Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 16 de agosto de 2000 Páx. 11.954

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xuño de 2000 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2000/2001, nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos.

Co obxecto de fixa-lo calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2000/2001 nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos, da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPOÑO:

* Calendario escolar.

Artigo 1º.-Aprobación.

Apróbase o calendario escolar para o curso 2000/2001 coas especificacións que se sinalan.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación en tódolos centros da Comunidade Autónoma de Galicia de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos.

Artigo 3º.-Duración do curso académico.

1. O curso escolar abranguerá desde o día 1 de setembro de 2000 ata o 31 de agosto do 2001.

2. Nos primeiros días do mes de setembro e ata o día 12, realizaranse as probas e sesións de avaliación correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 1999/2000 para os alumnos de bacharelato, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

3. Os alumnos de bacharelato, COU, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial que non puideran matricularse no prazo ordinario poderán facelo no prazo extraordinario, que abranguerá desde o día 1 ata o 14 de setembro.

Artigo 4º.-Comedores escolares.

1. Os comedores escolares funcionarán desde o día 1 de outubro de 2000 ata o 30 de maio de 2001, ámbolos dous inclusive.

2. Os delegados provinciais poderán autoriza-la modificación das datas de inicio e final do servicio de comedor escolar naqueles centros nos que concorran circunstancias excepcionais que así o aconsellen.

Artigo 5º.-Actividades lectivas.

1. En educación infantil, educación especial e educación primaria, as clases comezarán o día 15 de setembro e rematarán o 21 de xuño.

2. En educación secundaria obrigatoria, no bacharelato, COU e formación profesional as actividades lectivas comezarán o 22 de setembro e rematarán o 15 de xuño. Non obstante o anterior, para o segundo curso de bacharelato e COU as actividades lectivas rematarán de acordo coas datas previstas para as probas de acceso á universidade; para a formación profesional as actividades lectivas rematarán de acordo

cos requirimentos horarios establecidos para cada ciclo formativo.

3. Nas ensinanzas de réxime especial as actividades lectivas comezarán o 22 de setembro e non rematarán antes do 31 de maio.

4. Os delegados provinciais, por circunstancias concretas de organización, poderán autoriza-la modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas.

Artigo 6º.-Períodos vacacionais.

1. As vacacións de Nadal abranguerán desde o día 22 de decembro de 2000 ata o día 7 de xaneiro de 2001 (ámbolos dous inclusive).

2. As vacacións de Semana Santa abranguerán desde o día 9 ata o 16 de abril do ano 2001 (ámbolos dous inclusive).

3. Considéranse períodos non lectivos os días correspondentes ó Entroido, luns e martes (días 26 e 27 de febreiro de 2001).

Artigo 7º.-Días festivos.

1. Son días festivos os así declarados pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 1.31º do Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro (BOE do día 7).

2. Considéranse días non lectivos para efectos académicos, ademais das festas laborais de carácter local publicadas por resolución da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, as festividades correspondentes ós patróns de cada nivel de ensino:

-24 de outubro de 2000: Santo Antonio Mª Claret (escolas de arte).

-22 de novembro de 2000: Santa Cecilia (conservatorios de música).

-27 de novembro de 2000: San Xosé de Calasanz (centros de E. primaria)

-28 de xaneiro de 2001: San Tomás de Aquino (centros de E. secundaria e bacharelato). Esta festividade trasladarase ó 29 de xaneiro.

-31 de xaneiro de 2001: San Xoán Bosco (centros de formación profesional).

3. Os centros que imparten máis dun nivel de ensino deberán unificar nunha única xornada as festividades correspondentes ós distintos patróns; circunstancia que deberán comunicar por escrito a Inspección educativa con antelación suficiente para o seu coñecemento.

Artigo 8º.-Conmemoracións.

1. Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:

-Do 11 ó 17 de decembro: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

-10 de decembro: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

-30 de xaneiro: Día da Paz.

