Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 02 de agosto de 2000 Páx. 11.511

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

O Regulamento (CEE) nº 3760/1992 do Consello, do 20 de decembro, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e da acuicultura (DOCE do 31 de dicembro), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999 do Consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación da pesca (DOCE do 26 de xuño), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun Estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a logra-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) número 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condición así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións, e regúlase o procedemento de concesión das axudas para a creación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de comercialización, transformación, conservación e tratamento dos productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura que en cada exercicio orzamentario se prevexan para esta finalidade nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os previstos nos orzamentos xerais do Estado e no IFOP.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

1. A finalidade destas axudas é a de contribuír ó financiamento dos investimentos destinados á modernización e innovación tecnolóxica das instalacións xa existentes, así como ó establecemento de novos centros productivos de manipulación, transformación, conservación e tratamento dos productos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

2. Os investimentos deberán ir destinados:

a) Á mellora das condicións hixiénico-sanitarias dos productos.

b) Á utilización de novas tecnoloxías.

c) Á elevación da calidade dos productos rematados.

d) Á comercialización de especies novas ou infrautilizadas.

e) Á preservación do ambiente.

f) A potencia-los factores de mantemento e crecemento empresarial no sector pesqueiro.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 13º e, ademais, nas disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca.

En particular, e para ter acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumpri-las condicións e criterios de intervención estipulados no punto 2.4 do anexo III do citado Regulamento (CE) nº 2792/1999.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Para o exercicio de 2000, as axudas outorgaranse con cargo ó concepto 12.03.722A.770.0 («Axudas a empresas de transformación, conservación e comercialización de productos») cun importe máximo de 3.461.485.714 pesetas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Nos exercicios sucesivos, estas axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano correspondente.

En calquera caso, o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente.

As axudas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a estas axudas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de centros productivos xa existentes encravados na Comunidade Autónoma de Galicia, así como aqueloutras que establezan novos centros productivos nela dedicados ás actividades reflectidas no artigo 2º, sempre que estean en posesión das necesarias habilitacións

administrativas e os investimentos se realicen dentro da Comunidade Autónoma.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios, ó formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación con aquelas e coa súa contabilidade e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectúa-la entidade concedente, así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Artigo 7º.-Incumprimento das obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso do incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios, e de se-lo caso administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes delas, seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

O importe das axudas previstas na presente orde terá que aterse ó establecido no grupo 3 do cadro III incluído no anexo IV do Regulamento CE nº 2792/1999, do 17 de decembro de 1999, e que da seguir se amosa:

Grupo 3

Rexións do obxetivo nº 1 (*)Participación financeira comunitaria n 35%

Participación financeira estado membro o 35%

(*) Incluídos os previstos no punto 1 do artigo 6 do Regulamento (CE) nº 1260/1999

Os titulares dos proxectos que ó abeiro da presente orde teñan a consideración de auxiliables poderán ser beneficiarios dunha axuda económica en forma de subvención de capital de ata o 50% do custo do correspondente investimento elixible.

Non obstante os baremos relacionados no devandito cadro, cando os investimentos se refiran ó uso de técnicas ou instalacións colectivas que reduzan substancialmente os efectos sobre o medio ambiente, a participación dos beneficiarios privados poderá limitarse ó 30% dos gastos subvencionables nas rexións do obxectivo número 1.

Artigo 9º.-Investimentos prioritarios.

Terán preferencia para acceder ás axudas os proxectos de investimentos destinados a:

a) Racionalización dos procesos e utilización de novas tecnoloxías que redunden nunha mellora de competitividade.

b) Fomento do potencial endóxeno, con especial incidencia nos recursos pouco explotados e na diversificación de usos e destinos.

c) Accións que garantan a calidade dos productos, tanto no seu tratamento como na súa comercialización.

d) Creación e mantemento do emprego estable, e mellora das condicións de seguridade e hixiene no traballo.

e) Aquelas empresas situadas en zonas afectadas pola crises dun sector industrial en reconversión ou, en casos concretos, as afectadas polo peche de empresas, das que dependese de forma importante o emprego desa zona.

f) Aqueloutras situadas en zonas desfavorecidas onde exista un especial abandono de poboación.

g) Aqueles acometidos por colectivos, entre outros, organizacións de productores, cooperativas e asociacións.

h) Actuacións que permitan eliminar ou minimiza-los danos ó medio ambiente.

i) Concentración e dimensionamento das empresas orientadas a desenvolver estratexias de innovación á escala que faciliten a competitividade, eliminando gran parte das debilidades con que se atopa o sector pesqueiro.

Artigo 10º.-Investimentos auxiliables.

Poderán outorgarse axudas para os seguintes investimentos:

-Construcción e adquisición de edificios e instalacións.

-A adquisición de maquinaria, instalacións, e equipos de primeiro uso.

-A adquisición de elementos de transporte interno.

-O aumento da dimensión das unidades económicas resultantes dos procesos de concentración empresarial.

-Todos aqueloutros investimentos referidos a aspectos productivos e de control da producción, sempre que a súa realización non sexa contraria á normativa de aplicación vixente.

Artigo 11º.-Investimentos non auxiliables

En ningún caso serán obxecto de axudas as seguintes accións:

-Os gastos correntes de mantemento e de conservación dos bens e equipos.

-A adquisición de recambios, reparacións e reposicións.

-A adquisición de maquinaria, bens e equipos que non sexan de primeiro uso.

-Os investimentos que teñan por obxecto productos da pesca e da acuicultura destinados a seren utilizados e transformados con fins que non sexan o consumo humano, salvo se se trata de investimentos exclusivamente destinados ó tratamento, transformación e comercialización de refugallo dos productos da pesca e da acuicultura.

-O comercio polo miúdo.

-Aqueles destinados á modernización de maquinaria ou instalacións comprendidos en proxectos de investimento, o financiamento dos cales fora realizado con axudas públicas no periodo comprendido nos últimos 5 anos anteriores ó da solicitude.

Artigo 12º.-Certificacións de non inicio e fin de obra.

a) Actas de non inicio:

Será condición indispensable para a concesión das axudas que con anterioridade ó inicio dos traballos e á realización das adquisicións correspondentes ós investimentos fose presentada a solicitude de axuda de acordo co establecido na presente orde, e que por parte dos servicios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura se expedise ou validase certificación que acredite a non iniciación dos investimentos destes.

Se fora necesario, e así se acredite, realiza-las obras antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes, excepcionalmente poderá facerse unha acta, inmediatamente antes de que as obras vaian comezar efectivamente, que terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte, e se nesta a solicitude non fora seleccionada exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderá ter efectos tamén nas convocatorias sucesivas.

A realización da certificación de non inicio das obras, en ningún caso implica dereito ningún á concesión da axuda, nin mérito para iso.

b) Actas de fin de obra:

Para o pagamento das axudas correspondentes é imprescindible que se proceda a emitir certificación de fin de obra do mesmo xeito que se dispón no na letra a).

Artigo 13º.-Rexistro de empresas halioalimentarias.

Conforme o Decreto 420/1993, do 17 de decembro, os solicitantes de axudas deberán figurar inscritos no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias.

Artigo 14º.-Solicitudes

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura segundo o modelo que figura no anexo I a esta orde, e presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou no de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais, e en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Xunto coa solicitude deberán presentarse por cuadruplicado exemplar o formulario que figura como anexo II a esta orde e a documentación que a seguir se relaciona (dous exemplares orixinais ou debidamente compulsados e dúas copias):

1. Estudio técnico dos investimentos, que conterá como mínimo:

a) Localización e xustificación do investimento.

b) Relación detallada polo miúdo dos investimentos que se pretenden realizar, co seu orzamento detallado.

c) Calendario previsto de realización dos investimentos co seu correspondente plan de financiamento por anualidades.

d) Indicación do número de postos de traballo existentes antes do investimento e dos que se preven crear despois do seu remate, con indicación en ámbolos dous casos dos postos que corresponden a traballadores fixos, eventuais, fixos descontinuos etc.

e) Calquera outro dato que se considere conveniente para mellor coñecemento do proxecto.

2. No caso de empresas xa existentes deberán indicarse ademais e polo miúdo, incluíndo plano detallado, os activos existentes sinalándose cáles serán obxecto de renovación, modernización ou innovación, se se trata de investimentos destinados para estes fins.

3. Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións necesarias para a realización dos investimentos.

Excepcionalmente, no caso da licencia municipal de obras admitirase informe favorable do concello correspondente, e do mesmo xeito, no caso de precisarse certificación ó respecto do efecto ou impacto ambiental do investimento e non posuíla na data de remate do prazo de presentación de solicitudes,

deberá acreditarse ter presentado a correspondente perante a respectiva Comisión Provincial de Medioambiente. Nestes últimos casos, e sempre antes da concesión da axuda, é imprescindible achega-la licencia definitiva e/ou a devandita certificación no momento en que así o requira a Administración.

4. Declaración sobre calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida, ou que se pretenda solicitar a calquera outra Administración pública, destinada a subvencionar de modo total ou parcial o proxecto de investimento para o cal se solicita axuda.

5. Certificado expedido por banco ou entidade financeira que acredite a titularidade da conta bancaria a nome do solicitante e na que se efectuará o pagamento do importe da axuda, se é o caso.

6. Acreditación do pagamento do imposto de actividades económicas (IAE) correspondente ó último exercicio controlado.

7. Documentos acreditativos da personalidade da empresa e, se é o caso, aqueles que acrediten a representación de quen, no seu nome, asine a solicitude de axuda.

8. Formularios TC-1 e TC-2 correspondentes ó último mes controlado.

Artigo 15º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou da correspondente convocatoria.

Artigo 16º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados coa colaboración dos servicios periféricos da consellería.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e sen prexuizo da aprobación, se é caso, polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 17º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de seis (6) meses, contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 18º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía adminstrativa, cabe interpoñer, con carácter postestativo, recurso de reposición ante o conselleiro

de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun (1) mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous (2) meses, contados, en ámbolos casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 19º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 20º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de quince (15) días naturais contados a partir do seguinte á recepción da notificación para remitir á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura escrito de aceptación dela e das condicións particulares que nela se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 21º.-Modificacións do proxecto.

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ó orzamento como ás distintas partidas que os compoñen, requirirá aceptación expresa por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e deberá ser posta en coñecemento desta sempre con anterioridade á súa realización.

Artigo 22º.-Plazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e agás que a resolución individual de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a eles deberá realizarse antes do 1 de novembro do ano correspondente ó exercicio económico de que se trate.

Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, por resolución do director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados, para que as obras rematen dentro do ano inmediatamente seguinte a aquel no que deberían facelo; para a concesión desta prórroga, que deberá solicitarse dentro do prazo inicial de finalización, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval, do importe total da axuda pendente de percibir, depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 23º.-Pagamentos.

O pagamento da axuda realizarase, con carácter xeral, unha vez rematados e xustificados os investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate.

Se o importe do investimento realizado fose inferior ó que foi obxecto da concesión da axuda inicialmente prevista, esta reducirase proporcionalmente, sempre e cando o investimento xustificado se axuste ó proxecto inicial.

O pagamento das axudas establecidas na presente orde queda condicionado á aprobación do proxecto seu, remitido para este efecto á Comisión Europea.

Artigo 24º.-Xustificación dos investimentos.

Para o cobro do importe da axuda correspondente ós investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate, o beneficiario deberá presentar, do mesmo xeito que o establecido no artigo 14º desta orde e por cuadriplicado exemplar, o formulario que figura como anexo III a esta orde xunto con dous orixinais e dúas copias da documentación que a seguir se relaciona:

1. Adquisición de edificios: documentos que acrediten as operacións de compra-venda e de forma separada os xustificantes de pagamento, así como peritación da obra civil independentemente do terreo.

2. Adquisición de maquinaria, instalacións, equipamentos, elementos de transporte e outros activos fixos: factura e certificacións bancarias de pagamento así como os que correspondan ós gastos de transporte, seguro e calquera outro que se orixine ata a súa incorporación ó establecemento.

3. Construcción de edificacións e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto que acredite as características e valor dos distintos conceptos abranguidos nel e que se realizasen e xustificasen durante o exercicio económico do que se trate xunto cos seus xustificantes de pagamento.

4. Adquisición de bens e equipamentos fóra da CE: presentación da correspondente autorización da Dirección Xeral de Política Comercial e Investimentos Exteriores do Ministerio de Economía e Facenda. En todo caso o beneficiario acreditará e xustificará de modo fidedigno o investimento realizado. No caso de realizar contrato de subministración, os pagamentos a conta soamente se terán en conta nos expedientes plurianuais.

5. Formularios TC-1 e TC-2 correspondentes ó último mes controlado.

6. Declaración responsable con achega documental doutras axudas concedidas para o financiamento dos investimentos, así como daquelas outras que se solicitasen.

7. Certificacións que acrediten que o beneficiario está ó día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como que non ten débedas coa Xunta de Galicia.

Artigo 25º.-Fin do expediente.

Porán fin ó expediente:

a) A resolución expresa ou presunta.

b) O desestimento ou renuncia expresa do solicitante ou do seu representante.

c) A declaración de caducidade, nos termos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

d) O incumprimento dos prazos para a realización dos investimentos.

Artigo 26º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera momento inspeccionar e controla-lo destino das axudas e o cumprimento dos fins para os que foron concedidas. En consecuencia, os servicios da consellería poderán facer visitas e inspeccións nos centros de traballo dos beneficiarios onde se realizasen investimentos, así como naqueles servicios prestados por estes, e mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comproba-la súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar en calquera momento da tramitación do procedemento canta documentación se considere necesaria para comproba-la adecuada execución do proxecto que fose obxecto das axudas.

Disposición transitoria

Con efectos exclusivamente para o exercicio do 2000, e respecto daqueles expedientes que tivesen que ser acometidos con anterioridade á data de publicación desta orde poderán acollerse a esta sempre que, de modo fidedigno, poidan xustifica-lo non inicio das obras e que os gastos derivados destas sexan efectivamente pagados a partir do 1 de xaneiro de 2000.

Disposición derogatoria

Queda derrogada a Orde do 3 de xaneiro de 1995 (DOG do 18 de xaneiro) e toda normativa de igual ou inferior rango que se opoña ó preceptuado nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para que dicte as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2000

Amancio Landín Járaiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO II (Continuación)

1. Beneficiario/a.

1.1. Se é o caso, o obxecto ou a extensión das actividades principais do beneficiario, ¿cambiaron?, ¿en que medida?

1.2. Se é o caso, a área xeográfica na que se estenden as ditas actividades, ¿cambiou? ¿en que medida?

1.3. Situación económica (cubri-los formularios II1 e II2 que figuran ó final deste anexo e xunta-la documentación que se indica); se é o caso, comentarios sobre as diferencias con relación á situación no momento da presentación da solicitude de contribución.

2.Descrición da situación actual.

2.1.Productos pesqueiros de que se trate (cubri-lo formulario II3); se é o caso, indica-la súa procedencia, se esta cambiou.

2.2. Programa de producción/comercialización (cubri-lo formulario II4); se é o caso, indica-las saídas, se estas cambiaron.

2.3. Prezos pagados ós productores durante os tres últimos anos (cubri-lo formulario II5).

2.4. Rendibilidade (cubri-lo formulario II6).

2.5. Forma na que se realizou a participación dos productores de producto base nas vantaxes ecnonómicas da realización do proxecto.

3. Avaliación.

3.1. Breve avaliación dos resultados da execución do proxecto.

3.2. Se é o caso, comentarios sobre as diferencias en relación coa situación prevista no momento da presentación da solicitude de contribución e, en particular, comentarios sobre as diferencias entre as cifras que figuran nos anexos II3, II4, II5 e II10 da mencionada solicitude e as cifras que figuran nos anexos II3, II4, II5 e II6 do presente informe.

Data e sinatura

As modificacións deberanse avaliar con relación ás indicacións facilitadas polo/a beneficiario/a na súa solicitude de contribución.

Notas explicativas relativas ós formularios II1 a II6

1. Cada contribución concedida e, polo tanto, cada informe referirase a un proxecto, que comprenderá investimentos nun ou varios lugares de realización e a súa carga financeira recaerá en última instancia sobre un ou varios beneficiarios.

O formulario II5 refírese ó proxecto.

Os formularios II3, II4 e II6 refírense ós investimentos.

Se houbese varios lugares de realización, cada un dos ditos formularios cubrirase separadamente para cada lugar.

Os formularios II1 e II2 refírense ó beneficiario. Se houbese varios beneficiarios, cada un dos ditos formularios serán cubertos separadamente por cada beneficiario.

2. Os formularios II1 a II6 do informe corresponden ós formularios II1 a II5 e II10 que o beneficiario xuntou á súa solicitude inicial de contribución. Polo tanto, cubriranse en principio da mesma maneira. A diferencia esencial radica en que, para os novos formularios II3 a II6, as cifras para os anos posteriores á realización do proxecto reflicten os resultados efectivos e non xa estimacións como no momento da presentación da solicitude de contribución. Resulta evidente que os ditos resultados non serán sempre os que se estimaron. Isto non ten ningunha incidencia para a contribución pagada. De todos modos, é desexable unha explicación das razóns.

3. Os formularios II1, II2 e II6 débense cubrir en millares de unidades de moeda nacional.

Os formularios II3, II4 e II5 débense cubrir en moeda nacional utilizando a unidade que se considere adecuada.

II1: Balances resumidos.

[(a, b, c e d) aplícanse igualmente ó II2].

a) Cada beneficiario debe facilita-los cadros II1 e II2, resumindo o seu balance e as súa contas de explotación e de perdas e ganancias.

b) Débese cubrir cada liña, incluso cando o valor correspondente sexa nulo (indicalo cun trazo ou cun cero). Indica-lo mes de cerramento do exercicio financeiro no espacio reservado para tal efecto na parte superior das columnas.

c) A conta definitiva e, se houbese verificación, verificada do último exercicio financeiro servirá de base para o cadro. Risca-los recadros da parte superior do formulario segundo se trate dunha conta destinada a Facenda (I), doutra conta (II) ou dunha conta que teña varias funcións (I e II). No caso (II), especificar ó pé de páxina a natureza da dita conta.

d) O formulario II1 irá xunto cun exemplar da conta anual, e incluirase o balance, a conta de perdas e ganancias, e as notas correspondentes.

1.0. Gastos de establecemento:

Se a lei nacional permitise clasificalos entre os haberes e se utilizasen nas contas adxuntas.

1.1. Inmobilizado inmaterial:

Valor contable das concesións, licencias, patentes, marcas fondos de comercio e gastos de investigación e desenvolvemento, cando a lei nacional o permita.