Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 17 de agosto de 2000 Páx. 12.005

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2000 pola que se publicitan as bases da convocatoria de axudas para a mellora da competitividade das empresas galegas (Pimega), aprobadas por acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica e se convocan para o ano 2000.

O Igape, no inicio dunha nova etapa que coincide co exercicio 2000, proponse renova-lo pulso que se vén dando á empresa galega e, en particular ás Pemes, cara á mellora da competitividade. Polo tanto, chegou o intre de facilitar e promociona-la mellora competitiva das nosas empresas dun xeito innovador, pero sen desprecia-la experiencia de éxito desenvolvida desde o seu nacemento polo programa Pimega, Plan Integral de Mellora da Empresa Galega, programa que, desde o nacemento da coñecida fase 3: implantación, no ano 1994, veu incentivando e

apoiando a posta en marcha de melloras nos ámbitos de xestión empresarial, a través dun programa amplamente coñecido polo empresariado galego. Un programa responsable de que máis de 1.000 empresas galegas iniciaran un camiño de mellora continua e adquiriran conciencia da importancia da xestión empresarial no devir das empresas e as insospeitadas melloras que se acadan a través das múltiples accións que se poden ir recorrendo.

Convencidos de que é o momento de innovar e de perseguir un novo avance de valor engadido para a vindeira versión do programa de axudas, abrindo ó mesmo tempo ó Igape a un novo camiño na procura da promoción económica da Comunidade Autónoma de Galicia a longo prazo, introdúcese a prestación directa de servicios ás empresas, como unha posibilidade máis para as Pemes, nesta primeira fase ofréceselles a realización de diagnósticos empresariais e preparación dos plans de acción coherentes coa realidade e o ámbito de desenvolvemento da actividade das empresas. Búscanse con esta iniciativa dous obxectivos primordiais:

1º Facilitar ó máximo a preparación de bases sólidas que contribúan a asegura-lo desenvolvemento sostido das Pemes.

2º Dotar de valor os programas de implantación de melloras que, consecuentes co diagnóstico previo, presenten incidencia positiva na mellora competitiva da empresa formando parte dunha estratexia de conxunto firme e autosustentanda.

O Igape ofrece pois unha nova vía de axuda as Pemes galegas, pero non quere converte-lo seu servicio nunha condición indispensable para que as empresas poidan ser axudadas na implantación de melloras competitivas enmarcadas nun plan de acción global base e sustento dun crecemento empresarial sostido, de xeito que ofrece ás empresas tamén a posibilidade de presentaren directamente proxectos de implantación de melloras nos ámbitos da xestión, sometidos a un condicionante de partida que é a presentación dun plan xeral de desenvolvemento da empresa (diagnóstico previo) que debe ser dictaminado positivamente por unha comisión de expertos designada para tal fin.

Á parte do principio xeral introducido, merece a pena salienta-las consideracións particulares que afectan á regulación, que poderían resumirse nas seguintes:

a) Como consecuencia da priorización de sectores establecida no Pedegá 2000-2006, tendo tamén en conta que os sectores no seu conxunto contan con apoio específico posto en marcha polas consellerías sectoriais, priorízanse nos diagnósticos que se van desenvolver directamente os servicios do Igape, determinados subsectores que, formando parte dos sectores prioritarios, ben achegan un maior valor engadido na cadea empresarial, ben demandan un maior esforzo de sensibilización na importancia da xestión empresarial innovadora cara ó desenvolvemento continuo e mantido da empresa ou aqueles

que no seu conxunto merecen unha consideración diferenciada na procura de solucións aplicables á xeneralidade tendentes a asegura-lo futuro do subconxunto empresarial.

b) Un segundo nivel de priorización, dentro das consideracións anteriores, establécese precisamente nas Pemes de menor tamaño como as máis necesitadas de incentivos por parte da Administración.

c) Nos proxectos de implantación, establécese a subvención sobre custos orixinados pola implantación de aplicacións específicas de información e comunicacións nas Pemes, como resposta á demanda xeneralizada da nova economía, conscientes de que na situación actual, as innovacións en calquera ámbito da empresa requiren, a cotío, o acompañamento de sistemas de automatización e de xestión informatizada.

d) Para rematar, é salientable o feito de que tanto para os proxectos que van desenvolver polos servicios do Igape, como para aqueles que pretendan servir como soporte da acción de implantación directa, establécense uns requisitos de contido e análise mínima para que un proxecto de diagnóstico sexa subsceptible de obter tal consideración polo Igape, sen prexuízo de que a avaliación dun plan axustado a eses contidos poida ser desestimado por consideracións de calidade, profundidade ou interese estratéxico da actividade.

As formulacións recollidas nestas bases deberán ser obxecto dunha progresiva análise co fin de evolucionar nas sucesivas convocatorias o apoio do Igape na dirección que resulte apropiada na procura da eficacia e eficiencia, contrastadas estas, en función da maximización da súa utilidade para os fins pretendidos.

Por todo o que antecede, logo da a súa deliberación polo Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en data 19 de xullo de 2000, aprobou as bases reguladoras que se xuntan a presente resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2000.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

BASES POLAS QUE O IGAPE REGULA A PRESTACIÓN DE SERVICIOS

DE ESTUDIO DE DIAGNÓSTICO PARA A MELLORA DA COMPETITIVIDADE

DAS EMPRESAS GALEGAS (PIMEGA) E AS AXUDAS Á IMPLANTACIÓN

DAS MEDIDAS DE COMPETITIVIDADE DIAGNOSTICADAS

Primeira.-Obxecto e tipos de axuda.

O obxectivo fundamental do programa regulado mediante as presentes bases é incentivar e apoia-la pequena e mediana empresa (PEME) galega e as súas asociacións, nunha senda de mellora continua orientándoa a través de diferentes esquemas de xestión empresarial. O dito apoio será instrumentado polo Igape:

1. Mediante a realización de estudios de diagnóstico integral ás empresas, asociacións empresariais e cámaras de comercio que o soliciten e que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

2. Mediante a subvención a fondo perdido ás pemes que o soliciten dos custos de implantación parcial ou total dun diagnóstico de empresa previo, que se determinen, conforme as seguintes condicións:

a) Poderá subvencionarse a implantación dos diagnósticos a que se refire o punto 1 anterior.

b) Igualmente poderase subvenciona-la implantación de diagnósticos promovidos por conta das pemes, debendo, en tal caso, o Igape aprobar previamente o seu contido que, como mínimo, deberá responder satisfactoriamente ó standard recollido no anexo IV a estas bases.

c) A subvención ascenderá ó 40% dos custos que se detallan na base sexta, cun límite máximo de 10.000.000 de pesetas por proxecto.

d) Non se subvencionarán aquelas propostas de implantación parcial que a súa menor entidade ou prioridade non contribúan significativamente ó cumprimento dos obxectivos principais fixados no diagnóstico previo.

Segunda.-Beneficiarios.

Segundo cada tipo de axuda, poderán ser beneficiarios:

1. As pequenas e medianas empresas (Pemes) que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Desenvolve-la súa actividade nalgún dos seguintes sectores:

-A transformación ou comercialización ó por maior das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

-A extracción, procesamento, transformación, producción ou comercialización por conxunto de minerais non metálicos.

-A industria transformadora, o comercio maiorista.

-As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

-A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionados con calquera das actividades sinaladas anteriormente.

b) Ter radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando este último caso sexa significativamente relevante.

c) Para os efectos destas bases, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

-Que teña menos de 250 traballadores.

-Que teña un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de A, ou ben, un balance xeral anual, activo total, non superior a 27 millóns de A.

-Que o seu capital non estea participado en máis dun 25% por empresas que non cumpran os requisitos anteriores, salvo que sexan sociedades públicas de investimento, sociedades de capital risco ou investidores institucionais, sempre que estes non exerzan ningún control sobre a empresa.

Esta definición adaptarase ás condicións que, se é o caso, estableza a Unión Europea.

2. As asociacións empresariais sen ánimo de lucro e cámaras oficiais de comercio, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, a solicitude de diagnóstico das cales vaia dirixida a algún dos seguintes sectores:

-Turismo.

-Comercio retallista.

-Artesanía.

Terceira.-Aplicacións orzamentarias, créditos dispoñibles e vixencia.

As axudas convocadas ó abeiro das presentes bases aboaranse con cargo ós orzamentos do Instituto Galego de Promoción Económica. Para o exercicio 2000 respectaranse os seguintes límites:

1. En relación coa prestación de servicios establecida no punto 1) da base primeira, para o ano 2000, poderanse aprobar ata un máximo de 50 proxectos dirixidos a pemes e ata un máximo de 10 proxectos dirixidos a asociacións empresariais e cámaras de comercio. Para este exercicio destinarase ó seu financiamento a cantidade global de 80 millóns de pesetas, con cargo á partida orzamentaria 02.02/01/03/04/687.

2. En relación coa subvención a fondo perdido establecida no punto 2) da base primeira, para o ano 2000 destinarase ó seu financiamento a cantidade global de 200 millóns de pesetas con cargo á partida orzamentaria 02.02/01/03/04/687.

3. As presentes bases apróbanse con vixencia indefinida. En tanto continúen en vigor, cada ano publicarase mediante resolución, o prazo de presentación de solicitudes, o límite de crédito dispoñible, o número máximo de estudios que se van realizar e as partidas orzamentarias asignadas ó seu financiamento. En tanto exista crédito dispoñible poderán realizarse sucesivas convocatorias no mesmo exercicio.

Cuarta.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. Para o exercicio 2000, o prazo para presentar solicitudes, segundo formato do anexo I, comezará o día 1 de setembro e rematará o 16 de outubro, ambos inclusive. As solicitudes poderanse presentar no rexistro xeral do Igape (Complexo Administrativo San Lázaro 15703, Santiago de Compostela) ou en

calquera das formas previstas no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.A) No caso de presentación de solicitudes para o servicio de diagnóstico integral da empresa, a instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

I. Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e da súa representación:

i) Se o solicitante é persoa xurídica, copia compulsada ou cotexada co seu orixinal da seguinte documentación:

a) Tarxeta de persoas xurídicas e entidades en xeral establecida en aplicación do Real decreto 2423/1995, do 25 de setembro.

b) Escritura de constitución, inscrita no rexistro competente.

c) Escritura de apoderamento do asinante da solicitude.

d) DNI do asinante da solicitude.

e) Último recibo pagado do IAE; para empresas de recente creación, alta no imposto.

f) Balance e conta de resultados correspondente ó último exercicio económico pechado. Eximirase da presentación desta documentación ás empresas de nova creación.

ii) Se o solicitante é persoa física deberá presentar copia compulsada ou cotexada co seu orixinal da seguinte documentación:

a) DNI do asinante da solicitude.

b) Último recibo pagado do IAE; en caso de que o alta no imposto teña unha antigüidade inferior a un ano e non se satisfixera ningunha anualidade, bastará coa copia da alta.

II. Memoria presentación da empresa.

III. Xustificación da necesidade do diagnóstico de acordo coa situación do solicitante, contorno e estratexia empresarial.

IV. Declaración do solicitante na que se fagan consta-las axudas obtidas e as solicitadas de calquera Administración, ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto obxecto da solicitude de axuda, segundo modelo do anexo II a estas bases.

B) No caso de presentación de solicitudes de subvención dos custos de implantación do diagnóstico previo á documentación dos epígrafes I.-II.-e IV.-do punto A) anterior, deberase engadir un exemplar do diagnóstico previamente elaborado, que deberá cumprimentar como mínimo os contidos sinalados no anexo IV.

3. Non será necesario presentar aquela documentación que xa conste no Igape, podendo este comprobar esta circunstancia de oficio ou por instancia

do solicitante, sempre e cando identifique o expediente onde xa conste actualizada.

Quinta.-Criterios de adxudicación.

1. Servicios de diagnóstico.

I) Tendo en conta que os servicios de estudios de diagnóstico se financiarán con cargo a un orzamento limitado e baixo o principio de concorrencia competitiva, establécense os seguintes criterios de méritos para a súa adxudicación:

A) Se o solicitante é unha peme.

a) 40 puntos, cando o diagnóstico se dirixa a algún dos seguintes subsectores:

i) Moble e mobiliario (CNAE 36.1).

ii) Industria alimentaria (CNAE 15).

iii) Fabricación e comercialización de productos de pedra e cerámica (CNAEs 26.2, 26.3, 26.4, 26.7 e 26.8).

iv) Fabricación de maquinaria (CNAE 29 agás 29.6; CNAE 30 e CNAEs 31.1 e 31.2).

b) 30 puntos cando o volume de facturación do solicitante sexa inferior a 100 millóns de pesetas.

c) 20 puntos cando o volume de facturación do solicitante se atope entre 100 e 150 millóns de pesetas.

d) 20 puntos cando o solicitante teña menos de 10 traballadores.

e) Ata 10 puntos, en consideración ó xuro estratéxico do proxecto.

B) Se o solicitante é unha asociación empresarial ou cámara de comercio.

a) O alcance do diagnóstico solicitado:

i) Ámbito local: 10 puntos.

ii) Ámbito plurilocal: 15 puntos.

iii) Ámbito comarcal: 20 puntos.

iv) Ámbito provincial: 30 puntos.

v) Ámbito rexional: 50 puntos.

b) Ata 50 puntos segundo os obxectivos e propósito detallados na solicitude de diagnóstico.

II. Os servicios adxudicaranse, ata o límite de crédito dispoñible, ós solicitantes que reunindo os requisitos establecidos na base segunda, acaden unha maior puntuación, podendo seren denegadas solicitudes por falta de crédito. En caso de igualdade de puntuación, a prioridade na concesión virá establecida por estricta orde de rexistro de entrada da solicitude.

2. Subvención ós custos de implantación de plans de mellora.

I. Será requisito previo e indispensable para a concesión da subvención unha avaliación e informe favorable sobre o diagnóstico previo que fundamenta a proposta de implantación. A dita avaliación reali

zarase en función do cumprimento dos requisitos mínimos descrito no anexo IV a estas bases, a calidade e profundidade da análise e a repercusión estratéxica que represente a implantación para a nosa Comunidade Autónoma.

II. As solicitudes que obteñan o informe favorable a que se refire o punto I anterior serán avaliadas baixo os seguintes criterios, debendo acadar unha cualificación mínima de 50 puntos porcentuais sobre 100 para seren considerados subvencionables:

a) O grao de maduración e definición do proxecto e o impacto previsto nos obxectivos empresariais (0-60 puntos).

b) O sector no que se desenvolva o proxecto, valorándose positivamente (+ 20 puntos) ós solicitantes que a súa actividade económica se encadre nalgún dos seguintes complexos de actividade:

-Mar-industria.

-Rochas ornamentais.

-Agro-industria.

-Téxtil.

-Automóbil.

-Telecomunicacións-audiovisual.

-Turismo.

-Silvícola-forestal.

-Madereiro.

-Ambiente.

c) A inclusión do proxecto en plans asociativos de empresas, valorándose positivamente se o solicitante pode xustifica-la colaboración formal con outras empresas galegas na realización do proxecto (+15 puntos).

d) A colaboración ou participación de universidades ou centros tecnolóxicos públicos, valorándose positivamente se o solicitante pode xustificar formalmente a dita colaboración (+5 puntos).

III. As subvencións concederanse, ata o límite de crédito dispoñible, ós solicitantes que reunindo os requisitos establecidos na base segunda e obtendo o informe favorable a que se refire o número I do punto 2 desta base, acaden unha maior puntuación, podendo ser denegadas solicitudes por falta de crédito. En caso de igualdade de puntuación, a prioridade na concesión virá establecida por estricta orde de rexistro de entrada da solicitude.

IV. Serán causa de denegación de subvención:

a) Solicitudes de apoio á implantación baseadas nun diágnostico previo que non sexa informado favorablemente.

b) Solicitudes de subvención para implantacións parciais non acordes coas prioridades que se establecen no diagnóstico.

c) Solicitudes de subvención para implantacións parciais menos significativas na consecución dos obxectivos establecidos no diagnóstico.

d) Esgotamento do crédito.

Sexta.-Custos subvencionables e prazo de xustificación para proxectos de implantación.

1. Consideraranse subvencionables os seguintes tipos de gasto devengados á empresa con posterioridade á presentación da solicitude de axuda no Igape e aboados polo beneficiario antes da data límite de xustificación da execución do proxecto establecida na resolución de concesión:

a) Gastos externos á empresa, de carácter intanxible, necesarios para a posta en práctica do proxecto de implantación aprobado.

b) Contratación de asesoramento externo especializado.

c) Adquisición de software específico ou contratación externa de software a medida cando o proxecto leve consigo a creación de sistemas informáticos de apoio á xestión. Exceptúase toda adquisición de software ofimático estándar ou paquetes multipropósito que excedan o ámbito de apoio específico e soporte do proxecto.

2. O prazo de xustificación, que será improrrogable, establecerase na resolución de concesión en función dos prazos previstos no proxecto de implantación aprobado, con indicación expresa de data de comezo e finalización. Con carácter xeral, poderanse presentar xustificantes de gasto ata dous meses despois da data de finalización do proxecto de implantación.

Sétima.-Tramitación.

1. Rematado o prazo de recepción de solicitudes, os servicios técnicos da Subdirección de Programas de Axuda á Innovación procederán á súa revisión.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos esixidos nestas bases, requirirán ó interesado para que nun prazo de 10 días hábiles desde o seguinte á recepción da notificación emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, se lle considerará desistido da súa petición, dictándose a correspondente resolución de arquivo.

3.A) Unha vez completados os expedientes de solicitude procederase á súa avaliación polos servicios técnicos da Subdirección de Programas de Axuda á Innovación, mellora da competitividade e cooperación empresarial, elevando o subdirector de Programas de Axuda á Innovación, mellora da competitividade e cooperación empresarial e a directora da Área de Financiamento proposta de resolución á directora xeral do Igape. A proposta de resolución conterá a avaliación da solicitude conforme os criterios establecidos na base quinta e en caso de concesión, os prazos máximos para a execución do diagnóstico ou a implantación, custos subvencionables e contía máxima da axuda.

B) No caso de expedientes de solicitude de subvención á implantación de diagnósticos previos, previamente á proposta de resolución e unha vez completo documentalmente o expediente, este remitirase a unha comisión técnica da que formarán parte, baixo a coordinación da Subdirección de Programas de Axuda á Innovación, mellora da competitividade e cooperación empresarial, o subdirector de difusión tecnolóxica e plans estratéxicos empresariais, o técnico responsable de programas do Igape, un experto designado polo C.E.E.I. Galicia, S.A. e un experto designado por Xesgalicia, Sociedade Xestora de Entidades de Capital-Risco, S.A., sen prexuízo doutros asesoramentos técnicos que se poidan solicitar por razón da materia. Esta comisión deberá emiti-lo seu informe no prazo de 15 días naturais.

4. O prazo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación destas bases. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. As resolucións de concesión deberán ser aceptadas por escrito polo beneficiario no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa notificación. En caso contrario, entenderase a renuncia do beneficiario, sendo dictada neste sentido, resolución de arquivo pola directora da Área de Financiamento.

Oitava.-Recursos.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto na Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o seguinte ó da súa notificación, se fora expresa e se non o fora o prazo será de seis meses e contarase a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer recurso potestativo da reposición ante o Consello de Dirección do Igape no prazo dun mes, se en acto fora expreso, e se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Novena.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 78.4º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e en particular:

1. Achegar toda a documentación xustificativa da realización do proxecto nos termos da resolución de concesión.

2. Facilita-las actividades auditoras que o Igape considere oportuno realizar ó longo do desenvolvemento do proxecto ou en calquera fase de desenvolvemento do procedemento, que poderán ser exercidas directamente polo Igape ou polas empresas, persoas ou entidades que este designe; e presentar nos prazos concedidos para o efecto toda a documentación e información que lle sexa solicitada en calquera momento polo Igape. Estas actividades auditoras poden ser, entre outras:

-Visitas ás instalacións nas que se realizou o proxecto.

-Acceso a toda a documentación relacionada co proxecto.

-Acceso ós rexistros internos da empresa, nos que se baseen as xustificacións técnicas e administrativas.

3. Notificarlle ó Igape no prazo máximo de dez días hábiles contados desde a data da súa recepción, de calquera acto administrativo (solicitude, resolución, pagamento, etc.) que recaese en calquera outro expediente relativo a subvencións destinadas ó mesmo proxecto.

4. O incumprimento das citadas obrigas poderá dar lugar á revogación da concesión e, se é o caso, ó reintegro do indebidamente percibido e os seus xuros de demora ou ó resarcemento dos danos e perdas causados ó Igape.

Décima.-Acceso restrinxido ós rexistros e documentos.

En atención á natureza estratéxica dos proxectos ós que se refiren as presentes bases, non poderá exercer por terceiros o dereito de acceso ós rexistros e ós documentos que formen parte dun expediente, de acordo co previsto no artigo 37.5º d) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX/PAC).

Undécima.-Modificacións.

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico do diagnóstico solicitado ou da implantación subvencionada, o beneficiario deberao comunicar con anterioridade á súa materialización solicitando a conformidade do Igape. A directora xeral poderá autoriza-la dita modificación sempre que se acredite o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que a modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda.

b) Que non exista prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial fosen tidos en conta para a concesión.

3. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se é o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido, cos seus xuros.

Décimo segunda.-Prórroga de prazos.

Salvo no que se refire ós prazos de xustificación da execución dos proxectos, os prazos para cumprimento de trámites poderán ser obxecto de ampliación de oficio ou por instancia dos interesados por un período que non exceda a metade destes. Os acordos de ampliación serán notificados ós interesados sen que contra estes caiba recurso ningún.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse en todo caso antes do vencemento do prazo de que se trate, non podendo en ningún caso ser obxecto de ampliación un prazo xa vencido.

Décimo terceira.-Xustificación e liquidación de subvencións a fondo perdido.

1. Antes do vencemento do prazo de xustificación do proxecto, establecida na resolución de concesión, o beneficiario deberá entregar no Igape a documentación xustificativa da finalización do proxecto, que deberá conter:

A) Con carácter xeral:

a) Solicitude de cobramento da subvención, segundo modelo do anexo III.

b) Memoria de execución do proxecto onde se faga patente a aplicación das estructuras implantadas.

c) Certificación bancaria da existencia e número de conta na que vaia ser ingresada a subvención.

d) Certificados oficiais de estar ó día das obrigas tributarias, dos pagamentos á Seguridade Social e de non manter débedas coa Xunta de Galicia.

e) Declaración actualizada de axudas concorrentes, segundo modelo do anexo II.

f) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada das facturas emitidas polos provedores de servicios, en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio e data límite de xustificación do proxecto.

g) Xustificación do pagamento efectivo das facturas anteriores, mediante:

i) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período comprendido entre a data de inicio e data de xustificación do proxecto e con vencemento no dito período. En caso de cheques, obrigas de paga

mento, letras ou documento equivalente, deberase acreditar así mesmo o efectivo ingreso do seu importe. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data de xustificación.

2. Nos trinta días hábiles seguintes á recepción completa da documentación xustificativa e comprobada polo Igape a correcta xustificación da realización do proxecto, procederase ó pagamento da subvención concedida. Por tanto, a subvención aboarase en liquidación única, unha vez executado o proxecto, xustificado o pagamento dos gastos subvencionables e cumpridas tódalas condicións establecidas na resolución individual de concesión.

3. No caso en que a documentación recibida polo Igape para a xustificación do proxecto presente algunha irregularidade ou se considere incompleta ou insuficiente para a xustificación do proxecto, o Igape poñerá en coñecemento do beneficiario as desviacións observadas, concedéndolle un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda. Se transcorrido ese período non se recibisen no Igape as ditas correccións, procederíase ó inicio de expediente de incumprimento, coherente coa xustificación incompleta previamente recibida.

Décimo cuarta.-Incumprimento de condicións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

3. O procedemento de incumprimento iniciarase de oficio por acordo da directora xeral do Igape e á vista do informe da directora da Área de Financiamento. Tamén se poderá iniciar como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan ou non atribuídas facultades de inspección na materia ou por denuncia.

4. Poderá decretarse incumprimento parcial, se se considera que tal incumprimento é de escasa entidade, non desvirtúa a finalidade da subvención ou non é imputable ó beneficiario. A resolución que o finalice establecerá as novas condicións da subvención e decretará, se é o caso, o reintegro do indebidamente percibido ata o dito momento, incrementadas cos correspondentes xuros de demora. A non presentación no prazo previsto da solicitude de cobramento e a documentación xustificativa da realización do proxecto será causa de incumprimento total.

5. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o disposto nos artigos 19 a 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

6. O procedemento entenderase caducado se no prazo de seis meses desde a iniciación non se dictase e notificase resolución expresa, sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a dita circunstancia de caducidade e ordenando o arquivo de actuacións, cos efectos previstos no artigo 92 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que dicte resolución declarando a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puideran ser constitutivos de infracción administrativa.

Décimo quinta.-Control.

Os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

Disposicións adicionais

Primeira.-O contido das presentes bases axustarase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o que, en tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica, axustándose ás directrices tanto horizontais como sectoriais dictadas pola comisión, así como, se é o caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas a España para o período 2000-2006.

Segunda.-Facúltase a directora xeral do Igape a dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do disposto nestas bases.

Disposición derradeira

As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Informacion descritiva preliminar

Proxecto Pimega

1. Título do proxecto proposto.

2. Información da empresa.

2.1. Persoa de contacto para o proxecto.

2.2. Teléfono directo, fax e E-mail.

2.3. Breve historial da empresa.

2.4. Cifra de negocio do último exercicio pechado.

2.5. Volume de exportacións no último exercicio.

2.6. Recursos propios.

2.7. Cash-flow xerado en cada un dos 3 últimos exercicios.

3. Información do proxecto proposto.

3.1. ¿Por que vai realizar este tipo de proxecto e non outro?

3.2. ¿Elaboraron algún plan estratéxico de empresa ou teñen algún diagnóstico da súa situación e perspectivas de futuro?

3.3. En caso de ser positiva nalgún aspecto a resposta á pregunta anterior, data de emisión e xuntar copia do documento.

3.4. ¿Teñen algún certificado de empresa (calidade, xestión ambiental ou seguridade industrial)? Se ten algún, xunte copia.

3.5. Breve resumo do proxecto proposto:

-Obxectivos concretos.

-Problemática empresarial para mellorar ou resolver.

-Incidencia prevista na estratexia da empresa.

-Colaboradores externos seleccionados.

4. Outras informacións que consideren importantes.

Nota:

-A extensión da información preliminar requirida non debe ser superior a 3 folios (á parte da copia de diagnósticos, plans estratéxicos ou certificados de empresa en caso de existiren).

-Para proxectos de tipo 1 e 2 da instancia de solicitude, só é necesario achega-la información da empresa, non do proxecto.

ANEXO IV

Requisitos mínimos de contido para proxectos

de diagnóstico

1. Empresa, negocio e contorno competitivo e complementario:

1.1. Breve historial evolutivo da Peme; contorno socioeconómico.

1.2. Descrición do(dos) tipo(s) de negocio que desenvolverá a empresa, segmentación e situación.

1.3. Organigrama completo e actualizado da empresa.

1.4. Ámbito(s) de desenvolvemento do(dos) negocio(s) da empresa.

1.5. Análise dinámica do sector e en particular nos ámbito(s) onde a empresa desenvolve o seu negocio. Impacto das novas tecnoloxías.

1.6. Análise de forzas competitivas xerais e no ámbito específico do(dos) negocio(s).

1.7. Factores de competitividade.

2. Procesos primarios e cadea de valor:

2.1. Definición e acotación de cada un dos procesos que interveñen en:

2.1.1.1. A(s) cadea(s) de valor da empresa.

2.1.1.2. Como apoio á(s) cadea(s) de valor.

2.2. Asignación de medios e recursos a cada un dos procesos identificados.

2.3. Organización dos procesos, tempos de ciclo, insumos, interdependencias.

2.4. Análise de esixencia de cada un dos procesos: especialización, tecnoloxías, cualificacións, fluxos de traballo...

2.5. Análise de obsolescencia nos procesos.

2.6. Diagnóstico xeral dos procesos e os seus protagonistas: infraestructuras, medios e recursos, tecnoloxías, xestión e organización.

3. Imaxe corporativa:

3.1. Grao de coñecemento da empresa polos clientes e pola sociedade.

3.2. Imaxe xerada pola empresa e polos seus productos ou servicios no seu contorno e no seu mercado.

4. Análise da estructura económico-financeira:

4.1. Análise de balance e contas de resultados, evolución recente e situación.

4.2. Análise comparativa da súa estructura co nivel medio de empresas do sector de similares dimensións.

4.3. Recomendacións para asegura-lo seu equilibrio.

4.4. Proxección de contas financeiras como consecuencia do (dos) proxecto(s) que se van desenvolver.

5. Matriz DAFO.

6. Plan de acción:

6.1. Obxectivos estratéxicos con base na análise DAFO.

6.2. Relación de accións que se van desenvolver, priorización e xustificación de prioridades en relación cos obxectivos estratéxicos. Clasificación en función da súa capacidade de desenvolvemento independiente do plan global.

6.3. Planificación temporizada do plan de acción: diagrama de barras e fitos fundamentais.

6.4. Definición detallada de cada acción individualizada:

6.4.1.1. Propósito, obxectivos e impacto previsto no plan global.

6.4.1.2. Xustificación de medios e recursos necesarios para desenvolve-la acción.

6.4.1.3. Tolerancia temporal de execución e implicacións previstas de atrasos no plan global e no futuro da empresa.

6.4.1.4. Beneficios cuantificados previstos trala implantación.

6.4.1.5. Estimación de custos, desagregados, xerados polo proxecto.

6.4.1.6. Análise económica-financeira.

6.4.1.7. Consideracións e proxeccións a medio e longo prazo.