Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 10 de xullo de 2000 Páx. 10.689

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. Albidrón, Mancegar e Feás, no concello de Antas de Ulla. (Expediente 26/1998 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na avda. de Arteixo, 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV

do Regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997.

Visto que durante o período en que se someteu o expediente ó trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1. Manuel Guerra Guerreiro quen solicita unha variación do trazado da liña de xeito que cause o menor dano posible ó seu predio e ós outros estremeiros da súa propiedade.

2. Julia Bargados Guerra que solicita a expropiación total do predio xa que unha ocupación parcial, faría inviable toda explotación agrícola e forestal resultando antieconómica a conservación da superficie non expropiada.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto de documentación que consta no expediente, non poden ser tidas en conta polas seguintes razóns:

1. En relación coa alegación formulada por Manuel Guerra Guerreiro, porque entre este e a empresa Unión Fenosa, S.A. se chegou a un mutuo acordo para o paso da liña polo seu predio ó amparo do recollido no artigo 24 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

2. Con respecto a solicitude de expropiación total do seu predio que formula Julia Bargados Guerra, non pode aceptarse polas seguintes razóns:

a) Porque a alegante non acredita que a conservación da parte do predio non expropiada lle resulte antieconómica nin xustifica as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos como consecuencia da alteración das condicións fundamentais dos predios, tal e como esixe o artigo 23 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

b) Porque a servidume de paso da liña eléctrica non impide a edificación, aproveitamento agrícola ou forestal do predio sempre que se deixe a salvo a devandita servidume tal e como establece o artigo 58 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

c) Porque, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei de expropiación forzosa, cando a Administración rexeite a expropiación total, incluirase no prezo xusto a indemnizacion polos prexuízos que se produzan a consecuencia da expropiación parcial do predio.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña, ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non incorre en ningunha das prohibicións ou limitacións ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997, antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuídas polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea Albidrón, de 20 kV, con orixe na L.M.T. o C.T. Reboredo e remate no C.T. Albidrón, cunha lonxitude de 0,554 km conductor tipo/sección LA-56/54,6 mm e 7 apoios de formigón.

2. Centro de transformación intemperie emplazado en Albidrón, cunha potencia de 100 kVA e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3. Liña de baixa tensión aérea Albidrón, Mancegar, Feás, con orixe no C.T. Albidrón, cunha lonxitude de 2,7 km e 40 apoios de formigón.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe técnico do 2 de decembro de 1999, entendendo que os extremos que nel se recollen non teñen entidade suficiente para non proceder á súa aprobación.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 31 do Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso con data do 26 de febreiro de 2000, no Diario Oficial de Galicia de data 15 de marzo de 2000 e no BOP de Lugo do 21 de marzo de 2000, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de anuncios do Concello de Antas de Ulla. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que

se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o concelleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ó seu dereito.

Lugo, 31 de maio de 2000.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo