Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 16 de agosto de 2000 Páx. 11.959

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de xullo de 2000 pola que se autoriza o centro privado Karbo da Coruña, para imparti-lo ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos.

Examinado o expediente instruído por instancia do titular do centro privado Karbo da Coruña, no que solicita autorización para imparti-lo ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos, en horario non simultáneo coas ensinanzas que xa ten autorizadas.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo; Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio) polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; Decreto 296/1999 (Diario Oficial de Galicia do 18 de novembro), polo que se desenvolven determinados aspectos dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia; Orde do 21 de decembro de 1999 (Diario Oficial de Galicia do 31-1-2000), pola que se regulan determinados aspectos relativos á autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 133/1995, do 10 de maio (Diario Oficial

de Galicia do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro) que o desenvolve.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado Karbo da Coruña para poder imparti-lo ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos, en quenda de tarde-noite, segundo se especifica no anexo desta orde.

Segundo.-Mentres non se extinguen as ensinanzas de FP2, segundo o calendario de aplicación da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, poderán seguir impartindo as ensinanzas da rama administrativa e comercial.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.

Quinto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Localidade: A Coruña.

Enderezo: Ramón Cabanillas, 2.

Código do centro: 15004231.

Denominación: centro privado Karbo.

Titular: Ramón Carrasco Navarro.

Ensinanzas que se autorizan:

Quenda: tarde-noite:

Familia profesional: informática.-1 ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos (2 unidades para 20 postos escolares/unidade).

Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 3 unidades.

b) Centro de educación primaria: 7 unidades.

c) Centro de formación profesional específica:-3 ciclos formativos de grao medio de xestión administrativa (3 unidades, 30 postos escolares/unidade).-3 ciclos formativos de grao medio de comercio (3 unidades, 30 postos escolares/unidade). -2 unidades de FP2 da rama: administrativa e comercial.

Quenda: tarde-noite.-1 ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos (2 unidades para 20 postos escolares/unidade).