Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 16 de agosto de 2000 Páx. 11.962

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2000 pola que se publicitan as bases da convocatoria de achegas para apoia-la organización de iniciativas de interese socioeconómico de carácter xeral, aprobadas por acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, e se convocan para o ano 2000.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no seu artigo 5, autoriza a este ente público para realizar toda clase de actividades económicas e financeiras co fin de apoiar e promover calquera acción que favoreza o desenvolvemento económico de Galicia. Así mesmo, o artigo 4 da citada lei, nos seus epígrafes ch), e m) establece, respectivamente, como funcións do Igape: favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas e, en xeral, apoiar e promover calquera tipo de actividades que contribúan á mellora do sistema productivo de Galicia, especialmente as de maior importancia estratéxica.

Froito de iniciativas públicas e privadas xorden actividades de interese socioeconómico de carácter xeral que poden contribuír á consecución dos obxectivos xerais do Igape e ó desenvolvemento das súas funcións. Faise necesario, por tanto, un marco regulador de carácter xeral que, por unha banda, asegure o apoio público naquelas actuacións de interese para a sociedade e, por outra, permita garanti-la necesaria concorrencia en tódalas actuacións de carácter público.

Por tódolo que antecede, logo da súa deliberación polo Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con data do 19 de xullo de 2000 aprobou as bases reguladoras que se xuntan á presente resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2000.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

BASES POLAS QUE SE REGULAN AS ACHEGAS DO IGAPE PARA

APOIA-LA ORGANIZACIÓN DE INICIATIVAS DE INTERESE

SOCIOECONÓMICO DE CARÁCTER XERAL

Primeira.-Obxecto e requisitos.

1. O Igape poderá realizar achegas para apoi-la organización de iniciativas de interese socioeconómico de carácter xeral.

2. As actividades obxecto de apoio deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) A súa realización deberá representar un interese socioeconómico de carácter xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O promotor das iniciativas non poderá acadar coa realización delas ningún tipo de lucro directo.

c) Non altera-lo principio de libre competencia.

d) Encadrarse dentro dalgún dos seguintes ámbitos de actuación:

-A difusión e sensibilización nos campos da tecnoloxía e a súa transferencia, da innovación e a creatividade.

-A divulgación e promoción da cooperación, a especialización e a concertación económica entre pemes.

-O fomento da cultura empresarial en tódolos ámbitos da sociedade

-A divulgación de técnicas de promoción exterior

-A organización de encontros empresariais ou sectoriais de interese estratéxico.

-Análise e estudios promovidos por asociacións empresariais ou similares para mellora-la información e as condicións de competitividade das empresas galegas.

e) As actividades encadradas no punto d) anterior poderanse concretar na organización de congresos, feiras, seminarios, elaboración de publicacións e estudios e outras actividades similares que constitúan un punto de encontro e reflexión entre diferentes sectores da actividade económica.

Segunda.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios todo tipo de entidades públicas ou privadas que vaian desenvolver, sen ánimo de lucro, actividades de interese socioeconómico de carácter xeral con incidencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios estarán obrigados a:

-Executa-las actividades previstas de acordo co expresado na memoria delas anexa á solicitude e dentro do prazo concedido para a execución delas.

-Cumpri-las condicións específicas de execución que na resolución de concesión se establezan.

-Facilita-la los labores de inspección e control que o Igape e a Consellería de Economía e Facenda, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designen, poidan realizar.

-Divulga-la colaboración do Igape nas actividades que se realicen.

Cuarta.-Contía da achega do Igape.

1. A achega do Igape non superará o 60% do custo dos custos da acción para entidades de carácter privado, podendo chegar ata o 90% para entidades de carácter público ou con participación maioritaria de fondos públicos.

2. En ningún caso, a achega do Igape poderá supor para o promotor ou promotores das actividades a obtención dun beneficio económico, minorándose, se é o caso, a achega inicialmente concedida ata garanti-la aplicación deste principio.

3. O Igape determinará o orzamento de realización das actividades, de acordo cos seguintes criterios:

a) Terán a consideración de custos orzamentables os externos directamente imputables ás actividades que se vaian realizar e os custos salariais internos e imputables a elas e que sexan previamente cuantificados e xustificados en horas e importe e aceptados polo Igape.

b) No caso da adquisición de bens ou servicios de uso xeral, só se computarán os custos claramente imputables á realización das actividades.

c) Os custos deberán estar valorados a prezos reais de mercado. O Igape poderá comprobar esta circunstancia por calquera dos medios ó seu alcance, incluídas valoracións do seus propios técnicos.

d) O IVE non formará parte dos custos orzamentables, salvo xustificación polo beneficiario da súa exención de cotización por este imposto, mediante certificado da Axencia Tributaria.

Quinta.-Criterios de adxudicación.

1. Para a determinación da contía da achega e a determinación das actividades como apoiables, teranse en conta os seguintes factores:

a) O grao de interese socioeconómico xeral das actividades previstas.

b) A adicionalidade na achega do Igape, no senso de que esta teña unha influencia relevante na decisión do promotor que vai realizar efectivamente estas.

c) O impacto previsible das actividades en relación co seu custo.

d) A extensión da realización das actividades previstas a toda a Comunidade Autónoma.

e) A existencia de financiamento complementario ás achegas do Igape.

f) O grao de madurez na definición das actividades previstas.

g) O nivel de innovación ou novidade que poidan supoñe-la realización das actividades previstas.

h) O carácter aberto e gratuíto das actividades previstas.

i) A experiencia e cualificación técnica do promotor ou dos seus colaboradores en relación coas actividades previstas.

j) A colaboración ou participación de universidades ou centros tecnolóxicos públicos.

2. A avaliación dos anteriores factores realizarase dunha forma conxunta e razoada, sendo condición necesaria para a aprobación da achega do Igape unha avaliación global positiva. A determinación da contía da achega, que poderá ser porcentual ós custos orzamentables ou de contía fixa realizarase á vista da avaliación global, pero valorando preferentemente os factores de interese xeral e adicionalidade.

Sexta.-Aplicacións orzamentarias e vixencia.

1. As achegas do Igape aboaranse con cargo ós orzamentos do Instituto Galego de Promoción Económica para o ano 2000, destinándose ó seu financiamento a cantidade global de 30 millóns de pesetas, correspondendo ás seguintes partidas orzamentarias 01.02 05/04/01 687; 01.02 05/03/01 676 e 01.02 05/05/04 688. A dita cantidade poderá ser incrementada en función das peticións presentadas, logo dos axustes orzamentarios necesarios e de acordo coa dispoñibilidade de créditos.

2. As presentes bases apróbanse cunha vixencia indefinida. En tanto continúen en vigor, cada ano publicarase mediante resolución o prazo límite de presentación de solicitudes, o límite de crédito dispoñible e as partidas orzamentarias asignadas ó seu financiamento.

Sétima.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. Para o exercicio 2000, o prazo para presentar solicitudes, segundo formato do anexo I rematará o 31 de outubro. As solicitudes poderanse presentar no rexistro xeral do Igape (complexo administrativo San Lázaro 15703, Santiago de Compostela) ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e da súa representación mediante copia compulsada ou cotexada da escritura ou acta de constitución e estatutos debidamente inscritos no correspondente rexistro público, así como copia compulsada ou cotexada do DNI do representante e da escritura do poder ou certificación onde consten as súas facultades de representación.

b) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal (CIF) da entidade.

c) Declaración xurada de atoparse ó día das súas obrigas tributarias, nos pagamentos á Seguridade Social e de non manter débedas coa Xunta de Galicia.

d) Memoria descritiva das actividades, que deberá conte-los elementos necesarios para a súa avaliación, de acordo coa base quinta das presentes bases. Non serán avaliados aqueles elementos que non figuren descritos na memoria.

e) Orzamento detallado de ingresos e gastos para o desenvolvemento das actividades previstas.

f) Non será necesario presentar aquela documentación que xa conste, actualizada, en poder do Igape,

podendo este comprobar esta circunstancia de oficio ou por instancia do solicitante.

Oitava.-Tramitación.

1. Os servicios técnicos da subdirección de difusión tecnolóxica e plans estratéxicos empresariais estudiarán as solicitudes a medida que se presenten no Igape e informarán sobre o cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos esixidos nestas bases, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, previa á correspondente resolución de arquivo.

3. Durante a fase de tramitación do expediente, o Igape poderá requirir do solicitante calquera documentación e/ou información que contribúa á avaliación da solicitude e/ou determinación do orzamento de realización das actividades previstas.

Novena.-Resolución e aceptación das axudas.

1. Á vista do informe técnico, o subdirector de Difusión Tecnolóxica e Plans Estratéxicos Empresariais e o director da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial elevarán proposta de resolución á directora xeral do Igape. As solicitudes resolveranse atendendo os criterios establecidos na base quinta, por orde do rexistro de entrada delas debidamente cubertas e en tanto en canto exista crédito dispoñible.

2. A resolución de concesión determinará a lo menos,

a) O importe do orzamento de realización das actividades.

b) A contía concedida, en base porcentual sobre custos orzamentables.

c) O prazo de execución das actividades previstas.

d) As condicións específicas de execución das actividades.

3. O Igape notificaralles ós solicitantes a resolución individual recaída para cada solicitude. Nos casos de resolución de concesión, esta deberá ser aceptada por escrito polo beneficiario no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte a súa notificación. No caso contrario entenderase que o beneficiario renuncia á concesión dictándose neste senso resolución de arquivo polo director da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial.

Décima.-Recursos.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o seguinte á publicación destas bases.

O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima ó interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedentes instruídos ó abeiro do disposto nestas bases, esgotarán a vía administrativa, polo que de conformidade co previsto na Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-admi

nistrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o seguinte ó da súa notificación se fora expresa, e se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes, se o acto fora expreso, se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Décimo primeira.-Execución das actividades.

1. As actividades previstas deberán realizarse no prazo ou prazos que se establezan na respectiva resolución individual de concesión con cumprimento, se é o caso, das condicións e prescricións establecidas nela, nas presentes bases ou demais normativa de aplicación.

O promotor das actividades deberá comunicarlle ó Igape con polo menos quince días de antelación, as datas significativas de realización das actividades previstas, e poderá o instituto designar persoal propio para participar gratuitamente nas ditas actividades, nos termos que se acorden, sen prexuízo das actividades de inspección e control que xulgue oportuno realizar.

2. As actividades previstas non poderán comezar con anterioridade á presentación da solicitude de axuda.

En ningún caso se eximirá ó beneficiario das obrigas de xustificación contidas na resolución de concesión, podendo incorrer en causa de incumprimento total ou parcial naqueles casos en que, por terse realizado as actividades previamente á resolución de concesión, non se puideran xustificar adecuadamente conforme as obrigas contidas na resolución.

Décimo segunda.-Xustificación e liquidación da achega do Igape.

1. Para o aboamento da súa achega o beneficiario deberá presentarlle ó Igape, dentro dos tres meses seguintes ó vencemento do prazo concedido na resolución de concesión para a realización das actividades, unha única solicitude de aboamento axustada ó modelo que se xunta como anexo II, achegando a seguinte documentación:

1. Certificación bancaria do número de conta de que sexa titular o beneficiario na que se vaia ingresa-la achega do Igape.

2. Informe de avaliación e desenvolvemento das actividades previstas.

3. Se é o caso, documentación xustificativa do cumprimento das condicións específicas determinadas na resolución de concesión.

4. Declaración xurada, emitida polo representante legal do beneficiario onde consten, detallados, os gastos e ingresos reais motivados pola realización das actividades previstas.

5. Documentación xustificativa de atoparse ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

6. Xustificación do gasto executado polo beneficiario, mediante:

-Relación de facturas achegadas como xustificación, especificando para cada unha delas: data de emisión, razón social e CIF do provedor, importe, medio ou medios de pagamento utilizados para cancelación delas e data ou datas de pagamento.

-Orixinal ou copia compulsada o cotexada das facturas emitidas dentro do prazo de execución das actividades previstas, nas que consten claramente especificados ós conceptos delas, con relación ó orzamento de realización das actividades previstas. As facturas deberán ser individualizadas para os conceptos de custo considerados como apoiables, non sendo admitidas como xustificación facturas nas que aparezcan custos apoiables e non apoiables.

-Xustificantes bancarios de pagamento efectivo das facturas anteriores, individualizados por factura e provedor. As datas de pagamento efectivo deberán estar comprendidas entre a data de presentación da solicitude de axuda e un prazo máximo de tres meses seguintes ó vencemento do período de realización das actividades previstas.

-Para o caso dos custos internos salariais imputables á realización das actividades, achegarase certificación do representante legal do beneficiario relativa a imputación deles ás actividades efectivamente realizadas, achegando, ademais copia das nóminas do persoal implicado durante o período de realización das actividades, en concordancia coas condicións establecidas na resolución de concesión.

2. Os servicios técnicos da Subdirección de difusión tecnolóxica e plans estratéxicos empresariais procederán a realiza-la liquidación provisional da axuda concedida á vista da documentación achegada polo beneficiario. No caso de que os custos xustificados sexan inferiores ós orzamentados e sempre e cando esta minoración non supoña unha realización deficiente da acción, a achega do Igape reducirase proporcionalmente. Se a liquidación provisional non coincidise coa solicitude de cobro do beneficiario, será comunicada ó beneficiario, concedéndolle un prazo de dez días hábiles para aceptala ou formular alegacións. O procedemento continuará coa emisión de resolución modificatoria se existe acordo entre Igape e o beneficiario, ou en caso contrario, de acordo co disposto na base décimo quinta.

3. Poderanse conceder anticipos, cos límites e requisitos recollidos na lexislación vixente na data da solicitude del.

Décimo terceira.-Modificacións.

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión, á obtención de subvencións o axudas outorgadas por otras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O presidente do Igape poderá autoriza-la dita modificación sempre que se acredite o cumprimento do seguintes requisitos:

a) Que a modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da acción.

b) Que non exista prexuízo a terceiros.

a) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido no expediente inicial fosen tidos en conta para a concesión.

3. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se é ou caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido, cos seus xuros.

Décimo cuarta.-Prórrogas dos prazos de execución e xustificación.

Tódolos prazos de execución e xustificación definidos nas presentes bases poderán ser prorrogados por un período non superior á metade do prazo inicialmente concedido, sempre e cando conste no Igape unha solicitude do beneficiario debidamente razoada e documentada con anterioridade suficiente, a xuízo do Igape, para a emisión de resolución de prórroga de prazo antes do vencemento do prazo inicial.

Décimo quinta.-Incumprimento de condicións.

1. No caso de que o resultado da actividade non se axustase ós datos que figuran na solicitude, se incumprise algunha das obrigas contidas nas presentes bases, na resolución de concesión, ou no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, incoara-se un procedemento de incumprimento, que en virtude da súa gravidade poderá dar lugar, logo da audiencia dos interesados, ó reintegro total ou parcial das cantidades, se é o caso, percibidas e o seus xuros de demora, sen prexuízo doutras responsabilidades nas que tivese incorrido o beneficiario.

2. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobro o disposto nos artigos 19 a 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Así mesmo, os beneficiarios estarán sometidos ó réxime de infraccións e sancións do artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Décimo sexta.-Control.

Os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe o Igape e as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e o Tribunal de Contas. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos ditos organismos.

Disposición adicional

Facúltase a directora xeral do Igape a dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do disposto nas presentes bases

Disposición derradeira

A presentes bases entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.