Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 04 de agosto de 2000 Páx. 11.639

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de xullo de 2000 pola que se convocan axudas para realizar ensinanzas de formación profesional específica de grao medio en familias profesionais con escasa demanda por parte do alumnado durante o curso 2000-2001.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, ó abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

Pola súa banda, o Decreto 213/1998, do 10 de xullo, atribúelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, entre outras competencias, o establecemento das normas e orientacións precisas para a efectividade das ensinanzas de formación profesional.

As permanentes e cada vez máis dinámicas transformacións económicas e tecnolóxicas, así como os cambios nas estructuras da organización empresarial, poñen de manifesto a necesidade de contar con recursos humanos cualificados e permanentemente actualizados, e así contribuír á xeración e mantemento do emprego.

Co fin de favorece-lo necesario equilibrio entre os profesionais que precisa o mercado laboral e a cualificación dos traballadores, faise necesario potenciar entre a xuventude aquelas familias profesionais e ciclos formativos de grao medio das ensinanzas regradas de formación profesional específica que, aínda sendo pouco demandadas polo alumnado, contan con perspectivas de inserción laboral.

Co obxecto de propiciar que o alumnado coñeza e asuma as tendencias actuais do mercado laboral, convócanse axudas que estimulen a escolla de opcións profesionais mediante as que poderá incorporarse con máis facilidade ó primeiro emprego.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Convócanse axudas para alumnos e alumnas que desexen iniciar durante o curso académico 2000-2001 ensinanzas de formación profesional específica de grao medio das seguintes familias profesionais:

-Actividades agrarias.

-Actividades marítimo-pesqueiras.

-Edificación e obra civil.

-Fabricación mecánica.

-Industrias alimentarias.

-Madeira e moble.

-Mantemento e servicios á producción.

-Téxtil, confección e pel.

Segundo.-Para poder solicitar estas axudas ó estudio será necesario estar matriculado por primeira vez nalgún ciclo formativo de grao medio das familias profesionais indicadas no artigo primeiro, en centros de educación secundaria da Comunidade Autónoma sostidos con fondos públicos.

Terceiro.-As axudas serán concedidas con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.481.0 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, por un importe máximo de 20.000.000 de pesetas.

Cuarto.-A contía das axudas concedidas será única e ascenderá a 60.000 pesetas por alumno e curso académico.

Quinto.-No suposto de que houbese máis peticionarios con dereito a axuda que crédito dispoñible, farase unha selección de aspirantes en función da puntuación total acadada ó aplica-los baremos dos puntos sexto e sétimo desta orde. En caso de igualdade de puntuación total teñen preferencia os solicitantes que conten con menores ingresos familiares.

Sexto.-A puntuación que se adxudicará ós solicitantes por ingresos familiares (ingresos brutos da unidade familiar dividido entre o número de membros computables), será a seguinte:

-Ata 600.000 pesetas: 10 puntos.

-De 600.001 a 850.000 pesetas: 8 puntos.

-De 850.001 a 1.100.000 pesetas: 6 puntos.

-De 1.100.001 a 1.500.000 pesetas: 4 puntos.

-De 1.500.001 a 2.000.000 de pesetas: 2 puntos.

-Máis de 2.000.000 de pesetas: 0 puntos.

Sétimo.-A puntuación por rendemento académico será a media resultante de aplica-los seguintes valores ás cualificacións do último curso:

Sobresaliente: 10 puntos.

Notable: 8 puntos.

Ben: 6 puntos.

Suficiente: 5 puntos.

Oitavo.-As solicitudes de axuda ó estudio presentaranse entre o 1 de setembro e o 6 de outubro de 2000, segundo o modelo que se recolle no anexo I desta orde, ó que se xuntará:

-Fotocopia cotexada da declaración da renda das persoas físicas correspondente ó exercicio tributario do ano 1999 dos membros da unidade familiar, así como certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria da Base Impoñible.

-No caso de non teren realizado a declaración da renda das persoas físicas no correspondente exercicio, deberán xunta-lo certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria conforme non presentaron a dita declaración, o modelo 104, así como a certificación de imputacións de renda.

-Certificación de empadroamento no concello de residencia do solicitante.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no centro onde os alumnos vaian cursa-los estudios.

As secretarías deses centros remitirán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, rúa San Lázaro 107, 15771 Santiago de Compostela, dentro dos 5 días naturais seguintes ó da finalización do prazo, as solicitudes de axudas, ás que xuntarán certificación de que o alumno quedou matriculado no curso para o que solicita axuda e de que os datos académicos e administrativos son certos.

Noveno.-A selección das peticións levarase a efecto por unha comisión integrada por:

-A directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

-O subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos, que substituirá a directora xeral en caso de ausencia.

-A xefa do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral.

-O xefe do Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

-Un membro dos servicios de Inspección educativa designado pola Inspección central.

-Un director dun centro de educación secundaria que imparta ensinanzas de formación profesional específica, designado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Décimo.-A comisión, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación de axudas á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, que dictará a oportuna resolución.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 7 de novembro, comunicará ós interesados a concesión ou denegación da axuda, abríndose un prazo de reclamación de 10 días naturais. As reclamacións serán resoltas no prazo dun mes pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Décimo segundo.-Resoltas as reclamacións formuladas, as adxudicacións terán carácter definitivo. Contra esta resolución cabe recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Décimo terceiro.-As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Décimo cuarto.-As axudas efectuaranse nun só pago, a través de conta ou cartilla de aforro abertas a nome do beneficiario ou da persoa que teña a súa representación legal.

O pagamento da axuda require a aceptación previa por parte do beneficiario e o compromiso de que seguirá as avaliacións continuas durante o curso 2000-2001.

Antes do 21 de novembro o alumno remitirá á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional:

O anexo II relativo á aceptación previa da subvención concedida e ó compromiso de segui-las avaliacións continuas durante o curso para o que se lle concede a subvención.

Unha certificación respecto da percepción ou non doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para efectos do disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa (DOG do 31).

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que

modifica o artigo 78 do texto da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Décimo quinto.-O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral con cargo a fondos públicos.

Décimo sexto.-A falsidade dos datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos do solicitante e a correspondente devolución da cantidade total percibida, sen prexuízo doutras responsabilidades ás que houber lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Décimo sétimo.-Os directores dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta orde sexa coñecida por tódolos membros da comunidade educativa e porque os beneficiarios cumpran cos requisitos establecidos. Así mesmo, a inspección educativa asesorará os centros na tramitación da presente orde e velará polo seu estricto cumprimento.

Décimo oitavo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria