Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 04 de agosto de 2000 Páx. 11.642

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de xullo de 2000 pola que se convocan estadías formativas en empresas ou institucións para o curso 2000-2001, destinadas a funcionarios docentes non universitarios e se aproban as súas bases de concesión.

O artigo 56 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros e, na súa disposición adicional terceira, sinala que as administracións educativas proverán os recursos necesarios para garantir, no proceso de aplicación da lei, a inclusión de actividades, como poden se-las estadías en empresas, para asegurarlles a tódolos profesores ó longo da súa vida profesional a posibilidade de acceder a períodos formativos fóra do centro escolar.

Así mesmo, o actual proceso de implantación da nova formación profesional, estructurada en ciclos formativos nos que se establece con carácter obrigatorio e avaliable un período de formación en centros de traballo, fai necesario que os profesores teñan previamente un coñecemento directo dos procesos productivos que se desenvolven nas empresas, as novas tecnoloxías que incorporan e as realizacións profesionais dos traballadores nos diferentes postos de traballo, para, deste xeito, perfila-lo programa formativo que os alumnos deberán realizar no módulo de formación en centro de traballo. Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proponse satisface-las devanditas necesidades formativas, co obxectivo, en todo caso, de consegui-la mellora do sistema educativo a través da formación dos seus profesionais.

Durante estes últimos anos vénse ofertando esta modalidade de formación do profesorado , destinadas a funcionarios docentes non universitarios e convocada mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria baixo a denominación de estadías formativas en empresas ou institucións. Precisamente a experiencia levada a cabo con esta acción evidencia un axeitado procedemento de actualización de coñecementos e ó mesmo tempo unha forma de acerca-lo profesorado que imparte clases en formación profesional específica ó mundo productivo e ós avances tecnolóxicos de que dispoñen as empresas galegas.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Convocatoria.

Primeiro.-Convócanse estadías formativas en empresas ou institucións para o curso 2000-2001, dirixidas a funcionarios docentes de formación profesional específica destinados en centros dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as condicións e a distribución que se establecen e relacionan nesta orde.

Segundo se trate de empresas ofertadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou empresas e prazas distintas das anteriores e propostas polo interesado, establécense dúas modalidades:

Tipo A: estadías formativas nas empresas acollidas a este programa, que se relacionan no anexo I.

Tipo B: estadías formativas noutras empresas ou institucións cun mínimo de 5 traballadores. Neste caso, o profesorado deberá concertar coa empresa o contido e duración da estadía e presentará un proxecto segundo o esquema recollido no anexo III.

Candidatos.

Segundo.-Os funcionarios deberán pertencer a algunha das especialidades do profesorado para impartir módulos de formación profesional específica, segundo o R.D. 1635/1995, do 6 de outubro e o R.D. 777/1998, do 30 de abril, ou estaren adscritos a prazas dalgunha das especialidades indicadas, así como aqueles que estean a impartir clases en formación profesional específica.

En todo caso, a estadía solicitada estará relacionada coa súa actividade docente.

Condicións.

Terceiro.-Os candidatos deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Estar en situación de servicio activo e prestar servicios durante o curso 1998-1999 e 1999-2000 en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Ser funcionario de carreira ou funcionario en prácticas nalgún dos corpos e escalas ós que se alude no punto segundo desta orde. En casos excepcionais, e sempre que queden vacantes, logo de asigna-las prazas a funcionarios, os interinos que estean a impartir clases durante o curso 2000-2001 en módulos asociados a unha unidade de competencia dos ciclos formativos de formación profesional específica, poden solicitar unha estadía de 2 semanas de duración; sempre e cando se xustifique a súa necesidade inmediata e a vista das características do módulo, ciclo e centro no que imparte clases.

3. Non ter que realiza-lo servicio militar ou servicio social substitutivo no período de realización da estadía en empresas.

4. Non ter realizado estadías formativas en empresas durante os 2 últimos cursos académicos outorgadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

5. Non estar a desfrutar nin ter concedida no curso 2000/2001 licencia por estudios, xa que se consideran incompatibles para realizar no mesmo período de vixencia das estadías formativas en empresas ámbalas dúas modalidades de formación.

Solicitudes e documentación.

Cuarto.-Os candidatos a realiza-las estadías formativas en empresas que se convocan deberán presenta-la súa solicitude segundo o modelo do anexo II, e acompañada da documentación que se indica a continuación:

1. Folla de servicios, segundo modelo do anexo VI, certificada pola delegación provincial correspondente e pechada no 30 de setembro de 2000, e que será solicitada e tramitada polo interesado.

2. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no anexo IV desta orde.

3. Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo IV.

4. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente nin os que se aleguen fóra do prazo ó que se refire o punto quinto da presente convocatoria.

Prazo de presentación.

Quinto.-O prazo de presentación, tanto para a modalidade A como para a B, rematará o día 6 de setembro de 2000 para as estadías que desenvolvan entre o 20 de setembro de 2000 e o 31 de decembro de 2000. Para estadías que se desenvolvan durante o ano 2001 (desde o 1 xaneiro ó 30 de xuño) o prazo de presentación rematará o día 8 de novembro de 2000. As solicitudes, xunto coa documentación, deberán presentarse a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos

antes de que se proceda á súa certificación.

As oficinas receptoras remitiranlle os expedientes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional), San Lázaro 107, s/n, 15771, Santiago de Compostela, dentro das corenta e oito horas seguintes á súa recepción.

Informe da Inspección.

Sexto.-Cerrado o prazo de presentación de solicitudes, o servicio provincial de inspección educativa emitirá o correspondente informe por instancia da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, segundo o modelo que aparece como anexo V a esta orde. Este informe deberá ser remitido á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, no prazo de 5 días naturais e será preceptivo á hora de valora-la autorización da solicitude.

Sétimo.

1. O mencionado informe do servicio de inspección referirase ós seguintes aspectos:

a) Organización da súa actividade docente (programación, metodoloxía, utilización de recursos, criterios de avaliación, actividades extraescolares, etc.).

b) Participación no funcionamento dos centros (traballo cos equipos docentes, departamentos, seminarios, colaboración cos órganos de goberno, titorías, etc.).

c) Participación en programas educativos de innovación e reforma.

2. O resultado deste informe traducirase nunha valoración global de cero a tres puntos.

Comisión de selección.

Oitavo.

1. A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos, que será o presidente.

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa ou persoa en quen delegue.

-O xefe do servicio de formación do profesorado.

-A xefa de servicio de formación en empresas e orientación laboral

-Un inspector de Educación.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

2. Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente nomeará un representante que poderá asistir ás sesións da comisión con voz e sen voto.

3. A comisión poderá dispo-la constitución de subcomisións técnicas especializadas só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos relacionados nos números 1 e 4 do anexo IV.

Resolución da convocatoria.

Noveno.-A comisión seleccionadora realizará unha selección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo IV desta convocatoria.

1. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente ós seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 2 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 3 do baremo.

2. A relación dos preseleccionados farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos edificios administrativos de San Caetano e San Lázaro, e nos das delegacións provinciais, abríndose un prazo de dez días naturais para efectuar reclamación. Transcorrido este prazo, unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións, a comisión seleccionadora elevará ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a proposta de resolución para cada un dos dous períodos desta convocatoria, xunto coa acta ou actas definitivas con expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia logo de resolve-las estadías autorizadas para o segundo período.

No mesmo prazo establecido no parágrafo anterior, poderán presentarse renuncias á concesión das estadías en empresas perante a mencionada comisión seleccionadora.

Décimo.-Unha vez resolta esta convocatoria, soamente se admitirán renuncias ás actividades concedidas en casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O profesorado que non participe na actividade para a que foi seleccionado perderá a súa preferencia para participar nas vindeiras tres convocatorias da actividade, agás nos casos excepcionais autorizados.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses desde a data da publicación desta convocatoria no DOG.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Períodos de duración das estadías formativas en empresas.

Décimo primeiro.-O período de duración das estadías para a modalidade A será o indicado no anexo I para cada empresa.

Para as estadías que se concedan pola modalidade B, a duración estará comprendida entre 15 días e 2 meses.

Décimo segundo.-Ó finaliza-lo período da estadía, os profesores beneficiarios presentarán ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días contados desde a finalización da estadía realizada, unha memoria do traballo individual desenvolvido, no que se farán constar, entre outros, e como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Descrición do proceso productivo. Perfís profesionais que participan diferenciados segundo os niveis de cualificación.

b) Realizacións máis significativas de cada perfil profesional.

c) Tecnoloxías utilizadas e a súa presencia no equipamento de cada ciclo formativo (valoración da súa necesidade ou conveniencia de incorporalo).

d) Cambios que se prevén no sistema productivo (evolución da competencia profesional).

e) Programa de formación en centros de traballo que se podería realizar nesa empresa e nos diferentes ciclos formativos da súa familia profesional.

f) Posible formación do profesorado que podería desenvolve-la empresa ou traballadores dela na oferta de formación específica dirixida ó profesorado e que se considera interesante dada a profesionalidade detectada no ámbito de cada empresa.

g) Valoración da estadía de formación: aspectos positivos e aspectos que se deben mellorar.

Décimo terceiro.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria disporá das memorias dos traballos realizados de acordo coa lexislación vixente sobre propiedade intelectual.

Unha copia da memoria será enviada pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional á empresa na que cada profesor realizou a estadía.

Situación administrativa e compromisos dos seleccionados.

Décimo cuarto.-Durante a estadía na empresa os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias. O profesorado seleccionado terá dereito, de acordo co establecido na Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo), a unha bolsa de asistencia por día sempre e cando a actividade se desenvolva fóra do concello onde está situado o centro educativo de destino ou do concello onde teña o seu domicilio habitual.

A contía da bolsa que percibirá por día de asistencia á empresa será a que se indica a continuación, tendo en conta a distancia en quilómetros de ida e volta entre o seu domicilio habitual e a empresa:

a) Menos de 30 quilómetros: 1.750 ptas./día.

b) Entre 31 e 50 quilómetros: 2.250 ptas./día.

c) Entre 51 e 75 quilómetros: 3.000 ptas./día.

d) Entre 76 e 100 quilómetros: 3.650 ptas./día.

e) Máis de 101 quilómetros: 4.500 ptas./día.

En todo caso, a contía máxima que poderá percibir en concepto de bolsa de asistencia non poderá supera-la cantidade de 150.000 ptas.

As bolsas serán aboadas nun pagamento, unha vez finalizadas as actividades e entregada a memoria, coa certificación do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral de estar realizada a actividade de acordo co establecido na presente orde.

Décimo quinto.-As bolsas de asistencia aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322S.640.1 e por un importe máximo de 17.850.000 ptas.

Décimo sexto.-Os profesores realizarán durante a súa estadía na empresa o horario productivo que esta teña establecido.

Décimo sétimo.-Durante o período de estadía na empresa ou en institucións os profesores estarán acollidos á Mutualidade de Funcionarios do Estado e ás pólizas de seguro de accidentes e responsabilidade civil subscritas pola Xunta de Galicia.

Décimo oitavo.-Durante o período de estadía formativa en empresas os profesores non terán vínculo ou relación laboral coa empresa ou institución de acollida, nin poderán ocupar un posto de traballo dentro do seu cadro de persoal, polo que quedarán excluídos da lexislación laboral.

Décimo noveno.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional remitiralles ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha relación dos profesores e do período de tempo que estean realizando as estadías formativas nas empresas, para o seu envío á Inspección de Traballo.

Vixésimo.-A concesión de autorización para estadías en empresas implicará a incompatibilidade con calquera outra actividade pública ou privada.

Vixésimo primeiro.-O non cumprimento do disposto nesta convocatoria poderá dar lugar á revogación da correspondente estadía formativa, sen

prexuízo da posible incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Seguimento.

Vixésimo segundo.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, a través dos servicios de inspección de educación, efectuará o adecuado seguimento e control das estadías formativas.

Certificación.

Vixésimo terceiro.-Segundo o disposto no número 14.2º da Orde do 13 de decembro de 1994 (DOG do 13 de xaneiro de 1995), pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro de actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións, os profesores que realicen unha estadía formativa en empresas ó abeiro desta orde, con avaliación positiva, obterán a seguinte certificación:

1. Estadías formativas ata 15 días de duración: certificación de 20 horas de formación.

2. Estadías de 16 a 29 días de duración: certificación de 35 horas de formación.

3. Estadías formativas de 30 a 44 días de duración: certificación de 50 horas de formación.

4. Estadías formativas de 45 a 59 días de duración: certificación 70 horas de formación.

5. Estadías formativas de máis de 59 días de duración: certificación de 80 horas de formación.

Retirada da documentación.

Vixésimo cuarto.-Durante o mes de decembro de 2000 os concursantes poderán retira-la súa documentación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (rúa San Lázaro, 107-Santiago de Compostela), directamente ou a través de persoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdendo todo dereito sobre ela.

Vixésimo quinto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde e, asemade, para prorrogar automaticamente o período de presentación de solicitudes de non cubrirse totalmente na presente convocatoria, dentro do curso 2000-2001.

Vixésimo sexto.-Os directores e directoras dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta orde sexa coñecida por todo o profesorado destinatario desta convocatoria.

Vixésimo sétimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria