Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Venres, 08 de setembro de 2000 Páx. 12.709

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 5 de setembro de 2000 pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia.

O Regulamento (CE) Nº 1493/1999 do Consello do 17 de maio de 1999, establece a Organización Común do Mercado Vitivinícola. Entre as súas disposicións de regulación do sector encóntranse as relativas ó potencial de producción, recollidas no seu título II. Concretamente, e co obxecto de adapta-la producción á demanda, establécese no capítulo III un réxime de reestructuración e reconversión dos viñedos.

Co fin de que o devandito réxime poida efectuarse de maneira controlada, deberá existir unha planificación, elaborándose plans a nivel de productor.

O Regulamento 1227/2000, da Comisión do 31 de maio de 2000, fixa disposicións de aplicación do Regulamento 1493/2000, do Consello no relativo ó potencial de producción.

Para adaptarse ás liñas xerais que fixan os regulamentos citados foi desenvolvido a nivel nacional no Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, que modifica a lexislación interna existente en canto a potencial de producción vitícola. Establece normas en canto a novas plantacións, dereitos de replantación e a súa transferencia, a regularización das superficies, programas de abandono, plans de reestructuración e reconversión, e clasificación de variedades.

Algunhas destas normas poden ter aplicación directa na nosa Comunidade Autónoma, pero outras pola súa complexidade e importancia serán desenvolvidas mediante normativa autonómica.

Este é o caso dos plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia que, ademais de cumprir con toda a normativa comunitaria e española antes citada, deberán executarse de acordo coas directrices da presente orde.

Deste xeito preténdese levar a cabo un importantísimo plan para a viticultura galega, que non por necesitado, debe ser implantado sen a correspondente programación e control.

Por isto, en procura de viñedos constituídos por variedades recomendadas, de calidade axeitada para obte-los mellores viños galegos, e da mellora das diferentes estructuras productivas, establécense plans individuais e colectivos, incentivando estes últimos para acada-lo máximo ordenamento das novas estructuras productivas a través das agrupacións de productores.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30 1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A presente orde ten por obxecto a regulación dun programa de reestructuración e reconversión do viñedo na Comunidade Autónoma galega e a concesión das axudas para a realización de plans que poderán abarca-la reconversión varietal, a reimplantación de viñedos e as melloras das técnicas de xestión.

2. Este réxime de axudas para reconversión e reestructuración será de aplicación ó viñedo destinado á producción de uva de vinificación e ós viveiros de vide.

3. Non poderán acollerse a este réxime:

a) A renovación normal dos viñedos que chegasen ó final da súa vida natural.

b) As accións que se beneficiasen de axudas, tanto comunitarias como nacionais, nos últimos dez anos.

c) Os viñedos que fosen plantados en virtude dunha concesión de novas plantacións das previstas no artigo 2 do Real decreto 1472/2000, ata pasados dez anos dende a dita concesión.

d) Os viñedos de titulares que non teñan regularizadas a totalidade das súas parcelas conforme o previsto na normativa vixente.

4. Para os efectos desta orde establécense as seguintes definicións:

-Titular dunha parcela: o que ten ou adquire dereitos de plantación ou replantación sobre ela, ben como consecuencia dun dereito de propiedade ou ben porque teña atribuído un dereito de uso e disposición sobre a citada parcela.

-Medida: conxunto de operacións tendentes a consegui-la reestructuración ou reconversión dunha parcela determinada.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderanse beneficiar das axudas previstas no artigo 5 da presente orde os viticultores de Galicia que soliciten un plan de reestructuración e/ou reconversión de viñedo no territorio desta Comunidade Autónoma.

Estes plans, que non incrementarán en ningún caso o potencial de producción da superficie afectada por estes, terán como obxectivo a mellora varietal e estructural para adecua-la súa producción á demanda do mercado.

Artigo 3º.-Plans de reestructuración e reconversión.

1. Os plans de reestructuración e reconversión poderán ser de dous tipos:

a) Colectivos.

b) Individuais.

2. O número mínimo de viticultores que poderán constituír un plan colectivo será de 10.

3. Os plans colectivos de reestructuración e reconversión realizaranse no marco dun acordo celebrado entre os productores participantes. O citado acordo incluirá a designación dun representante dos participantes no plan, que se encargará das relacións coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. No anexo V detállase un modelo de acordo.

4. Así mesmo, cando o plan de reestructuración e/ou reconversión englobe máis de 25 viticultores ou máis de 25 ha ou máis de 100 parcelas de viñedo, será necesaria a designación dun técnico agrario (enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola) responsable da correcta execución do plan e que axudará nas súas funcións ó representante durante a vixencia do plan.

5. O prazo de execución dos plans será como máximo de 8 anos seguintes á súa aprobación pola Comunidade Autónoma.

O prazo máximo de execución de cada medida será de 5 anos.

No caso de solicitar anticipo para a realización dunha medida, o prazo máximo de execución será de 2 anos desde a súa concesión.

Artigo 4º.-Outros requisitos dos plans de reestructuración e/ou reconversión.

1. A superficie mínima dos plans será de 10 ha. para os plans colectivos e 0,5 ha para os plans individuais.

2. A superficie da parcela, unha vez reestructurada, terá que ser, alomenos, de 0,5 ha. Non obstante, se o número de parcelas, trala realización do plan de reestructuración e reconversión é inferior ó 80% do número de parcelas iniciais, a superficie da parcela, unha vez reestructurada, será de, alomenos, 10 áreas.

Nos casos en que a medida se limite a accións de reinxertado ou de cambio de sistema de producción, a superficie mínima será a orixinal.

3. A dimensión mínima da parcela que se vai reestructurar deberá ser de 1 área.

4. O límite máximo de superficie para reestructurar por viticultor e ano será de 10 ha. Cando as cir

cunstancias particulares así o aconsellen e co fin de optimiza-los recursos orzamentarios, poderase superar este límite no segundo período de solicitudes regulado no artigo 6.

5. Os plans de reestructuración poderán incluír superficies das novas plantacións, ata un máximo dun 10% da superficie incluída no plan. Para estes efectos, non se computarán os dereitos achegados por agricultores mozos, segundo a definición dada pola Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

6. Poderanse utilizar dereitos de replantación procedentes de fóra das explotacións ata un límite dun 20% da superficie afectada polo plan. A estes efectos, non se computarán os dereitos achegados por agricultores mozos, segundo a definición dada pola Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

7. Agás nos plans de reestructuración e reconversión que afecten a viveiros, só se poderán incluír variedades clasificadas na Comunidade Autónoma. (Anexo III).

As variedades obxecto de reconversión pura poderán ser aquelas clasificadas como autorizadas na comunidade autónoma galega e que se reflicten no anexo III da presente orde.

En caso de que se efectúe unha reestructuración con ou sen reconversión varietal, ou unha mellora das técnicas de xestión, a plantación de orixe poderá ser de variedades clasificadas como autorizadas ou como recomendadas no anexo III.

A variedade das superficies de viñedo, unha vez finalizada a medida, deberá ser inescusablemente daquelas clasificadas como recomendadas.

8. Será obrigatoria en tódalas plantacións o emprego de portaenxertos certificados. Para percibi-la axuda é necesaria a presentación da factura do viveirista autorizado.

Artigo 5º.-Réxime de axudas.

1. Poderanse conceder axudas para:

a) Participar nos custos de reestructuración e reconversión do viñedo.

b) Compensa-los productores participantes no plan por perda de ingresos derivados da súa aplicación.

2. Os custos de reestructuración e reconversión para plans colectivos non poderán supera-los importes mencionados no anexo II.

No caso de plans individuais, as axudas determinaranse diminuíndo nun 15% os custos anteriores.

3. En función das necesidades de cada viticultor, e sempre de forma xustificada e razoada, incluiranse os distintos puntos dos custos do anexo II que sexan necesarios para a correcta execución da medida.

De forma xeneralizada estas operacións pódense agrupar en función do obxectivo perseguido como segue:

-Reconversión varietal mediante sobreenxertos. Necesitará das operacións nº 13 e 14.

-Reestructuración e/ou reconversión con implantación de novo viñedo con sistema de conducción:

a) En vaso: operacións 1, 2, 3, 4 e 5 do anexo II.

b) En «empalizada»: operacións 1, 2, 3, 4, 5 e 6 do anexo II.

c) En emparrado: operacións 1, 2, 3, 4, 5 e 7 do anexo II.

-Transformación de vaso a «empalizada». Operación 6 do anexo II.

-Transformación a emparrado. Operación 7 do anexo II.

4. Se existise suficiente xustificación para isto, poderanse financia-las operacións de desempedramento, desinfección do terreo, nivelación do terreo, protección contra coellos e socalcamento cando fosen previamente declaradas á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria indicando a parcela, data e hora de inicio dos traballos, alomenos con 20 días de antelación á súa execución.

Ademais cumpriranse os seguintes requisitos:

a) No caso de desinfección do terreo deberase presenta-la correspondente factura da execución desta operación; o seu importe terase en conta para o aboamento da subvención e terá como máximo financiable o reflectido no anexo II.

b) Para o caso en que se pretenda a realización dunha operación de socalcamento deberase presentar co plan un orzamento detallado, elaborado por técnico competente, do custo real que non poderá exceder do reflectido no anexo II.

Coa xustificación da execución da medida presentarase factura.

c) No caso de protección contra coellos, disporase dunha protección individualizada para cada planta de vide que asegure a súa integridade ante esta incidencia.

5. A densidade máxima de plantación financiable será de 5000 plantas/ha para cultivo en vaso ou «empalizada» e de 1.200 plantas/ha para o cultivo en emparrado.

Ademais, no ámbito das denominacións de orixe deberán de respectarse os máximos de densidade de plantación establecidos pola súa normativa reguladora.

6. As axudas á reestructuración e reconversión do viñedo da letra a) do punto 1 pagaranse unha

vez comprobada a execución de cada medida en parcelas completas e que se axusten ós plans aprobados.

A contía da axuda será de ata o 75% sobre os custos que finalmente sexan aprobados en cada plan.

7. Poderanse conceder anticipos cando se cumpran os requisitos establecidos no artigo 15.2º do Regulamento (CE) 1227/2000.

8. A compensación ós viticultores por perdas de ingresos concederase durante dúas campañas.

A compensación será do 25% do valor medio da uva das tres últimas campañas da provincia onde se sitúan as parcelas obxecto de reestructuración.

Esta axuda só se concederá no caso de que a parcela de viñedo que se vai reestructurar sexa arrincada con anterioridade á plantación do novo viñedo.

Como alternativa a esta prima compensatoria por perda de ingresos no período improductivo poderase optar pola coexistencia dos viñedos por un tempo máximo de dúas campañas vitícolas.

Artigo 6º.-Solicitude e contido dos plans.

1. Os viticultores que queiran acollerse ás axudas reguladas no artigo 5 e, se é o caso, o representante previsto no artigo 3.3 deberán efectua-la súa solicitude a partir do 1 de abril e antes do 1 de xuño de cada ano e no modelo de solicitude do anexo I debidamente cuberto e asinado.

2. No caso de non esgota-la asignación orzamentaria inicial, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentria poderá establecer un segundo prazo para a presentación de solicitudes que rematará antes do 1 de outubro de cada ano. Neste caso poderanse presentar solicitudes para plans de reestructuración que superen os límites previstos no punto 4 do artigo 4, as cales poderán ser estimadas en función das dispoñibilidades financeiras e dos criterios de priorización previstos no artigo seguinte.

3. Excepcionalmente, para a campaña 2000-2001, os plans presentaranse antes do 1 de outubro de 2000.

De non esgotarse a dotación orzamentaria para esta campaña, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria abrirá un segundo prazo de solicitudes que rematará, de se-lo caso, o 15 de novembro de 2000.

4. As solicitudes para acollerse ás axudas reguladas na presente orde, presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, nas datas especificadas anteriormente, e preferentemente nas oficinas locais ou provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

5. Os interesados deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), configurando o seu plan de reestructuración e reconversión do viñedo, a seguinte documentación:

a) Memoria do plan co contido mínimo que se reflicte no anexo IV. Consistirá nun resumo do plan que se pretende acometer e xustificación das operacións necesarias para a consecución das medidas propostas.

b) No caso de proxectos colectivos, acordo celebrado entre os viticultores participantes no plan segundo modelo recollido no anexo V.

c) Declaración responsable de non posuír parcelas de viñedo irregulares, segundo anexo VI para cada un dos viticultores participantes no plan.

d) Solicitude de apertura/modificación de ficha de terceiro, segundo anexo VII para cada un dos viticultores participantes.

e) Ficha individual de medidas que se van realizar por cada un dos viticultores integrantes no plan, segundo anexo VIII.

f) Ficha individual financeira para cada un dos viticultores integrantes do plan, segundo anexo IX.

g) Ficha resumo do plan recollida no anexo X.

h) Declaración responsable, de se-lo caso, de ser agricultor a título principal ou agricultor mozo, nos termos que establece a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias. Poderán requirirse os xustificantes que acrediten tal condición.

i) Achega de cartografía actualizada das parcelas que integran o plan, tanto das iniciais como das finais.

j) No caso de achegar dereitos de replantación ó plan, segundo o artigo 4 punto 6 acompañarase fotocopia do impreso de arrinque (A) no caso de que os dereitos sexan propios e fotocopia do impreso de transferencia (T) no caso de que os dereitos fosen adquiridos por transferencia.

k) Acreditación da existencia de dereitos de nova plantación mediante resolución da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, cando se pretendan utilizar de acordo co artigo 4, número 5.

l) Copia da ficha de Rexistro Vitícola.

m) Copia do DNI/NIF de cada viticultor que integra o plan.

n) Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

6. Tódalas referencias e características das parcelas de viñedo indicadas nos anexos desta orde deberán se-las do Rexistro Vitícola, cando sexa posible.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

1. Para aprobar e resolve-las axudas para a execución dos plans de reestructuración e/ou reconversión, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria dará prioridade absoluta en primeiro termo ós plans colectivos sobre os plans individuais.

2. Dentro de cada un dos grupos (plans colectivos e plans individuais) teranse en conta as seguintes prioridades:

1. Agricultores a título principal.

2. Agricultores mozos.

3. Localización do plan no ámbito dunha denominación de orixe ou zona para producción con indicación xeográfica fronte a plans para producción de viño de mesa.

3. Entre os plans colectivos priorizaranse aqueles que maior número de viticultores teñan incluídos nos grupos 1º e 2º do punto anterior. En caso de igualdade, atenderanse os que cumpran co grupo 3º. Se persiste a igualdade daráselles prioridade ós de maior número de viticultores totais.

4. Entre os plans individuais, se fose necesario priorizar entre expedientes con igualdade respecto do punto segundo, atenderanse antes aqueles plans de maior tanto por cento de superficie que se vai reestructurar ou reconverter solicitada, respecto da totalidade da superficie que integra a súa explotación segundo o rexistro vitícola.

Artigo 8º.-Resolución das solicitudes.

A resolución do expediente correspóndelle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria, debendo ser notificada ós interesados nun prazo máximo de seis meses contados a partir da data de publicación da presente orde. Transcorridos os seis meses sen que se notificase a resolución, esta entenderase desestimada.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a dictase nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Pagamento das axudas.

1. Para poder proceder ó pagamento das axudas aprobadas os beneficiarios deberán comunicar e acredita-la execución dunha medida completa de acordo co plan presentado. Xunto coas facturas (planta, desinfección, socalcamento) deberase achegar copia da solicitude de autorización para a plan

tación de viñedo debidamente formalizada en impreso oficial (P) e do impreso de arrinque (A) previo.

2. Como excepción ó punto anterior, e de acordo co disposto no artigo 5, poderanse conceder anticipos polo importe da axuda cando se cumpran as seguintes condicións:

a) Cando teñan comezada a execución da medida específica. Para estes efectos, considérase que se ten comezada a dita medida cando se teña realizado o arrinque da plantación ou se achegue factura de compra da planta, ou se demostre ou verifique fidedignamente calquera outra operación de carácter irreversible.

b) Cando teñan constituída unha garantía por un importe igual ó 120%.

3. Cando se teña concedido un anticipo será obrigatorio executa-la medida nos dous anos seguintes ó seu pagamento.

4. As axudas pagaranse trala certificación previa por técnico competente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e poderánselle esixir ó viticultor os xustificantes das operacións realizadas cando así se considere necesario.

5. O beneficiario terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Tribunal de Contas ou Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Disciplina orzamentaria dos plans de reestructuración e reconversión.

1. As superficies acollidas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo de acordo coa presente orde, deberán permanecer en cultivo un período mínimo de dez anos contados desde a campaña seguinte á de execución da medida.

2. Poderase autoriza-la subrogación dos dereitos e obrigas derivados da axuda concedida cando se dean os seguintes requisitos:

a) Que a totalidade das accións sexan executadas sobre a nova parcela.

b) Que a parcela que se pretenda subrogar sexa das mesmas ou análogas características cá inicialmente considerada.

3. Todo cambio que se produza de titular, de parcela ou dalgunha das características das parcelas indicadas na solicitude, deberá ser previamente solicitados á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, debendo agarda-la resolución da mesma para poder efectua-lo cambio, se este é autorizado.

4. Se tódalas medidas relativas a unha explotación previstas no plan non se executan no prazo límite establecido de conformidade coa letra b) do artigo 13

do Regulamento 1227/2000, o productor devolverá toda a axuda concedida no ámbito do plan correspondente á explotación en cuestión. Sen embargo, se máis do 80% destas medidas se executan dentro do prazo límite, o reembolsamento será equivalente ó dobre do pagamento suplementario que se debería ter efectuado pola realización de tódalas medias incluídas no plan.

5. Será necesaria unha estricta suxeición á programación anual de execución das medidas que figuran no plan aprobado.

No caso de que a axuda á medida solicitada non poida ser aboada por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por causas imputables ó solicitante, no ano en que o beneficiario solicitou cobra-la axuda, o seu aboamento estará condicionado a que exista dispoñibilidade financeira, posto que deste incumprimento poden derivarse correccións financeiras na remisión de fondos, reservados a outros viticultores, tal e como estipula o artigo 25.7º do Real decreto 1472/2000.

6. En xeral, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas reguladas na presente orde, o beneficiario terá a obriga do reintegro da subvención percibida.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Asignacións financeiras dos plans.

1. O financiamento das axudas establecidas na presente orde realizaranse con fondos procedentes do FEOGA-GARANTÍA na súa totalidade.

2. A asignación financeira destinada ós plans de reestructuración e reconversión presentados no ámbito territorial de Galicia, fixarase unha vez coñecida a asignación financeira comunitaria e trala consulta previa á Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural, como se reflicte no artigo 25 do Real decreto 1472/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO II

Custos de reestructuración e reconversión do viñedo

(Orde do 5 de setembro de 2000 pola que se regulan as axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo)

Operacións dos plans de reestructuración e reconversión do viñedoCustos

Ptas./haEuros/ha

1. Arrinque70.000421

2. Preparación do solo160.000962

3. Planta e plantación (ud)345/ud2,07

5. Custos de cultivo (2 anos)175.0001.052

Operacións dos plans de reestructuración e reconversión do viñedoCustos

Ptas./haEuros/ha

6. «Empalizada»825.0004.958

7. Emparrado2.125.00012.772

8. Desinfección350.0002.104

9. Desempedramento65.000391

10. Nivelación do terreo100.000601

11. Socalcamento3.120.00018.752

12. Protección contra coellos200.0001.202

13. Sobre-enxertado

13.1. Enxerto (ud)1000,6

13.2. Outros custos200.0001.202

ANEXO IV

Modelo de memoria para a redacción dos plans de reestructuración e reconversión do viñedo na Comunidade Autónoma de Galicia

Obxecto (aumento da renta dos viticultores, mellora da calidade dos viños, reducción do número de parcelas, mellor redistribución varietal, incremento do índice de mecanización, mellora da xestión e comercialización, mantemento dos rendementos por hectárea, etc...).

2. Localización do plan.

-Breve descrición da zona xeográfica onde se vai situa-lo viñedo, detallando a súa pertenza a zonas de viño de calidade.

-Termos municipais onde se atopa situado o viñedo, antes e despois da reestructuración, detallando a superficie do plan que afecte a cada un deles.

-Localización e cartografía actualizada identificativa das parcelas que integran o plan, tanto das iniciais (parcelas que se van reestructurar/reconverter) como das finais (parcelas en proxecto de reestructuración e reconversión); segundo o anexo VIII.

3. Beneficiarios. Especificarase:

-Identificación do representante do plan e identificación do responsable técnico en caso necesario.

-Numero total de viticultores.

-Agricultores mozos (superficie afectada)

-Agricultores a título principal (superficie afectada).

4. Datos estructurais.

-Parcelas iniciais: número, superficie media, superficie mínima.

-Dereitos de replantación utilizados:

* Da propia explotación (procedentes de arrinques autorizados).

* Adquiridos por transferencia:

Da propia Comunidade Autónoma.

De distinta Comunidade Autónoma.

-Dereitos de nova plantación.

-Parcelas finais: número, superficie media, superficie mínima.

-Superficie total do plan.

5. Medidas e accións propostas. Especifica-la superficie afectada por cada medida.

-Reconversión varietal do viñedo.

-Reestructuración do viñedo (arrinque/s e plantación/s posterior/es).

-Mellora das técnicas de xestión (transformación de vaso en «empalizada», cambio de marco de plantación, etc..)

6. Características do viñedo. Sinala-las características antes e despois do plan, indicando as superficies afectadas:

-Variedades.

-Portaenxertos.

-Marcos de plantación.

-Tipo de formación (sistema de conducción).

-Superficie de secaño ou regadío.

-Denominación de orixe, viño con indicación xeográfica, ou viño de mesa.

7. Tipo de planta. Sinala-la superficie afectada nos tipos de plantación:

-Barbados.

-Planta enxertada.

8. Xustificación técnica e económica. Xustifica-lo obxecto último dos plans asegurando que non hai incremento global da producción. Indicarase o rendemento medio expresado en hl/ha, tanto da situación inicial como da final:

-Reconversión de variedades actualmente cultivadas na zona, cara a outras de mellor futuro de cara ó mercado consumidor.

-Introducción de novas variedades que melloren os viños que actualmente se producen.

-Cambios de formación (sistema de conducción) respecto dos sistemas tradicionais que mellorarán considerablemente a mecanización.

-Incremento das rendas dos agricultores.

-Etc.

9. Custos auxiliables do proxecto e axuda solicitada.

-Especificación dos custos por hectárea, segundo os distintos tipos de formación (sistema de conducción) do viñedo integrantes no proxecto así como as actuacións (operacións) parciais contidas nel, adaptándose ó anexo II.

-Número de viticultores e superficies que se acollerán á plantación anticipada (coexistencia das novas parcelas en proxecto coas viñas vellas) ou axuda (compensación económica) pola perda de renda (derivada da aplicación do plan).

-Custo total do proxecto.

-Axuda total solicitada.

10. Calendario das accións e periodificación das actuacións (operacións) especificadas por campaña: tipo de operacións, superficie afectada e custos, cos prezos recollidos no anexo II.

Estricta suxeición da execución á programación anual.

11. Calendario de retención do pagamento. Especificar para cada ano da duración do plan, o importe total de axudas que se debe aboar, indicando a superficie afectada por elas e distinguindo por tipo de medida.

Estricta suxeición da execución á programación anual.

12. Acordo asinado por tódolos productores participantes incluíndo a designación dun representante segundo se especifica no artigo 3.3. Así mesmo, figurará o compromiso dos viticultores de mantemento do cultivo de viñedo durante un período mínimo de dez anos segundo o disposto no número 1 do artigo 10 da orde.

ANEXO V

Acordo celebrado entre os productores participantes no Plan de Reestructuración e Reconversión do Viñedo na Comunidade Autónoma de Galicia

En... o... de... de 2000, reúnense os viticultores abaixo asinantes, xulgándose reciprocamente con capacidade suficiente para subscribiren o presente documento, integrantes do Plan de Reestructuración e Reconversión do Viñedo (título do proxecto)... formado por (nº)... viticultores da localidade de... provincia de... , co obxecto de unifica-los criterios de todo tipo que rexerán o funcionamento na realización dos traballos de reestructuración e reconversión do seus viñedos.

Os productores participantes forman unha agrupación sen constitución xurídica, coa única finalidade de executa-lo presente plan de reestructuración do viñedo, de acordo co seu texto e de todo canto se recolle no Regulamento (CE) nº 1493/1999, do Consello; o Regulamento (CE) nº 1227/2000, da Comisión; e o Real Decreto Nº 1472/2000, do 4 de agosto, e a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 5 de setembro de 2000.

De mutuo acordo decídese adopta-las seguintes normas, que comprometen a tódolos integrantes por igual e que serán respectadas como normas de funcionamento:

Primeiro.-Acórdase nomear como representante único da agrupación ante as distintas administracións a Don/Dona... con DNI... e enderezo no municipio de..., provincia de..., na rúa... nº... e igualmente nomear substituto deste a Don/Dona con DNI... e enderezo no municipio de..., provincia de..., na rúa... nº... que poderá actuar como tal por renuncia ou incapacidade do titular ou ben mediante a súa autorización escrita.

Segundo.-Comprométense á execución das distintas medidas contidas no plan de reestructuración e reconversión do viñedo (título do proxecto)...

obxecto deste documento, así como a respectar tanto a normativa comunitaria como a nacional en materia vitivinícola.

Terceiro.-Executar, salvo casos de forza maior, as medidas do plan segundo o calendario de actuacións programado.

Cuarto.-Comprométense a lle comunicar á Administración competente calquera modificación concernente ás parcelas ou medidas do plan.

Quinto.-Comprométense a mante-lo cultivo un mínimo de dez anos, contados desde a execución da medida, en toda a superficie acollida ó presente plan.

Sexto.-Durante a fase de execución do plan, non poderán allearse as parcelas obxecto da axuda e cando se produza cambio de titularidade, o novo adxudicatario deberá respectar e realiza-las medidas non concluídas do plan.

Sétimo.-Comprométense a dispor dun técnico no caso da situación reflectida no artigo 3.4º da presente orde.

E en proba de conformidade asinan o presente documento de compromiso (acordo) en... o... de... de...

nº 1 Asdo.:nº 2 Asdo.:

DNI:DNI:

nº 3 Asdo.:nº 4 Asdo.:

DNI:DNI:

ANEXO VI

Declaración xurada de non posuír parcelas irregulares de viñedo

Don/Doña..., con NIF/CIF... e enderezo en... da localidade de... provincia de...

DECLARO:

1. Que non posúo ningunha parcela de viñedo, en propiedade ou como explotador dela, que estea en situación irregular no rexistro vitícola.

2. Que non posúo ningunha parcela de viñedo que non fora declarada no rexistro vitícola ou que fose plantada con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1986 sen o correspondente permiso da Administración.

3. Que coñezo a normativa vitivinícola vixente e polo tanto sei que se incumpro algún dos dous puntos anteriores, deberei reintegra-la totalidade da axuda percibida por reestructuración e reconversión do viñedo regulada na presente orde e demais, atereime ó disposto no artigo 2.7º do Regulamento (CE) 1493/1999, do Consello, do 17 de maio, e demais lexislación vitivinícola aplicable.

... de... de 200...

Asdo.:...