Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Luns, 31 de xullo de 2000 Páx. 11.441

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da addenda III ó proxecto de instalacións do ramal Pontevedra-Ourense (ramal ó Carballiño) e a súa revisión número 1, promovido pola empresa Enagás, S.A.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en r/ Capitán Haya, 41; 28020 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Enagás, S.A. é titular da concesión administrativa outorgada por orde da Consellería de Industria e Comercio do 12 de marzo de 1993, para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais, de conformidade co proxecto ramal Pontevedra-Ourense e redes de distribución para usos industriais na provincia de Ourense, nos termos municipais de Pontevedra, Ponte Caldelas, Cotobade, A Lama, Avión, Boborás, O Carballiño, Maside, Puxín, Amoeiro, Ourense, Barbadás e San Cibrao das Viñas, concesión que deveu en autorización conforme establece a disposición adicional sexta da Lei 34/1998, de 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

Segundo.-Con data 18 de xuño de 1999, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido nos artigos 89.3º e 104 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a aprobación do proxecto de instalacións Addenda III ó proxecto de instalacións do ramal Pontevedra-Ourense (ramal ó Carballiño), así como a declaración de utilidade pública das mencionadas instalacións, xuntando á dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e

Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

Con data 21 de febreiro de 2000, Enagás, S.A. presentou a Revisión nº 1 á Addenda III ó proxecto de autorización de instalacións do ramal Pontevedra-Ourense (ramal ó Carballiño), variando o trazado do vértice V-03 ó V-07, para evitar a afección do proxecto orixinal cos restos arqueolóxicos dunha calzada romana, con base no informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O trazado afecta ó termo municipal do Carballiño, e as características das instalacións serán as seguintes:

A canalización parte da posición I-022.3 existente do ramal Pontevedra-Ourense, no termo municipal do Carballiño (ó sur do núcleo urbano de Matogrande). A partir de aí o ramal en alta presión A (APA) discorre con diámetro de 4'' paralelo ó ramal Pontevedra-Ourense, cara a Pontevedra, durante un tramo de 1.000 metros, aproveitando desta maneira a pista utilizada para o ramal existente. Manterase unha distancia mínima de paralelismo de 3 m. Durante o tramo de paralelismo, cruzarase o rego Porto. A partir dun punto situado ó sur do núcleo de As Caldas, o encanamento abandona o paralelismo co ramal Pontevedra-Ourense, discorrendo en dirección norte. Tras cruza-lo núcleo urbano das Caldas, o encanamento aproxímase á estrada G-137 (nova variante do Carballiño), e discorre paralela á mesma durante uns 270 m. Neste punto cruza a dita estrada á altura do p.k. 5 mediante perforación horizontal, situándose posteriormente paralela a un camiño asfaltado, ata acceder á estrada OUR-210. Desde este

punto o encanamento discorrerá baixo a calzada da dita estrada durante un tramo duns 1.000 metros, ata as proximidades do antigo matadoiro municipal. Neste punto asentarase a válvula de acometida de diámetro 4'' en arqueta.

Entre os vértices V-03 e V-07 do proxecto orixinal o trazado afecta ós restos arqueolóxicos dunha calzada romana situada uns 150 m antes de chegar á localidade das Caldas. Por este motivo procédese

á modificación do trazado, afastándose da calzada romana mencionada (revisión nº 1).

A lonxitude da conducción aumenta en trece (13) metros respecto do trazado orixinal, manténdose o diámetro de 4", e o orzamento aumenta en 78.546 ptas.

A lonxitude total do ramal é de 3.233 m.

O orzamento ascende á cantidade de 102.186.696 ptas.

Terceiro.-Esta dirección xeral someteu a información pública o proxecto Addenda III ó proxecto de instalacións do ramal Pontevedra-Ourense (ramal ó Carballiño) xunto coa relación de bens e dereitos afectados, mediante Resolución do 9 de xullo de 1999, publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto de 1999, no BOP de Ourense do 3 de agosto de 1999, no diario La Región do 23 de xullo de 1999 e no taboleiro de anuncios do Concello do Carballiño.

Así mesmo, esta dirección xeral someteu a información pública o proxecto Revisión nº 1 á Addenda III ó proxecto de instalacións do ramal Pontevedra-Ourense (ramal ó Carballiño) xunto coa relación de bens e dereitos afectados, mediante Resolución do 28 de febreiro de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia do 23 de marzo de 2000, no BOP de Ourense do 28 de marzo de 2000, no diario La Región do 10 de marzo de 2000 e no taboleiro de anuncios do Concello do Carballiño.

Cuarto.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto:

Alegacións ó trazado orixinal:

1. Concepción Sotelo Arias, propietaria do predio nº OR-CI-464; Daría Sotelo Arias; Manuel Rodríguez; Peregrina López Bravo; David Pérez González; Digna Janeiro Lamas; Teresa Vázquez Pérez; María Sonia Pérez Vázquez; José Luis Pérez Janeiro; Miguel Estévez Fernández; Camilo Estévez Álvarez; José Daniel Gómez Piña; Concepción González Arias; Josefa Fernández Fernández; Carmen Fernández Fernández; Fátima Gómez González; Julio Collazo González; Avelina Pérez González; Daniel Pérez González, propietario do predio nº OR-IR-456; José Touriño Fernández; Josefa Rodríguez Fernández; Bernardino Rodríguez Louzao; María Fernández Fernández; María Olimpia Marante González e Modesto Pérez González, alegan que o trazado tal e como está previsto afecta a unha zona na que existe unha calzada empedrada da época romana e propoñen como trazado alternativo os camiños veciñais sen pasar polo centro do lugar.

Alegacións á revisión nº 1:

2. Manuel Vázquez Fernández, como alcalde presidente do Concello de Carballiño, Mª Olimpia Marante González, en representación da Comunidade de Veciños das Caldas de Partovia e Julio Rodríguez Rodríguez, como presidente da Asociación de Veciños de Partovia, alegan que:

-As distancias para o paso do encanamento polo lugar das Caldas de Partovia debe ser como mínimo

de 5 metros e non de 2,5 metros, como considera o proxecto.

-O trazado tal e como está previsto afecta a unha zona na que existe unha calzada empedrada da época romana, unha fonte de abastecemento do lugar e unha mina empedrada desde onde discorre a auga da mencionada fonte.

-Como trazado alternativo, que se teña en conta a proposta realizada in situ ós enxeñeiros de Enagás, S.A. polos veciños.

-Que se obteñan previamente os permisos dos organismos afectados.

3. A Asociación de Veciños do Torrón e Manuel Vázquez Fernández, como alcalde-presidente do Carballiño, manifestan que:

-As instalacións do proxecto non cumpren as normas de seguridade en canto ás distancias das edificacións existentes.

-Co actual trazado do encanamento afectaríanse as instalacións de auga e saneamento do lugar. Así mesmo, quedarían afectadas as palmeiras, símbolo centenario do lugar.

-Os veciños poden ter limitacións en canto a interpretación técnica do expediente da obra.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Quinto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Sexto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Ourense.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así coma as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa Enagás, S.A. e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. En canto ás alegacións presentadas con respecto á afección do trazado a unha calzada romana, quedan

corrixidas coa Revisión nº 1 ó proxecto, na que se modifica o trazado entre os vértices V-03 e V-07 evitando a citada afección.

2. Con respecto ás alegacións presentadas por Manuel Vázquez Fernández, como alcalde presidente do Concello do Carballiño, Mª Olimpia Marante González, en representación da Comunidade de Veciños das Caldas de Partovia e Julio Rodríguez Rodríguez, como presidente da Asociación de Veciños de Partovia dicir que:

-O ramal ó Carballiño trátase dunha conducción da que a presión máxima de servicio é de 16 bares en alta presión A (APA) e que a Estación de Regulación e Medida que se incorpora na posición I-022.3, diminúe a presión de 80 bares do gasoducto ramal a Pontevedra-Ourense (APB) ós 16 bares do ramal ó Carballiño, motivo polo cal se manteñen as distancias reflectidas no proxecto.

-O trazado que afectaba á calzada romana xa foi obxecto dunha variante entre os vértices V-03 e V-07, logo de Informe de Avaliación de Impacto e Proxecto de Prospección Arqueolóxica, foi autorizado e informado favorablemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 14 de marzo de 2000. A afección á mina e á fonte tamén se recolle no proxecto de prospección mencionado.

-Non se pode acepta-la variante proposta polos alegantes posto que afectaría a terceiros non incluídos no procedemento expropiatorio que poderían manifestarse no mesmo sentido que os actuais alegantes.

-A empresa promotora conta coa correspondente autorización de cruzamento e/ou paralelismo dos diferentes organismos con bens afectados, estando unicamente pendente a aprobación da Confederación Hidrográfica do Norte.

3. Con respecto ás alegacións presentadas pola Asociación de Veciños do Torrón e Manuel Vázquez Fernández, como alcalde presidente do Carballiño:

-As distancias de seguridade do proxecto son as correctas por tratarse dun ramal de 16 bares de presión.

-As instalacións de auga e saneamento do lugar, en caso de verse afectadas polas obras do proxecto, serán repostas ó seu primitivo ser e estado pola empresa promotora, avisando a tódolos afectados antes do inicio das obras.

-Unha vez iniciado o expediente expropiatorio explicarase de forma particular e individualizada as afeccións e onde se poderá in situ aclarar calquera cuestión relacionada co tema.

Cuarto.-Enagás procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados, ou se é caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Enagás, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto segundo dos

antecedentes, correspondentes ó termo municipal do Carballiño.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Aprobar a Enagás, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se recollen na Addenda III ó ramal Pontevedra-Ourense (ramal ó Carballiño) excepto entre os vértices V-03 e V-07 para os que se aproba o proxecto de execución das instalacións que se recollen na Revisión nº 1 á Addenda III ó ramal Pontevedra-Ourense (ramal ó Carballiño).

Declara-la utilidade pública das instalacións que se autorizan, para os efectos previstos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización administrativa outórgase conforme condicións xerais previstas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, o Decreto 2613/1973, do 26 de outubro e o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e baixo as condicións especiais seguintes:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten ós datos básicos do proxecto será necesaria a autorización desa Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Ourense poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta Dirección Xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: clasificación de emprazamentos con riscos de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. O emprazamento de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302 as zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de seis meses contados da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, previa á oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Ourense deberá realizar durante as obras e unha vez rematadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterán informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Ourense de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización das probas e controis regulamentarios, todo iso con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios previstos foron realizados por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitirase a dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pola dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterá as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente resolución, establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un: a expropiación forzosa dos terreos sobre os que se construirán as instalacións fixas en superficie.

Dous: para as canalizacións:

A. Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terreo de dous (2) metros de largo, un a cada lado do eixe, ó longo do gasoducto, por onde discorrerá soterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas e que estará suxeita ás seguintes limitacións ó dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros contados desde o eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar algún acto que puidera danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha

distancia inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pago, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os encanamentos de ventilación, así como de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B. Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer, temporalmente, todo obstáculo e se realizarán as obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas ós ditos fins.

Tres: para o paso de liñas, equipos de telecomunicación e elementos dispersores de protección catódica:

A. Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores de protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como anchura, a correspondente á da instalación máis un (1) metro a cada lado. Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así coma de plantar árbores ou arbustos e realizar todo tipo de obra, construcción ou edificación a unha distancia inferior a un metro e medio (1,5), a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, pudendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbera a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pago se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B. Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas ós ditos fins.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se atopan as

canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo, deberá facilitar ós servicios de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección civil, copia dos planos de situación das canalizacións e características de estas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 20 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria