Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 10 de xullo de 2000 Páx. 10.655

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 6 de xullo de 2000 pola que se establecen normas para a asignación de cantidades de referencia procedentes do aumento de cota láctea e doutras da reserva nacional.

O Regulamento (CE) 1256/1999, do Consello, do 17 de maio de 1999, modificou o Regulamento (CEE) 3950/1992, polo que se establece o réxime de taxa suplementaria no sector do leite e dos productos lácteos, ademais de regular determinados aspectos relacionados coa xestión, prorroga o réxime de cotas lácteas ata o 1 de abril do ano 2008 e aumenta as cantidades globais garantidas dos estados membros en distintas contías.

Este incremento foi de 2.831.490 toneladas para o conxunto da Unión Europea, das que 1.389.700 toneladas terán aplicación nos períodos de taxa suplementaria 2000/2001 e 2001/2002 para determinados estados membros que manifestaran dificultades específicas na aplicación do réxime de cotas. España atópase neste grupo, polo que recibe un total de 550.000 toneladas, das que 350.000 se poderán utilizar no período 2000/2001 e outras 200.000 no período 2001/2002.

A Conferencia Sectorial de Agricultura, na súa reunión do 25 de outubro de 1999, chegou a un acordo con relación ó reparto dos incrementos productivos acordados para España no marco da Axenda 2000 e, en concreto, dos relativos á cota láctea, que, ademais, se incrementaron con outras cantidades existentes na reserva nacional, correspondéndolle á Comunidade Autónoma de Galicia a cantidade de 207.312 toneladas, das que se restarán, inicialmente, 20.731 toneladas, o dez por cento, para atende-las reclamacións que poidan producirse.

Por outra banda o Real decreto 1192/2000, do 23 de xuño, estableceu o marco para a asignación destas cantidades ós productores de leite, tendo en conta a necesidade de respecta-las especifidades das comunidades autónomas, a obriga de axusta-las cantidades individuais á cantidade global garantida para España e a competencia da Dirección Xeral de Gandería do MAPA para a asignación e reasignación de cotas lácteas, de acordo co disposto no Real decreto 1319/1992, do 30 de outubro, polo que se establecen normas específicas para a aplicación do réxime da taxa suplementaria no sector do leite e dos productos lácteos.

Ademais, ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que respecta á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la xestión de solicitudes de asignación a productores de cantidades de referencia para producción de leite procedente da reserva nacional.

De acordo co anterior, o obxecto da presente orde é establecer na Comunidade Autónoma de Galicia

as condicións e procedemento para a solicitude e a asignación de cantidades de referencia da reserva nacional procedentes do aumento da cota láctea correspondente a productores de Galicia dentro do concedido a España pola Unión Europea, de acordo co Regulamento (CE) 1256/1999, no marco do R.D. 1192/2000, do 23 de xuño, do que se trasncriben, total ou parcialmente, algunhas das súas disposicións para unha mellor comprensión por parte dos interesados.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 7/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Pola presente orde establécese o procedemento para a solicitude de asignación de cantidades da reserva nacional procedentes, principalmente, do aumento de cota láctea concedido a España pola Unión Europea, e correspondente a esta Comunidade Autónoma, de acordo co Regulamento (CE) 1256/1999, e co R.D. 1192/2000, do 23 de xuño, para a súa execución nos períodos 2000/2001 e 2001/2002.

Artigo 2º.-Cantidades que se asignarán.

1. A cantidade máxima que se lles asignará ós productores con explotación na Comunidade Autónoma de Galicia será de 207.312 toneladas.

2. Desta cantidade, 20.731 toneladas permanecerán na reserva nacional coa finalidade de atender reclamacións de productores da Comunidade Autónoma de Galicia e axustarse á cantidade global atribuída a España polo Regulamento 1256/1999, co que a cantidade inicial que se distribuirá será de 186.581 toneladas.

3. Da cantidade individual asignada a cada gandeiro, só terá efecto no período 2000/2001, o 65%, correspondente a 121.278 toneladas.

4. En todo caso, non se asignarán cantidades inferiores a 5.000 kg de cota láctea.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da asignación da reserva nacional aqueles productores que o soliciten, que teñan a súa explotación na Comunidade Autónoma de Galicia e que cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 4º.-Limitacións.