-8 de marzo: Día Internacional da Muller.

-14 de marzo: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

-Do 2 ó 6 de abril: Semana da Prensa. Un día desta semana declárase con xornais.

-Entre o 3 e o 23 de abril: Día do Libro.

-7 de abril: Día Mundial da Saúde.

-9 de maio: Día de Europa.

-Do 14 ó 18 de maio: Semana das Letras Galegas.

-5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente.

Estas datas son lectivas para tódolos efectos.

2. Sen prexuízo do anterior, os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salienta-la importancia das referidas conmemoracións. No caso de que algunha coincida en festivo, trasladarase ó día lectivo inmediatamente anterior.

Artigo 9º.-Días non lectivos de libre disposición.

Os consellos escolares dos centros así como os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica, ata dous días non lectivos que deberán preverse na programación xeral do centro. A dita petición deberá facerse antes do día 31 de outubro, ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen, logo de informe da Inspección educativa, resolverá o que proceda.

É desexable que os centros da mesma localidade elixan os mesmos días non lectivos, para o que se buscará o consenso entre tódolos centros para a selección destes dous días.

Artigo 10º.-Modificación do calendario escolar.

Calquera modificación que se precise facer ó calendario escolar deberá ser solicitada ó delegado provincial polo centro interesado, alomenos con quince días de antelación, que, logo do informe da inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o procedente.

* Inicio do curso.

Artigo 11º.-Actividades de programación.

Desde o comezo do curso ata o inicio das clases o profesorado, ben individualmente, ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondente, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na elaboración da programación xeral anual, na revisión dos proxectos educativos e curriculares e na organización do curso. Nese período os departamentos didácticos, baixo a coordinación e dirección do respectivo xefe de departamento, dedicaranse a elabora-la programación didáctica das ensinanzas correspondentes ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento, e a organiza-lo curso escolar.

Artigo 12º.-Xornada escolar.

A xornada escolar será a establecida pola lexislación vixente para cada unha das etapas e niveis. Non obstante o anterior, aqueles centros que combinen o servicio de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización do delegado provincial

da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un horario que, coas adaptacións necesarias, permita garanti-lo axuste e perfecta coordinación dos centros co dito servicio. Estes centros comunicaranlle ó delegado provincial a proposta de horario escolar para o curso 2000-2001, debendo resolver este antes do inicio das clases.

Durante os meses de setembro e xuño establecerase a xornada lectiva continuada en horario matinal nos centros que impartan educación infantil ou educación primaria, ou infantil e primaria, ou primaria e secundaria obrigatoria, ou infantil, primaria e secundaria obrigatoria, ou educación especial.

En tódolos centros referidos será de aplicación este tipo de xornada, agás nos casos que teñan autorización expresa do delegado provincial para outro tipo de xornada.

* Final de curso.

Centros de educación infantil, de educación primaria, de educación infantil e primaria e públicos integrados:

Artigo 13º.-Actividades non lectivas.

O período comprendido entre o 22 e o 30 de xuño será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elabora-las actas de avaliación, os informes individualizados, os informes para as familias e a cubri-los libros de escolaridade; todo o profesorado permanecerá no centro ata o día 29 de xuño, inclusive.

Artigo 14º.-Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción.

A fin de que os pais ou titores dos alumnos dispoñan dun prazo para exerce-lo dereito a presentar reclamación, se é o caso, contra as cualificacións finais, ou decisións de promoción, segundo establece o punto 11 do capítulo IV do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997 (DOG do 2 de setembro) para os alumnos de educación infantil e primaria, e a Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro) para os alumnos de educación secundaria obrigatoria, a sesión de avaliación final dos alumnos terá lugar o día 21 de xuño, e a comunicación ás familias do resultado da avaliación farase o día 22 de xuño.

Artigo 15º.-Procedemento de acceso de alumnos de educación primaria ós institutos de educación secundaria.

1. Os alumnos que rematen a educación primaria e tivesen feita a reserva de praza prevista no punto segundo da Orde do 5 de abril de 1995 (DOG do 10 de maio) quedarán automaticamente admitidos, sen necesidade de novo proceso de admisión, no instituto de educación secundaria ó que estea adscrito o centro de educación primaria.

2. Estes alumnos, xunto cos admitidos mediante o proceso de admisión previsto na citada Orde do 5 de abril de 1995, deberán formaliza-la súa matrícula no instituto de educación secundaria correspondente do 15 ó 30 de xuño, de conformidade co establecido no punto décimo sexto de dita orde. Transcorrido este prazo, entenderase que o alumno non matriculado renuncia á praza.

3. O director do instituto de educación secundaria receptor solicitará ós directores dos colexios de educación primaria a documentación correspondente ós alumnos que formalizaron a matrícula no instituto que dirixe. Mentres tanto, toda a documentación académica quedará depositada no colexio de educación primaria.

Institutos de educación secundaria e centros de ensinanzas de réxime especial:

Artigo 16º.-Calendario final do curso.

1. Os claustros dos centros sinalados elaborarán un calendario das actividades docentes para o final de curso 2000-2001, de acordo coas instruccións que seguen.

2. Os directores dos centros citados enviarán ós servicios provinciais da Inspección, antes do 15 de maio, un resumo do calendario aprobado polo claustro conforme os modelos recollidos nos anexos a esta orde. As inspeccións comunicarán as modificacións, se fose o caso, ós centros que proceda antes do 30 de maio, para que os directores as dean a coñecer ó profesorado para o seu cumprimento.

3. Ademais das actividades docentes lectivas, o calendario aprobado polo claustro deberá incluír, ata esa data, as actividades docentes referidas ás probas de avaliación, sesións de avaliación conxunta, recuperacións, etc.

Artigo 17º.-Horario do profesorado para o mes de xuño.

1. O profesorado dos institutos de educación secundaria seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 15 de xuño incluído.

2. A partir do 18 de xuño e ata o 30 inclusive, as direccións dos institutos de educación secundaria poderán modifica-los horarios dos profesores para adecualos ás actividades establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección (avaliacións finais, entrega de cualificacións, atención a reclamacións, etc.). En todo caso, as direccións dos centros deben garanti-la atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, realizadas dentros dos prazos previstos na Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro) para educación secundaria obrigatoria e bacharelato e no punto 10.2º da Orde do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto) para os alumnos de FP, norma que tamén será de aplicación para os alumnos de ensinanzas de réxime especial.

3. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros de ensinanzas de réxime especial poderán adapta-los horarios dos profesores ás necesidades específicas de cada centro. Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesor.

Artigo 18º.-Sesións de avaliación da ESO, bacharelato, FP e COU.

1. As sesións de avaliación final dos alumnos da ESO e do primeiro curso de bacharelato LOXSE terán lugar a partir do 18 de xuño.

2. As datas de avaliación de COU e do segundo curso de bacharelato LOXSE adecuaranse ás datas previstas para as probas de acceso á universidade.

3. Unha vez realizadas as avaliacións, poderán continua-las clases de COU e do segundo curso de bacharelato LOXSE nas disciplinas que fose necesario ata a realización das probas de acceso á universidade e, con este fin, quedan autorizadas as direccións dos centros para introduciren modificacións nos horarios dos profesores e grupos de alumnos afectados.

Artigo 19º.-Proba extraordinaria de suficiencia do mes de maio.

Os alumnos de FP, COU e 2º bacharelato LOXSE con disciplinas pendentes de cursos anteriores serán convocados a unha proba extraordinaria de suficiencia durante o mes de maio.

Artigo 20º.-Probas para alumnos libres de BUP e de FP.

Os exames para alumnos libres de bacharelato unificado e polivalente e de formación profesional de segundo grao terán lugar do 15 ó 30 de xuño e do 1 ó 15 de setembro.

Artigo 21º.-Probas finais nas ensinanzas de réxime especial.

1. Nas escolas de arte as probas de suficiencia terán lugar entre os días 1 e 7 de xuño. Os exames libres e, eventualmente, as probas de reválida correspondentes ó plan de estudios de 1963, realizaranse a partir do día 12 de xuño.

2. Na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia os exames finais do curso realizaranse a partir do día 12 de xuño e os exames correspondentes á convocatoria de setembro terán lugar entre os días 1 e 8 de setembro.

3. As escolas oficiais de idiomas realizarán as probas finais ós alumnos oficiais entre os días 1 e 7 de xuño. As probas para alumnos libres dos ciclos elemental e superior terán lugar a partir do día 8 de xuño. As probas de nivel de coñecemento do idioma terán lugar do 15 ó 30 de xuño.

4. Os conservatorios de música e os conservatorios de danza realizarán as avaliacións conxuntas dos alumnos do plan de estudios LOXSE entre os días 1 e 7 de xuño. Os exames oficiais correspondentes a plans de estudios anteriores á LOXSE terán lugar entre os días 8 e 14 de xuño. Os exames libres realizaranse entre o 15 e o 21 de xuño. A proba de acceso ó grao medio LOXSE realizarase entre o 22 e o 30 de xuño.

Artigo 22º.-Actas de avaliación final.

1. Os secretarios dos centros deberán remitirlle á delegación provincial correspondente fotocopias autenticadas das actas de avaliación final de tódolos cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, se é o caso, antes do día 15 de xullo de 2001.

2. As actas correspondentes ós cursos que teñan convocatoria extraordinaria (setembro) enviaranse antes do 15 de setembro.

* Outras disposicións.

Artigo 23º.-Memorias de final de curso.

1. Os directores dos centros de educación infantil e de educación infantil e primaria enviarán ó servicio provincial de Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo a memoria anual do centro a que se refire o punto 5 do capítulo I do anexo a Orde do 22 de xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos organizativos e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro). Isto mesmo será de aplicación ós centros públicos integrados, en tanto non se desenvolve o seu regulamento orgánico.

2. Os directores dos institutos de educación secundaria enviarán ó servicio provincial de Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo, a memoria anual do centro a que se refire o punto 43 das instruccións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 2 de agosto de 1997 (DOG do 1 de setembro).

3. Os directores dos centros de ensinanzas de réxime especial, en aplicación da disposición transitoria primeira da citada Orde do 2 de agosto de 1997, elaborarán ó longo do mes de xuño, logo do informe dos respectivos claustros, unha memoria que recolla o grao de consecución dos obxectivos fixados na programación xeral anual, as dificultades atopadas e as medidas correctoras introducidas, se é o caso. A devandita memoria, con informe do consello escolar do centro, enviarase ó servicio provincial de Inspección na primeira semana de xullo e terase en conta á hora de elabora-la programación do curso seguinte sobre todo para programar novamente obxectivos non acadados ou acadados parcialmente no curso anterior e articular novos medios para logralos.

Artigo 24º.-Libros de texto.

Os centros deberán observa-las normas fixadas no Decreto 89/1993, do 19 de abril (DOG do 2) polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para as ensinanzas de réxime xeral, e máis no artigo 8.2º do Decreto 247/1995, do 14 de setembro (DOG do 15), polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios, que establece que os materiais que se empreguen nas áreas ou materias que se deben impartir na lingua propia de Galicia terán que estar normalmente en galego. Para tal efecto expoñerán no taboleiro de anuncios, na primeira quincena de xuño, a relación de libros e material didáctico impreso que se utilizará no curso 2000-2001. Unha copia da dita relación será enviada ó servicio provincial da Inspección educativa antes do día 24 de xuño. Así mesmo, observarase a prohibición de venda e/ou distribución de

libros e material didáctico nos centros, tanto por persoal propio, como por persoas alleas a eles.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria