Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 14 de agosto de 2000 Páx. 11.939

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 99/7-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

-Solicitante: Unión Fenosa, S.A.

-Enderezo social: avda. García Barbón, 38, 36201 Vigo.

-Denominación: L.M.T. San Xulián de Vea.

-Situación: A Estrada.

-Descricións técnicas: L.M.T., aérea, a 20 kV, de 1.661 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios de formigón, desde a L.M.T. A Estrada-Vea ata o C.T. de San Xulián de Vea, Concello da Estrada.

Realizada a información pública e a notificación individual a cada un dos propietarios afectados, presentan alegacións os propietarios dos predios 11, 13, 21, 26 e 27.

O propietario do predio nº 11 indica que a liña cruza o seu predio e solicita que se varíe o trazado para o que presenta un esbozo coa variación. Deuse traslado do escrito á empresa eléctrica e esta contesta que a liña discorre pola traza da xa existente, que o predio vese mellorado pola retirada dun poste de madeira e que a liña pasa por un extremo do predio. Envíase copia do escrito ó propietario e este insiste en que se leve a cabo a variación que propuxo no seu primeiro escrito. Trasladada copia á empresa esta ratifícase no expresado anteriormente, engadindo que para realiza-la variación proposta, e no caso de non existir dificultades técnicas, ten que te-la conformidade previa dos propietarios afectados, xa que se incrementan as afeccións. Enviada copia do escrito ó propietario este non presenta novas alegacións.

O propietario dos predios 13 e 21 manifesta non ter inconveniente no paso da liña sempre que os apoios estan situados no lindeiro dos predios polo que habería que facer variación. Deuse traslado do escrito á empresa e esta contesta que para varia-lo trazado, caso de ser tecnicamente posible, é necesario achega-la conformidade previa dos novos propietarios afectados, que o apoio que se vai a colocar substitúe a un existente de madeira e que a variación non é posible por facer ángulo a liña no seu punto,

ocasionando novas afeccións e ampliando existentes que xa chegaron a un acordo. Trasladado o escrito ó propietario dos predios este reafírmase na súa negativa de non deixar coloca-lo apoio noutro lugar que non sexa o lindeiro do predio. Enviado este último escrito á empresa esta ratifícase no que manifestou anteriormente. Trasládase copia do escrito ó propietario e este non presenta novas alegacións no prazo establecido para iso.

O propietario dos predios 26 e 27 solicitan variación do trazado da liña, para o que presenta tres alternativas posibles. Enviada copia do escrito á empresa eléctrica esta contesta dicindo que se porá en contacto co propietario para estudiar sobre o terreo as variacións propostas. A empresa eléctrica diríxese novamente a esta delegación aceptando a variación do trazado entre os postes 6 e 7, mantendo a localización actual do apoio 7. Deuse traslado do escrito ó propietario non contestando este no prazo establecido para iso.

Considerando que respecto ás alegacións dos propietarios dos predios 11, 13 e 21 os que solicitan unha variación do trazado e que dado coñecemento á compañía eléctrica, esta indica en ámbolos casos que sería necesaria a conformidade dos novos afectados, o que non foi xustificado, e tendo en conta que se trata dunha modernización dunha liña existente e que, polo tanto, xa existente unha servidume e que a solución adoptada evita establecer unha nova, e que respecto ós predios 26 e 27 chegouse a un acordo co propietario para o paso da liña.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997 do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV dos decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, esta delegación provincial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran no mesmo e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan nos expedientes.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente o seu dereito.

Pontevedra, 27 de xuño de 2000.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial de Pontevedra