Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 21 de agosto de 2000 Páx. 12.088

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 10 de xullo de 2000 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes do I.P.M.P. de Vigo e na E.O.N.P. de Ferrol, dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, durante o curso académico 2000-2001.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, nos artigos 9.2º b) e 24, fai referencia á prestación de servicios complementarios polos centros, ó sistema de acceso dos alumnos a estes e ás axudas, e, na súa disposición derradeira, faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para o desenvolvemento e execución do disposto nel.

Na súa virtude, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, prazas de residencia para os cursos dos seguintes niveis académicos e tipos de formación nos centros residenciais que se detallan:

a) Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

Para seguir estudios de:

-Formación profesional de 2º grao, marítimo-pesqueira, nas súas especialidades de pesca marítima, mecánica naval e cabotaxe.

-Ciclos formativos de formación profesional específica.

-Formación permanente de adultos, nas especialidades de capitán de pesca, patrón de pesca de altura, patrón maior de cabotaxe, mecánico naval maior e mecánico naval de 1ª clase.

-Programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

b) Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Para seguir estudios de:

-Ciclos formativos de formación profesional específica.

-Formación permanente de adultos, nas especialidades de patrón de pesca de altura, patrón maior de cabotaxe e mecánico naval 1ª clase.

-Programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

Artigo 2º.-Clases de prazas.

As prazas poderán outorgarse nas seguintes dúas modalidades:

a) En réxime de aloxamento e manutención.

b) En réxime de manutención nos comedores dos centros residenciais docentes.

Artigo 3º.-Prazas en réxime de aloxamento e manutención.

Esta modalidade supón a utilización gratuíta dos servicios residenciais dos devanditos centros.

Para optar á praza en réxime de aloxamento e manutención, requirirase que o solicitante acredite documentalmente cumpri-las seguintes condicións:

a) Estar matriculado no centro docente onde estea situada a residencia.

b) Imposibilidade de trasladarse ó seu domicilio diariamente, en razón da distancia e tempo investido, cando polos medios habituais de transporte público sexa superior a 60 minutos en cada un dos traxectos ou por razón de incapacidade física do solicitante, que faga que resulte penoso o transporte diario ó centro docente.

c) Ter presentada a documentación correspondente para as avaliacións ás que tivese dereito.

d) No caso de alumnos da formación permanente de adultos náutico-pesqueira, ter cumpridos 17 anos, como mínimo, no ano 2000.

e) Reuni-los requisitos académicos e profesionais esixidos polo ordenamento xurídico vixente.

f) Non se poderá obter praza de aloxamento cando os estudios que se soliciten entrañen a perda dun ano no proceso educativo. Os alumnos con materias convalidadas ou aprobadas en convocatoria libre non se considerarán repetidores sempre que estas non superen o 50% das materias do curso.

Artigo 4º.-Prazas en réxime de manutención.

A praza en réxime de manutención defínese como a utilización gratuíta dos servicios de comedor dos centros docentes mencionados.

Poderán solicitar praza en réxime de manutención os alumnos que acrediten documentalmente te-lo seu domicilio habitual a unha distancia superior a 10 km do centro docente, ou ben que, aínda sendo menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

Artigo 5º.-Incompatibilidades.

As prazas en réxime de aloxamento e manutención son incompatibles coa axuda de residencia fóra do domicilio habitual e coa de transporte, así como con calquera outros beneficios da mesma finalidade que poidan recibirse doutras entidades ou persoas públicas ou privadas.

Artigo 6º.-Adxudicación de prazas.

1. A adxudicación das prazas farase conforme un baremo no que se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico e outras circunstancias familiares acreditadas que se recollen no punto c).

A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a adxudicación das prazas convocadas.

2. Sen prexuízo dos criterios de baremación xeral recollidos no parágrafo anterior, terán dereito a praza de residencia tódolos alumnos solicitantes que promocionan dentro do mesmo ciclo formativo.

3. No caso de que os solicitantes obtiveran o mesmo coeficiente, terán preferencia os que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector, e dentro destes, terán preferencia os de menor renda familiar.

A) Rendemento académico.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas nas que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das materias cursadas, obterase a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan do 1 ó 10, séguense as equivalencias que a continuación se sinalan:

9-10: sobresaliente.

7-8: notable.

6: ben.

5: suficiente, apto, validado.

3-4: insuficiente.

B) Renda familiar.

a) Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos brutos obtidos no ano 1999 por tódolos membros computables da familia, calquera que sexa a súa procedencia.

b) No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias, computaranse os rendementos netos.

c) A renda familiar dispoñible obterase despois de deducir da renda familiar o importe das retencións e ingresos a conta, os xuros de capitais investidos na adquisición da primeira vivenda, as cotizacións

á Seguridade Social, dereitos pasivos e mutualidades obrigatorias.

d) Os titulares de explotacións agrarias ou pesqueiras computarán ademais como ingresos os productos que utilicen para o seu propio consumo.

e) Considéranse membros da unidade familiar: o pai e a nai, os irmáns menores de 23 anos, o solicitante, os irmáns solteiros menores de vinteseis anos e que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que estes co certificado municipal correspondente.

f) No caso de que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar esta circunstancia e o seu domicilio, así como a titularidade ou o aluguer da vivenda e os medios económicos con que conta.

g) Ó cociente da renda familiar dispoñible computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 525.000 ptas.: 10 puntos.

De 525.001 a 600.000: 8 puntos.

De 600.001 a 675.000: 7 puntos.

De 675.001 a 750.000: 6 puntos.

De 750.001 a 825.000: 5 puntos.

De 825.001 a 900.000: 4 puntos.

De 900.001 a 975.000: 3 puntos.

De 975.001 a 1.050.000: 2 puntos.

De 1.050.001 a 1.125.000: 1 puntos.

Máis de 1.125.000: 0 puntos.

De non achega-la fotocopia compulsada da declaración da renda ou certificado de non tela presentada outorgaranse 0 puntos por este epígrafe.

C) Circunstancias familiares.

a) Ós aspirantes que teñan irmáns cursando estudios de FP 2º grao, BUP, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro e 1 punto por cada un dos seguintes.

b) Ós aspirantes en condición de orfandade 2 puntos.

c) Ós aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase 1 punto, de 2ª clase e honra 2 puntos.

d) Os aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade, 3 puntos.

Tódolos puntos referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 7º.-Regras de procedemento.

1. Tódolos alumnos que soliciten praza deberán cubri-lo impreso oficial, que figura como anexo I e presentalo antes do 18 de setembro.

2. Tódolos solicitantes, xunto coa solicitude, deberán presenta-la seguinte documentación:

-DNI do solicitante e demais membros da unidade familiar maiores de idade.

-Certificado de estudios, se fose o caso.

-Certificado de ter formalizada a matrícula.

-Certificado de empadroamento e residencia habitual expedido polo concello e correspondente ó ano da solicitude.

-Fotocopia autenticada completa das declaracións polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas dos compoñentes que integran a unidade familiar e que teñan a obriga de realizala, correspondentes ó ano 1999, ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria de non tela presentado.

Cando un alumno teña presentado no centro e para o presente curso, algún dos documentos requiridos para a formalización da solicitude, quedará exento de repetilo.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos centros docentes onde os solicitantes vaian segui-los seus estudios durante o curso académico 2000-2001.

2. Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999), dentro do prazo establecido no anterior artigo 7º.1.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. Para o estudio das solicitudes presentadas e selección de posibles adxudicatarios, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o delegado territorial correspondente.

Vocais:

Director do centro.

Xefe de estudios.

Un representante da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Dous profesores membros do Consello Escolar do centro docente.

Un representante dos pais de alumnos, membro do Consello Escolar.

Secretario: o secretario do centro docente, que actuará como secretario da comisión, con voz e sen voto.

2. Das reunións celebradas polas comisións ás que se refire o punto anterior, comezando pola da súa constitución, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

3. As solicitudes de prazas deberán ser estudiadas e comprobadas para seleccionar as que deban ser atendidas.

4. A comisión de valoración cursará a denegación ós solicitantes que non reúnan ou acrediten os requi

sitos esixibles para ser adxudicatarios de prazas. Na notificación da denegación farase consta-la causa desta e informarase ó solicitante dos recursos que pode interpoñer, así como as revisións que poida solicitar.

5. Transcorrido o prazo de 10 días naturais, os ditos órganos elaborarán unha lista de solicitantes, tendo en conta a prelación segundo o baremo establecido para o efecto, que será remitido á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, á vista das listaxes referidas no artigo anterior, determinará o número total de prazas que poden ser concedidas en función das vacantes dispoñibles e ordenará a confección das listaxes de adxudicatarios.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá denega-la praza se se comprobase a falsidade nalgún dos documentos achegados, así como, que a familia do solicitante dispoña dunha renda familiar dispoñible elevada.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e, en consecuencia, a perda da praza de residencia, ademais das responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

2. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación dictará resolución pola que se aproba a lista definitiva de adxudicatarios que se publicará nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos.

3. Contra esta resolución poderase interpoñer, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, recurso de alzada perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notifcación ou publicación da citada resolución, que será substanciado pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 11º

1. Os fillos de quen presenten a condición de residentes no estranxeiro poderán participar na presente convocatoria cando vaian realizar estudios comprendidos nela, nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. O limiar de renda familiar per cápita multiplicarase polo coeficiente que corresponda segundo a táboa seguinte:

-Países: Estados Unidos, Noruega, Suecia, Suiza, Alemaña e Dinamarca. Coeficiente: 2,3.

-Países: Francia, Austria, Italia, Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Australia, Canadá e Reino Unido. Coeficiente: 1,5.

-Demais países. Coeficiente: 1.

3. As solicitudes de praza, que deberán ser formuladas no impreso oficial para o efecto, poderán consigna-los ingresos da familia, en moeda propia do país en que se obteñan. O cálculo do seu contravalor en pesetas farase aplicando o tipo oficial que dea un resultado menor e que tivera a moeda respectiva o primeiro día hábil de 2000.

4. Os servicios diplomáticos e consulares de España no estranxeiro, especialmente as consellerías de Educación, informarán e prestarán a axuda necesaria para a correcta formalización dos impresos oficiais de solicitude que deberán presentarse nos centros docentes onde se vaian face-los estudios, momento a partir do cal serán sometidas as solicitudes ós trámites ordinarios da convocatoria.

5. O desfrute de praza da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura será, en todo caso, incompatible co desfrute de beneficios de análogo carácter procedentes de calquera outra Administración pública.

Artigo 12º.-Incorporación dos alumnos residenciais.

1. Os residentes poderanse incorporar á praza de residencia unicamente para cursa-los estudios que expresaron na súa solicitude.

2. Os residentes incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

3. O estado de saúde do residente, que se acreditará documentalmente no momento da incorporación ó centro, deberá permiti-lo normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

4. Os residentes que non se incorporen ós centros residenciais docentes nas datas que cada centro sinale para o inicio do curso escolar, non poderán desfrutar da praza de residencia, e perderán os seus dereitos agás nos casos de forza maior.

5. A perda da condición de alumno do centro onde debía cursa-los estudios para os que lle foi concedida a praza determinará a perda desta e así mesmo da condición de residente do centro residencial docente.

6. Igualmente, cesarán no desfrute das prazas como consecuencia de sanción disciplinaria ou baixo rendemento académico, de acordo coa normativa vixente, logo do oportuno expediente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2000.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246,

do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura