Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 08 de agosto de 2000 Páx. 11.741

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 21 de xullo de 2000 pola que se regula o procedemento para a transmisión da titularidade do permiso de actividade en establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre.

No Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre, establécese que os establecementos amparados polo citado permiso poderán ser transmitidos conxuntamente con este, logo de autorización da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Por iso, procede desenvolve-lo procedemento que regule a transmisión do permiso de actividade nos establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados en terreos de dominio público ou privado que non sexan marítimos ou marítimo-terrestres.

Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitude da transmisión.

A) Transmisión mortis causa.

1. No caso de falecemento do titular do establecemento, os seus habentes causa comunicaranllo á Administración no prazo de tres meses, a partir do feito causante da sucesión, indicando expresamente

a data de defunción, e deberán manifestar ante a Administración o seu propósito de subrogarse nos dereitos e obrigas daquel, no prazo máximo dun ano contabilizado desde a data do falecemento.

2. A solicitude (modelo anexo I) irá acompañada do orixinal, ou fotocopia cotexada, da seguinte documentación:

a) Acreditación da representación, e documento nacional de identidade (DNI) do representante, para efectos das relacións entre a comunidade herdeira e a consellería.

b) DNI dos herdeiros.

c) Xustificante de que se realizouse a liquidación da correspondente taxa administrativa por tramitación.

d) Certificado de defunción.

e) Certificado do Rexistro de Últimas Vontades.

f) Copia autenticada do testamento ou declaración de herdeiros.

g) Caderno particional da herdanza, de se-lo caso.

h) Solicitude ou carta de pagamento do imposto de sucesións e doazóns ou do imposto de transmisións patrimoniais, de se-lo caso.

i) Xustificación de que o adquirente dispón da capacidade técnica axeitada ós requirimentos do establecemento.

B) Transmisión inter vivos.

1. A solicitude da autorización para a transmisión inter vivos faraa o titular do establecemento ou o seu representante.

2. A solicitude (modelo anexo II) irá acompañada do orixinal, ou fotocopia cotexada, da seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade do solicitante.

a.1) Persoa física: DNI.

a.2) Persoa xurídica: DNI do representante e acreditación da representación coa que actúa.

b) Acreditación da personalidade do adquirente:

b.1) Persoas físicas: DNI. No caso de propiedade compartida, proindivisos ou gananciais, achegaranse copias cotexadas do DNI de tódolos copartícipes ou, de se-lo caso, de ámbolos dous cónxuxes.

b.2) Persoas xurídicas: escritura da constitución ou modificación, inscrita no Rexistro Mercantil, no suposto de sociedades mercantís, e dos estatutos ou acto fundacional polo que se rexe, inscritos no correspondente rexistro oficial, de se lo caso, así como acreditación da representación e do DNI do seu representante.

c) Xustificante de que se realizou a liquidación da correspondente taxa administrativa por tramitación.

d) Xustificación de que o adquirente dispón da capacidade técnica axeitada ós requirimentos do establecemento.

C) Dominio público marítimo-terrestre.

Se o establecemento ocupa terreos de dominio público marítimo-terrestre, o titular deberá obter previamente a autorización para a transmisión da concesión de ocupación.

A solicitude realizarase mediante instancia (modelo anexo III) dirixida expresamente ó órgano titular do dominio, xunto cunha copia da documentación requirida na alínea A ou B, segundo corresponda.

D) Presentación dos documentos.

A solicitude de transmisión do permiso de actividade e a do dominio públio marítimo-terrestre, de se-lo caso, presentarase:

2.a) No rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nas súas delegacións territoriais e comarcais.

2.b) De calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Tramitación.

1. Se a solicitude de iniciación non reunise os requisitos esixidos, a delegación correspondente á localización do establecemento requirirá o interesado para que no prazo de dez días repare a falta ou remita os documentos preceptivos, con indicación expresa de que se así non o fixese, será considerado desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, citada.

2. Completada a documentación, solicitarase o preceptivo informe técnico-biolóxico, así como todos aqueles que se estime necesarios en función das características do establecemento. Recibidos os informes avaliarase o expediente e elaborarase a correspondente resolución.

Artigo 3º.-Resolución.

1. A decisión sobre a autorización para a transmisión da titularidade adoptará a forma de resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Nela indicarase expresamente que pon fin á vía administrativa e que contra dela se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da publicación ou notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 46 e seguintes da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 13 de xullo de 1998.

2. O prazo máximo para notifica-la resolución expresa será de seis meses. Aínda que o vencemento do prazo sen se notifica-la resolución expresa non exime á Administración da obriga de resolver, de non producirse esta no citado prazo poderase entender estimada por silencio administrativo, salvo aquelas das que a estimación tivera como consecuencia que se transfiran ó solicitante ou a terceiros facultades relativas ó dominio público, caso no que o silencio terá efecto desestimatorio.

Artigo 4º.-Publicación.

A resolución favorable publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e conterá como mínimo os seguintes puntos:

a) Tipo de transmisión.

b) Vixencia do título habilitante, con indicación da data da finalización.

c) Nome, apelidos e DNI/ CIF do antigo titular.

d) Nome, apelidos e DNI/ CIF do novo titular

e) Indicación de que o novo titular se subroga no prazo, dereitos e obrigas do anterior.

Artigo 5º.-Efectos da transmisión.

1. Nos cambios de titularidade mortis causa, o novo titular queda subrogado nos dereitos e obrigas do anterior no momento da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de autorización.

3. Nos cambios de titularidade inter vivos, o titular do establecemento deberá presentar no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, orixinal ou copia cotexada da seguinte documentación:

a) Documento notarial da transmisión ou doazón.

b) Solicitude ou carta de pagamento do imposto de transmisións patrimoniais ou do imposto de sucesións e doazóns.

Transcorrido o prazo indicado, sen presenta-la documentación requirida, a autorización quedará sen efecto, logo de comunicación por parte da consellería.

O novo titular subrógase nos dereitos e obrigas do anterior desde o momento da formalización da compravenda en escritura pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas complementarias ás que o cumprimento desta disposición poida dar lugar.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2000.

Amancio Landín Jaraíz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura