Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 23 de agosto de 2000 Páx. 12.185

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Mantenimientos Integrales de Ferrol, S.L. para os traballadores do centro de traballo na Empresa Nacional Bazán, factoría de Ferrol.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Mantenimientos Integrales de Ferrol, S.L. para os traballadores do centro de traballo na Empresa Nacional Bazán, factoría de Ferrol (código 1503581) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-6-2000 e posteriormente rectificado con data do 28-6-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social polos delegados de persoal, o día 14-3-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 30 de xuño de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Mantenimientos Integrales de Ferrol, S.L., empresa auxiliar

da Empresa Nacional Bazán de C.N.M., S.A. Ano 2000

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

No ámbito persoal inclúense á totalidade do persoal da empresa que presta os seus servicios no centro de traballo da Empresa Nacional Bazán, factoría de Ferrol.

Este convenio será aplicable ó persoal que durante a súa vixencia teña asinado ou asine un contrato de traballo coa empresa en calquera das modalidades vixentes.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórroga.

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa sinatura polas partes, con efectos retroactivos desde o día 1 de xaneiro de 2000.

Estará vixente ata o día 31 de decembro de 2000, prorrogándose por anos naturais en tanto non se sexa substituída por outro pacto, o que deberá denunciarse con dous meses de antelación.

Artigo 3º.-Garantías persoais.

Respectarase a título individual as condicións que foran superiores ás establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

O cómputo de horas será de idéntica duración e reparto que teña o persoal da Empresa Nacional Bazán. Respectaranse os actuais horarios establecidos anteriormente a este acordo para o conxunto do persoal.

Artigo 5º.-Vacacións.

Serán de idéntica duración e reparto que as que teña o persoal obreiro da Empresa Nacional Bazán. Para o exercicio do desfrute delas (interrupción no caso de rebaixe, etc.), aplicarase o disposto no Empresa Nacional Bazán.

As vacacións anuais non poderán ser compensadas en metálico e serán aboadas a razón do salario real que percibe cada traballador/a.

Cando coincidan matrimonios o réxime de parella na empresa, se o solicitan, haberá que concedérlle-lo permiso nunha mesma data.

Artigo 6º.-Festas.

Atenderase ó disposto no convenio colectivo da Empresa Nacional Bazán.

Artigo 7º.-Licencias retribuídas.

O traballador/a avisando coa antelación posible, ou se isto non fose posible, xustificándoo a posteriori, poderá faltar ó traballo con dereito a percibi-lo seu salario real, polas seguintes causas:

1. Cinco días laborables por falecemento do cónxuxe, parella ou fillo. Terá a consideración de parella a persoa coa que se demostre unha convivencia certa.

2. Tres días laborables no caso de falecemento de pais, netos, irmáns e avós, tanto carnais como

políticos, prorrogables polo tempo necesario se os mencionados falecementos ocorren fóra da localidade, a criterio da dirección.

3. Un día laborable no caso de falecemento de tíos, sobriños e curmáns, todos eles carnais.

4. Por enfermidade grave ou hospitalización do cónxuxe, parella ou fillo menor de 14 anos, cinco días, prorrogables polo tempo necesario, logo de xustificación médica, a criterio da dirección.

5. Por enfermidade grave ou hospitalización dos fillos, pais ou irmáns, tanto carnais como políticos, dous días, prorrogables, logo de xustificacios médica, polo tempo necesario, a criterio da dirección.

6. Un día natural no caso de matrimonio dos fillos, irmáns ou pais, tanto carnais como políticos, coincidindo co da celebración da cerimonia.

7. Un día no caso de primeira comuñón e bautizo de fillos e netos, coincidindo co da cerimonia, ou calquera outra de similar rango doutra relixión.

8. Un día natural no caso de nacemento de netos.

9. Quince días naturais no caso de matrimonio. Cando a voda se produza durante o período de vacacións, considerarase interrompido o desfrute delas.

10. Polo tempo necesario para a asistencia a cursos de Seguridade Social de preparación ó parto.

11. Por nacemento dun fillo, tres días, prorrogables polo tempo necesario en caso de gravidade, a criterio da dirección. Cando o nacemento se produza dentro do período de vacación considerarase interrompido o desfrute delas.

12. Dous días por traslado do seu domicilio habitual, podendo desfrutarse en días alternos.

13. O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter municipal e dos entes autonómicos, nos cargos representativos, cando estes dous últimos non sexan retribuídos e sempre que medie a oportuna e previa convocatoria e subsiguiente xustificación da utilización.

As funcións de carácter municipal e dos entes autonómicos que sexan retribuídas por estes organismos so darán dereito a permiso sen retribuír.

14. Polo tempo necesario para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, entendéndose como deber inescusable a citación xudicial ou requirimento da Facenda Pública, logo da correspondente xustificación en cada caso.

15. Os traballadores/as por coidado dos fillos menores de doce meses terán dereito a dúas horas de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. Poderá substituírse este dereito por unha reducción de xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

16. Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de oito anos ou a un

diminuído psíquico, físico ou sensorial, que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da súa xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre alomenos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

17. Os traballadores/as terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a, tanto cando sexa por natureza como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo contados desde a data de nacemento, ou se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

A excedencia establecida no presente punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen o mesmo dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas polo funcionamento da empresa.

Sempre que se opte por esta excedencia, considerarase como forzosa para os efectos legais, con dereito, polo tanto, do traballador/a ó reingreso automático na empresa e computándose ese tempo como antigüidade.

18. En tódolos supostos que se recollen neste artigo, en casos extraordinarios e debidamente acreditados, estas licencias outorgaranse polo tempo que sexa preciso, segundo as circunstancias, conviñéndose as condicións da súa concesión, podendo acordarse o non percibo de haberes.

Nas situacións indicadas nos puntos 1, 2, 4, 5, 7, 9, 10, 11 e 12 deste artigo aboaranse o soldo e o incentivo correspondente.

Artigo 8º.-Persoal accidentado.

Ó persoal accidentado, a empresa aboaralle un complemento á prestación da Seguridade Social ata o 100% de tódalas retribucións económicas pactadas neste convenio. Os recoñecementos que fosen pertinentes efectuar realizaranse, se o traballador/a así o desexa, dentro da localidade.

Ó persoal que se atope rebaixado á entrada en vigor do convenio, actualizaráselle o cálculo da indemnización sobre a base das novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2000, aboándolle, se é o caso, as diferencias que procedan.

Artigo 9º.-Persoal hospitalizado.

Ó persoal hospitalizado, a empresa aboaralle un complemento á prestación da Seguridade Social ata o 100% de tódalas retribucións económicas pactadas neste convenio.

Ó persoal que se atope nas ditas circunstancias actualizaráselle o cálculo sobre as bases das novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2000, aboándolle, se é o caso, as diferencias que procedan.

Artigo 10º.-Persoal rebaixado por enfermidade.

Ó persoal rebaixado por incapacidade transitoria derivada de enfermidade común, a empresa aboaralle un complemento á prestación da Seguridade Social de ata o 90% da base reguladora. Ó persoal que se atope nas ditas circunstancias actualizaráselle o cálculo sobre as novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2000, aboándolle no seu caso as diferencias que procedan.

Artigo 11º.-Horas sindicais.

Os membros do comité de empresa disporán das horas sindicais necesarias para dedicarse ás tarefas propias do seu cargo, en todo caso respectando os límites máximos sinalados polo Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Delegado/a de seguridade e hixiene.

O delegado/a de seguridade será elixido polos propios traballadores e terá a mesma duración no cargo que os delegados de persoal.

Recoñeceráselle, por parte da empresa, o seu dereito a participar na negociación colectiva no campo específico que lle corresponda e disporá das horas necesarias para o desenvolvemento da súa responsabilidade, segundo os dereitos e obrigas recoñecidos especificamente na Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 13º.-Recoñecemento médico.

Tódolos traballadores e traballadoras terán dereito a un recoñecemento médico anual, tendo coñecemento del, en primeiro lugar o interesado e o delegado de seguridade e hixiene. O dito recoñecemento efectuarase en horas de traballo, sendo estas retribuídas.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralle a cada traballador/a o seguinte material, anual, no primeiro trimestre do ano:

-Dous pares de botas.

-Unha roupa de faena, máis unha funda.

-Dous pares de zocos para o persoal que traballa en oficinas e despachos.

-Dúas toallas de lavabo.

-Dúas toallas de baño.

-Doce pastillas de xabón.

-Un chaquetón impermeable (esta peza entregaráselle cada dous anos).

-Roupa necesaria para o desenvolvemento de tarefas específicas (botas de auga, roupa de augas, fundas de papel, etc.; estas pezas entregaranse sempre que sexa necesario).

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

O tope de horas extraordinarias non poderá exceder do establecido na lei. Como norma xeral, procurarase que as horas extras quedan limitadas a situacións especiais ou de urxente necesidade.

Artigo 16º.-Póliza de seguros.

A empresa concertará unha póliza de seguros colectiva dunha contía de 3.000.000 de ptas. por cada traballador/a no caso de morte ou invalidez total ou absoluta por accidente laboral.

Así mesmo, a empresa concertará unha póliza de seguro de vida de 1.100.000 ptas. por traballador/a por riscos naturais.

Artigo 17º.-Asembleas.

A empresa autorizará a celebración de asembleas con carácter xeral, fóra das horas de traballo. En todo caso, comunicarase previamente á dirección a convocatoria delas.

As asembleas correspondentes á aprobación do convenio colectivo e aquelas outras de carácter excepcional que sexan autorizadas expresamente pola dirección non darán lugar a desconto retributivo.

Artigo 18º.-Réxime disciplinario.

Correspóndelle á empresa a facultade de impoñer sancións.

A tipificación das faltas, así como as sancións que lles correspondan, realizaranse conforme o estipulado no convenio colectivo da Empresa Nacional Bazán.

Artigo 19º.-Axudas a minusválidos.

Por cada fillo, cónxuse ou parella diminuída que teña recoñecida a mencionada minusvalidez polo Inserso (ou organismo que asuma as súas competencias), a empresa concederá unha axuda na que a súa contía será establecida no convenio colectivo da Empresa Nacional Bazán.

Artigo 20º.-Obsequio de Nadal.

O seu contido será o equivalente ó que desfrutan os productores da Empresa Nacional Bazán.

Artigo 21º.-Vacantes na empresa.

Sempre que se produza unha vacante ou se cree un novo posto de traballo na empresa, terá preferencia para cubri-la dita vacante ou posto os traballadores/as que estean en activo nese momento, logo de aceptación da empresa. No caso de negativa por parte da empresa, comunicaráselles ós delegados de persoal a xustificación da dita negativa.

Artigo 22º.-Remuneración.

A remuneración de cada traballador/a está constituída por 12 pagas mensuais máis dúas pagas

extraordinarias nos meses de xullo e decembro, así como unha paga de beneficios que se aboará no mes de marzo e unha paga de producción que se aboará no mes de setembro.

a) Soldo mensual.

Esta remuneración comprende os seguintes conceptos:

1. Salario base: (2.000). Fíxase un salario base de 112.500 ptas./mensuais.

2. Complemento de carencia de incentivos: (2.000). Establécese para todo traballador un complemento de carencia de incentivos de 26.250 ptas./mensuais.

3. Transporte: (2.000). Establécese para transporte a cantidade de 6.000 ptas./ mensuais.

b) Complementos.

Esta remuneración abrangue o seguinte concepto:

1. Complemento por traballos tóxicos e penosos. Cando o traballador realice traballos a bordo ou naqueles supostos nos que moi singularmente concorrese de modo manifiesto a excepcional penosidade ou toxicidade, percibirán unha bonificación de 10.000 ptas./mensuais.

c) Pagas extraordinarias.

Os días 15 de xullo e decembro serán aboadas a cada traballador dúas pagas extraordinarias. A contía económica das ditas pagas no ano 2000 están fixadas en 120.000 ptas. brutas, que se verán incrementadas na mesma porcentaxe que a que corresponda a cada un dos anos de vixencia do presente convenio.

No caso de coincidir en sábado ou festivo, aboaranse o día anterior.

d) Paga de beneficios.

O día 15 de marzo aboaráselle a cada traballador/a unha paga de beneficios. A contía económica da dita paga no ano 2000 está fixada en 72.500 ptas. brutas que se verá incrementada na mesma porcentaxe que a acordada para cada un dos anos de vixencia do presente convenio.

No caso de coincidir en sábado ou festivo, aboaranse o día anterior.

e) Paga de producción.

O día 15 de setembro aboaráselle a cada traballador/a unha paga de producción. A contía económica da dita paga no ano 2000 está fixada en 72.500 ptas. brutas que se verá incrementada na mesma porcentaxe que a acordada para cada un dos anos de vixencia do presente convenio.

No caso de coincidir en sábado ou festivo, aboaránse o día anterior.

Artigo 23º.-Crédito.

No caso de necesidade, e logo de xustificación, a empresa concederá un préstamo, sen xuros, acordando co traballador/a o período de desconto.

Artigo 24º.-Compensación e absorción.

As condicións aquí pactadas son, en conxunto, máis favorables que as mínimas legais que ó traballador lle corresponden, formando un todo indivisible e que, para os efectos da súa aplicación, se considerarán globalmente. Así mesmo, as melloras económicas aquí establecidas absorben ou compensan as que puideran establecerse no futuro por calquera disposición obrigatoria, se estas foran menores ás pactadas.

Artigo 25º.-Comisión mixta.

Para interpreta-lo convenio resolverá a representación dos traballadores/as existentes en cada momento e a dirección da empresa, tanto na negociación como na interpretación deste convenio e sucesivos, a parte social poderá solicita-la axuda de asesores, sexan ou non da empresa, a que se recoñocerá como parte integrante da comisión mixta.

A representación social manifesta reiteradamente a súa intención de equipara-los salarios ás empresas tuteladas e que desenvolvan idéntica actividade dentro da factoría, e aínda recoñecendo o esforzo da negociación do actual convenio colectivo, solicitan o recoñecemento de Mainfer a que nun prazo de dous anos a partir da sinatura do presente convenio queden igualados os salarios a elas, o que eliminaría situacións de agravios comparativos.

A empresa manifesta que o esforzo realizado é tendente á consecución deste obxectivo, e comprométese a consolidalo no prazo proposto pola representación social e nos sucesivos convenios.

Ferrol, 15 de maio de 2000.

Pola empresa:

Mantenimientos Integrales de Ferrol, S.A.

Pola parte social:

José Luis Rodríguez Calvo

Emilio Fraga Felpeto

Vicente Castro Bogo