Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 02 de agosto de 2000 Páx. 11.500

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á renovación da flota e á modernización dos buques pesqueiros.

O Regulamento (CEE) nº 3760/1992 do Consello, do 20 de decembro, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e a acuicultura (DOCE do 31-12-1992), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999 do Consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación da pesca (DOCE do 26-6-1999), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30-12-1999), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun Estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a logra-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) número 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións, e regúlase o procedemento de concesión de axudas á renovación da flota e á modernización dos buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

A finalidade específica destas axudas é a de contribuír á reducción da idade e actualización da flota

pesqueira de Galicia, para incrementa-la competitividade das unidades extractivas e o desenvolvemento de empresas economicamente viables, mellorando o abastecemento e revalorizando os productos da pesca mediante a incentivación da construcción de novos buques pesqueiros, que substitúan outros xa existentes, ou a introducción de certas modificacións nestes últimos.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado nos artigos 6 e 9 e demais disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca e, na normativa básica do Estado.

En particular, e para ter acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumpri-las condicións e criterios de intervención estipulados nos puntos 1.1.3 ou 1.1.4 do anexo III, do citado regulamento (CE) número 2792/1999.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo as aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Co obxecto de que os investimentos se realicen dentro do ano de concesión da axuda, a convocatoria anual farase no exercicio orzamentario anterior, rexida polas bases e condicións establecidas nesta orde e axustándose ó disposto para a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

No ano 2000, será con cargo á aplicación 12.03.723.A.771.0 do orzamento vixente e cun importe máximo de 300.000.000 ptas. polo que respecta á renovación da flota pesqueira artesanal, e con cargo á aplicación 12.03.723.A.770.0 polo que respecta ó resto da renovación e modernización, cuns importes máximos respectivamente de 2.621.494.400 e 655.373.600 ptas.

As axudas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares dunha autorización de construcción para un novo buque pesqueiro de máis de 5 metros de eslora total, expedida pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia e que estea en vigor na data de apertura do prazo de presentación de solicitudes para a selección de expedientes de nova construcción.

Tamén poderán se-los propietarios de buques pesqueiros existentes que os modernicen introducindo modificacións en aspectos subvencionables, nas que nunca se incluirán reparacións, reposicións, nin material usado.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios, ó formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e a súa contabilización e, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios, e de se-lo caso administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes delas, seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

O importe do investimento subvencionable será a menor destas tres cantidades: a do custo total previsto polo interesado para a obra ou obras subvencionables; a do resultado de aplica-lo baremo previsto no cadro 1 do anexo IV do Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro, -duplicado no caso da construcción- e que se transcribe como anexo I desta orde; a que se obtén ó valora-las obras que se van subvencionar con criterios técnico-económicos obxectivos e homoxéneos, para o que se poderán pedi-los correspondentes informes.

A axuda será unha porcentaxe, nunca superior ó corenta por cento, do investimento subvencionable.

Manterase a axuda pero minorarase, na fase de pagamento, se o investimento material realizado e/ou pagado é, por causa xustificada, dunha entidade e/ou contía inferior á que se considerou elixible, e na mesma proporción.

A axuda non se modificará aínda que as obras efectivamente realizadas sexan superiores ou dun

custo maior cós tomados en consideración para a concesión daquela.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de axudas están en relación coa finalidade específica destas, de modo que son prioritarios aqueles expedientes que mellor a cumpran.

Estes criterios, desde o punto de vista cualitativo desenvólvense a continuación, considerando separadamente a renovación da flota pesqueira artesanal -que ten unhas características específicas- a renovación de tódalas outras flotas -en ámbolos dous casos de barcos de máis de quince anos- e, a modernización -de barcos de entre seis e vintenove anos, ou de máis idade só para obras de mellora das condicións de traballo e de seguridade-, contados en todo caso no ano da convocatoria.

Os buques achegados como baixa, ou que teñan solicitada prima por paralización definitiva ou constitución de sociedade mixta, non poderán ser subvencionados para a súa modernización.

1. Renovación da flota pesqueira artesanal.

Estes expedientes, que son os correspondentes a solicitudes que conten cunha autorización de construcción para un barco novo de menos de 12 metros de eslora total, seleccionaranse en función de:

a) A idade da baixa ou a media ponderada da idade das baixas presentadas.

b) O número de barcos presentados como baixa, se é igual ou superior a dous.

c) A relación expresada polo cociente entre o arqueo GT da nova unidade e o da maior das baixas presentadas se é superior a 1,1.

No caso de empate a puntos, priorizarase en función da puntuación de cada un dos tres puntos anteriores e pola súa orde.

2. Renovación do resto das flotas.

Como prioridade absoluta establécese a da idade da baixa, ou media ponderada da idade das baixas presentadas, se esta é igual ou superior a trinta, e seguindo a orde descendente de idade.

No caso de empate a puntos entre algúns destes barcos, desfarase o empate primando as baixas de madeira e, se persistise aquel, aplicaríase a prioridade por flotas á que se alude a continuación.

No resto dos expedientes terase en conta o tipo de flota á que pertence o barco que se renova e a idade e material do casco deste, ou estes se son varias as baixas presentadas.

Se se produce empate priorizarase, por esta orde, a idade, a baixa de madeira e a orde de flotas que se establece no anexo.

3. Modernización.

Neste caso priorizarase en función inversa da idade do buque que se vaia modernizar e, de entre tódolos expedientes presentados que se refiran a algún ou algúns dos aspectos ou investimentos subvencionables.

Estes criterios obxectivos de selección cuantifícanse nos baremos que se recollen no anexo II desta disposición.

Artigo 10º.-Procedemento de concesión das axudas.

O procedemento de concesión destas axudas consta de dúas fases, a primeira de selección de expedientes e a segunda de outorgamento efectivo da subvención.

Artigo 11º.-Fase de selección.

Para participar na fase de selección deberase solicitar na forma e prazo que se indica a continuación.

Esta fase conclúe coa decisión definitiva que conteña a relación de expedientes seleccionados, que estará constituída polos de maior puntuación e ata onde alcancen as dispoñibilidades orzamentarias, tomando como importe de cada expediente para estes efectos o da axuda que lle correspondería ó investimento máximo segundo o baremo comunitario nas construccións e ós custos máximos subvencionables previstos polos solicitantes nas modernizacións.

O importe dos sobrantes que puideran existir por aplicación do artigo 8º desta orde ou por outras causas adicionarase, logo da súa incorporación, á convocatoria seguinte.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. Renovación da flota, incluída a da flota pesqueira artesanal.

Para poder participar no proceso selectivo será requisito imprescindible que o solicitante sexa titular dunha autorización de construcción para un novo buque pesqueiro con porto base en Galicia, que estea en vigor e sexa de data anterior á de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

Para o cobro da axuda, se é o caso, son inmodificables as baixas presentadas do expediente de autorización e a titularidade, salvo caso de sucesión por causa de morte.

A solicitude formularase no impreso normalizado que se une, como anexo III, para a renovación da flota e con tres copias deste.

Na solicitude farase consta-la data, e de se-lo caso número, da autorización de construcción e nome da baixa presentada ou, no caso de que sexan varias, a de maior arqueo GT, para efectos de identificación.

Á solicitude uniráselle a declaración contida no anexo V, letra A.

Se o titular é unha persoa xurídica, a solicitude estará asinada polo seu representante acreditado, e se é unha pluralidade de persoas, por todas elas, con designación dun representante.

A solicitude presentarase nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou en cualquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do seguinte o da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

2. Modernización.

Para participar na selección de modernización deberase dispoñer da correspondente autorización en vigor e de data anterior ó inicio do prazo de presentación de solicitudes, no caso de que esta sexa necesaria.

Para o cobro da axuda, de se-lo caso, é inmodificable a titularidade do barco, salvo caso de sucesión por causa de morte.

A) A solicitude formularase no impreso normalizado que se une como anexo IV e con tres copias del, se é o caso, de ser necesaria, farase consta-la data da autorización das obras.

Á solicitude achegaranse tamén, por cuadriplicado exemplar:

a) Copia cotexada do DNI do propietario do barco.

b) Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque.

c) Declaración do anexo V, letra A.

d) Formulario do anexo VI debidamente cuberto no que conste a denominación ou descrición sintética da obra ou obras concretas que se van realizar, dentro dos correspondentes epígrafes de investimentos subvencionables, con indicación do custo máximo previsto, sen IVE, e para cada unha delas se son varias.

Este custo non se modificará á alza, en caso ningún, nunha eventual resolución da axuda.

B) Se o barco pertence a unha persoa xurídica.

1. Substituirase o documento indicado na letra A. a) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas, e unirase a copia cotexada do DNI do representante.

2. Certificación rexistral na que figuren a constitución desta e os estatutos vixentes así como poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade no caso de que tal poder non conste na certificación.

C) Se o buque pertence a unha pluralidade de persoas.

1. A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por tódolos propietarios.

2. Xuntarase a copia cotexada do DNI de cada un dos propietarios da embarcación.

As solicitudes presentaranse nas delegacións territoriais ou comarcais da consellería ou en calquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde ou da convocatoria correspondente.

Artigo 13º.-Selección de solicitudes.

A selección de tódalas solicitudes presentadas na convocatoria correspondente, que reúnan a totalidade dos requisitos e se refiran a obras subvencionables, realizarase aplicando os criterios establecidos nesta orde.

A relación de expedientes seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, sen prexuízo dunha maior difusión a través das organizacións do sector, a partir do vixésimo día hábil contado a partir do seguinte ó de terminación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 14º.-Fase de concesión das axudas.

Os solicitantes ós que se lles seleccione o seu expediente deberán presenta-la documentación para a concesión da axuda dentro do prazo que se indica no artigo seguinte.

Se o interesado non presentara toda a documentación correctamente cuberta dentro do prazo estipulado, ou de se-lo caso dentro do prazo de emenda concedido, terase por desistido da súa solicitude para tódolos efectos.

Artigo 15º.-Documentación para a concesión e o seu prazo.

Para a concesión da axuda deberase presentar, nos mesmos lugares que se indicaron para a presentación de solicitudes, e tamén en orixinal e tres copias, a documentación que a continuación se indica para cada liña de axudas.

O prazo para a presentación desta documentación será de cincuenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da relación de expedientes seleccionados.

1. Renovación da flota.

A. Con carácter xeral.

a) Copia cotexada do DNI do solicitante.

b) Copia cotexada da autorización do expediente de construcción expedida pola autoridade competente de Mariña Mercante ou de folla de asento na lista novena do Rexistro de Matrícula de Buques.

c) Proxecto técnico unido ó expediente sinalado na letra b) anterior, con especificación que detalle as características técnicas de todos e cada un dos equipos instalados a bordo e orzamento do investimento que se vai realizar, así como indicación de que o buque será construído de conformidade cos regulamentos e directivas en materia de hixiene, seguridade, sanidade, calidade dos productos, e coas disposicións comunitarias sobre a mediación dos buques e o control das actividades pesqueiras.

d) Plan financeiro do proxecto de construcción, resumido no impreso normalizado que se achega a esta orde como anexo V, letra B.

e) Certificación bancaria de conta da que sexa titular o solicitante, para efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

B. Se o solicitante é unha persoa xurídica.

1. Substituirase o documento indicado na letra A, a) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas, e unirase a copia cotexada do DNI do representante.

2. Certificación rexistral na que figuren a constitución desta e os estatutos vixentes así como poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade no caso de que tal poder non conste na certificación.

C. Se o solicitante é unha pluralidade de persoas.

1. Presentarase o documento indicado na letra A deste artigo, punto a) de cada unha delas.

2. Da conta bancaria deberán ser titulares todas elas.

2. Modernización.

a) Orzamento do investimento que se vai realizar.

b) Explicación concreta da obra que se vai realizar, tan completa como sexa necesario para a comprensión súa, cun proxecto técnico se a natureza da obra o esixe.

c) Certificación bancaria de conta da que sexa titular o solicitante, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

Se o solicitante é unha pluralidade de persoas, da conta bancaria deberán ser titulares todas elas.

Artigo 16º.-Certificacións de non inicio e fin de obra.

A. Actas de non inicio.

Nos expedientes de modernización será preciso que, na data de inicio do prazo de presentación de solicitudes, as obras para as que se pide a axuda non estean iniciadas.

O non inicio acreditarase mediante certificación expedida polos servicios correspondentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Esta certificación realizarase inmediatamente antes de que as obras vaian comezar efectivamente, para o cal se lle comunicará este feito, con alomenos quince días naturais de antelación, ó servicio periférico da consellería correspondente á zona na que o barco teña o seu porto base, e unha vez que o expediente sexa seleccionado e presentada de conformidade a documentación prevista no artigo 15.2º a) e b).

Con carácter estrictamente excepcional ó previsto anteriormente, e sen prexuízo do respecto ó resto das condicións, poderá solicitárselle xustificadamente á delegación territorial correspondente, e acordarse, se é o caso, por resolución do delegado territorial, a realización de actas nos seguintes supostos:

a) Se as obras se realizan noutra Comunidade Autónoma, esta certificación poderá ser emitida polos servicios correspondentes daquela.

Se se fan no estranxeiro, poderá ser emitida por entidade ou organismo habilitado coa inescusable intervención das autoridades consulares españolas.

b) Se fose imprescindible realiza-las obras, poderá facerse unha acta no período comprendido entre a apertura do prazo de presentación de solicitudes e a selección, con efectos para esa convocatoria, e para as sucesivas se se dá o suposto previsto no punto seguinte.

c) Se fose necesario, e así se acreditase realiza-las obras antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes, excepcionalmente poderá facerse unha acta, inmediatamente antes de que as obras vaian comezar efectivamente, que producirá efectos na convocatoria inmediata seguinte, e se nesta a solicitude non fora seleccionada exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderá producir efectos tamén nas convocatorias sucesivas; para a realización da dita acta deberá presentarse a documentación prevista no artigo 12.2º d) e no 15.2º a) e b) desta orde.

A realización da acta de non inicio, e das obras, en ningún caso implica dereito á concesión da axuda, nin mérito para iso.

B. Actas de fin de obra.

Para o pagamento das axudas de renovación e modernización é requisito imprescindible que se emita certificación de fin de obra, expedida cos mesmos requisitos que se sinalaron na letra A anterior.

Artigo 17º.-Realización das obras.

As obras, tanto polo que respecta á renovación como á modernización, deben estar totalmente concluídas dentro do ano en que se concede a axuda.

Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, por resolución do director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados, para que as obras conclúan dentro do ano inmediatamente seguinte a aquel no que deberían rematar; para a concesión desta prórroga, que deberá pedirse dentro do prazo inicial de terminación, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval, do importe total da axuda pendente de percibir, depositado na caixa xeral de depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 18º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados coa colaboración dos servicios periféricos da consellería.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e sen prexuízo da aprobación, de se-lo caso, polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 19º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de seis meses contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 20º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos dous casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 21º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 22º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que se notifique a resolución de concesión.

Se o interesado non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 23º.-Pagamento parcial.

Nas novas construccións poderá admitirse un pagamento parcial da axuda, condicionado ó resultado da liquidación definitiva desta, sempre que o barco estea en flotación e teña instalado o seu motor principal, se estableza garantía suficiente mediante aval -por importe do principal e xuros- e se cumpran tódolos requisitos que estableza a correspondente Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma.

Artigo 24º.-Requisitos para a proposta de pagamento.

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que as obras obxecto da axuda estean realizadas de conformidade e integramente terminadas, quedando condicionado o pagamento á comunicación da data de rexistro na comisión do proxecto da orde.

b) Que estes investimentos estean pagos.

c) Que os beneficiarios se atopen ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Que os barcos presentados como baixa nas novas construccións, e de se-lo caso nas modernizacións, foran retirados da actividade pesqueira.

e) Que o novo buque fora dado de alta no Censo da Flota Pesqueira Operativa, como rexistro comunitario de buques pesqueiros, e que respecto ó buque modernizado, se é o caso, foran inscritas no dito censo as modificacións das súas características e das súas medidas, sendo preciso o mesmo respecto ó Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 25º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento das axudas, que deberá ser solicitado polo interesado unha vez rematadas as obras, presentarase a seguinte documentación, con tres copias:

a) Facturas orixinais do investimento realizado, que poderán ser devoltas por petición do interesado, unha vez tomada razón de que foron usadas para a percepción de axudas do IFOP.

b) Certificación do acredor de que as ditas facturas foron efectivamente pagadas.

c) Certificación bancaria acreditativa dos pagamentos realizados, correspondentes ás ditas facturas.

d) Declaración do anexo VII desta orde.

e) Certificacións acreditativas de que o beneficiario se atopa ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificación da Capitanía Marítima correspondente acreditativa de que as baixas presentadas, tanto nas novas construccións como nas modernizacións que precisaron delas, foron retiradas da actividade pesqueira mediante a entrega da patente de navegación e do rol, e de que se iniciou o expediente de despezamento.

Se o procedemento de retirada da actividade pesqueira é distinto do despezamento, acreditarase suficientemente este feito.

O pagamento das axudas establecidas nesta orde queda condicionado á aprobación do proxecto desta, remitido para este efecto á Comisión Europea.

Disposición transitoria

Con efectos exclusivamente para o exercicio 2000, e respecto daqueles expedientes que tiveran que ser acometidos con anterioridade á data de publicación desta orde, poderán acollerse a ela sempre que de modo fidedigno poidan xustifica-lo non inicio das obras e que os gastos derivados delas sexan efectivamente pagados a partir do 1 de xaneiro de 2000.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 13 de xullo de 1998 (DOG do 30 de xullo) e toda a normativa de igual ou inferior rango que se opoña ó preceptuado nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2000.

P.O. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

BAREMO

Categoría de buque por clase de tonelaxe (GT)Euros

0 < 10

10 < 25

25 < 100

100 < 300

300 < 500

500 ou máis

11.000/GT + 2.000

5.000/GT + 62.000

4.200/GT + 82.000

2.700/GT + 232.000

2.200/GT + 382.000

1.200/GT + 882.000

Construcción de buques pesqueiros: baremo duplicado.

Modernización de buques pesqueiros, incluído, se é o caso, o custo de volver a medi-la tonelaxe de conformidade co Convenio de 1969 de arqueo de buques: baremo indicado.

Nivel de participación financeira:

Os límites da participación financeira comunitaria (A), do conxunto das participacións financeiras públicas (nacionais, rexionais ou doutro tipo) do Estado membro correspondente (B) e da participación financeira dos beneficiarios privados (C), axustaranse ós requisitos seguintes, expresados en porcentaxe dos gastos subvencionables:

A n 35% B o 5% C o 60%

ANEXO II

CRITERIOS DE SELECCIÓN

1. Renovación da flota pesqueira artesanal.

a) Idade da baixa ou media ponderada da idade das baixas presentadas.

1 punto por ano (mínimo: 16 puntos e máximo: 40 puntos).

b) Número de barcos presentados como baixa, se é igual ou superior a dos.

10 puntos por baixa (mínimo: 20 puntos e máximo: 40 puntos).

c) Relación expresada polo cociente seguinte:

Arqueo GT da nova unidade

Arqueo GT da maior das baixas presentadas

Si es superior a 1,1: 1 punto por cada décima superior a 1,1.

Mínimo: 1 punto (para relación 1,2). Máximo: 20 puntos (para relación 3,1).

Puntuación mínima total esixida: 16 puntos da letra a).

Puntuación máxima posible: 100 puntos.

2. Renovación do resto das flotas.

A. Prioridade absoluta.

A idade da baixa, ou media ponderada da idade das baixas presentadas, se esta é igual ou superior a trinta, e seguindo a orde descendente de idade.

B. Puntuación por tipo de flota do barco que se renova.

a) Flotas que pescan en augas comunitarias non españolas (Flota do Gran Sol, flota arrastreira de Portugal): 50 puntos.

b) Flotas que pescan en augas internacionais non comunitarias (excepto Marrocos):

-Flota de augas internacionais incluída en censos específicos: 50 puntos.

-Resto da flota de augas internacionais: 40 puntos.

c) Flotas que pescan en augas españolas do caladoiro Cantábrico-noroeste.

1. Artes menores, excepto a flota pesqueira artesanal: 50 puntos.

2. Palangre de superficie, de fondo e outras modalidades de anzol: 40 puntos.

3. Rascos, volantas e outras modalidades de enmalle: 40 puntos.

4. Arrastre de fondo: 40 puntos.

5. Cerco e outras artes de cerco: 30 puntos.

6. Outras modalidades: 30 puntos.

C. Puntuación polas características do barco que se renova.

a) Idade da baixa ou media ponderada da idade das baixas presentadas.

1 punto por ano (mínimo: 16 puntos e máximo: 40 puntos).

b) Baixa de madeira ou ponderación das baixas de madeira.

Máximo: 10 puntos.

Puntuación mínima total esixida: 16 puntos da letra a).

Puntuación máxima posible: 100 puntos.

Nos números 1 e 2 anteriores non se esixirá o mínimo de 16 puntos por idade do buque no caso de afundimentos accidentais debidamente acreditados, considerándose para efectos de puntuación a idade do buque na data da convocatoria.

3. Modernización.

Priorización en función inversa da idade do buque que se vaia modernizar, dentro dos límites comprendidos entre seis e vintenove anos, para aspectos ou investimentos subvencionables.

1 punto por ano.

Máxima puntuación: barcos de 6 anos.

Mínimo puntuación: barcos de 29 anos.

A continuación, tamén en función inversa da idade, os barcos de 30 ou máis anos para obras de mellora das condicións de traballo e de seguridade.