Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 06 de xullo de 2000 Páx. 10.537

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de xuño de 2000 sobre o desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX) 2000.

A experiencia adquirida desde que se puxo en marcha o Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX) e o desenvolvemento das liñas básicas definidas nel, así como a importancia do sector de gando vacún dentro da renda agraria da nosa comunidade, aconsellan continua-las accións emprendidas como o mellor medio para a incorporación ó sector gandeiro de novos criterios de manexo e de mellora xenética.

Por outra banda, as novas orientacións a nivel nacional e internacional no desenvolvemento destes programas fan das asociacións e agrupacións de productores a canle axeitada para a progresiva participación do sector e a garantía da súa viabilidade futura.

Así pois, débense regula-las actuacións contidas no devandito plan e fixa-las axudas que, para o seu

desenvolvemento, establece a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (en diante consellería).

Por todo isto, faise necesario establecer un marco legal de ordenación e promoción destas actividades na nosa Comunidade Autónoma.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A comprobación dos rendementos -leiteiro e cárnico do gando en Galicia ten por obxecto o estudio e determinación dos parámetros productivos necesarios para documenta-los programas de mellora xenética e de manexo establecidos a nivel nacional, rexional ou na propia explotación.

O control da reproducción ten como obxectivo prioritario dispoñer de información dun dos principais parámetros que condicionan a rendibilidade das propias explotacións gandeiras. Supón, así mesmo, unha avaliación das actuacións dos programas de dotación de recursos xenéticos que conforman o PIMX.

Artigo 2º

1. As asociacións provinciais de gandeiros de vacas frisonas, para o control de rendementos leiteiro e reproductivo, así como a súa federación, son as unidades básicas para o desenvolvemento da actividade do control leiteiro e do libro xeneáloxico do gando vacún de raza frisona.

2. Os gandeiros en control leiteiro oficial.

3. Os gandeiros con gando vacún da raza rubia galega.

Artigo 3º

A Mesa Técnica de Mellora Xenética, creada pola orde da consellería do 1 de marzo de 1991, de acordo co establecido no PIMX, é o órgano consultivo para impulsar, potenciar e coordinar tódalas accións expostas no plan.

Artigo 4º

Os gandeiros que o desexen poderán solicita-lo seu ingreso na asociación provincial correspondente. Estas, unha vez comprobadas as esixencias regulamentarias para o seu ingreso, quedan obrigadas a admiti-las novas explotacións e tramita-la solicitude de alta na consellería, a quen lle corresponde resolver definitivamente sobre ela.

As explotacións que, realizando o control leiteiro nos dous últimos anos, controlaran durante un período continuado de seis meses no último, seis vacas ou menos, sen causa grave que o xustifique, causarán baixa no control leiteiro.

Artigo 5º

A realización do control leiteiro debe facerse segundo a vixente normativa estatal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e demais normas complementarias fixadas nesta orde.

Artigo 6º

1. Será de uso regulamentario para as explotacións en control leiteiro a inseminación ata a xestación e parto, con seme de «touros en proba» de, polo menos, o 20% dos seus efectivos, empezando, con carácter preferente, coas vacas para un segundo parto.

Para cumprir con esta condición, empregaranse os «touros en proba» dos anos 1998, 1999 ou 2000.

O termo «touros en proba» ou en xeral «touros do programa» refírese xenericamente a aqueles sementais utilizados no programa de mellora xenética de Galicia que estean en proceso de avaliación ou que fosen probados polos gandeiros de Galicia que colaboran nestes programas.

2. Os titulares das explotacións en control leiteiro deberán proporcionarlles ós controladores tódolos datos das incidencias de carácter reproductivo que se produzan na súa explotación.

3. A consellería disporá a realización de probas de paternidade para calquera das actuacións referidas

a fillas de «touros en proba» e como garantía do libro xenealóxico.

Artigo 7º

Co fin de promociona-los programas contidos na presente orde, establécense axudas, respectando as limitacións sectoriais previstas no Regulamento CEE 2328/1991, ás que poderán optar aquelas explotacións que inicien o control leiteiro e aqueloutras que durante o último ano cumpriran as liñas marcadas pola orde desta consellería, do 20 de marzo de 1998, sobre o desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética.

I. Para as asociacións provinciais ou a súa federación:

1. A consellería subvencionará as asociacións provinciais de control, ata o 50% dos custos derivados do funcionamento e do control leiteiro.

O cálculo mensual das devanditas subvencións farase de acordo cos baremos contidos na táboa seguinte, e non poderá alcanzar no cómputo anual de subvención, cos incrementos debidos á «porcentaxe de partos» a que se fai referencia máis adiante, a porcentaxe máxima do 50% dos custos totais da recollida de información sobre as produccións.

Explotacións controladas:

De 1 a 400: 3.150 ptas./Explot. mes.

De 401 en diante: 2.800 ptas./Explot. mes.

A subvención resultante de aplica-los datos desta táboa refírese ó control único (control dunha das muxiduras diarias). Para as explotacións que realicen dous controis no día, incrementarase a subvención da táboa anterior nun 40%. A subvención resultante ata aquí denominarémola «subvención base».

Non se contabilizarán como subvencionables, ademais das previstas no primeiro parágrafo deste artigo, o número de explotacións que excedan das que se poidan controlar nos días de control, unha explotación diaria a control dobre e dúas explotacións a control único, cun máximo de 46 explotacións por controlador e mes.

A «subvención base» incrementarase en función dos partos habidos que se deban a inseminacións con seme de «touros en proba» dos anos 1998, 1999 ou 2000 («porcentaxe de partos»). As asociacións poderán acceder a estas subvencións só se a «porcentaxe de partos» é igual ou superior ó 20%.

Nestes casos, a «subvención base» incrementarase en función da «porcentaxe de partos», que supere o 20%.

Por outra banda, tamén sobre a «subvención base» producirá un incremento do 20% sobre a porcentaxe dos partos habidos que se deban a inseminacións con seme de «touros do programa», non incluídos no parágrafo anterior.

2. A consellería establece axudas para o rexistro e xestión en Galicia do libro xenealóxico da raza frisona ata o 50% dos gastos ocasionados, fixando estas axudas nun máximo de 3.800 ptas. anuais, por cada explotación colaboradora do control leiteiro, pagadoiras trimestralmente, e baseándose no número de explotacións ó principio de cada semestre natural.

3. Para garantía do libro xenealóxico da raza frisona, fíxase unha subvención do 70% dos gastos de realización das probas de paternidade, por mostraxe entre os animais rexistrados, ata un máximo de 2.000.000 de ptas. por este concepto.

4. Para a promoción da raza frisona, fíxanse axudas para organizar un concurso rexional e unha escola de xuíces gandeiros así como para que a gandería de Galicia poida quedar representada no concurso estatal da propia raza.

As axudas fixadas para o concurso autonómico estarán en función da concorrencia de animais e dos efectos de promoción da raza (premios ás descendencias de «touros do programa», confirmada a súa veracidade coas correspondentes probas de paternidade), de acordo co seguinte:

Unha cantidade fixa de 1.000.000 de pesetas e, por cada animal fillo de «touros do programa», coas seguintes cantidades: 15.000 ptas. por cada animal menor de 25 meses e 25.000 ptas. se son maiores ou iguais á devandita idade. A subvención máxima que se concederá para a celebración do concurso autonómico será de 2.500.000 pesetas, sempre que concorran a el gandeiros de alomenos tres provincias galegas, ou de 1.200.000 pesetas en caso de que a concorrencia sexa menor. En calquera caso, a subvención concedida, sumada ás demais axudas oficiais, non poderá supera-los custos de organización.

A subvención máxima que se concederá para organiza- la participación da gandería de Galicia no concurso estatal será de 1.000.000 de ptas. En ningún caso a subvención concedida superará os gastos ocasionados nesa participación.

4.1. Como subvención para os gandeiros, establécense premios para as descendencias dos «touros do programa», repartidos a partes iguais entre as seccións de animais menores de 25 meses e as seccións de animais maiores ou iguais a 25 meses. Os importes dos devanditos premios son de 200.000 ptas. para o concurso autonómico referido no punto anterior e 140.000 ptas. para os demais concursos, ata un máximo de seis concursos deste tipo.

4.2. Para a realización da escola de xuíces gandeiros establécese unha subvención de 10.000 ptas., por cada asistente que sexa profesional gandeiro inscrito en control leiteiro, sendo a subvención máxima de 1.000.000 de pesetas. A subvención concedida, sumada ás demais axudas oficiais, non poderá supera-los custos da organización.

4.3. Para a adquisición e implantación de embrións para a abtención de touros e nais de sementais para o programa de testaxe; a subvención para este réxime de axudas non superará os custos do programa, resultando en todo caso unha subvención máxima de 30.000 pesetas por preñez obtida.

Estas subvencións faranse efectivas cando a agrupación xustifique as preñeces obtidas, coa sinatura do gandeiro e do técnico que realizou a implantación, que deberá cumprir coa normativa oficial que rexe as actuacións profesionais dos técnicos implantadores.

II. Axudas ós gandeiros en control leiteiro.

1. Cada gandeiro integrado na correspondente asociación provincial de control de rendementos recibirá unha subvención máxima do 20% dos gastos que orixine nas explotacións a realización do control leiteiro.

O cálculo das devanditas subvencións farase en función das lactacións finalizadas xa que o censo do gando determina o maior ou menor custo de realización do control leiteiro. Estas lactacións serán certificadas no Servicio de Producción Animal, referidas ó período dun ano.

