Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 23 de agosto de 2000 Páx. 12.188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Eulen, S.A. (servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Eulen, S.A. (servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro), con nº de código 3602191, que tivo entrada nesta delegación provincial o día

30-6-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, o 28-6-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 5 de xullo de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo subscrito entre o persoal do servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro e a empresa Eulen, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará por igual a tódalas empresas que poidan resultar adxudicatarias do servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro e a tódolos traballadores do dito servicio que neste momento figuran adscritos á empresa contratista Eulen, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio terá unha duración de tres anos, do 1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro do 2002. Entenderase prorrogado por anos naturais mentres non medie denuncia por algunha das partes, con tres meses de antelación.

Artigo 3º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para o ano 2000 conformarase da seguinte maneira:

Para o persoal que traballe en quenda simple de mañá e tarde, será de 1.664. Para a quenda complexa, será de 1.656 horas.

A xornada de traballo para o ano 2001 conformarase da seguinte maneira:

Para o persoal que traballe en quenda simple de mañá a tarde, será de 1.644. Para a quenda complexa, será de 1.606 horas.

A xornada de traballo para o ano 2002 conformarase da seguinte maneira:

Para o persoal que traballe en quenda simple de mañá e tarde, será de 1.624. Para a quenda complexa, será de 1.526 horas.

Con efectos do 1 de xaneiro de 2003, producirase unha equiparación total coa xornada que realiza o persoal do Sergas, tanto en cómputo diurno como nocturno.

A partir do 1 de xaneiro de 2001, as quendas de traballo repartiranse en xornada de 7 horas de mañá, 7 de tarde e 10 de noite.

Artigo 4º.-Descansos.

O persoal desfrutará de 30 minutos de descanso, computado como tempo efectivo de traballo, que será de 10 a 11 na quenda de mañá, de 18 a 19 na quenda do serán e de 2 a 3 na quenda de noite.

A partir do 1 de xaneiro de 2003, os descansos serán iguales que os establecidos no Sergas.

Arti 5º.-Xornada nocturna.

Fíxase un complemento de nocturnidade determinado en valor/hora e tempo, idéntico ó establecido no cadro retributivo do Sergas.

Artigo 6º.-Xornada en domingos e festivos.

Os traballadores que relicen xornada laboral en domingo e festivo cobrarán o mesmo persoal do Sergas e desfrutarán das mesmas vantaxes e festivos que por tal traballo ou concepto puidesen corresponderlles, salvo no relativo a xornada, ata a equiparación definitiva prevista no artigo terceiro.

O día 24 e 31 de decembro terán os complementos de festivos para efectos retributivos como no Sergas.

Artigo 7º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio, consistentes no aboamento de trienios de idéntica contía á establecida nos cadros retributivos do Sergas para o dito concepto.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

Con carácter xeral queda prohibida a realización de horas extras, admitíndose soamente en caso de urxencia ou as de carácter estructural. Nestes casos o valor da hora extraordinaria queda fixado en 1.500 ptas./hora, podendo compensarse con descansos a razón dun día de descando por cada xornada de traballo realizada en horas extras. No caso de horas extraordinarias non estructurais nin debidas a casos de urxencia, o seu valor será de 1.800 ptas./hora, podendo compensarse con descansos a razón dun día e medio de descanso por cada xornada de traballo realizada en horas extras.

Artigo 9º.-IT.

O persoal afectado por este convenio que se encontre en situación de IT percibirá o 100% do salario

en caso de enfermidade laboral ou común e no caso de accidente laboral ou común, desde o primeiro día de baixa.

No caso de baixa por IT, referido ós casos anteriores, as pagas extraordinarias percibiranse completas.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal incluído no ámbito funcional do presente convenio colectivo percibirá as pagas extraordinarias que segundo o cadro retributivo do Sergas lle correspondan en función da súa categoría laboral.

As ditas pagas faranse efectivas antes do 20 de xullo e do 20 de decembro.

Artigo 11º.-Pagamento das nóminas.

O pagamento farase efectivo o último día de cada mes, dando un prazo por motivos burocráticos ou de forza maior ata o día 2 do mes seguinte. As nóminas entregaranse, como máximo, o terceiro día de cada mes.

Artigo 12º.-Salarios.

Os traballadores comprendidos no presente convenio percibirán as mesmas retribucións que poidan corresponderlle ó persoal propio do Sergas, con idéntica categoría laboral, segundo os cadros retributivos do dito organismo.

Artigo 13º.-Subrogación do persoal.

Ó remate da concesión da contrata de mantemento, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, que se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a tódolos traballadores, calquera que sexa a situación na que se encontren e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles traballadores que foran incorporados dentro dos catro últimos meses, se a dita incorporación non se debe á ampliación da contrata ou unha esixencia expresa do cliente.

Nun prazo de 3 días hábiles, a empresa saínte deberalle facilitar á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC1 e TC2 dos últimos catro meses.

-Relación do persoal na que se especifique: nome, apelidos, enderezo, nº de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute de vacacións.

O empresario saínte estará así mesmo obrigado a lle liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores, co obxecto de que estes poidan desfrutar completas as súas

vacacións e cobraren integramente as pagas correspondentes.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento no que se produza a súa subrogación por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes ás que se vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador, sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataria do servicio o suspenda por un período inferior a dous meses.

Ámbalas partes, co fin de garanti-la subrogación, acolleranse ó artigo 23 do Convenio colectivo provincial de limpeza de edificios e locais de Pontevedra.

Artigo 14º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o que non estea previsto neste convenio, remítense as partes ó establecido no ET, Ordenanza laboral siderometalúrxica, Convenio provincial siderometalúrxico de Pontevedra e normativa propia do Sergas.

Artigo 15º.-Excedencias.

Os traballadores cunha antigüidade na empresa de polo menos un ano terán dereito a que lles recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por período non inferior a seis meses nin superior a cinco anos. Este dereito só poderá se exercido outra vez polo mesmo traballador cando teña transcorrido catro anos desde o remate da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, contados a partir da data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que, se é o caso, porá fin ó que viña desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Poderán así mesmo, solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

No non disposto neste artigo, aplicarase o disposto a normativa citada no artigo de lexislación subsidiaria.

Artigo 16º.-Recoñecemento médico.

Todo o persoal afectado polo presente convenio terá dereito a unha revisión anual por conta da empresa no primeiro semestre de cada ano.

Os recoñecementos médicos serán de carácter voluntario e consistirán en:

-Audiometría.

-Control da vista.

-Análise de sangue.

-Análise de orina.

-Esperiometría.

-Exploración clínica.

-Específicos: recoñecemento para a prevención de lesións muscuesqueléticas.

-Vacina hepatite B.

Por este motivo aboaránselle a todo o persoal da empresa que estea fóra de servicio 4 horas extras.

Artigo 17º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e posterior xustificación, terá dereito a permisos retribuídos durante o tempo e supostos seguintes:

a) Dezaseis días naturais no caso de matrimonio do traballador.

b) Tres días laborables no caso de nacemento dun fillo.

c) Cinco días naturais no suposto de morte do cónxuxe, fillos, pais e pais políticos.

d) Tres días naturais no suposto de morte de irmáns, netos, avós, fillos políticos e irmáns políticos. Se o traballador necesitase facer un desprazamento fóra da provincia, concedaránselle dous días naturais máis.

e) Tres días naturais no suposto de enfermidade grave do cónxuxe ou fillos e dous días naturais no suposto de enfermidade grave de pais, avós, irmáns, netos e pais políticos, circunstancia que deberá ser xustificada fidedignamente.

f) Un día natural no suposto de traslado de domicilio.

g) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica de especialista da Seguridade Social. Cando coincida o horario da consulta co traballo, prescribirá a dita consulta o facultativo de medicina xeral, debendo presentar previamente o traballador na empresa o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos, ata o límite de 22 horas ó ano.

h) O tempo necesario para a realización de exames coa correspondente comunicación previa e posterior xustificación.

i) O tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

j) Os traballadores terán garantidos 9 días de libre disposición, respectando sempre a xornada mínima

anual. Os días serán solicitados con 72 horas de antelación, a non ser no caso de emerxencia. A empresa facilitará impresos por triplicado para facer solicitudes de días de libre disposición e cambios de quenda.

k) Un día natural no caso de matrimonio de fillos e irmáns.

l) Un día natural polo falecemento dun parente de terceiro grao. Nos supostos d), se o traballador necesitase facer un desprazamento fóra da provincia, concederánselle dous días naturais máis.

Artigo 18º.-Licencias non retribuídas.

Os traballadores terán dereito a licencias non retribuídas pero que deberán ser debidamente xustificadas nos casos seguintes:

a) Enfermidade grave de parentes.

b) Acompañar fillos menores de idade ó médico.

c) Ata sete días naturais por necesidades persoais xustificadas.

d) Os traballadores que teñan unha antigüidade maior de cinco anos, poderán solicitar unha licencia sen salario por un período máximo de 11 meses (tempo sabático), cando este teña por obxecto a formación persoal ou o desenvolvemento profesional do traballador.

Artigo 19º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que por accidente de traballo ou enfermidade profesional, con reducción das súas facultades físicas e intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocuparen postos máis aptos, en relación coas condicións que existan na empresa, sempre que teñan aptitude e idoneidade para o novo posto.

Artigo 20º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán de 30 días de vacacións ininterrompidas entre os meses de xuño e setembro, ámbolos dous inclusive. O calendario de vacacións fixarase con dous meses de antelación ó comezo do desfrute, para o seu coñecemento polos traballadores.

O persoal poderá percibir como anticipo, na nómina correspondente do mes anterior ó de desfrute, ata o 50% do salario correspondente ó período vacacional, debendo solicitalo por escrito con antelación suficiente.

Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de IT terá dereito ó desfrute delas ou da parte pendente, sempre que cause alta antes do remate do ano natural.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o persoal, como mínimo anualmente, de dúas pezas de roupa de traballo (dúas

camisas, dous pantalóns, dúas chaquetas curtas e unha funda). Entregaranse, así mesmo, anualmente un par de zapatos, e, cada dous anos, un par de botas de seguridade. Igualmente, a empresa dotará cada 4 anos o persoal que o necesite, dun chaquetón de abrigo.

O traballador que realiza o seu labor con lentes graduadas terá dereito a que se lle proporcionen outros, sempre que en razón do traballo os seus sufran algunha deterioración.

Artigo 22º.-Seguro colectivo.

Desde a data de entrada en vigor deste convenio, a empresa concertará un seguro colectivo de accidentes, aboando o importe íntegro das primas, debendo cubri-la póliza a seguinte contía mínima de indemnizacións.

-Accidente laboral ou común con resultado de morte: 2.000.000 de ptas.

-Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez: 2.500.000 ptas.

-Unha copia da póliza inserirase no taboleiro de anuncios da empresa.

Artigo 23º.-Xubilación.

A empresa e os traballadores poderán pactar, existindo acordo por ámbalas dúas partes, xubilacións anticipadas:

Ós 60 anos aboará catro mensualidades.

Ós 61 anos aboará tres mensualidades.

Ós 62 anos aboará duas mensualidades.

Ós 63 anos aboará unha mensualidade.

Ós 64 anos e de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, para tal efecto, a empresa deberá contratar simultaneamente en lugar do xubilado outro traballador que sexa titular do dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

No momento da sinatura do presente convenio, constituirase a súa comisión paritaria, que quedará composta por catro persoas de cada parte, tanto en representación da empresa como en representación dos traballadores.

As funcións desta comisión paritaria consistirán en vixiar e interpreta-lo cumprimento de cada un dos pactos que interveñen e constitúen a normativa do vixente convenio colectivo.

Os conflictos que puidesen xurdir, e non estando de acordo as partes, para solventa-las discrepancias existentes, poderán acudir ós organismos administrativos e xudiciais correspondentes, así como a disposicións contidas no AGA, para a solución extraxudicial de conflictos laborais.

Artigo 25º.-Acción sindical.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente, os traballadores desfrutarán das seguintes garantías sindicais:

-A empresa dará conta das novas contratacións que haxa ós representantes dos traballadores.

-A empresa disporá dun taboleiro de anuncios no que poderá inserirse propaganda sindical, a cal deberá axustarse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

-Dentro das formalidades previstas nos artigos 77 e seguintes do ET, a empresa facilitará o exercicio de reunións informativas dentro da xornada laboral, empregando un máximo de dúas horas ó mes.

-Cada representante sindical disporá dun crédito de 30 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación. Neste crédito quedarán incluídas as horas destinadas a asistir ás convocatorias sindicais que, en todo caso, deberán ser correctamente realizadas. Non se computarán dentro deste crédito horario as reunións mantidas coa empresa con motivo da negociación colectiva.

Artigo 26º.-Seguridade no traballo.

Tódolos oficiais de mantemento que prestasen servicio para a empresa durante un período superior a un ano pasarán a ter contrato de persoal fixo de centro, sen que esta circunstancia afecte o persoal que estea realizando substitucións doutros traballadores con dereito a reserva do posto de traballo.

Artigo 27º.-Saúde laboral.

Aplicarase o disposto no recollido na Lei de prevención de riscos laborais e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 28º.-Non á discriminación.

Homes e mulleres gozarán de igualdade de oportunidades en canto ó emprego, formación, promoción e desenvolvemento do traballo, respectando, en calquera caso, o principio de a igual traballo, igual salario.

Non se pode discrimina-los traballadores por seren cargos sindicais, polo seu credo político, relixión ou cor da pel.

Disposición transitoria

Primeira.-Referido ás categorías profesionais, con efectos do 1 de xaneiro de 2001, pasará á categoría de conductor de instalacións un profesional de oficio, e igualmente o 1 de xaneiro de 2002 e 1 de xaneiro de 2003, outro profesional de oficio en cada un dos devanditos anos.

A proposta de designación faraa o cadro de persoal da empresa mediante votación democrática, debendo conta-lo dito nomeamento co visto e prace da dirección do centro hospitalario. En todo caso quedará

a salvo do disposto polo prego de condicións que rexa a nova contratación do servicio de mantemento; respectaranse sempre os mínimos establecidos no convenio colectivo.

Segunda.-En tódolos conceptos e melloras non recollidos neste convenio colectivo (excepto xornada e categorías), estaranse equiparado co persoal do Sergas, a partir do 1 de xaneiro de 2000.