Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 16 de agosto de 2000 Páx. 11.960

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de xullo de 2000 pola que se modifica a autorización do centro privado Vigo de Redondela (Pontevedra), segundo os datos que se especifican no anexo.

Examinado o expediente instruído por instancia de José Álvarez Carpintero, en representación da titularidade do centro privado Vigo de Redondela (Pontevedra), no que solicita a modificación da autorización consistente en reducir 4 unidades de educación secundaria obrigatoria e a implantación de 4 unidades de bacharelato das modalidades de humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía; e cam

bia-lo ciclo formativo de grao medio de acabados de construcción polo ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento e aplicación de proxectos de construcción.

Resultando que o centro privado Vigo de Redondela, conta con autorización definitiva para impartir 3 unidades de educación infantil do 2º ciclo, 6 unidades de educación primaria, 8 unidades de educación secundaria obrigatoria, e os ciclos formativos de grao medio de xestión administrativa, comercio, electromecánica de vehículos, equipos electrónicos de consumo e acabados de construcción, segundo Orde do 19 de maio de 1997 (DOG do 10 de xuño).

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo; o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño) polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; Orde do 21 de decembro de 1999 (DOG do 31-1-2000), pola que se regulan determinados aspectos relativos a autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica; Decreto 296/1999 (DOG do 18-11-1999), polo que se desenvolven determinados aspectos dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de

setembro de 1995 (DOG 15 de decembro), que desenvolve o antedito decreto.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la modificación da autorización do centro privado Vigo de Redondela (Pontevedra), reducindo 4 unidades de educación secundaria obrigatoria e implantando 4 unidades de bacharelato das modalidades de humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía; e cambia-lo ciclo formativo de grao medio de acabados de construcción polo ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento e aplicación de proxectos de construcción, segundo os datos que se especifican no anexo.

Segundo.-Mentres non se extinguen as ensinanzas de FP2, segundo o calendario de aplicación da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral

do sistema educativo, poderán seguir impartindo as ensinanzas de segundo grao da rama: electricidade-electrónica; especialidade: electrónica industrial e da rama: delineación; especialidade: delineación en edificios e obras.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia en dito centro.

Cuarto.-O centro que se autoriza por esta orde deberá cumpri-la Norma Básica da Edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada polo Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29 de outubro). Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.

Quinto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.

Sexto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Redondela.

Localidade: Rande.

Enderezo: A Formiga s/n.

Código do centro: 36018033.

Denominación: centro privado Vigo.

Titular: Sociedad Mercantil Colegio Vigo, S.A.

Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 3 unidades.

b) Centro de educación primaria: 6 unidades.

c) Centro de educación secundaria:

-4 unidades de educación secundaria obrigatoria.

-4 unidades de bacharelato das modalidades de humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía.

d) Centro de formación profesional específica:

-Familia profesional: administración.

1 ciclo formativo de grao medio de xestión administrativa (1 unidade para 30 alumnos).

-Familia profesional: comercio e márketing.

1 ciclo formativo de grao medio de comercio (1 unidade para 30 alumnos).

-Familia profesional: mantemento de vehículos autopropulsados.

1 ciclo formativo de grao medio de electromecánica de vehículos (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

-Familia profesional: electricidade e electrónica.

1 ciclo formativo de grao medio de equipos electrónicos de consumo (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

-Familia profesional: edificación e obra civil.

1 ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento e aplicación de proxectos de construcción (2 unidades para 20 alumnos/unidade).

Formación profesional de segundo grao:

-2 unidades da rama: electricidade-electrónica; especialidade: electrónica industrial.

-2 unidades da rama: delineación; especialidade: delineación en edificios e obras.