1.1. Subvención de ata 1.500 pesetas por lactación para as fillas de «touros do programa».

1.2. Se a lactación válida e finalizada corresponde a unha primeira lactación dunha filla de «touro en proba» do ano 1996 ou posteriores, a subvención concederáse en función do número de parto da nai que xerou a vaca que finaliza a lactación.

Se o devandito parto é o 2º, a subvención será de 15.000 pesetas e se é outro número, a subvención será de 10.000 pesetas.

O dereito a calquera das subvencións deste punto 1 será excluínte das demais deste mesmo punto.

III. Doses seminais.

1. Explotacións en control leiteiro o pasado ano:

Considéranse unhas necesidades, incluídas as da recría propia, de dúas doses por cada vaca controlada efectivamente durante o derradeiro ano. Enténdese por número de vacas controladas efectivamente na explotación o que resulta de face-la media do número de vacas controladas nos meses nos que se fixera o control na explotación durante do período anteriormente determinado.

Subministración gratuíta de doses de «touros en proba» para cubri-lo 30% das necesidades da explotación, cunha subministración mínima de 15 doses por explotación.

2. Ganderías de nova incorporación ó control leiteiro: as necesidades de doses de «touros en proba» fíxanse en 15 doses de seme por cada explotación. A subministración destas doses será gratuíta.

3. Subvención máxima do 50% para un programa de utilización de seme de calidade que presenten as agrupacións colaboradoras para a mellora xenética. Con este programa tratarase de completa- las necesidades de seme das explotacións ou as subministracións mínimas que se indican nos puntos 1 e 2 deste punto III.

IV. Axudas ós gandeiros con gando de raza rubia galega.

Como axudas á mellora da calidade xenética, por cada femia avaliada xeneticamente durante este ano e incluída no rexistro definitivo da raza, establécese unha axuda do 70% dos custos ocasionados, cun importe máximo de 25.000 ptas. Esta axuda non poderá asignarse ás femias que recibiran subvención por este concepto en anos anteriores.

Artigo 8º

1. As solicitudes de axudas ás que se refire a presente orde irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e presentaránse no rexistro da consellería, no das súas delegacións provinciais ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º

Establécense os seguintes prazos de presentación de solicitudes:

a) Agrupacións de gandeiros: o prazo remata ós 20 días naturais a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

b) Gandeiros individuais: o prazo remata ós 45 días naturais a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

c) Os gandeiros de raza rubia galega, así como os de raza frisona que se incorporan ó control leiteiro ó longo deste ano, presentarán a súa solicitude de subvención no mes de outubro deste ano.

O expediente será resolto polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e a consellería comunicará, no prazo de 90 días, a aprobación ou a denegación razoada da solicitude. A falta de comunicación no devandito prazo entenderase desestimatoria das peticións de axuda. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación; ou ben alternativamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da notificación.

Artigo 10º

A consellería solicitará dos peticionarios a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, con obxecto de comproba-la realización das actuacións subvencionables.

Artigo 11º

Poderán ser beneficiarios destas axudas agrupacións de gandeiros ou ganderías individuais. En cada tipo de axuda especifícase cáles poden ser solicitadas por agrupacións de gandeiros e cáles o serán polas ganderías individuais.

A documentación que se presentará en cada caso é a seguinte:

a) Agrupacións de gandeiros:

1. Solicitude segundo anexo I.

2. Acta de constitución da entidade.

3. Fotocopia do Código de Identificación Fiscal e certificado de conta bancaria.

4. Memoria do programa que se pretende e medios humanos e materiais para desenvolvelo. No caso que proceda, incluirase unha descrición do programa de investimento ó que se destinará, no caso da concesión, o investimento ó que se refira o artigo 8.I.2.

5. Avaliación económica do investimento que se vai realizar.

6. Avaliación económica da subvención solicitada.

7. Certificación da Tesourería Territorial da Seguridade Social e da Axencia Tributaria de estar ó día dos pagamentos a que houbera lugar.

b) Ganderías individuais:

1. Solicitude segundo anexo II.

c) Gandeiros de raza rubia galega:

1. Solicitude segundo anexo III.

2. Impreso de calificación morfolóxica.

3. Impreso de saneamento gandeiro.

Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios das axudas presentarán unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes. Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 12º

As subvencións ás que se refire a presente orde serán consideradas como subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, en función da realización dos programas propostos, por limitacións orzamentarias ou cando exista concorrencia doutras axudas oficiais.

Artigo 13º

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión. Así mesmo ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 14º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º

Correspóndelle á consellería ó seguimento e inspección das actividades desenvolvidas polas organizacións colaboradoras segundo se determina na presente orde.

Artigo 16º

As subvencións recollidas na presente orde financiaranse con cargo ós conceptos orzamentarios 09.03.614-A.771.0 (86.038.000 pesetas); 09.03.614-A.781.0 (167.000.000 de pesetas); 09.03.712-A.773.0 (10.000.000 de pesetas); dos orza-

mentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Os ditos importes poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las normas necesarias para

o mellor cumprimento e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2000.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria