Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 01 de agosto de 2000 Páx. 11.487

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DO PORRIÑO

ANUNCIO.

Por decreto desta Alcaldía do 19 dos correntes resolveuse:

Primeiro.-Aprobar inicialmente o proxecto de estatutos da entidade urbanística de conservación do polígono industrial A Granxa.

Segundo.-Somete-lo referido proxecto de estatutos a información pública por un prazo de trinta días, mediante anuncio que publicarase no Diario Oficial de Galicia e BOP, con citación persoal ós interesados indicándolle-lo periódico oficial no que se insire o texto dos estatutos.

O texto dos referidos estatutos é como segue:

Estatutos de Entidade Urbanística de Conservación

Polígono Industrial A Granxa

Capítulo I

Das características xerais da entidade

Artigo 1º.-Constitución e denominación.

Co obxecto e fins que se especifican no artigo seguinte, constitúese a asociación urbanística denominada Entidade Urbanística de Conservación Polígono Industrial A Granxa do termo municipal do Porriño na provincia de Pontevedra, que se rexerá polos presentes estatutos e lexislación en vigor que lle sexa de aplicación. Para o cumprimento do seus fins, esta entidade ten carácter administrativo e adquire personalidade xurídica desde o momento da súa inscrición no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras da Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 2º.-Domicilio.

O domicilio desta entidade fíxase no polígono industrial A Granxa, r/ Paralela 1, Área Comercial.

A modificación do indicado domicilio só procederá logo de acordo da Asemblea Xeral desta entidade, que se comunicará á Administración tuteladora e se reflectirá no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras.

Artigo 3º.-Obxecto e fins.

Esta entidade ten xenericamente como obxecto a conservación das obras de urbanización e o mantemento das dotacións e instalacións dos servicios xerais do polígono industrial A Granxa, que non foron cedidos ó Concello do Porriño segundo consta nas actas de cesión de terreos e de servicios e instalacións, formalizadas ambas o 1 de febreiro de 2000.

Concretamente, e de acordo co expositivo XI da acta de cesión de terreos do Plan parcial do polígono industrial A Granxa e o expositivo VIII da acta de cesión dos servicios e instalacións incluídos nas obras de urbanización do polígono industrial A Granxa, as obras e instalacións a cargo desta entidade son:

-Panel anunciador, situado á entrada do polígono.

-Pasatubos baixo os viais, instalados para a futura rede de gas.

-Caseta de telefonía, situada na beirarrúa xunto á entrada da parcela 1.10.02.

-Galerías de servicios coas redes e sistemas instalados nelas, excepto as redes de subministración de auga, as conduccións eléctricas propiedade de Unión Fenosa, S.A. e as instalacións de telefonía propiedade de Telefónica de España, S.A.

-Estacións remotas situadas nas parcelas 261, 264 e 1.10.01.

-Circuíto pechado de televisión.

-Sistema de control, situado na edificación existente na parcela 256.

Para o cumprimento do seu obxecto, a entidade poderá executar obras, contratalas, constituír sociedades mercantís e, en xeral, xestionar todo o necesario para a defensa dos intereses sociais no marco da lexislación vixente en materia urbanística.

Para a consecución dos indicados fins, desenvolverá, entre outras, as seguintes actividades:

a) Contratará e financiará a conservación das obras de urbanización executadas e que estean ó seu cargo. Especialmente, encargarase da conservación e mantemento de tódolos elementos comúns antes mencionados.

b) Velará pola correcta prestación dos servicios a que se refire o punto a) mediante a contratación directa coas entidades públicas ou privadas e empresas subministradoras correspondentes.

c) Realizará cantas xestións sexan necesarias ante toda clase de organismos públicos e privados que

sirvan para os obxectivos xenéricos de conservación enunciados e que, en definitiva, contribúan a mellora-la organización da convivencia.

d) Velará polo cumprimento por parte de tódolos usuarios do polígono dos requisitos en materia de edificación, ambientais, etc., segundo as ordenanzas municipais e restante normativa de aplicación.

e) Integrará os propietarios para resolve-los problemas comúns representándoos ante a Administración xeral do Estado, a autonómica e a local, ante entidades e persoas xurídicas de toda índole e ante os tribunais de calquera orde.

f) Calquera outro que se acorde acometer, adoptado con quórum suficiente pola Asemblea Xeral e que, encadrándose dentro dos fins legais da entidade, sexan autorizados pola Administración correspondente.

Artigo 4º.-Capacidade.

Esta entidade ten plena capacidade xurídica e de obrar de acordo coas disposicións xerais sobre réxime de solo e ordenación urbana, xa sexan de rango legal o regulamentario, e cos presentes estatutos. A entidade poderá adquirir, posuír, administrar e allear bens do seu patrimonio.

Artigo 5º.-Ámbito de actuación.

Está constituído polo polígono industrial A Granxa, no municipio do Porriño, do que a delimitación figura no correspondente plan parcial.

Artigo 6º.-Administración tuteladora.

A Administración baixo o control e tutela da cal actúa esta entidade é o Concello do Porriño. Así mesmo, é o Concello do Porriño quen ten competencia para coñece-lo recurso previsto no artigo 20º destes estatutos.

Artigo 7º.-Duración.

Esta entidade ten unha duración indefinida. Non obstante, por acordo da Asemblea Xeral, adoptado co quórum suficiente, en calquera momento poderase establecer un límite temporal sempre que este permita face-las actuacións necesarias para a liquidación dos dereitos e obrigacións da entidade nos termos legais que correspondan. En calquera caso, a fixación deste límite temporal comunicarase á Administración tuteladora e reflectirarase no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras.

Artigo 8º.-Inicio de actividade.

Esta entidade iniciará a súa actividade a partir da data de outorgamento da correspondente escritura de constitución.

Capítulo II

Dos asociados e dos elementos comúns

Artigo 9º.-Suxeitos que integran a entidade.

Estarán obrigados a formar parte da entidade:

1. Os propietarios dos predios situados no ámbito de actuación definido no artigo 5º destes estatutos.

2. Os futuros propietarios de solo no referido ámbito de actuación. A súa incorporación, que é obrigatoria, esixirá a aceptación destes estatutos e das cotas de participación correspondentes, así como a plena subrogación nos compromisos adquiridos por calquera título polo seu cedente ou transmitente.

A entidade deberá levar un libro rexistro de asociados no que figurará unha relación dos titulares dominicais, precisando o domicilio individual ou social que se manterá constantemente actualizado.

Os cotitulares dun predio terán que designar unha soa persoa para o exercicio das facultades como membros da entidade, respondendo solidariamente fronte a ela de cantas obrigacións dimanen da dita condición. Se non designaren representante no prazo de 30 días, contados desde o nacemento da situación de cotitularidade, será designado de entre os cotitulares polo órgano competente da entidade, por proposta do seu presidente.

Cando os predios pertenzan a menores ou persoas que teñan limitada a súa capacidade de obrar, estarán representadas na entidade por quen teña a representación legal deles.

Artigo 10º.-Dereitos e obrigas.

Os asociados da entidade terán plena igualdade de dereitos e obrigas, calquera que sexa o momento legal en que se incorporan á entidade.

Salvo perda da propiedade ou copropiedade da parcela pertencente ó polígono industrial A Granxa, a condición de membro da presente entidade é irrenunciable e, como consecuencia disto, tamén o son os dereitos e obrigas inherentes á dita condición.

1. Os asociados teñen os seguintes dereitos:

a) Participar, con voz e voto, na Asemblea Xeral e, caso de ser elixido para iso, nos restantes órganos sociais.

b) Elixir e ser elixidos membros dos órganos sociais.

c) Usa-las instalacións comúns da entidade.

d) Obter copias e certificacións acreditativas dos acordos sociais e os seus antecedentes, consulta-los arquivos e rexistros da entidade e canta información requiran destas e dos seus órganos.

e) Presentar propostas e suxestións.

f) Exercer calquera dereito derivado dos presentes estatutos e disposicións legais aplicables.

2. Son obrigacións dos asociados:

a) As que deriven como prestacións individualizadas das resolucións dos órganos competentes da entidade, en cumprimento das prescricións e normas legais ou estatutarias dimanantes dos fins dela.

b) Satisfacer puntualmente as cotas ordinarias ou extraordinarias establecidas pola entidade para facer

fronte á actividade de conservación e correlativos gastos xerais que ten encomendada, así como calquera outra obriga de natureza económica que legalmente derive do cumprimento dos seus fins estatutarios.

c) Manter en bo estado de conservación os predios privativos así como resarcir calquera dano que ocasionen nas obras e instalacións comúns, tanto nas conservadas pola entidade como nas correspondentes ó concello.

d) Permiti-lo acceso ós predios privativos sempre que así o requiran as actividades de conservación da entidade ou do concello, sen prexuízo de que, en todo caso, as actuacións se realicen ocasionando as menores molestias e danos que sexa posible e resarcindo os que singularmente se producisen.

e) Comunicar á entidade, cun prazo de antelación de 15 días, o propósito de transmiti-la titularidade do predio. Mentres non se comunique o cambio de dominio, responderán solidariamente o antigo e o novo propietario.

f) Facer constar, nos títulos de transmisión que outorguen, referidos á parcela ou parcelas da súa propiedade, os compromisos adquiridos coa entidade que subsistan no momento da cesión ou transmisión co fin de que quede patente a subrogación do novo titular no lugar do seu causante e igualmente facer constar nos títulos a esixencia de acepta-los presentes estatutos e, se é o caso, as cotas atribuídas ós terreos obxecto de cesión ou transmisión. Todo isto tal e como se establece no artigo 11º dos presentes estatutos.

g) Cumprir con tódalas obrigacións que derivan da aplicación e eficacia dos presentes estatutos e das disposicións legais que sexan de aplicación.

A participación dos propietarios na conservación e mantemento das obras de urbanización, dotacións e instalacións dos servicios enumerados no artigo 3 dos presentes estatutos determinarase en función das súas respectivas cotas, segundo consten no libro de asociados.

As parcelas ocupadas por construccións en réxime de copropiedade distribuirán internamente a cota xeral asignada de acordo coas que respectivamente teñan establecido para cada un dos condóminos que a compoñen.

Artigo 11º.- Réxime de transmisión da condición de asociado.

A transmisión da titularidade dos predios levará consigo a subrogación nos dereitos e obrigacións do seu alleador, entendéndose incorporado o adquirente á entidade a partir do momento da dita transmisión.

Para este efecto, no título de transmisión deberá expresarse a esixencia de acepta-los presentes estatutos, a cota atribuída ós terreos obxecto de cesión

ou transmisión e o compromiso relativo á conservación das obras e servicios da urbanización, con expresa aceptación destes polo adquirente. Este compromiso será debidamente formalizado na correspondente escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade, unha copia da cal deberá ser presentada ante a administración desta entidade para que as relacións e acordos con terceiros teñan efectos ante esta administración e se produza a subrogación dos futuros propietarios para o efecto.

En tanto en canto non se entregue á entidade a citada escritura, a responsabilidade económica fronte a esta entidade corresponderá, solidariamente, ó antigo e ó novo propietario.

Artigo 12º.-Propiedade privada e elementos comúns.

a) Ó titular de cada un dos predios incluídos no ámbito de actuación delimitado no artigo 5º dos presentes estatutos correspóndelle, para estes efectos, a plena propiedade del e, con ela, a plena responsabilidade fronte á entidade de conservación.

b) Cada un dos propietarios poderá administrar e dispoñer do seu predio por calquera título, sen máis limitacións cás legais e as sinaladas nos presentes estatutos.

c) Todo propietario poderá efectuar á súa custa e dentro da súa propiedade privativa, as obras e modificacións que estime convenientes, con suxeición sempre á normativa establecida no plan parcial e nas ordenanzas municipais.

d) Serán elementos comúns de tódolos propietarios de predios e inmobles do polígono industrial A Granxa, ademais dos citados no artigo 3º dos presentes estatutos, as obras e servicios seguintes:

1. As obras que se efectúen nos servicios e elementos comúns, tanto ordinarias como extraordinarias, e que conten coa aprobación do órgano da entidade competente en cada caso.

2. A conservación, mantemento e utilización dos servicios e elementos comúns a que se refire o artigo 3º dos presentes estatutos, no ámbito de actuación establecido no artigo 5º ou, e é o caso, os relacionados co plan parcial.

3. Será tamén elemento común para o futuro calquera ben que se adquira o servicio que se estableza para o mellor aproveitamento común do polígono como complemento, ampliación ou mellora del.

e) Cada propietario poderá utiliza-los elementos e servicios comúns conforme a súa natureza e destino, con estricto cumprimento dos presentes estatutos e disposicións legais vixentes, así como dos regulamentos de uso que poidan establecerse pola entidade de conservación.

f) Os elementos comúns non serán nunca divisibles en partes materiais. O dereito proporcional de utilización de cada propietario respecto ós elementos comúns non se poderá allear, transmitir, ceder, gravar ou embargar separadamente da propiedade pri

vativa da que derivase, e sempre que se allee, transmita, ceda, grave ou embargue a propiedade privativa, serao tamén o dereito de utilización dos elementos comúns, subrogándose o novo titular nos dereitos e obrigacións do anterior. Todo iso, de acordo co establecido no artigo 10.2º e) e no artigo 11.

g) Calquera obra que deba realizarse nos elementos comúns para dar servicio ou subministración ós predios dos asociados requirirá, ademais das licencias preceptivas segundo a lexislación vixente, a autorización previa da Comisión Delegada, a cal será, así mesmo, competente para sinala-la forma en que deba realizarse, co fin de entorpece-lo mínimo posible a funcionalidade do polígono, así como sinala-los dereitos, taxas ou garantías de reposición que considere de aplicación.

h) Se por rotura de canos, obras, reparacións e instalacións realizadas na propiedade privativa, xa sexa por accidente, descoido ou neglixencia, se ocasionaran desperfectos nos elementos comúns, o asociado titular do predio onde tivese lugar o suceso ou sinistro estará obrigado a reparalo ás súas expensas. No seu defecto, será a Comisión Delegada a que realice a reparación ás expensas do asociado. Todo asociado deberá consentir na súa propiedade as obras que fosen necesarias para o debido servicio da urbanización e para a instalación, conservación e reparación dos elementos de utilización e de propiedade común.

i) Todo asociado terá dereito a que sexan reparados os danos e desperfectos que, na súa propiedade privativa, se produzan ou a afecten provenientes dos elementos comúns. A acción para obte-la reparación haberá de promovela ante o presidente da entidade quen, comprobados os danos e a súa procedencia, o someterá á Comisión Delegada, salvo que o impida a urxencia do caso, ordenando seguidamente a reparación con cargo á entidade. Contra a dita decisión poderá recorrerse ante a Asemblea Xeral.

Cada asociado terá dereito a ser indemnizado e/ou reparado polos danos e prexuízos que se lle ocasionen na súa propiedade ó reparar ou instalar servicios de interese xeral. En caso de discrepancia, a contía da indemnización será fixada polo procedemento arbitral regulado na Lei 36/1988, do 5 de decembro.

