinte da publicación da presente resolución no Diario Ofial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2000.

6. Os traballos que concursen e se axusten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado de catro persoas nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo e polo director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

7. A decisión do xurado, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, será inapelable e poderán ser declarados desertos calquera dos premios anunciados ou, se é o caso, e, se o xurado o determina, ser acumulados entre si ou compartidos segundo a modalidade.

8. A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas á súa finalidade.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder conxuntamente á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade.

9. A Administración educativa poderalles recoñecer ós participantes na modalidade de premios a memorias avaliados positivamente, mediante expedición de certificado, as actividades de innovación realizadas dentro desta convocatoria.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente convocatoria haberá que aterse ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro; e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2000.

José Luis Mira Lema Víctor Tello Calvo

Director xeral de OrdenaciónPresidente do Instituto Galego

Educativa e Formación Profesional de Consumo