Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Mércores, 26 de xullo de 2000 Páx. 11.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral da empresa Grupo de Empresas Álvarez, S.A.

Visto o texto do laudo arbitral sobre diverxencias xurdidas entre o Grupo de Empresas Álvarez, S.A. e o seu comité de empresa, ó aplica-los tempos e rendementos mínimos esixibles nas operacións dalgúns tipos de artigos, dictado por José Mª Casas de Ron, con data do 2 de xuño de 2000, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, exis

tente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 20 de xuño de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral da empresa Grupo de Empresas

Álvarez, S.A. expediente AGA 6/2000

Laudo arbitral

José Mª Casas de Ron, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral con data do 28 de abril de 2000, en procedemento de solución de conflictos, baseándose no establecido no capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), procedemento número de referencia 6/2000, no que son interesados dunha parte a representación legal dos traballadores a través do seu comité de empresa, e doutra o Grupo de Empresas Álvarez, S.A. (GEA), mediante acta de compromiso arbitral remitida na data 28 de abril de 2000, como partes lexitimadas do conflicto sobre diverxencias xurdidas entre as partes ó aplica-los tempos e rendementos mínimos esixibles, nas operacións dalgúns tipos de artigos, resolvo a cuestión presentada, visto o expediente e oídas as partes, por medio do presente laudo, baseándome nos seguintes antecedentes:

Debido ás graves discrepancias xurdidas na aplicación dos tempos esixibles en determinadas operacións por parte da dirección da empresa en diversas seccións desta, e toda vez que non se acadou ningún acordo nesta cuestión na comisión de ritmos e tempos, as partes consideraron acudir ó sistema de solución de conflictos previstos no AGA, co fin de que se dicte resolución que estableza os tempos e rendementos mínimos esixibles nas seccións afectadas, incluíndose para estes efectos os dictames técnicos que se consideren necesarios.

Efectuando o compromiso arbitral o 28 de abril de 2000, e designado como árbitro o que subcribe, comezouse co procedemento, de acordo co establecido no acordo de solución extraxudicial de conflictos colectivos de traballo. Con este fin, e en presencia de Pilar Cancela Rodríguez, secretaria xeral do Consello Galego de Relacións Laborais e o letrado do servicio de solución de conflictos, o árbitro reuniu o 28-4-2000 as partes interesadas no domicilio social/centro de traballo, co fin de comeza-lo procedemento, nas condicións establecidas na súa norma de aplicación. Con este fin, comparecen, por parte da representación legal dos traballadores, Margarita Rodríguez Montes, do sindicato de CC.OO., presidenta do comité intercentros; Margarita Gallego Gómez, do sindicato de CC.OO., Carlos Dasilva Ferreiro, do sindicato CC.OO., Marta Novoa Ferreiro,

do sindicato CIG, José Pérez Domínguez, da Unión Sindical Obreira (USO) e María Sanmartín López, do sindicato UGT, membros os cinco da comisión de ritmos e tempos da empresa; e doutra parte, os representantes da empresa GEA, Luis Tomás Lozano Barredo, director de Recursos Humanos do grupo, e Rafael Sanromán Durán, responsable de tempos e métodos da empresa.

O árbitro signifícalle-las fases do procedemento, sinalando que, para tódolos efectos, se garantirán os principios de audiencia, contradicción e igualdade e comunícalle-las obrigas das partes de acordo coas previsións establecidas no artigo 24 do AGA. Aberta a dita comparecencia, as partes expóñenlle ó árbitro a súa postura, posición e pretensións, expresando ó actuante as graves diferencias que se consignaron, no fixado e aplicación de tempos nas operacións da sección de decoración e cromado, e as súas consecuencias no sistema Bedaux en 16 artigos.

Para estes efectos, o árbitro comunica que se solicitará un dictame ou informe técnico e que se obterá polos propios medios do Servicio Técnico de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais, centrando o técnico intervinte as súas actividades nas operacións que interesan para os efectos de que o árbitro poida dictar laudo sobre o orzamento técnico e coas garantías que sexan esixibles. Comunica igualmente o árbitro que para a emisión deste dictame, o técnico actuante comunicarase coas partes interesadas co fin de que estes poidan efectua-las suxestións e consideracións que coiden oportunas. Unha vez emitido o dito informe, o árbitro encaixarao dentro do suposto arbitral, dictando resolución que, naturalmente considerará a solución técnica achegada no dictame.

Por último, comparecendo, por petición do árbitro actuante, o director de Métodos da empresa, Rafael Sanromán Durán, co fin de facilita-los datos técnicos, indícase a táboa empresarial obxecto da discrepancia entre as partes, referida ós decorados Ancora Salmón e Vilanova Azul.

Artigo/formatoProducción

u/h normal

Producción

u/h óptima

Prato pan6283

Prato postre5574

Prato 26 cm4661

Prato 28 cm3952

Prato 31 cm3648

Prato fondo5067

Fonte 16 cm4358

Fonte 22 cm4155

Fonte 28 cm4053

Fonte 31 cm3547

Cazoleta 13 cm3648

Informe técnico:

Baseándose nos anteriores orzamentos, solicitouse a colaboración do Tribunal Laboral de Cataluña para a elaboración dun dictame técnico, destinándose para estes efectos o enxeñeiro Antonio Trigueros Cerezo, que se desprazou ó centro de traballo os días 9, 10

e 11 de maio de 2000 para os efectos da recollida de datos e mediacións oportunas, co fin de emiti-lo informe solicitado e poder determinar e asina-los tempos normais e óptimos, para os efectos da aplicación do sistema puntos Bedaux que correspondan ós niveis normais e óptimos en producción de unidades/hora, efectuándose as tomas de datos de cronometraxe, e oscilando en mostras de entre 20 e 80 valores para cada unha das operacións, ponderando as mostras parciais de 2 e 4 operarios/as distintos para cada un deles nas operacións e artigos do cromado de decorado Ancora Salmón e Vilanova Azul. O devandito informe foi remitido ó Servicio de Solución de Conflictos xunto cun cadro de valores vinculantes ó que se fará referencia, unha vez obtidos por medición directa, establecendo artigo, puntos minuto/unidade e producción unidades/hora, normal e óptima.

Conclusións:

Remitido o informe técnico, o árbitro considera en primeiro lugar que o devandito dictame se realizou dando satisfacción ós requisitos de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes interesadas dar conta ó técnico actuante de suxestións e formalidades no exercicio da súa función; por outra parte, o devandito dictame supón para o árbitro a achega de datos necesarios co fin de dictar laudo no conflicto de intereses por aplicación de disposición técnica ante as diferencias na implantación e funcionamento do sistema puntos Bedaux.

Para estes efectos, hai que sinalar antes o seguinte: o árbitro, como consecuencia das estimacións efectuadas polo técnico actuante, non tivo en conta os valores técnicos pertencentes ó artigo que se designa como cazoleta 13, ó realizarse con mostras moi curtas, provocando unha alta dispersión entre os valores obtidos nos dous postos de traballo elixidos para a toma de datos. Así mesmo, os artigos saleiro, pementeiro, palilleiro, cinceiro de auga e floreiro baixo, artigos todos eles de moi pouca producción, non foron obxecto de descomposición e medición, pero o árbitro obtivo da dirección da empresa a seguridade de que, polo seu moi baixo nivel de incidencia, non presentará problemas na aplicación do sistema de medición de tempos/productividade, polo que unicamente a parte dispositiva do presente laudo afecta os restantes 11 artigos.

Por todo o anterior e baseándose nas consideracións expostas, resolvo a cuestión en equidade baseándome nas previsións do dictame técnico que o árbitro actuante converte en vinculantes, dictando o seguinte laudo de acordo co artigo 3 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de conflictos colectivos de traballo, dictándose no prazo excepcional previsto no número 2º do artigo 24 do devandito acordo, xustificado na propia petición do informe técnico á que se fixo referencia, e sendo advertidas as partes da excepcionalidade á que se acolle este pronunciamento en canto ó seu prazo.

Único:

Os valores, artigos, puntos e produccións esixibles ou acadados no conflicto sobre tempos formulados

polas partes serán os que a continuación se explicitan no seguinte cadro, afectando os decorados Ancora Salmón e Vilanova Azul, e en tódolos supostos similares.

Artigo/formatoPuntos

min/unidad

Producción

u/h normal

Producción

óptima

Prato pan1,29646,3061,71

Prato postre1,30246,0861,42

Prato 26 cm1,38043,4857,96

Prato 28 cm1,45241,3255,08

Prato 31 cm1,93231,0641,39

Prato fondo1,36244,0558,72

Fonte 16 cm1,31445,6660,87

Fonte 22 cm1,74634,3645,80

Fonte 28 cm1,81233,1144,14

Fonte 31 cm1,96830,4940,64

Cazoleta 13 cm*31,0641,39

* Por proxección do árbitro.

O presente laudo poderá ser obxecto de recurso ante a xurisdicción social nos termos establecidos no pr. 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA).

Vigo, 2 de xuño de 2000.

José Mª Casas de Ron

Árbitro