Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 10 de xullo de 2000 Páx. 10.662

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Araújo Piel, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Araújo Piel, S.A. de Ourense (código convenio nº 3200562), con entrada nesta delegación provincial o día 23-5-2000, subscrito pola parte económica, pola empresa, e, pola parte social, polos delegados de persoal, todos con lexitimidade suficiente para asinalo, o día 12-5-2000, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de

xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seú depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 31 de maio de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da empresa Araújo Piel, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación territorial, persoal e temporal.

As normas contidas no presente convenio colectivo serán de aplicación ó centro de traballo da empresa Araújo Piel, S.A. situada en Ourense.

O presente convenio afecta a todo o persoal do cadro do centro de traballo Araújo Piel, S.A. con exclusión do persoal ó que fai referencia o artigo 1.3º letra C do Estatuto dos traballadores.

Entrará en vigor o 1-1-2000 ata o 31-12-2000, con independencia da súa publicación no BOP e ata que se asine outro que o substitúa.

Artigo 2º.-Duración, prórroga e denuncia.

A duración do presente convenio será dun ano, é dicir, desde o 1-1-2000 ata o 31-12-2000 e prorrogarase tacitamente de ano en ano sempre que non sexa denunciado por ningunha das partes con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia.

A fórmula de denuncia será mediante comunicación escrita á outra parte, na que se fará consta-la representación que se posúe, o ámbito de aplicación do novo convenio, así como as materias obxecto de negociación.

Artigo 3º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria de interpretación e observación do convenio, integrada polo delegado de persoal e representantes da empresa que interviñeron na súa negociación, sendo a súa misión a interpretación e vixilancia do pactado e demais funcións que lle sexan atribuídas polo convenio, así como as disposicións legais vixentes.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que viñan rexendo con anterioridade

á vixencia do presente convenio, calquera que sexa a orixe da súa existencia, tanto polo imperativo legal, contrato individual, pactos de calquera clase ou por calquera outra causa.

As melloras económicas establecidas no presente convenio poderán ser absorbidas polas empresas ata onde alcance con:

a) As de igual índole ou concepto que poidan implantarse por disposición legal.

b) As que libremente e en maior contía veñan outorgando as empresas cinguidas exclusivamente ó concepto polo que foron concedidas e nunca estimadas no seu conxunto.

Artigo 5º.-Salario base.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá como salario base o convido e fixado no anexo correspondente deste convenio, para cada unha das categorías profesionais correspondentes.

a) Incrementarase no 3,3% o salario vixente o 31-12-1999.

Quedan excluídos do convenio e polo tanto do que se acorda nesta acta, as persoas pertencentes á empresa e que ocupen postos de xefatura e dirección.

Artigo 6º.-Conceptos retribuídos e complementos salariais.

Con independencia do salario base, terán a consideración de complementos salariais, os seguintes:

1. Complemento persoal de antigüidade. O persoal incluído no campo de aplicación do presente convenio colectivo recibirá un incremento consistente no 5% do salario base por trienios.

A efectividade do premio de antigüidade será con efectos do día seguinte ó do seu cumprimento.

2. De vencemento periódico superior a un mes. As que percibe o traballador/a como gratificación extraordinaria ou participación en beneficios.

3. Os traballadores/as que se encontran baixo o campo de aplicación deste convenio terán dereito a dúas pagas extraordinarias que se percibirán no verán, xullo e en Nadal, decembro, consistentes en 30 días de salario base, máis a antigüidade, se fose percibida.

4. Establécese, igualmente, unha participación en beneficios, consistente en trinta días de salario, indo o seu aboamento rateado no salario base da táboa salarial.

Artigo 7. Incapacidade laboral transitoria por accidente de traballo ou enfermidade.

As empresas afectadas polo presente convenio aboarán a aqueles dos seus traballadores/as que se encontren en situación de incapacidade laboral transitoria por causa de accidente laboral ou enfermidade, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional. Para o caso

de enfermidade, esta compensación levarase a cabo a partir dos primeiros vinte días de baixa.

Cando a situación de ILT coincida totalmente ou parcialmente co período de vacacións previamente pactado, considerarase que as ditas vacacións foron desfrutadas durante o tempo que ambas situacións coincidan.

Por todo iso e para efectos do cálculo das pagas extras, considérase o dito período de vacacións e non de ILT, é dicir, que os ditos días se sumarán ós realmente traballados no semestre de que se trate para efectos de calcula-lo importe que se percibirá da paga extra.

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada de traballo para as empresas afectada polo presente convenio será de oito horas diarias e será de corenta horas semanais de presencia, nas cales se considerarán incluídos vinte minutos diarios de descanso para o bocadillo, sen que superen anualmente as 1.800 horas.

Como aplicación deste concepto, cada traballador ten dereito ó desfrute de 3 días ó ano, debéndolle comunica-la data de desfrute, polo menos con 5 días de antelación, a dirección da empresa.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria, o traballador/a se encontre no seu posto de traballo, todo iso conforme o establecido no artigo 34.3º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

Conforme o disposto no Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias aboaranse cunha recarga do 75% sobre a hora ordinaria.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións consisten no desfrute de trinta días naturais. O salario que se percibirá durante elas será igual ó dunha nómina normal do mes.

As empresas afectadas polo presente convenio están obrigadas a lles notificar ós/as traballadores/as cunha antelación de tres meses, o período de desfrute das vacacións.

Artigo 11º.-Licencias e permisos.

Para estes efectos terase en conta o previsto polas normas laborais da industria de confección de pezas de peletería aprobadas por Orde do 20 de outubro de 1949, ordenanza laboral para a industria da pel, aprobada por Orde do 22 de abril de 1977 e a Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º-Revisión médica.

As empresas afectadas polo presente convenio poderán solicita-la correspondente revisión médica anual a todo o persoal do cadro.

O tempo que o/a traballador/a empregue para a asistencia á dita revisión será aboado pola empresa.

Artigo 13º.-Aprendizaxe.

O período de aprendizaxe finalizará para os/as traballadores/as obrigatoriamente cando estes cumpran os dezaoito anos de idade.

Artigo 14º.-Material e pezas de roupa de traballo.

A empresa afectada polo presente convenio colectivo entregaralle a cada traballador/a dúas pezas de roupa de traballo, consistentes en bata ou funda por ano, sendo e seu uso obrigatorio durante a xornada laboral correspondente.

Tamén será subministrado pola empresa o material de traballo necesario e a obrigatoria renovación conforme o estipulado no artigo 82 da ordenanza laboral da industria da pel existente.

Artigo 15º.-Cesamento na empresa.

O persoal afectado por este convenio que desexe cesar na súa prestación de servicios na empresa, estará obrigado a notificar cunha antelación mínima de quince días o seu aviso previo.

O incumprimento do citado aviso dará lugar a un desconto equivalente ó importe dos días que falten por transcorrer do período de aviso previo de quince días, podendo retrotraer este desconto das percepcións que a empresa lle debe aboar ó/á traballador/a en concepto de liquidación.

Artigo 16º.-Expediente de crise.

No caso de que a empresa afectada por este convenio inicie un expediente de crise ou regulación de emprego ante a autoridade laboral competente, queda esta obrigada a informar e documentar previamente os representantes dos traballadores/as.

Artigo 17º.-Permisos retribuídos.

O/A traballador/a, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do seu posto de traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos que a continuación se enumeran:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días en caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consaguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o/a traballador/a necesite facer un desprazamento a provincia diferente da do centro de traballo para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día polo traslado de domicilio actual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-ló/a traballador/a afectado á situación de excedencia regulada no punto 1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o/a traballador/a, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontaráselle o importe desta do salario a que tivera dereito da empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal, nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Os traballadores/as, pola lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada laboral en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou pai en caso de que ambos traballen.

g) Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo un menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre polo menos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Artigo 18º.-Reclasificación profesional.

Establécese un réxime interno de reclasificación profesional consistente en:

-Peón: ós 5 anos de traballo nesa categoría, se alterna o seu traballo diario con outros traballos de categoría superior, pasará a consolida-la categoría de oficial de 3ª ou axudante.

-Axudante e oficial de 3ª: ós cinco anos, ascenderá a oficial de 2ª, sempre que realice traballos desa categoría, polo menos un 20% das xornadas anuais.

-Oficiais de 2ª: o mesmo sistema de ascenso que os oficiais de 3ª.

Tramitación.-Os traballadores/as solicitarán á empresa a consolidación das categorías segundo o presente artigo, xustificando a procedencia da reclamación. Recibida esta, a empresa e os delegados de persoal valorarán a domumentación presentada tada e a empresa resolverá cada unha das solicitudes presentadas no prazo de 60 días desde a solicitude. En caso de denegación, o traballador poderá recorrer ós tribunais competentes en materia.

ANEXO I

Táboa salarial.

Categoría profesionalSalario ptas./día

Oficial 1ª3.039

Oficial 2ª2.694

Oficial 3ª e axudante2.580

Peón2.541

Contratos en prácticas2.541

Formación 1º ano2.006 *

Formación 2º ano2.334 *

* Segundo nova redacción contratos de aprendizaxe.

Persoal administrativoSalario ptas./mes

Oficial administrativo92.380

Auxiliar administrativo82.021

Disposición xeral.

Primeira.-As partes asinantes do presente convenio son a parte empresarial Herminio Araújo, e doutra, a parte social, os delegados de persoal Isabel Arias Abelairas, Isabel Dorribo Cid e María de Benito Fariñas, ambas partes con capacidade legal suficiente e lexitimidade, de conformidade co disposto no artigo 87 do Real decreto lexislativo que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.