Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 14 de agosto de 2000 Páx. 11.938

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 97/369-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

-Solicitante: Unión Fenosa, S.A.

-Enderezo social: García Barbón, 38, 36201 Vigo.

-Denominación: L.M.T,, C.T. e R.B.T. Areas.

-Situación: Tomiño.

-Descricións técnicas: L.M.T., aérea, a 20kV, de 359 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios de formigón, desde un apoio a substituír da L.M.T. derivación Torrón-derivación Piñeiro ata o C.T. que se proxecta en Areas, Concello de Tomiño. C.T. de 100 kVA, relación de transformación 20 kV-380/220 V. R.B.T., aérea, de 375 m de lonxitude, con conductor tipo R.Z., sobre apoios de formigón.

Realizada a información pública e a notificación individual a cada un dos propietarios afectados, presenta alegacións o do predio núm. 9 no seu nome e en representación de outros propietarios (predios 1, 2, 4, 5, 6, 8, 8/1, 11, 12, 13, 14 e 16) e os da 15 e 17.

O propietario do predio 9 manifesta que tanto el como o resto dos veciños que representa non coñecen a traza da liña, polo que necesitan un plano desta para poder valora-lo pexuízo que lles causa. Enviada copia do escrito á empresa eléctrica, esta contesta que enviou o plano da liña e ademais que o actual trazado escolleuse entre os tecnicamente posibles como o menos prexudicial para o conxunto da zona e que a servidume de paso dunha liña non impide ó dono deste, cercalo, plantar ou edificar nel deixando a salvo a dita servidume. Enviada copia do escrito da empresa ós afectados, estes non contestaron no prazo establecido para iso.

O propietario do predio 15 propón que se varíe o trazado da liña e de ser imposible a variación, que se pase a liña polo extremo do seu predio. Enviada copia do escrito á empresa eléctrica esta contesta que o predio 15 só está afectada no voo por 24

ml e 240 m, e que a liña sobrevoa o predio por un extremo o que non impide a construcción sempre que se garden as distancias de seguridade. Enviouse copia do escrito da empresa ó propietario do predio e este non presentou novas alegacións.

O propietario do predio 17 propón que se modifique trazado da liña levándoa por terreos municipais e acompaña plano da modificación. Trasladado o escrito á empresa eléctrica, esta contesta que se porá de acordo co propietario do terreo para estudiar conxuntamente a viabilidade do cambio do trazado. Recíbese posterior escrito da empresa eléctrica e este delegación diríxese ó alegante comunicándolle que para poder realiza-la variación o titular do predio servinte ten que achegar, previamente, a conformidade dos novos propietarios afectados pola variación, tendo en conta que esta non pode ser superior en lonxitude ou altura ó 10% da parte da liña afectada pola variación e o mesmo sucede co orzamento. O propietario non presentou novas alegacións unha vez rematado o prazo regulamentario.

Tendo en conta que unha vez coñecida a traza, os afectados representados polo propietario do predio 9 non fan posteriores alegacións, e que o propietario do predio núm. 15, unah vez aclarada a afección e que esta non impide a construcción no suposto solar, tampouco realiza alegación ningunha, e que por último, o propietario do predio 17 que solicita un cambio de trazado non xustifica nin acompaña permisos dos novos afectados pola posible variante.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997 do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV dos decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, esta delegación provincial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran no mesmo e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan nos expedientes e en relación co condicionado establecido polo Concello de Tomiño, teranse en conta os artigos 15 do Decreto 2617/1966 e do Decreto 2619/1966.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente o seu dereito.

Pontevedra, 26 de xuño de 2000.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial de Pontevedra