Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 11 de xullo de 2000 Páx. 10.725

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO LÁCTEO E GANDEIRO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2000 pola que se publican as datas de reconto da carga gandeira, no primeiro semestre do ano en curso, das explotacións de gando vacún para a prima por extensificación.

Ó abeiro da posibilidade establecida no artigo 32.3º do Regulamento (CE) 2342/1999, do 28 de outubro, da comisión, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1254/1999, do consello, da organización común de mercado no sector da carne de vacún, o artigo 24 do Real decreto 1973/1999, do 23 de decembro, dispón que os productores de carne de vacún que soliciten axudas por extensificación e se acollan á modalidade de media deberán declara-lo censo de gando vacún das súas explotacións, en cinco datas de reconto distintas ó longo do ano, establecidas aleatoriamente. Segundo o anterior, por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 29 de xuño de 2000, establecéronse as devanditas datas de reconto para o primeiro do semestre do presente exercicio.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 30 de decembro de 1999, pola que se regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, entre outras axudas, de distintas primas gandeiras para o ano 2000, en consonancia coa normativa precitada, establece, no seu artigo 17.2º b) a modalidade de media para a declaración da densidade gandeira nas primas por extensificación, esixindo, no artigo 31 e) segundo guión, entre a documentación complementaria que hai que presentar, a declaración da carga gandeira, de acordo co modelo do anexo XIII a esta.

Por outra banda, na súa disposición derradeira primeira facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para que, por medio de resolución publicada no DOG, modifique os prazos para a presentación de solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos na dita orde, cando teña a súa orixe en modificacións producidas na normativa estatal ou comunitaria reguladora das axudas contidas nesta.

Por todo o anterior, procede publicar unha resolución na que se dean a coñece-las datas de reconto, para o primeiro semestre do ano 2000, respecto das que, os productores de carne de vacún solicitantes da prima de extensificación, deberán presentar unha declaración, dirixida ó director do Ilgga, relativa á carga gandeira da súa explotación, como máximo o 31 de xullo de 2000.

Xa que logo, de acordo con todo o exposto

RESOLVO:

Artigo 1º.-Datas de reconto.

Para o primeiro semestre do ano 2000 as datas de reconto do gando vacún existente nas explotacións dos gandeiros que se acolleran ó sistema de media son as do 13 de marzo e 6 de xuño de 2000.

Artigo 2º.-Declaracións.

As declaracións dirixiranse ó director do Ilgga e presentaranse nas delegacións provinciais do dito instituto, nas axencias de Extensión Agraria ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A dita declaración presentarana no modelo que figura como anexo XIII á orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 30 de decembro de 1999 (DOG do martes 4 de xaneiro de 2000).

A data límite para presentación da antedita declaración será o 31 de xullo de 2000.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2000.

Antonio Crespo Iglesias

Director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia