Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 23 de agosto de 2000 Páx. 12.193

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2000 pola que se convoca un curso sobre o organismo pagador dos fondos Feoga-Garantía, en colaboración co Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Dentro do programa de actividades da EGAP para o 2000, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase en colaboración co Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, un curso sobre o organismo pagador dos fondos Feoga-Garantía, que deberá desenvolverse segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Que o persoal que intervén na tramitación dos expedientes (autorización, execución e contabilización) de pagamentos con cargo ó Feoga-Garantía, teña un coñecemento adecuado do funcionamento do organismo pagador considerado globalmente, así como da incidencia que a súa actuación poida ter sobre as restantes fases da tramitación.

Segunda.-Destinatarios.

Funcionarios das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, Medio Ambiente e Economía e Facenda e do Instituto Lácteo Gandeiro de Galicia que interveñan na tramitación de expedientes financiados polo Feoga-Garantía.

Terceira.-Solicitudes.

As solicitudes de admisión para o curso, segundo o modelo que figura ó final da convocatoria, dirixiranse ó director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños, 15704 Santiago de Compostela, e presentaranse no Rexistro Xeral do Instituto, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 12 de setembro.

Quinta.-Selección.

A selección efectuarase en función da relación directa do funcionario coa tramitación de expedientes con cargo ó Feoga-Garantía (autorización, execución e contabilización), así como cos labores de auditoría interna e a certificación de contas, procurando un reparto territorial equilibrado, de maneira que asista persoal das catro delegacións provinciais e dos servicios centrais.

En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participacióin nas actividades da EGAP (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Desenvolvemento do curso.

Número de edicións: 1.

Duración: 42 horas.

Lugar e datas: EGAP, 9, 10, 16, 17, 30 e 31 de outubro de 2000.

Horarios: de 10 a 14 e de 16 a 19 horas.

Nº prazas: 40.

Sétima.-Modificacións.

Os órganos convocantes resérvanse a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Oitava.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselle-lo correspondente certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

Novena.-Contido.

A axenda 2000. Normativa financeira. Estructura, organización e funcións do organismo pagador. Autorización, execución e contabilización do pagamento. Contabilización de dereitos. Garantías. Control interno. Control externo. Rendición de contas. Certificación de contas. Aprobación das contas: contable e de conformidade. Relación con outros organismos pagadores. Organismo de coordinación. Devolucións. Recuperacións. Sancións.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública