Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Luns, 24 de xullo de 2000 Páx. 11.207

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2000, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se regula o desenvolvemento de programas de garantía social en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2000-2001.

A Orde do 5 de maio de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 29 de maio) regula os programas de garantía social na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de facilita-la reinserción no sistema educativo dos mozos ou ben posibilita-lo principio constitucional de acceso a un posto de traballo nas mellores condicións posibles para aqueles que decidan incorporarse á vida activa.

Deste modo, coa oferta postobrigatoria e profesionalizadora que constitúen os programas de garantía social, adquire un maior significado o principio educativo de extensión do dereito á educación e o seu exercicio en condicións crecentes de calidade, como instrumento para evita-la desigualdade, ó ofrecer a estes mozos unha resposta específica que contribúa a potencia-la súa madurez, lles axude a logra-la autonomía necesaria para operar no seu medio e lles permita a adquisición das aprendizaxes básicas.

Son, pois, unha medida máis de compensación da situación de desvantaxe e desigualdade de oportunidades que é necesario desenvolver co fin de evita-la discriminación derivada de factores sociais, culturais, económicos, étnicos ou doutra índole que lles impide a determinados alumnos acceder ó ensino en condicións de igualdade.

En virtude do punto décimo terceiro da citada Orde do 5 de maio de 1997 e coa finalidade de desenvolver aqueles aspectos que a completen e permitan levar a cabo os programas de garantía social durante o curso 2000-2001, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Destinatarios.

Poderán acceder ós programas de garantía social as persoas menores de 21 anos que, polo menos, cumpran 16 anos no ano natural no que inicien o programa e se atopen nalgunha das seguintes condicións:

a) Estar escolarizadas no segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria e, tendo accedido a un programa de diversificación curricular, a xuízo do equipo educativo que os atende, non estean en condicións de acada-los obxectivos da etapa por esa vía. Excepcionalmente, tamén poderá accede-lo alumnado ó que non lle fora posible cursar un programa de diversificación curricular e se atope, a xuízo do equipo educativo, en grave risco de abandono escolar.

b) Estar desescolarizadas e non posuír titulación académica superior á do graduado escolar ou que tendo acadado esa titulación, carezan do título de formación profesional de primeiro grao.

No caso do alumnado citado no punto a), o acceso ós programas de garantía social realizarase logo da avaliación psicopedagóxica, oídos os alumnos e os seus pais ou titores legais.

Segundo.-Obxectivos.

Os programas de garantía social nas súas distintas modalidades orientaranse á consecución dos obxectivos indicados no punto segundo da Orde do 5 de maio de 1997.

O alumnado que siga os programas de garantía social poderá compatibilizalos coa obtención dunha titulación académica mediante as probas de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar de FP1 e/ou as probas libres para a obtención do título de educación secundaria obrigatoria que convoca a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-Constitución de grupos.

Os programas de garantía social desenvolveranse en grupos cun mínimo de 10 alumnos e un máximo de 15. En tódolos programas poderá participar alumnado con necesidades educativas especiais, non podendo incorporarse máis de 3 alumnos destas características por grupo; de ser así, o número máximo de alumnos que constituirán o grupo reducirase en igual número ó de alumnos integrados. Non obstante, cando existan como mínimo 8 alumnos con necesidades educativas especiais, que polas súas características poida ter dificultades de integrarse nun programa de garantía social, poderá constituírse un grupo exclusivamente para este colectivo.

Cuarto.-Modalidades de programas.

Os centros educativos públicos poderán acollerse ós programas de garantía social que se desenvolvan segundo os tipos seguintes:

-Programas de formación educativa e profesional: programas que se desenvolverán integramente nun centro educativo no que se impartan ensinanzas de educación de secundaria, centros de artes plásticas e deseño, educación de adultos, ou centros de educación especial.

-Programas de iniciación profesional: programas nos que a área de formación básica se desenvolva nun centro educativo dos indicados no punto anterior e a de formación profesional específica en colaboración con entidades da Administración local, institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro ou en empresas .

Quinto.-Programa de formación educativa e profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no punto segundo da Orde do 5 de maio de 1997, a modalidade de formación educativa e profesional considera de forma especial a formación para continuar estudios a través da proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou para a obtención do título de graduado en ensino secundario obrigatorio.

2. Estructura e distribución horaria: nesta modalidade as áreas formativas e a súa distribución horaria para unha semana é a seguinte:

2.1. Área de formación profesional específica: entre 15 e 18 horas semanais.

2.2. Área de formación e orientación laboral: entre 2 e 3 horas semanais.

2.3. Área de formación básica: entre 6 e 10 horas semanais.

2.4. Titoría: entre 1 e 2 horas semanais.

2.5. Actividades complementarias: entre 1 e 3 horas semanais.

Non obstante, as delegacións provinciais de Educación, a través do servicio de inspección educativa, poderán autorizar horarios distintos do anterior, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

3. Formación en centros de traballo: complementando a formación impartida no centro educativo e para facilita-la súa inserción laboral, o alumnado poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. De ser así, o número de horas destinadas a esta formación será considerado na área de formación profesional específica.

Sexto.-Programa de iniciación profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no punto segundo da Orde do 5 de maio de 1997, os programas de iniciación profesional considerarán de forma especial a orientación para a inserción laboral das persoas, en colaboración con empresarios e axentes sociais en xeral e en conexión con plans de emprego e inserción laboral.

2. Distribución horaria: os centros poderanse acoller á estructura horaria que figura nos programas de formación educativa e profesional, ou ben a seguinte

2.1. Área de iniciación técnico-profesional: 150 horas.

-Formación económica e laboral: 60 horas.

-Aproximación ó mundo das profesións e ó contorno productivo: 60 horas.

-Introducción á informática do usuario: 30 horas.

2.2. Área de formación e orientación laboral: 60 horas.

2.3. Área de formación básica: 60 horas.

2.4. Titoría: 20 horas.

2.5. Actividades complementarias: 20 horas.

A estructura desta modalidade de programas implica o desenvolvemento en tres bloques que se indican a continuación:

-Bloque 1. Formación no centro educativo: esta parte terá unha finalidade fundamentalmente motivadora e orientadora e será impartida integramente no centro educativo. Estará estructurada en áreas, cunha distribución horaria que se axustará ó que se indica anteriormente para cada unha elas.

-Bloque 2. Formación tecnolóxico-práctica: desenvolverase como módulo de formación profesional ocupacional relacionado co perfil do programa , en colaboración con entidades da Administración local, institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro ou en empresas coas que previamente se asinaran convenios de colaboración. Este bloque terá unha duración entre 400 e 800 horas.

-Bloque 3. Formación en centros de traballo: complementando a formación práctica do bloque anterior, formación tecnolóxico-práctica, e para facilita-la súa inserción laboral, o alumnado poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. O número de horas destinadas a este bloque serán contabilizadas dentro das horas do bloque de formación práctica.

Non obstante, as delegacións provinciais de Educación, a través do servicio de inspección educativa, poderán autorizar horarios distintos dos citados, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

Sétimo.-Metodoloxía.

A metodoloxía que se vai empregar nos programas de garantía social basearase nos principios de:

-Individualización, a través de estratexias individuais diversas que posibiliten unha mellor aprendizaxe dos contidos da área de formación básica; para iso é imprescindible identifica-lo nivel de coñecementos previos do alumnado. A partir deste coñecemento poderanse deseñar, seleccionar e aplica-las actividades que permitan supera-las dificultades, fallos ou erros de aprendizaxe, respectando sempre os diferentes ritmos de traballo e de aprendizaxe e tendo en conta que as actividades deben seguir un proceso gradual e secuenciado. Favorecerase que o alumnado empregue as súas propias estratexias para desenvolve-lo seu nivel de autoestima.

-Interdisciplinariedade: coa formulación que se propón como principio na área de formación básica para o alumnado dos programas de garantía social preténdese:

-Servirse da vida mesma para aprender.

-Desenvolve-las capacidades básicas a través do emprego de técnicas de traballo.

-Adquirir contidos de formación básica, evitando a parcelación dos seus compoñentes, apoiándose no medio real e conectando as actividades no taller.

Oitavo.-Avaliación.

A avaliación do alumnado que participe en programas de garantía social, en calquera das súas modalidades, será continua, individualizada e integradora, coa finalidade de detecta-las dificultades no momento en que se produzan, investiga-las causas desta e adopta-las medidas correctoras oportunas. Para tal fin o profesorado fará o seguimento e avaliación da área que imparta, referida a cada un dos alumnos. Terá como referencia os obxectivos e criterios de avaliación sinalados nas programacións didácticas, así como o grao de madurez acadado.

1. O proceso de avaliación continua do alumnado require a súa asistencia regular ás clases e actividades programadas para as distintas áreas.

2. Ó longo do proceso formativo deben considerarse os seguintes tipos de avaliación:

-Avaliación inicial: ó comezo do curso estudiarase o nivel co que accede o alumnado en canto a actitudes, capacidades e coñecementos básicos; isto permitirá que o proceso de ensino-aprendizaxe adquira o carácter individualizado que estes programas requiren, e que se fagan explícitas as adaptacións e apoios que precise o alumnado. Os seus resultados quedarán recollidos no expediente académico do alumnado.

-Avaliación procesual ou formativa: cómpre que esta avaliación, especialmente ó principio do proceso formativo, valore máis a evolución persoal do alumnado que a aprendizaxe de contidos instructivos.

-Avaliación final: representa o resultado do seguimento e da avaliación de todo o proceso formativo e dará lugar ás cualificacións das áreas formativas destas ensinanzas.

3. As cualificacións expresaranse por áreas e globalmente mediante unha escala numérica de un a dez, sen decimais. Son positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco. No caso da área de formación tecnolóxico-práctica e na formación en centros de traballo, a cualificación expresarase como apto ou non apto. A cualificación destas áreas prácticas será realizado polo profesorado que efectúe o seu seguimento.

4. Na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais terase en conta a dita circunstancia, tomando como referencia básica os criterios establecidos na adaptación curricular correspondente. De tratarse dunha adaptación curricular significativa, incorporarase ó seu expediente unha copia da resolución do órgano responsable que a autorice.

5. Polo menos celebrarase unha sesión de avaliación parcial cada trimestre lectivo, o que se fará constar na acta correspondente, segundo modelo do anexo II.

6. A superación dun programa de garantía social requirirá a avaliación positiva en todas e cada unha das áreas que o compoñen.

Noveno.-Certificacións, acreditacións e orientación

1. Ó remate dun programa de garantía social autorizado ó abeiro desta resolución, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa del, na que se farán consta-las áreas e un resumo dos contidos que as integran, as cualificacións obtidas e o número de horas destinadas a cada unha delas. Este certificado será expedido polo secretario/a do centro co visto e prace do/a director/a deste: (modelo anexo III).

2. A certificación deberá ir acompañada dunha orientación sobre o futuro académico e profesional do alumno; co obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo para o exercicio profesional ou para proseguir ensinanzas, a través do acceso ós ciclos formativos de grao medio. A dita orientación preservará o dereito do alumno á con-

fidencialidade e non terá, para o alumno, carácter prescritivo.

3. A superación dun programa de garantía social permitiralle ás persoas interesadas concorrer á proba de acceso a ciclos formativos de grao medio.

Décimo.-Dereitos e deberes.

Para o alumnado matriculado nos programas de garantía social é de aplicación a normativa pola que se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia nos institutos de ensinanza secundaria.

Décimo primeiro.-Inscrición e matrícula.

O período de inscrición nos centros públicos que teñan autorizados programas de garantía social para o curso 2000-2001, establécese, desde o día da publicación desta resolución no DOG ata o 7 de setembro. A matrícula realizarase ata o 14 de setembro, sempre que os centros conten co número mínimo de alumnos previstos no punto terceiro desta resolución.

Décimo segundo.-Seguimento.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dos servicios de inspección educativa, realizarán o apoio e o seguimento precisos para a posta en marcha e desenvolvemento dos programas de garantía social autorizados, considerando as memorias indicadas no punto sétimo e velando pola boa marcha do proceso educativo.

Décimo terceiro.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2000.

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

Delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

CATÁLOGO DE PROGRAMAS EN RELACIÓN

COAS FAMILIAS PROFESIONAIS

Familia profesionalPerfil

Actividades agrariasOperario de actividades forestais

Operario de cultivos hortícolas

Operario de explotacións agropecuarias

Operario de viveiros e xardíns

Auxiliar de floristería

Actividades marítimoOperario acuicultor

pesqueirasNavegación e pesca costeira

AdministraciónServicios auxiliares de oficina

Artes gráficasOperario de imprenta rápida e manipulados

Comercio e mercadotecniaDependente de comercio

Edificación e obra civilOperario de revestimentos lixeiros

Operario de albanelería

Operario de carpintería de obra

Pintor-empapelador

Xeseiro-escaiolista

Operario de solado e alicatado

Operario de cantería

Familia profesionalPerfil

Electricidade eInstalador electricista

electrónicaAuxiliar de electrónica

Operario de instalacións eléctricas de baixa tensión

Fabricación mecánicaFerreiro e forxador agrícola

Operario de construccións metálicas en aluminio

Operario de máquinas e ferramentas

Operario de soldadura e as construccións metálicas

Operario de soldadura

Operario de caldeirería

Hostalería e turismoAxudante de cociña e restauración

Axudante de cociña

Axudante de repostería-pastelería

Operario de panadería

Auxiliar de aloxamento, lencería e lavandería

Axudante de servicios de restaurante e bar

Imaxe persoalAuxiliar de perruquería

Auxiliar de estética

Industrias alimentariasOperario de conservería vexetal

Operario de industrias lácteas

Operario de carnicería e chacinería-charcutería

Operario de industrias conserveiras e semiconserveiras de marisco e peixe

Operario de captación elaboración e envasado de productos silvestres e ecolóxicos

Imaxe e sonAuxiliar de imaxe

Madeira e mobleOperario de fabricación e instalación de mobles modulares sinxelos

Familia profesionalPerfil

Operario de carpintería de madeira maciza

Operario de mecanizado de madeira

Operario de carpintería

Mantemento de vehículos autopropulsadosAxudante de mecánica xeral e electricidade do vehículo

Axudante de operacións de carrocería do vehículo

Auxiliar de mantemento de motocicletas

Axudante de reparación de automóbiles

Axudante de reparación e mantemento de maquinaria agrícola

Mantemento e serviciosOperario de refrixeración e climatización

á producciónOperario de mantemento básico de edificios

Operario de fontanería

Operario de reparación e mantemento de maquinaria de téxtil e confección

Servicios á comunidade e socioculturaisAuxiliar de axuda no domicilio e residencias asistidas

Téxtil, confección e pelOperario de téxtil e confección

Reparador de calzado e marroquinería

Operario maquinista de confección industrial

Operario de tapicería

Vidro e cerámicaOperario de olería-cerámica

Familias de artesOperario de soprado de vidro

plásticas e deseñoOperario de técnicas básicas de xoiería

Operario de bixutería

Operario de esmalte

Operario de olería

Auxiliar de creación de indumentaria

Forxador artístico