Capítulo III

Dos órganos da entidade

Artigo 13º.-Enumeración.

A organización desta entidade estructúrase de acordo cos seguintes órganos:

a) Son órganos de goberno e administración: a Asemblea Xeral, a Comisión Delegada e o presidente.

b) Son órganos complementarios de administración: o secretario e o tesoureiro.

Potestativamente, cando a Asemblea Xeral o estime conveniente, poderá nomearse un xerente, persoa física ou xurídica, coas facultades que expresamente se determinen. O cargo de xerente poderá ser desempeñado incluso por persoas alleas á entidade.

Sección 1ª

Da Asemblea Xeral

Artigo 14º.-Constitución.

Estará constituída por tódolos asociados e un representante do Concello do Porriño designado por este, e coñecerá e decidirá sobre os asuntos propios da súa competencia.

Quedan sometidos ós acordos validamente adoptados tódolos asociados, incluso os que no asistisen á reunión e os disidentes, sen prexuízo de que estes, para quedaren exentos de responsabilidade, se é o caso, voten en contra do acordo e fagan constar en acta o voto contrario e a motivación que o xustifique.

Artigo 15º.-Sesións.

A Asemblea Xeral celebrará sesións ordinarias dúas veces ó ano (dentro do primeiro e cuarto trimestre de cada ano) e extraordinarias cando o estime necesario o presidente ou a Comisión Delegada ou por petición escrita dun número de asociados que representen, como mínimo, unha terceira parte das cotas de participación. Nestes dous últimos casos, o presidente deberá convoca-la sesión solicitada no prazo dos dez días hábiles seguintes contados desde a solicitude e a sesión celebrarase nos 30 días seguintes á convocatoria.

Nas sesións ordinarias, trataranse os asuntos que sinale o presidente así como os propostos pola Comisión Delegada ou os asociados que representen, polo menos, a terceira parte do total de cotas. Especialmente, na primeira, incluirase a aprobación da memoria de xestión e das contas do exercicio anterior, e na segunda, a do orzamento para o exercicio seguinte e das cotas provisionais ou complementarias a satisfacer durante este.

Nas sesións extraordinarias, determinarase con claridade e precisión os temas que desexen someterse á asemblea e non poderán tratarse outros asuntos que os incluídos na orde do día.

Artigo 16º.-Requisitos da convocatoria.

A Asemblea Xeral será convocada polo secretario, por orde do presidente. A convocatoria realizarase mediante comunicación escrita con constancia da súa recepción, entregada nos domicilios designados polos asociados e efectuarase polo menos con 6 días de antelación á data en que deba celebrarse a reunión. Coa mesma antelación, porase un anuncio no domicilio social da asociación.

A convocatoria expresará os asuntos ós que se han de circunscribi-las deliberacións e acordos, así como a indicación de que, no domicilio social, se atopa á disposición dos asociados a documentación dos asuntos incluídos na orde do día, ata o día anterior á reunión.

Non poderá deliberarse nin decidirse sobre ningún asunto que non figure incluído na orde do día salvo que así o acorde a maioría absoluta das cotas de participación na sociedade.

Artigo 17º.-Representación de asociados na Asemblea Xeral.

Os asociados poderán ser representados na Asemblea Xeral por outras persoas, asociadas ou non, mediante autorización expresa e escrita do asociado.

Artigo 18º.-Quórum de constitución e votación.

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando os asociados presentes ou representados posúan máis do 50% das cotas de participación na entidade. En segunda convocatoria, que terá lugar media hora despois da primeira, será válida a constitución calquera que sexa a porcentaxe de cotas presente ou representada.

Non obstante o anterior, a Asemblea Xeral entenderase convocada e quedará validamente constituída para tratar calquera asunto da súa competencia sempre que se encontren presentes ou representados todos os seus membros e así o acorden por unanimidade.

Artigo 19º.-Acordos.

Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das cotas de participación presentes ou representadas na reunión. En caso de empate, será dirimente o voto do presidente.

Para cesa-los membros da Comisión Delegada, modifica-los estatutos e aproba-la disolución da sociedade, requirirase voto favorable dos asociados que representen, polo menos, as dúas terceiras partes do total das cotas de participación.

Requirirase voto favorable da maioría das cotas de participación presentes ou representadas para elixi-lo presidente, aprobar obras extraordinarias, fixar achegas extraordinarias e contratar créditos así como para delega-lo exercicio de todas ou algunhas das súas facultades na Comisión Delegada, de conformidade co establecido no artigo 22 dos presentes estatutos.

En todo caso, os acordos da Asemblea Xeral, validamente adoptados segundo os presentes estatutos, serán obrigatorios e executivos incluso para os ausentes ou os disidentes, sen prexuízo das accións que en dereito procedesen.

Os acordos sobre designación, elección ou renovación de cargos sociais deberán ser comunicados ó Concello do Porriño para seu coñecemento e inscrición no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras.

Artigo 20º.-Recursos.

Contra os acordos da Asemblea Xeral poderá interpoñerse recurso de alzada ante o Concello do Porriño, durante o prazo de 15 días hábiles contados desde o seguinte ó da súa notificación. A presentación e

tramitación do recurso de alzada axustarase ó disposto no artigo 42º dos presentes estatutos.

Artigo 21º.-Actas.

Dos acordos da Asemblea Xeral levantarase acta na que se farán constar:

-Circunstancias de lugar e tempo.

-Orde do día.

-Asistentes, presentes e representados así como as cotas de participación presentes e representadas.

-Forma e resultado das votacións.

-Contido dos acordos.

As actas serán redactadas e asinadas polo secretario co visto e prace do presidente. Serán aprobadas na mesma reunión e transcribiranse no correspondente libro de actas. O dito libro deberá estar foliado e legalizada a primeira folla coa rúbrica do alcalde e as restantes co selo do concello; na súa primeira páxina, expresarase, mediante dilixencia de apertura asinada polo secretario, o número de folios e a data de apertura.

Unha vez aprobadas, as actas deberán ser notificadas, dentro dos dez días hábiles seguintes á celebración de cada sesión, a cada un dos asociados mediante comunicación escrita con constancia do seu recibo.

Por requirimento dos asociados ou do concello, o secretario da asociación, co visto e prace do presidente, expedirá certificacións do contido dos libros de actas.

Artigo 22º.-Facultades da Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral está facultada para examinar e resolver sobre as seguintes materias:

a) Modificación dos estatutos, sen prexuízo da aprobación posterior polo Concello do Porriño, órgano que exerce a tutela.

b) Nomeamento e cesamento das persoas que integran os órganos sociais.

c) Aproba-los orzamentos, contas anuais e memoria da entidade, coa conseguinte determinación dos recursos económicos e achegas, tanto ordinarias como extraordinarias, para cada exercicio.

d) Contratar obras e servicios dos cales a contía exceda do 50% do orzamento da entidade e coñece-las efectuadas pola Comisión Delegada.

e) Establece-lo réxime de contratación de tódalas obras e servicios da entidade.

f) Acorda-las operacións de crédito ou garantía e os gastos extraordinarios ou a adopción de medidas excepcionais que orixinen obrigacións e non teñan consignación no orzamento da entidade.

g) Fixa-lo importe e periodicidade das cotas ordinarias.

h) Adopta-los acordos relativos á imposición de cotas extraordinarias e fixa-lo seu importe.

i) Fixación de cantidades para formar ou incrementar, se é o caso, un fondo de reserva.

j) Resolver tódalas cuestións referentes á distribución equitativa de beneficios e cargas entre os asociados que deriven das obrigacións nacidas da xestión dos fins desta entidade, segundo o regulado nos presentes estatutos.

k) Aproba-lo réxime de funcionamento da administración desta entidade así como o seu persoal, se o houbese e medios materiais de que se dote.

l) Nomea-lo xerente, secretario e tesoureiro por proposta da Comisión Delegada.

m) Resolver cantos asuntos lle someta a Comisión Delegada.

n) Resolve-las reclamacións interpostas contra as decisións doutros órganos da entidade.

o) Propoñe-la disolución da entidade á Administración tutelar.

p) Interpreta-los presentes estatutos.

q) Calquera outro asunto que afecte con carácter relevante á vida da entidade.

A Asemblea Xeral poderá, co voto favorable da maioría das cotas de representación presentes ou representadas, delega-lo exercicio de todas ou algunha das súas facultades na Comisión Delegada. Non poderán ser obxecto de delegación as facultades enumeradas nos puntos a), b) e c) do presente artigo.

Sección 2ª

Da Comisión Delegada

Artigo 23º.-Constitución.

A Comisión Delegada estará integrada por un mínimo de cinco e un máximo de nove vocais, todos eles membros da entidade. De acordo co establecido no artigo 32, a Asemblea Xeral elixirá, entre os ditos vocais, o presidente da entidade quen presidirá, así mesmo, a Comisión Delegada.

As decisións da comisión vinculan a tódolos asociados da entidade. Ás reunións desta poderán asistir cantos asociados o desexen, aínda que sen voto.

Artigo 24º.-Dos membros da Comisión Delegada.

Os vocais da Comisión Delegada serán elixidos libremente pola Asemblea Xeral entre os asociados da entidade, incluíndo os representantes das persoas xurídicas.

A duración do cargo de membro da Comisión Delegada será de catro anos, se ben, ó cesar, poderán ser reelixidos. Os integrantes da comisión serán renovados por quendas e por metade cada dous anos; no caso da primeira Comisión Delegada, a metade dos seus membros, designada por sorteo, será renovada ós dous anos da súa designación. En caso de que o número de membros sexa impar, determinarase o número dos afectados pola primeira renovación

redondeando cara a arriba a metade do total de integrantes da comisión.

As vacantes que se produzan por renuncia ou falecemento ou por calquera outra causa, serán cubertas provisionalmente mediante designación da propia comisión entre os asociados, ata que se convoque a Asemblea Xeral e se designen por esta os substitutos que ostentarán o cargo polo prazo que lle restara ó substituído.

A asemblea poderá cesar das súas funcións a todos ou a algún dos delegados elixidos, con designación simultánea dos substitutos; para iso, será necesario co acordo se adopte co voto favorable dos asociados que representen, polo menos, as dúas terceiras partes das cotas de participación.

Artigo 25º.-Sesións.

A Comisión Delegada celebrará sesións ordinarias cada tres meses e extraordinarias cando o presidente as convoque, ben pola súa propia instancia, ben pola que se realice en virtude de petición escrita da maioría absoluta dos membros da comisión; neste último caso, aquel executarao no prazo de dez días hábiles seguintes, a contar desde a data de presentación da solicitude.

Artigo 26º.-Requisitos da convocatoria.

A Comisión Delegada será convocada polo secretario, por orde do presidente. A convocatoria realizarase mediante comunicación escrita con constancia da súa recepción entregada nos domicilios designados polos membros da comisión e efectuarse polo menos con 2 días de antelación á data en que haxa de celebrarse a reunión.

A convocatoria expresará os asuntos sobre os que versarán as deliberacións e acordos, así como a indicación de que, no domicilio social, atópase á disposición dos membros da comisión a documentación dos asuntos incluídos na orde do día.

Nas reunións extraordinarias determinaranse con claridade e precisión os asuntos que se someten á comisión e non poderán tratarse outros cos indicados na orde do día da mesma salvo que, estando presentes tódolos compoñentes da comisión, o acorden así por unanimidade.

Artigo 27º.-Quórum de constitución e votación.

Os membros da Comisión Delegada deberán asistir persoalmente ás reunións do dito órgano, non podendo delega-la súa representación.

A Comisión Delegada quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando estea presente, polo menos, a metade máis un dos seus integrantes. En segunda convocatoria, que terá lugar media hora despois da primeira, será válida a constitución sempre que concorran o presidente (ou quen, de acordo co artigo 32º deba substituílo) e dous vocais.

En todo caso, a Comisión Delegada entenderase convocada e quedará validamente constituída para

tratar calquera asunto da súa competencia sempre que se encontren presentes ou representados tódolos seus membros e así o acorden por unanimidade.

Artigo 28º.-Acordos.

Os acordos da Comisión Delegada serán tomados por maioría simple dos asistentes e dirimirá os empates o voto de calidade do presidente ou de quen, regulamentariamente, o substitúa.

En todo caso, os acordos da Comisión Delegada, validamente adoptados segundo os presentes estatutos, vincularán a tódolos membros da entidade, sen prexuízo das accións que en dereito procederan.

Artigo 29º.-Recursos.

Contra os acordos da Comisión Delegada poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Asemblea Xeral, durante o prazo de 15 días hábiles contados desde o seguinte ó da aprobación da acta correspondente.

A presentación e tramitación dos recursos axustarase ó disposto no artigo 42º dos presentes estatutos.

Artigo 30º.-Actas.

Dos acordos da Comisión Delegada levantarase acta na que se farán constar:

-Circunstancias do lugar e tempo.

-Orde do día.

-Asistentes, presentes e representados así como as cotas de participación presentes e representadas.

-Forma e resultado das votacións.

-Contido dos acordos.

As actas serán redactadas e asinadas polo secretario co visto e prace do presidente. Unha vez aprobadas na mesma reunión ou na seguinte que se celebre, transcribiranse no correspondente libro de actas. O dito libro deberá estar foliado e legalizada a primeira folla coa rúbrica do alcalde e as restantes, co selo do concello; na súa primeira páxina, expresarase, mediante dilixencia de apertura asinada polo secretario, o número de folios e a data de apertura.

A requirimento dos asociados ou do concello, o secretario da asociación, co visto e prace do presidente, expedirá certificacións do contido dos libros de actas.

Artigo 31º.-Facultades da comisión.

A Comisión Delegada terá as seguintes facultades:

a) Informa-los contratos, proxectos e transaccións referidos á execución das obras de conservación, inspeccionalas e mante-la oportuna relación coa dirección facultativa delas.

b) Contratar obras e servicios dos que contía sexa igual ou inferior ó 50% do orzamento da entidade.

c) Formular, antes das sesións ordinarias da Asemblea Xeral, a memoria de xestión e as contas do

exercicio precedente, así como o plan de actuación e orzamento para o seguinte exercicio.

d) Desenvolve-la xestión económica da entidade, conforme os orzamentos aprobados pola Asemblea Xeral e contabiliza-los seus resultados.

e) Propoñer á Asemblea Xeral a adopción de acordos en materias atribuídas ás competencias desta.

f) Realizar tódolos actos de administración e xestión da entidade que non estean expresamente reservados, legal ou estatutariamente, á Asemblea Xeral.

g) Aproba-lo censo actualizado de asociados, que deberá ser comunicado á asemblea.

h) Recada-las cotas e restantes contribucións acordadas.

i) Solicitar da Administración municipal a aplicación do procedemento executivo e a vía de constrinximento para o cobro das cotas que deban os membros da entidade de conservación.

j) Adopta-las decisións e levar a cabo as actuacións necesarias en caso de urxencia, co fin de evitar ou aminora-los danos que se puideran producir.

k) Propoñer á Asemblea Xeral os nomeamentos do xerente, secretario e tesoureiro así como controlar a súa xestión.

l) Delegar todas ou algunhas das súas facultades no xerente; neste caso, deberá darse conta á asemblea das facultades delegadas.

m) Todas aquelas facultades que, expresamente, lle delegase a Asemblea Xeral.

Sección 3ª

Dos órganos unipersoais

A) Do presidente

Artigo 32º.-Designación.

O presidente será elixido pola Asemblea Xeral na súa sesión constitutiva ou nas sucesivas renovacións, entre os asociados membros da Comisión Delegada. En caso de ausencia ou enfermidade o presidente será substituído polo membro da Comisión Delegada que represente a maior cota de participación, que exercerá as súas funcións mentres dure a enfermidade ou ausencia do presidente e ata o remate do seu mandato en caso de cesamento definitivo deste.

Artigo 33º.-Facultades.

O presidente terá as seguintes atribucións:

a) Presidi-la Asemblea Xeral e a Comisión Delegada.

b) Convocar, suspender e levanta-las sesións, presidir e dirixi-las deliberacións dos órganos colexiados da entidade e dirimi-los empates co seu voto de calidade.

c) Te-la representación legal da entidade.

d) Executa-los acordos da Asemblea Xeral.

c) Representa-la entidade ante os organismos da Administración e en toda clase de actos xurídicos, podendo conferir, se o estima oportuno a Comisión Delegada, mandatos ou poderes a outros asociados para o exercicio da dita representación tanto para efectos xudiciais como extraxudiciais.

f) Autoriza-los actos e certificacións dos acordos dos órganos colexiados da entidade e cantos documentos así o requiran.

g) Exercer na forma que a Comisión Delegada prescriba cantas xestións sexan necesarias para o desenvolvemento normal da entidade.

h) Desenvolver tódalas funcións que lle encomende ou delegue a Asemblea Xeral.

i) Canaliza-las relacións da entidade co Concello do Porriño.

j) Efectua-las contratacións que lle encomende a Comisión Delegada.

k) Solicita-la colaboración de calquera dos membros da entidade para xestións concretas que, pola súa natureza, o precisen.

l) Interpoñer accións xudiciais en nome da entidade, desistir delas, transixir en preitos ou fóra deles, presentar instancias, peticións, interpoñer recursos así como desistir deles ante calquera Administración pública, e outorgar poderes en favor de avogados e procuradores, todo iso coa aprobación expresa da Asemblea Xeral ou ben, en caso de urxencia, coa simple ratificación na primeira sesión convocada despois do dito outorgamento; neste caso, a concorrencia da situación de urxencia deberá ser estimada polo acordo da Comisión Delegada.

m) Decidir asuntos inaprazables dando conta inmediatamente á comisión.

B) Do secretario e o tesoureiro

Artigo 34º.-Designación.

Os cargos de secretario e tesoureiro da entidade, que o serán tamén da Comisión Delegada, poderán ser desempeñados por asociados ou por profesionais axenos á entidade.

No caso de que sexan asociados, serán nomeados pola Asemblea Xeral de entre os membros da Comisión Delegada. Se foran persoas alleas á entidade, deberán ser propostos pola Comisión Delegada, logo de valoración dos seus coñecementos específicos na materia, e nomeados pola Asemblea Xeral.

No suposto de que sexan membros da entidade, terán voz e voto; no caso contrario, terán dereito a voz pero non a voto.

En caso de ausencia, o secretario será substituído nas sesións polo membro da Comisión Delegada de menor idade, excluído o presidente.

Artigo 35º.-Facultades do secretario.

Son facultades do secretario:

a) Formula-las convocatorias das reunións da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada, de acordo coas instruccións do presidente.

b) Levantar acta das reunións, tanto da Asemblea Xeral como da Comisión Delegada, facendo consta-lo o resultado das votacións e os acordos adoptados.

c) Expedi-las certificacións co visto e prace do presidente.

d) Organiza-los servicios de réxime interior da entidade e, de modo especial, a existencia dun libro-rexistro no que se relacionarán os socios integrantes da asociación, con expresión das súas circunstancias persoais, domicilio, data de incorporación, cota de participación e número de votos, descrición dos predios das que son titulares na entidade e cantos datos complementarios se estimen procedentes.

e) Realizar, así mesmo, os actos de xestión administrativa e demais funcións que especialmente se lle encomenden polo presidente ou a Comisión Delegada.

Artigo 36º.-O tesoureiro.

Son funcións do tesoureiro realiza-los pagos e cobros que correspondan ós fondos da entidade, así como a custodia destes; leva-los libros de ingresos, gastos e caixa; render contas da xestión orzamentaria da asociación; e cumprir con tódalas demais obrigacións que, respecto ó seu cometido, se establezan por disposicións legais ou acordos da entidade.

C) Do réxime dos cargos da entidade

Artigo 37º.-Principio de gratuidade.

Os membros da Comisión Delegada desempeñarán os seus cargos en réxime de prestación persoal gratuíta; sen embargo, a Asemblea Xeral poderá acorda-las indemnizacións que estime procedentes por asistencia, desprazamentos, etc. Así mesmo, e en caso de que algún dos cargos esixa unha dedicación excesivamente onerosa, poderá ser retribuído na forma que aprobe a asemblea.

No caso de que os cargos sexan desempeñados por terceiros alleos á entidade, estes percibirán unha retribución que será acordada pola Asemblea Xeral.

Capítulo IV

Do réxime económico

Artigo 38º.-Medios económicos.

A facenda da entidade estará integrada polos seguintes ingresos:

a) As cotas de toda índole dos asociados; a súa contía e periodicidade poderá varialas a Asemblea Xeral. O importe destas distribuirase en proporción ás cotas de participación asignadas.

b) Subvencións, auxilios, donativos, créditos e outros ingresos.

Se durante o exercicio xurdira unha necesidade imprevista que esixira un gasto extraordinario, será preciso acordo da Asemblea Xeral.

Artigo 39º.-Orzamento.

Redactarase e aprobarase anualmente un orzamento ordinario. A súa partida de ingresos constituiraa o superávit anterior se o houbese, as cotas que deban satisface-los socios, as subvencións ou donativos que se recibiren e calquera outro ingreso previsible. A súa partida de gastos será constituída polos ordinarios e xerais de conservación, locais, mobiliario e material e os gastos previstos para a consecución dos fins de conservación desta entidade.

Artigo 40º.-Recadación.

As cotas de socios e demais cantidades que deban satisfacer estes serán ingresadas nos prazos e datas que fixe a Comisión Delegada. En caso de non pagalas, as cotas ou cantidades poderán ser esixidas polo concello (de oficio ou a solicitude da entidade de conservación, logo de acordo da Comisión Delegada) mediante a vía de constrinximento; o importe das cotas será entregado polo concello á entidade. A partir da data en que sexan esixibles devengarán xuros legais de demora ata o seu completo aboamento.

Artigo 41º.-Contabilidade.

A entidade levará a contabilidade da xestión económica en libros adecuados para que, en cada momento, poida darse razón das operacións efectuadas e se deduzan deles as contas que haberán de renderse.

Obrigatoriamente, a contabilidade constará, como mínimo, de libros de ingresos, gastos e caixa que estarán a cargo do tesoureiro da entidade.

A Asemblea Xeral poderá designar unha comisión censora de contas constituída por tres membros asociados da entidade, co fin de revisa-la contabilidade dela e informar diso ó indicado órgano colexiado.

Capítulo V

Do sistema de garantías no ámbito da entidade

Artigo 42º.-Recursos contra os acordos dos órganos da entidade.

Contra os acordos ou resolucións do presidente, da Comisión Delegada e da Asemblea Xeral poderán interpoñerse os recursos previstos nestes estatutos así como os demais recollidos na lexislación vixente.

O recurso de alzada ante o Concello do Porriño presentarase, cando proceda:

a) Directamente no rexistro xeral do concello.

b) Por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Entregándoo ó secretario da entidade de conservación, o cal deberá devolver selada e datada

a copia deste. Neste caso, o recurso deberá ser elevado polo secretario ó concello xunto cunha certificación do acordo impugnado.

O concello dará vista do recurso á entidade, a fin de que a Comisión Delegada formule alegacións ó respecto, se o estima conveniente, no prazo de 15 días hábiles.

Artigo 43º.-Executividade dos acordos.

As resolucións do presidente e os acordos da Comisión Delegada e da Asemblea Xeral, sen prexuízo da tramitación das reclamacións e recursos interpostos, serán executivos. Os acordos serán executivos unha vez adoptados polo órgano competente. Todo iso salvo suspensión acordada pola Asemblea Xeral, a Comisión Delegada, o concello ou o órgano xurisdiccional se se acudira á dita vía.

Artigo 44º.-Lexitimación.

Están lexitimados para interpoñer recursos contra os acordos desta entidade tódolos seus asociados ademais daqueles ós que o réxime xurídico administrativo vixente lles recoñeza tamén lexitimación suficiente en relación cos que lle poida afectar.

Capítulo VI

Da disolución e liquidación da entidade

Artigo 45º.-Causas de disolución.

A entidade disolverase por acordo adoptado pola Asemblea Xeral por unha maioría de dous tercios das cotas que integran a asociación. O dito acordo deberá ser refrendado polo Concello do Porriño.

Artigo 46º.-Liquidación.

Acordada validamente a disolución da entidade, a Comisión Delegada, por si o mediante os censores de contas, se os nomease, procederá a efectua-la liquidación desta mediante o cobro de créditos e o pagamento de débedas pendentes. Se houbera remanente distribuiríao entre os asociados en proporción ás súas cotas de participación.

Disposición adicional

No non previsto nos presentes estatutos serán de aplicación a Lei 6/1998, de réxime de solo e valoracións, a Lei 1/1997, do solo de Galicia, o Regulamento de xestión urbanística e disposicións concordantes e, de modo supletorio, a normativa xeral en materia de asociacións.

O Porriño, 22 de xuño de 2000.

José Manuel Barros González

Alcalde