Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 21 de agosto de 2000 Páx. 12.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, pola que se ordena a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria e as centrais sindicais UGT, CSI-CSIF, CIG e SATSE, sobre criterios de incorporación e cesamentos regulamentarios do persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario nas prazas das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde por mor dos procesos selectivos e de provisión que se vehiculen consonte a normativa vixente e demais incorporacións de persoal fixo que se produzan por calquera outra causa.

Por mor do remate do concurso de traslados convocado pola Resolución do 25 de maio de 1999 e a pronta conclusión, para a totalidade das categorías, do proceso selectivo convocado por Resolución do 28 de decembro de 1998, ámbalas dúas da División de Recursos Humanos do Sergas, cómpre adoptar acordo acerca dos criterios de incorporación do persoal que acadou destino ou a condición de estatutario fixo a través deles e, correlativamente, os de cesamento, en previsión de que aquela incorporación precise extingui-los vínculos provisorios ou temporais do persoal que desempeñe servicios nas prazas das institucións sanitarias.

Así mesmo, os criterios que agora se establecen nacen con vocación de futuro e, xa que logo, serán de aplicación nos procesos selectivos e de provisión de persoal estatutario que se convoquen consonte a normativa vixente, así como nas demais incorporacións de persoal fixo que regulamentariamente procedan.

Para o seu establecemento levouse a cabo un proceso negociador coas centrais sindicais representadas na Mesa Sectorial de Persoal Sanitario. Como consecuencia deste proceso asinouse o pacto anexo, subscrito entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais UGT, CSI-CSIF, CIG e SATSE, realizado de conformidade co artigo 35 da Lei 9/1987, do 9 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

O contido del é o que figura como anexo á presente resolución.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da citada Lei 9/1987, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde,

RESOLVEN:

Acorda-la publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais UGT, CSI-CSIF, CIG e SATSE, sobre criterios de incorporación e cesamento regulamentarios do persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario nas prazas das institucións sanitarias do servicio galego de saúde por mor dos procesos selectivos e de provisión que se vehiculen consonte a normativa vixente e demais incorporacións de persoal fixo que se produzan por calquera outra causa regulamentaria, que se inclúe como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2000.

Manuel A. Silva RomeroValeriano Martínez García

Secretario xeral da ConselleríaDirector xeral da División

de Sanidade e Servicios Sociaisde Recursos Humanos do

Servicio Galego de Saúde

ANEXO

En Santiago de Compostela, o trece de xullo de dous mil, no marco da Mesa Sectorial de Persoal Sanitario e de conformidade coas facultades conferidas no artigo 35 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias outorgadas á referida mesa sectorial por acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais, subscrito con data do 7 de setembro de 1991 polos representantes da Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais UGT, CSI-CSIF, CIG e SATSE, tralo proceso negociador seguido no seo das ponencias técnicas de traballo desenvolvidas no marco da Comisión de Seguimento do Plan de Selección e Provisión, creada ad hoc, pola Mesa Sectorial do Persoal Sanitario, subscriben o presente pacto a Administración sanitaria e as centrais sindicais UGT, CSI-CSIF, CIG e SATSE, sobre criterios de

incorporación e cesamento regulamentarios do persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario nas prazas das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde por mor dos procesos selectivos e de provisión que se vehiculen consonte a normativa vixente e demais incorporacións de persoal que se produzan por calquera outra causa regulamentaria, nos termos que se reflicten:

Exposición preliminar

1. A problemática suscítase especialmente neste momento por mor dos procesos de provisión e selección que agora rematan, este último convocado ó

abeiro da oferta pública de emprego articulada en virtude do Decreto 309/1998, do 6 de novembro, polo que se regularon os procesos de selección para o acceso ás prazas de persoal estatutario sanitario non facultativo e non sanitario, das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, con aprobación das ofertas públicas de emprego do organismo para os anos 1998-2000, consonte o compromiso acadado entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais UGT, CESM, CC.OO., CIG, SATSE e CSI-CSIF, publicado por Resolución conxunta do 26 de xuño de 1998, da Secretaría Xeral e maila División de Recursos Humanos.

O mentado pacto inclúe no seu ámbito de aplicación o volume das ofertas para os concursos de traslados e procesos selectivos que ó seu abeiro se convoquen. Así mesmo, establece o sistema de acceso ás prazas das categorías de persoal sanitario non facultativo de atención especializada e non sanitario das II.SS. do Sergas.

En anteriores ocasións seguíronse criterios de incorporación e cesamento que foron obxecto de análise e debate no seo da Mesa Sectorial de Sanidade, pero que non se formalizaron a través dun pacto como o que agora se vehicula, ben que a entidade da oferta era sensiblemente menor cá actual.

Cómpre agora pola dimensión dos procesos convocados pactar e publica-los criterios de ordenación das incorporacións e cesamentos co fin de que tódolos implicados coñezan como se van a levar a cabo, para a garantía xurídica dos afectados. Ó mesmo tempo, os devanditos criterios serán o marco de actuación das futuras incorporacións de persoal fixo que se produzan por mandado regulamentario.

Para isto é preciso, con carácter previo a seren explicitados, referirse a diversas cuestións que, de xeito comprensivo, orienten a súa interpretación e aplicación, cales son as relativas a determina-las prazas obxecto de cobertura, os criterios de cesamento utilizados noutras ocasións e as causas que motivan a adopción dos actuais, con mudanza parcial dos anteriores.

2. Tanto no pacto, como no decreto que regula o proceso selectivo e aproba a oferta pública de emprego, establécese unha garantía numérica de prazas que se ofertarán en ámbolos dous procesos, con base ou tomando como referente o número de vacantes existentes en datas concretas: 31 de decembro de 1998 e 31 de decembro de 1999. Con tal garantía, procurábase que os aspirantes ós procesos de traslado e á OPE tiveran un número mínimo de prazas aseguradas que se convocaría neles; predicamento que foi asumido no pacto coas organizacións sindicais.

Con tales premisas, concernentes á garantía aludida, a determinación concreta das prazas que se van ofertar no número garantido farase sobre as prazas vacantes das institucións sanitarias do Sergas no momento no que se produza a incorporación.

Para estes efectos, cómpre clarexar qué prazas están destinadas a tal incorporación, por mor das

dúbidas que puideran suscitarse no momento da súa efectividade.

Como instrumento de xestión, os cadros de persoal das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde configúranse polo número de prazas de cada categoría con dotación orzamentaria necesaria, sen codificación ningunha que as identifique de xeito diferenciado. Xa que logo, tódalas prazas da mesma categoría son indistintas entre si. Esta consideración xa fora acollida pola xurisprudencia do Tribunal Supremo en sentencias do 20-3-1997 dictadas nos recursos 3426 e 3360/1996.

A oferta pública de emprego garante, como así se expresou no decreto (ut supra mentado) que a vehiculou, a contía da oferta, pero tal garantía non se concreta en prazas determinadas xa que sería contrario á natureza da propia organización.

En consecuencia, con independencia da data da súa xeración, deberanse considerar vacantes, para os efectos da incorporación do novo persoal, todas aquelas prazas básicas das respectivas categorías que non estean desempeñadas por un titular e, así mesmo, que non se atopen en situación de reserva respecto a un titular estatutario con tal dereito.

3. En pretéritas ocasións, as premisas que sustentaron os cesamentos que se producían como consecuencia das incorporacións do novo persoal estatutario fixo baseáronse na seguinte orde de prelación: en primeiro lugar, cesaba aquel persoal que estaba a desempeñar unha comisión de servicio ou en situación administrativa de reingreso provisorio, en segundo lugar, o persoal en situación especial en activo en praza vacante, en terceiro lugar, cesaba o persoal interino que desempeñaba unha praza vacante por orde de antigüidade dirimíndose o empate a favor da permanencia no posto daquel de maior idade.

As anteriores premisas fundamentáronse en razóns de carácter técnico e tuitivo, así como na súa finalidade intrínseca de establecer un tratamento uniforme, obxectivo e imparcial, para ordena-las incorporacións do novo persoal e os cesamentos que, como consecuencia delas, se terían que producir de xeito indefectible en tódalas institucións sanitarias adscritas ó organismo

4. Sen embargo, os anteriores criterios non resultan inalterables se concorre motivación suficiente que avale ou demande a súa mudanza.

Algunhas organizacións sindicais aquí representadas demandaron a reconsideración dos criterios seguidos con anterioridade, co fin de adecuar, co maior grao de proximidade ó dictado dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, a incidencia das novas incorporacións respecto ós vínculos temporais ou provisorios, co establecemento da orde de permanencia do vínculo para o caso de que non se cubran tódalas vacantes co persoal fixo.

5. A consolidación do sistema vixente de selección temporal de persoal no ámbito do Sergas, resultado do consenso entre a Administración sanitaria e os lexítimos representantes do persoal, fai aconsellable,

para este fin, te-lo referente do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF, e CESM-SATSE, sobre selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas e determinados postos funcionariais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde, publicado por Resolución conxunta do 4 de febreiro de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a División de Recursos Humanos do Sergas.

Cómpre destaca-la entidade valorativa que alcanza neste a superación dos exercicios da fase de oposición do actual proceso selectivo na elaboración das listas de aspirantes. Tal mérito xa se recolle, de xeito explícito, no pacto sobre selección de persoal para vínculos temporais inmediatamente posterior á primeira OPE executada polo Servicio Galego de Saúde.

O vixente pacto, recolle con especial tratamento a inclusión no baremo de méritos da superación da fase de oposición ou dalgún dos exercicios, na categoría respectiva, nos procesos convocados ó abeiro do Decreto 309/1998 (ut supra) e aqueloutras que se vehiculen de conformidade coas disposicións regulamentarias que resulten aplicables.

Así mesmo, dáse preferencia á actualidade dos procesos proclamando que o resultado da fase de oposición de cada OPE que seguidamente se vaia executando eliminará o precedente ou precedentes, valorando, xa que logo, a vixencia da capacidade que se acredita.

A particular relevancia que se lle outorga á superación dos citados exercicios ten o seu alicerce inmediato nas características da fase de oposición dos procesos selectivos do persoal estatutario como expoñente dos principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade recollidos na Lei 30/1999, do 5 de outubro.

A lóxica invita a reflexionar acerca dos supostos que puideran darse de contradicción ó manter no sistema aqueles profesionais que eludiron o proceso selectivo fronte a aqueles aspirantes que superaron os exercicios da fase de oposición, pero que non puideron obter praza por non acadaren puntuación suficiente no conxunto do concurso-oposición.

Ademais, os baremos incluídos no citado instrumento teñen a virtualidade de integrar diversos méritos, que os aspirantes poden acreditar para determina-lo seu posicionamento na respectiva lista como: a experiencia profesional, formación continuada, tempo de desemprego, etc..

Por outra parte, estes méritos que integran o baremo en axeitada ponderación foron obxecto de consenso para integra-lo sistema de selección de persoal temporal.

6. Á vista do antedito parece plausible, tanto operativamente como desde a perspectiva da equidade, que a puntuación, por orde crecente de menor a maior, nas listas de vinculacións temporais sirva

como criterio rector dos cesamentos que deban producirse coa incorporación do persoal estatutario fixo como consecuencia dos procesos provisorios e selectivos.

O criterio proposto vese apoiado polo consenso acadado entre a Administración sanitaria e a totalidade das centrais sindicais representativas no sector, feito que constata e acredita a consolidación do sistema de vinculacións temporais no ámbito do Sergas. Neste sentido, os pactos, como manifestación da participación do persoal das administracións públicas na determinación das condicións de traballo recoñecida na Lei 9/1987, son amplamente avalados pola xurisprudencia do Tribunal Supremo e a práctica xudicial dos órganos inferiores.

7. Cómpre aludir, así mesmo, ó persoal fixo que por mor da promoción profesional temporal desempeñe praza en categoría distinta a aquela á que pertence.

A súa inclusión no derradeiro lugar dos criterios de cesamento responde ó particular predicamento que hoxe en día ten a promoción profesional nos procesos de provisión de prazas, tanto no ámbito normativo, como no sentir e querencia dos lexítimos representantes do persoal.

A Lei 30/1999, do 5 de outubro, vén a dar carta de natureza á promoción temporal, con explícita referencia no seu texto, como novidade respecto á normativa básica anterior sobre selección e provisión de persoal das institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

Esta sensibilidade para coa promoción profesional temporal foi, tamén, manifestada polos lexítimos representantes do persoal, postulando a súa especial consideración no deseño dos citados criterios.

Parece razoable, polo tanto, relegar ó último termo, na orde de cesamentos, os profesionais que desempeñen funcións nunha praza vacante como consecuencia da promoción interna temporal á que se refire o pacto de vinculacións temporais.

8. Por último, os criterios que se fixan susténtanse sobre a base do consenso entre as partes asinantes e rexerán para ordena-las incorporacións de persoal que resulten dos procesos que agora rematan e nos que nun futuro sexan convocados.

A finalidade do presente pacto é regular con obxectividade e imparcialidade a incorporación do persoal. A súa publicación, a través de resolución da autoridade competente, facilitará o xeral coñecemento por tódolos interesados e garantirá a seguridade xurídica das actuacións que ó respecto deban levarse a cabo, evitando indesexadas controversias e inquedanzas innecesarias que poidan xurdir da falta de información ou da desconfianza dos afectados.

Xa que logo, en atención ás premisas explicitadas, cómpre establece-los criterios de incorporación e cesamentos regulamentarios do persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario nas prazas das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde por mor dos procesos selectivos e de provisión que se vehiculen consonte a normativa vixente e demais

incorporacións de persoal que se produzan por calquera outra causa regulamentaria, a través do contido que a seguir se expón:

Normas xerais

Primeira.-Vixencia.

O presente pacto entrará en vigor na data da súa publicación.

A súa vixencia será indefinida e só poderá ser modificado ou extinguido logo de denuncia de ámbalas dúas partes, instando a oportuna mudanza ou inefectividade.

Segunda.-Ámbito de aplicación.

O presente pacto será de aplicación ás incorporacións de persoal estatutario fixo, sanitario non facultativo e non sanitario, nas prazas das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, que se produzan con ocasión dos procesos selectivos e de provisión que se convoquen consonte a normativa vixente, e calquera outra incorporación do persoal estatuario fixo que deba producirse por causa regulamentariamente establecida.

Terceira.-Criterios de incorporación en praza vacante.

A incorporación do persoal fixo sanitario non facultativo e persoal non sanitario por mor dos procesos selectivos e de provisión que se vehiculen consonte a normativa vixente e demais que se produzan por calquera outra causa regulamentaria realizarase, en primeiro lugar, nas prazas básicas vacantes da respectiva categoría do cadro de persoal da institución sanitaria en que tal incorporación deba realizarse.

Para os efectos do parágrafo anterior consideraranse vacantes, no momento da efectiva incorporación, con independencia da data da súa xeración, as prazas dotadas orzamentariamente, que non estean ocupadas por vínculo interino en praza vacante ou provisorio, nin reservadas a ningún profesional consonte a normativa estatutaria.

Cuarta.-Criterios de incorporación en praza ocupada: orde de cesamentos do persoal con vínculo temporal.

a) Esgotadas as prazas referidas no punto anterior, a incorporación farase nas prazas vacantes dotadas orzamentariamente nese momento, calquera que fose a data da súa xeración, desempeñadas por persoal con vínculo interino en praza vacante, nomeamento provisorio ou situación administrativa provisoria, procedendo ó seu cesamento de conformidade coa seguinte orde de prelación:

1. Persoal en comisión de servicio en praza vacante. Os profesionais en situación de comisión de servicios no centro afectado cesarán por orde crecente, de menor a maior antigüidade como persoal estatutario fixo do Sistema Nacional de Saúde.

2. Persoal temporal: para estes efectos considerarase comprendido neste punto o persoal que preste servicios con vínculo estatutario interino en praza vacante ou nomeamento provisorio, así como o persoal con vínculo de carácter laboral interino en praza

vacante, ou con vínculo indefinido pero non fixo no concepto sustentado e configurado pola xurisprudencia do Tribunal Supremo dictada en unificación de doutrina.

O cesamento producirase segundo a orde crecente, de menor a maior puntuación na lista, da respectiva categoría, elaborada ó abeiro do pacto de vinculacións temporais, que se publicou mediante Resolución do 4 de febreiro de 2000, ou o que o substitúa.

3. Prazas desempeñadas por persoal que ocupe praza vacante na situación especial en activo por mor da promoción profesional temporal.

De igual xeito que o anterior, o cesamento realizarase por orde crecente, de menor a maior puntuación na lista de promoción interna, da respectiva categoría, elaborada segundo o pacto de vinculacións temporais, que se publicou mediante Resolución do 4 de febreiro de 2000, ou o que o substitúa.

b) A orde de cesamentos á que se refire o punto anterior será aplicable entre o persoal da categoría na que se produzan as incorporacións, que traballe na mesma institución sanitaria.

No caso de incorporacións en prazas dos centros de atención primaria, a orde de prelación no cesamento aplicarase ós profesionais afectados da mesma localidade onde se produzan as incorporacións.

c) No caso de empate entre dous ou máis profesionais, en aplicación destes criterios de cesamento, resolverase a favor do que teña maior idade.

d) O persoal temporal que non se atope incluído nas listas de aspirantes da categoría na que actualmente desempeñe praza vacante, ó abeiro do citado pacto de vinculacións temporais, considerarase, para estes efectos, que ten asignado cero puntos.

Queda exceptuado desta previsión o persoal que figure como aspirante en categorías análogas: auxiliar administrativo-persoal de servicios xerais, celador-persoal de servicios xerais, pinche-celador. Para determina-la orde de cesamento, de se-lo caso, o aspirante será puntuado novamente para os efectos de determinar cál sería a puntuación adxudicada na categoría de orixe (auxiliar administrativo, celador ou pinche).

Tamén se exceptuará do previsto no primeiro parágrafo desta alínea e, xa que logo, será obxecto de valoración para estes efectos o persoal daquelas categorías que non foran obxecto de convocatoria para a selección temporal na área concreta onde se tiveran que efectua-las incorporacións.

Nestes supostos seguirase o procedemento que se determine ante a dirección provincial do Sergas correspondente.

Quinta.-Persoal en situación de reingreso provisorio.

O persoal en situación de reingreso provisorio que, debendo participar no concurso de traslados, non obteña praza nel cesará indefectiblemente no desempeño da praza que estea ocupando, por mor da resolución definitiva do concurso.

A reincorporación deste persoal ó servicio activo levarase a cabo, se é o caso, mediante un novo reingreso provisorio, que será tramitado consonte a normativa vixente pola División de Recursos Humanos do Sergas.

Sexta.-Situacións administrativas.

O persoal que desempeñe servicios como persoal estatutario temporal e tivese superado o proceso selectivo, con obtención de praza da mesma ou distinta categoría, non lle será autorizada a excedencia voluntaria por incompatibilidade como persoal estatutario fixo.

A excedencia voluntaria por incompatibilidade en máis dunha praza autorizarase sempre que se trate de vínculos fixos e non no suposto de que algún deles sexa de carácter temporal.