Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Luns, 24 de xullo de 2000 Páx. 11.204

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xullo de 2000 pola que se convoca un concurso público de méritos para a selección de profesor ou profesora bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas para as universidades de Murcia, do País Vasco, Autónoma de Barcelona, de Salamanca, de Cork, de Oxford (Queen's College), de Rennes II-Haute Bretagne, Nova de Lisboa, do Minho (Braga), de Varsovia, Freie Universität de Berlín, de Trier, Ruprecht-Karls de Heidelberg, de Birmingham, da República (Montevideo), de Padua e de Tubinga.

A promoción e o ensino da lingua galega é unha das competencias exclusivas que o Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á Comunidade Autónoma galega.

A necesidade de actuar neses dous campos, sobre todo con relación ós galegos que viven fóra do noso país, recóllea a Lei 3/1983, de normalización lingüística, cando lle ordena ó Goberno galego que faga uso dos recursos que a Constitución española e mailo Estatuto de autonomía lle confiren para que os emigrantes galegos poidan dispoñer de servicios culturais e lingüísticos en lingua galega.

As actuacións tendentes á difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas fóra de Galicia, especialmente nos ámbitos universitarios, permiten a súa presencia e o seu estudio en igualdade de condicións coas máis prestixiosas do mundo actual, facilitan o achegamento das comunidades de galegos e dos seus descendentes á nosa realidade lingüística e cultural, e contribúen ó potenciamento da imaxe de Galicia en xeral máis alá dos nosos límites xeográficos.

Para facer posible todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asina convenios de colaboración con algunhas das principais universidades de España e do estranxeiro, convenios que posibilitan o ensino e a promoción da nosa lingua e da nosa cultura nesas institucións universitarias.

Ante a posible carencia dentro das propias universidades de persoal cualificado para levar a cabo ese labor, tense en conta a existencia de profesores bolseiros de lingua, literatura e cultura galegas, que contan ademais, por parte das entidades universitarias, co apoio necesario para completa-lo proceso da súa formación docente. Na procura deste profesorado, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colabora no proceso de selección e efectúalles ás universidades as correspondentes propostas.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase un concurso público de méritos para a selección dun profesor ou profesora bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas en cada unha das seguintes universidades: de Murcia, do País Vasco, Autónoma de Barcelona, de Salamanca, de Cork, de Oxford (Queen's College), de Rennes II-Haute Bretagne, Nova de Lisboa, do Minho (Braga), de Varsovia, Freie Universität de Berlín, de Trier, Ruprecht-Karls de Heidelberg, de Birmingham, da República (Montevideo), de Padua e de Tubinga.

Artigo 2º.-Suxeitos.

1. Poderán participar neste concurso as persoas que teñan nacionalidade española e posúan algunha das seguintes titulacións:

-Licenciadas en filoloxía galega.

-Licenciadas nas subseccións de galego-portugués de filoloxía hispánica ou galaico-portuguesa de filoloxía románica.

2. Quedan excluídas aquelas persoas que, reunindo estes requisitos, exerceron xa como profesor ou profesora bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas continuadamente durante os catro anos académicos anteriores ó actual 1999/2000.

Artigo 3º.-Duración.

1. O período de actuación de cada un dos mencionados profesor ou profesora bolseiro abranguerá:

-Na Universidade da República (Montevideo): a totalidade do ano académico 2000.

-Nas demais universidades: ata o 31 de agosto do ano 2001.

A concesión deste inicial período de actuación poderase ir renovando, sucesivamente, para un novo ano académico (segundo o calendario da universidade), ata completar unha estadía total máxima de cinco nesa institución universitaria, sempre que esta circunstancia non contraveña o que dispón a normativa de cada unha das universidades receptoras en canto á estadía de profesores bolseiros.

2. Para cada unha desas renovacións anuais, o profesor ou profesora bolseiro deberá reunir, no penúltimo mes do correspondente ano académico, os seguintes requisitos:

-Ter presentada na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a memoria-resumo do ano académico que remata (co visto e prace da universidade).

-Contar con informes favorables á renovación, tanto da universidade coma da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Se algún dos profesores ou profesoras bolseiros seleccionados desempeñase xa anteriormente esa función na mesma ou noutra universidade, no cómputo do período máximo ó que se aludiu anteriormente deberase incluí-lo número de anos académicos completos transcorridos na anterior situación.

4. No caso de que algunha das persoas seleccionada posúa a condición de funcionario, terá que pedir e obter, do organismo pertinente -no prazo máximo de dez días, contados a partir do da notificación da resolución definitiva-, a correspondente resolución sobre a súa situación funcionarial (excedencia, servicios especiais, comisión de servicios, licencia de estudios...).

Artigo 4º.-Actividade.

Os referidos profesores ou profesoras bolseiros encargaranse da programación e da organización das necesarias actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas (non só na universidade senón tamén dentro do seu ámbito de influencia), e impartirán a docencia desas materias. En todo caso, a súa dedicación académica e maila consideración dentro da universidade axustaranse á normativa da propia institución docente.

Artigo 5º.-Dotación económica.

1. A dotación correspondente ós mencionados profesores e profesoras bolseiros financiarase con cargo á subvención que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria lle outorgue a cada unha das universidades para levar a cabo as accións de docencia, difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas especificadas nos convenios respectivos.

2. En consecuencia, será a propia universidade a que lle faga efectivo o importe da citada dotación, de acordo coa contía que para cada ano se determine.

3. Esta contía anual para o actual 2000 será de 2.200.000 pesetas nunha universidade española e de 2.500.000 pesetas nunha universidade do estranxeiro (3.000.000 na de Oxford-Queen's College). No caso de que o profesor bolseiro fose funcionario e conservase a súa retribución como tal, as contías respectivas serán de 800.000 pesetas nunha universidade española e de 1.100.000 pesetas nunha universidade do estranxeiro.

4. Nesa contía considéranse incluídos tódolos conceptos (viaxes, residencia, etc.).

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As persoas interesadas presentarán a solicitude no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Utilizarán o formulario de solicitude que figura como anexo a esta orde e achegarán cando menos a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Fotocopia compulsada do título ou títulos de licenciado (ou da acreditación de telo solicitado).

-Certificado de estudios (orixinal ou fotocopia compulsada).

-Currículum vitae e xustificantes de tódolos méritos alegados.

-Declaración xurada de non estar en situación de servicio activo como funcionario, ou ben, no caso de

o estar, indicación do corpo ó que pertence, acompañada entón dunha fotocopia compulsada do título administrativo e dunha folla de servicios cerrada no día de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Escrito, asinado polo solicitante, que conteña unha explicación dos motivos da presentación da solicitude e mais un proxecto de traballo concretado para a universidade que se solicite (mínimo de 10 folios).

2. Cada solicitante poderá optar a ser profesor ou profesora bolseiro nun máximo de cinco universidades.

Artigo 7º.-Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou as omisións. Transcorrido ese prazo, e se non se producise a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Artigo 8º.-Órgano informante.

As solicitudes e a documentación acreditativa examinaraas unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Por parte de cada universidade, o seu representante (ou persoa na que delegue) ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para todo o relacionado co convenio asinado entre ámbalas dúas entidades.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz pero sen voto.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. Para levar a cabo o seu traballo a comisión valorará os aspectos recollidos no anexo I.

2. En calquera momento a comisión poderá convocar para unha entrevista ós solicitantes que coide oportuno.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Rematado o seu traballo, a comisión presentaralle un informe ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá e lle trasladará a proposta a cada unha das universidades. A aceptación por parte de cada universidade determinará a condición de profesor ou profesora bolseiro.

2. O prazo máximo para resolve-la convocatoria será de catro meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo máximo de catro meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A antes mencionada resolución poralle fin á vía administrativa e notificaráselles ós solicitantes. Contra

ela poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º

A resolución acerca da selección do profesor ou profesora bolseiro correspondente á universidade de Tubinga estará condicionada á sinatura previa do convenio entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e esa universidade.

Disposición derradeira

1. Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

2. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

1. Formación:

1.1. Polo título de doutor: 2 puntos.

1.2. Por cada licenciatura, ou título declarado legalmente equivalente, distinto do esixido: 0,5 puntos (ata un máximo de 2).

1.3. Asistencia a actividades de formación: ata 2 puntos.

2. Actividade xeral:

2.1. Impartición de cursos, conferencias, relatorios, etc.: ata 2 puntos.

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción: ata 1 punto.

2.3. Publicacións: ata 2 puntos.

2.4. Docencia no ensino regulado: ata 2 puntos.

3. Experiencia e coñecemento da universidade solicitada, do país ou Comunidade Autónoma no que se asenta, e do idioma ou idiomas propios (distintos do castelán):

3.1. Experiencia como profesor bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas: 1 punto por ano académico completo ou parte del (ata un máximo de 3).

3.2. Experiencia na organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, tanto na propia universidade coma entre as colectividades galegas próximas: ata 2 puntos.

3.3. Coñecemento do país, ou da Comunidade Autónoma, e da súa situación sociocultural: ata 1 punto.

3.4. Coñecemento do idioma ou idiomas propios: ata 1 punto.

4. Interese do proxecto de traballo: ata 5 puntos.

5. Adecuación ó posto de traballo: ata 5 puntos.

Debe entenderse unicamente o relacionado coa lingua, coa literatura e coa cultura galegas.