Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 01 de setembro de 2000 Páx. 12.487

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2000, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, pola que se convocan 3 cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipulador destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia realizar.

Mediante a Resolución do 25 abril de 2000 (DOG nº 89, do 10 de maio), da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, convocáronse 4 cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro. Dado que o número de solicitantes de establecementos e servicios praguicidas que, cumprindo os requisitos de preferencia para a admisión que estableceu o punto 4 c) da resolución, superou nalgúns casos as 30 prazas convocadas por curso, é conveniente realizar unha segunda convocatoria para atender aquelas solicitudes que foron excluídas.

Por outra parte, as agrupacións de tratamentos integrados na agricultura (Atrias), que veñen desenvolvendo programas de control e erradicación dos organismos nocivos dos cultivos dos asociados acolléndose ás ordes de axuda convocadas anualmente pola Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria para este fin; para poder levar a cabo o dito control, deben realizar tratamentos con praguicidas nas explotacións dos integrantes desta, polo que é necesario que os aplicadores deses productos estean na posesión dun carné que os habilite para desenvolver esa actividade.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de 3 cursos de aplicador/manipulador de praguicidas, que se realizará de acordo coas seguintes bases:

1. Clase de curso que se impartirá.

Curso de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

2. Datos do organismo organizador.

O organismo organizador será o Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal.

3. Obxectivos do curso.

Conseguir unha formación adecuada para o persoal dos establecementos e entidades que manipulen ou

fitosanitarios ou de uso gandeiro, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos que os capacite para exerce-la dita actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios.

a) Destinatarios: persoal de establecementos e servicios praguicidas, aplicadores, agricultores e público en xeral.

b) Nº de prazas: o número de alumnos que poderá participar por curso será de 30 como máximo.

c) Criterios de selección: o solicitante deberá ter polo menos 18 anos. Na selección terán prioridade as solicitudes presentadas para os cursos de Lugo e Ourense, convocados pola Resolución do 25 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, para persoal dos establecementos de venda e o dos almacéns comunitarios e outros almacéns incluídos no artigo 4, números 1º.4, 1º.5, 1º.6, 1º.7 da Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas e se dictan as normas para a inscrición no dito rexistro na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, terán preferencia os socios da Agrupación de Productores de Pataca de Xinzo de Limia (Apropaxi) para o curso do punto 5.3.

5. Realización.

As clases correspondentes a estes cursos (un en cada centro) levaranse a cabo nos seguintes lugares:

5.1. Expourense.

Enderezo: finca Sevilla s/n. Municipio: Ourense. Provincia: Ourense.

5.2. Escola Politécnica Superior.

Enderezo: campus universitario. Municipio: Lugo. Provincia: Lugo.

5.3. Casa da Cultura Municipal.

Enderezo: Curros Enríquez, 17. Municipio: Xinzo de Limia. Provincia: Ourense.

-Duración e horario: os cursos realizaranse nas seguintes datas:

Lugo: 25-29 de setembro de 2000.

Ourense: 4-8 de setembro de 2000.

Xinzo de Limia: 18-22 de setembro de 2000.

A duración do curso será como mínimo de 21 horas lectivas, distribuídas en 13 horas de clases teóricas e 8 de clases prácticas.

O horario do curso será de 15 a 19 horas, de luns a xoves, e de 9 a 14 horas do venres.

6. Programa.

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinador técnico do curso.

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, a coordinación do curso realizaraa o persoal técnico do Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal.

8. Solicitudes e inscrición.

a) Documentación: o persoal que desexe participar nestes cursos, a excepción dos que xa teñen a solicitude admitida para os cursos de Lugo e Ourense, deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e, se é o caso, certificación do organismo ou servicio de praguicidas, no que se especifica o labor que desempeña o solicitante.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en horarios de 9 a 14 horas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de 10 día naturais, contados desde o seguinte ó da publicación da presente resolución.

b) Admisión: a relación de solicitantes admitidos expoñerase no taboleiro de anuncios do organismo convocante e do centro no que se impartirá o curso, no prazo de 5 días naturais, contados a partir do seguinte ó do prazo de finalización da inscrición.

9. Certificación de superación do curso.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos polo alumno e, no caso de superalas, expedirá o certificado co que lle poderá solicitar á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria o carné de manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro, nivel básico, que é o único documento válido para poder exerce-la actividade e para os efectos de inspección por parte dos organismos oficiais correspondentes.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2000.

P.D. (Resolución 19-7-2000)

José Jesús García González

Subdirector xeral de Sanidade e Producción

Vexetal

ANEXO II

Programa do curso de nivel básico para productos

fitosanitarios e de uso gandeiro

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios no caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.