1. As cantidades de referencia asignadas da reserva nacional ó abeiro da presente orde non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento, nin de cesión temporal ou abandono indemnizado.

2. Os beneficiarios de asignación de cantidades de referencia da reserva nacional deberán comprometerse a non transferir nin ceder temporalmente a parte de cota propia durante cinco períodos de cota contados a partir do período 2000-2001.

3. Exceptúanse do establecido nos parágrafos anteriores os casos de herdanza, doazón e cambio de

titularidade entre habentes dereito, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

4. Non obstante o disposto no parágrafo 2º, poderanse autorizar cesións temporais de cota non procedente da reserva nacional nos casos de forza maior por sacrificio obrigatorio como consecuencia das campañas de saneamento gandeiro.

Artigo 5º.-Requisitos.

1. Unicamente poderán obter cantidades da reserva nacional os productores que reúnan os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de cantidade de referencia asignada o 31 de marzo de 2000. No caso de morte, xubilación ou cesamento anticipado do titular, tanto da explotación como da cota, poderá solicita-lo novo titular da cota.

b) Non se ter acollido ós plans de abandono definitivo da producción de leite financiados, en todo ou en parte, con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

c) Non ter transferido cantidades de referencia.

d) Que a media das entregas de leite e productos lácteos nos períodos 1998/1999 e 1999/2000 fose, alomenos, do 90% da súa cantidade de referencia, ó inicio dos ditos períodos, agás en casos de baleirado sanitario, como consecuencia de campañas oficiais de saneamento gandeiro.

e) Cumpri-las esixencias de calidade de leite, de acordo co Real decreto 1679/1994, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos, e que se adapten ou teñan posibilidade de adaptarse ás esixencias ambientais e de benestar animal.

f) Non estar afectada a explotación por reduccións de cota.

g) Te-la condición de productor de leite a título principal.

Entenderase como tal, no caso de persoas físicas, as que obteñan o 50% da súa renda, alomenos, da actividade agraria e, á súa vez, o 50% dos seus ingresos agrarios, como mínimo, procedan da venda de leite da explotación, e, no caso de persoas xurídicas, o titular dunha explotación agraria prioritaria que obteña o 50% dos seus ingresos, como mínimo, da venda de leite da explotación.

Se se trata dunha comunidade de bens, deberán te-la condición de productor de leite a título principal tódolos membros dela ou un deles, como mínimo, se existe un pacto de indivisión da comunidade por período mínimo de cinco anos, contados a partir do 1-1-2000.

2. As esixencias de calidade do leite indicadas no punto 1 e) consideraranse cumpridas, para os productores con cota para entrega a compradores, cando os resultados das análises de leite da explotación efectuadas polos laboratorios interprofesionais ou

laboratorios autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondentes ós meses de xaneiro a marzo de 2000, ámbolos dous incluídos, demostren que, alomenos, nas medias dun deses meses, o contido en xermes/ml é inferior a 100.000, en células somáticas inferior a 400.000, non hai presencia de residuos de substancias farmacoloxicamente activas, e non existe presencia de auga engadida.

No caso de que se trate de explotacións de cota exclusivamente de venda directa, consideraranse cumplidas aquelas esixencias se a explotación está cualificada sanitariamente de acordo coa normativa vixente.

Artigo 6.-Puntuación e clasificación das solicitudes

1. Puntuación.

A puntuación das solicitudes para a asignación de cota da reserva nacional efectuarase co seguinte baremo:

a) Por ter aprobado, no período do 1 de agosto de 1995 ó 31 de xullo de 2000, un plan de mellora da explotación ou unha axuda á primeira instalación de agricultores novos, ó abeiro dos reais decretos 204/1996 e 1887/1991, coas melloras realizadas ou en execución: 1 punto.

b) Por ser agricultor mozo, tal como se define no punto 9 do anexo I do Real decreto 204/1996: 1 punto.

No caso de cooperativas, SAT, sociedades civís, laborais, mercantís ou comunidades de bens, poderán obter esta puntuación se, alomenos, o 50% dos socios cumpre a condición de agricultor mozo.

c) Se a explotación acredita reuni-la condición de prioritaria, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia: 2 puntos.

d) Por te-la explotación integrada no control de rendemento leiteiro oficial e cumpri-lo establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 14 de abril de 1999, de desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX), como mínimo, no período do 1-10-1998 ó 30-9-1999: 1 punto.

O Servicio de Producción Animal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria facilitaralle ó Ilgga a información necesaria para a comprobación deste requisito.

e) Por ter sido destinatario dunha transferencia de cota doutra explotación para a campaña 1999/2000 ou precedentes, no marco dos reais decretos 2307/1994 ou 1486/1998: 2 puntos.

f) Por ser socio, con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2000, de cooperativa, sociedade agraria de transformación ou asociación de productores, que sexa primeiro comprador de leite, autorizado polo FEGA, ou que participase en programas de asistencia técnica a explotacións leiteiras subvencionados pola Conse

llería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en 1999: 1 punto.

g) Por non ter recibido cota da reserva nacional ou tela recibido, exclusivamente, como complemento da adquirida do Fondo Nacional de Cotas Lácteas: 1 punto.

Para que poidan ser obxecto de puntuación as condicións establecidas nas letras b) e c), estas terán que cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Clasificación de solicitudes.

A distribución entre os productores das cantidades de referencia da reserva efectuarase tendo en conta a puntuación acadada, segundo o baremo establecido no punto 1, e a cantidade de referencia dispoñible do solicitante, coas cantidades máximas previstas no artigo 7º.

Para tal fin, os expedientes que cumpran tódolos requisitos indicados no artigo 5º relacionaranse polo número total de puntos obtidos, e procederase á distribución das cantidades de referencia da reserva por orde de puntuación, de maior a menor, ata que se esgote a cantidade dispoñible.

No caso de que dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, daráselles preferencia ós solicitantes que tivesen menor cantidade de referencia o 31 de marzo de 2000 e, en caso de persisti-la igualdade, terá prioridade o solicitante de menor idade, ou con data de constitución da entidade máis recente.

Artigo 7º.-Cantidade máxima que se asignará da reserva.

1. A cantidade máxima que se lle poderá asignar da reserva a un productor establécese en función da cantidade de referencia que teña asignada o 31 de marzo de 2000, segundo o que se indica a continuación:

Cota porCota da reserva

explotación (kg)nacional (kg)

<50.0005.000+0,2 Q

50.001 a 75.0007.500+0,15 Q

75.001 a 150.00011.250+0,10 Q

150.001 a 300.00041.250-0,10 Q

>300.00011.250

sendo Q a cota asignada á explotación no 31 de marzo de 2000.

Nos casos de sociedades agrarias de transformación e cooperativas de producción con cota asignada, os límites sinalados de cota da reserva calcularanse dividindo a cota asignada polo número de agricultores a título principal que as integren, e a cantidade que se asignará será o resultado de multiplicar polo dito número a cota da reserva que lle correspondería a cada un, segundo os baremos anteriores.

2. Estas cantidades máximas que se asignarán por productor poderán incrementarse proporcionalmente a elas, no caso de que a suma das asignacións correspondentes ós productores solicitantes e que cumpran tódolos requisitos do artigo 5º, non acade a cantidade total de cota que se vai distribuír.

3. Da cantidade individual asignada a cada solicitante terán efecto nos períodos 2000/2001e 2001/2002, o 65% e o 100%, respectivamente.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. Os productores de leite que teñan a súa explotación situada na Comunidade Autónoma de Galicia, reúnan os requisitos do artigo 5º e estean interesados en obter cantidades de referencia da reserva presentarán unha solicitude dirixida ó director xeral de Gandería do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) e ó director do Ilgga, de acordo co modelo incluído como anexo I, preferentemente, nas oficinas comarcais de Extensión Agraria. Así mesmo, poderán presentarse as ditas solicitudes en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Documentación.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos esixidos ós solicitantes e as súas explotacións:

1. Se o solicitante é persoa física:

a) Fotocopia do DNI e NIF do solicitante.

b) Para xustifica-la condición de agricultor a título principal, fotocopia cotexada da declaración do IRPF do exercicio 1999, e fotocopia cotexada do recibo da cotización á Seguridade Social dun dos meses do segundo trimestre do ano 2000.

c) No caso de entrega a compradores, certificado do primeiro comprador, relativo ás entregas de leite e productos lácteos comercializados nas campañas 1998/1999 e 1999/2000, así como do importe da venda de leite e productos lácteos de 1-1-1999 ó 31-12-1999, segundo o modelo incluído como anexo II.

d) No caso de vendas directas, fotocopia da declaración obrigatoria de leite e productos lácteos comercializados directamente nos períodos 1998-1999 e 1999-2000, así como fotocopia compulsada das facturas de venda directa ou da contabilidade que debe levarse, segundo a normativa vixente, correspondente ás vendas de leite e productos lácteos realizada entre o 1-1-1999 e o 31-12-1999.

e) Un boletín de análise, xustificativo do requisito do artigo 5.1º e), dun laboratorio interprofesional de análises do leite ou doutro laboratorio autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondente á media dun mes do período 1-1-2000 a 31-3-2000, se o leite da explotación non é analizado no LIGAL.

Nas explotacións de cota exclusivamente de venda directa, para acredita-lo previsto no artigo 5.2, parágrafo segundo, presentarase copia do comunicado da última campaña oficial de saneamento gandeiro realizada na explotación (folla verde), na que conste a súa cualificación sanitaria.

f) Se é o caso, certificado da cooperativa, SAT ou asociación de productores, xustificativo do indicado na alínea f) do artigo 6º, segundo modelo do anexo III.

g) De se-lo caso, documentación xustificativa da condición de prioritaria da explotación.

2. Se o solicitante é unha comunidade de bens:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento xustificativo da comunidade de bens.

c) Certificación do órgano rector da comunidade de bens autorizando o representante para face-la solicitude e indicando a relación nominal e o NIF de tódolos socios.

d) Os documentos indicados no punto 1, alíneas a) e b) para tódolos membros da comunidade ou, como mínimo, para un deles, e documento xustificativo do pacto de indivisibilidade por un período mínimo de 5 anos desde o 1-1-2000, neste último caso.

e) Se é o caso, as certificacións indicadas nas alíneas c), d), e) e f) do punto 1.

3. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da entidade.

c) Copia da certificación expedida polo órgano rector da entidade ou escritura de apoderamento na que conste a identificación da persoa autorizada para a realización da solicitude.

d) No caso de cooperativas e sociedades agrarias de transformación, certificación do órgano competente dos socios que constitúen esta, así como os documentos indicados nas alíneas a) e b) do punto 1, para aqueles socios que reúnan a condición de agricultor a título principal.

e) Se é o caso, os certificados indicados nas alíneas c), d), e), f) e g) do punto 1.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. As solicitudes que se presenten remitiranse ós servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a súa comprobación e análise, tendo en conta os requisitos e puntuacións previstos nos artigos 5 e 6 da presente orde, do que efectuarán un informe, coa proposta correspondente, ó director do Ilgga.

2. Recibidas tódalas propostas dos servicios provinciais e distribuídas as solicitudes de cantidades de referencia suplementarias por orde de puntuación conforme o baremo da presente orde, elaborarase unha lista coa clasificación, determinándose os solicitantes que teñen dereito a asignación de cantidade de referencia suplementaria en función dos criterios establecidos e das cantidades máximas que se asignarán.

3. O director do Ilgga elevará, antes do 1 de decembro de 2000, a proposta favorable de asignación á Dirección Xeral de Gandería do MAPA, que dictará as resolucións correspondentes, aprobando ou dene

gando motivadamente a asignación, antes do 1 de febreiro do 2001. Á falta de resolución expresa no dito prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

4. Ademais da publicación e exposicións que efectúe o MAPA, as asignacións efectuadas a favor da cada productor exporanse nos taboleiros de anuncios dos servicios provinciais do Ilgga e das axencias de Extensión Agraria.

5. Contra as resolucións da Dirección Xeral de Gandería poderase interpor recurso de alzada ante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa publicación no BOE.

Artigo 11º.-Falsidade dos datos.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou na documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de acordo coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de todo tipo que se puideran derivar, especialmente as da taxa suplementaria.

Artigo 12º.-Inpección e control.

O Ilgga poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos para comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

O productor deberá colaborar nas devanditas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Disposición adicional

Asignación de cantidades retidas.

Os sobrantes das cantidades de referencia retidas para a reserva nacional, unha vez que se procedese á resolución firme e definitiva das reclamacións que puideran producirse no proceso de asignación, poderán ser distribuídas, de acordo co procedemento previsto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Así mesmo, queda facultado para modificar, por resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde cando se deban a modificacións producidas na normativa básica estatal.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 xullo de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria