Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 01 de setembro de 2000 Páx. 12.513

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica o parque eólico denominado Outeiro do Coto (ampliación dos parques Monte Seixo e Serra do Cando). (Expediente IN661A 99/5-4).

Examinado o expediente instruído por instancia de Sistemas Energéticos Cando, S.A. con enderezo para efectos de notificacións en avda. do Cruceiro da Coruña, 201-A, 15705 Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Outeiro do Coto; resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-O 12 de novembro de 1999, Luis Caamaño Martínez, en nome e representación de Sistemas Energéticos Cando, S.A. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó rexime especial de producción de enerxía eléctrica, do parque eólico denominado Outeiro do Coto, ampliación dos parques denominados Monte Seixo e Serra do Cando, de 15,18 MW. Presenta coa dita solicitude a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos ou coxeración.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e o Decreto 205/1995, mediante acordo da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 30 de novembro de 1999, publicada no BOP de Pontevedra do 20 de decembro de 1999, Boletín Oficial del Estado do 22 de decembro de 1999, no diario La Voz de Galicia do 21 de decembro de 1999, no DOG do 17 de decembro de 1999 e no taboleiro

de anuncios dos concellos de Forcarei, Cerdedo, Cotobade e A Lama.

Durante o período de información pública non se recibiron alegacións.

Terceiro.-O 22 de xuño, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra emitiu informe sobre o citado proxecto, as características básicas do proxecto son:

Situación e coordenadas poligonais:

NomeConcelloVértices

XY

Outeiro do CotoForcarei

Cerdedo

Cotobade

A Lama

0.552.0004.708.000

0.554.0004.707.000

0.554.0004.705.000

0.553.0004.704.000

0.552.1004.704.500

0.552.5004.703.500

0.552.0004.703.000

0.552.0004.701.000

0.549.0004.698.000

0.548.0004.698.000

0.548.5004.702.000

0.549.0004.704.000

0.548.9904.705.000

Este parque é unha ampliación dos parques eólicos de Monte Seixo e Serra de Cando, pertencendo 16 aeroxeradores ó primeiro e 7 ó segundo.

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 23.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Xeradores: Gamesa G-47.

Potencia total instalada: 15,18 MW.

Producción anual estimada: 37.829 MWh/ano.

Investimento previsto: 1.861.000.000 ptas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-23 transformadores de 775 kVA, relación de transformación 0,690/20 kV, que transportará a enerxía xerada ata a subestación existente.

Cuarto.-O 11 de xullo de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro xa citados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados

no Decreto 2617/1966 e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos exisibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que lle atribúen os artigos 11 e 14 do Decreto 2617/1966 e o artigo 13 do Decreto 205/1995.

RESOLVE:

-Autorizar a Sistemas Energéticos Cando, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Outeiro do Coto, que se asentarán nos concellos de Forcarei, Cerdedo, Cotobade e A Lama.

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

-Recoñecerlle a esa instalación a condición de instalación acollida ó rexime especial do R.D. 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Sistemas Energéticos Cando, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 37.220.000 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, número 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 1.861.000.000 ptas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Sistemas Energéticos Cando, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 11 de xullo de 2000, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1175/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria