Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 06 de xullo de 2000 Páx. 10.544

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Carchidea, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Carchidea, S.L., con nº de código 3602452, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-5-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal (CIG), con data do 29-12-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo,

polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que conta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segunda.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 25 de maio de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo

Convenio colectivo da empresa Carchidea, S.L.

TÍTULO I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo regulará as relacións laborais entre a empresa Carchidea S.L. sita na rúa Coutada Nova, 20 A de Vigo, e tódolos traballadores que presten servicio nela.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio será de 3 anos, desde o 1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2002, con independencia da súa publicación no BOP.

Artigo 3º.-Denuncia.

Extinguido o período de vixencia, o convenio entenderase prorrogado de ano en ano, salvo que algunha das partes que o subscriben o denuncien con antelación mínima dun mes á extinción da súa vixencia ou algunha das súas prórrogas.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

Para tódolos efectos este convenio colectivo constitúe unha unidade indivisible, polo que non se poderá pretende-la aplicación dunha ou varias das súas cláusulas, rexeitando o resto, senón que haberá de ser aplicado e observado na súa integridade e considerado globalmente.

TÍTULO II

Clasificación profesional

Mobilidade funcional e xeográfica

Artigo 5º.-Clasificación profesional.

As clasificacións de persoal que figuran neste convenio son meramente enunciativas, e non supoñen a obriga de ter cubertas tódalas prazas enumeradas, se as necesidades e volume da empresa non o precisan.

Sen embargo, desde o mesmo momento en que exista na empresa un traballador que realice as funcións específicas dunha categoría determinada, terá que ser remunerado, polo menos, coa retribución que para esa categoría estableza este convenio.

* Persoal administrativo.

Oficial de 1ª.

Oficial de 2ª.

Auxiliar.

* Persoal de fábrica.

Encargado.

Oficial 1ª taller.

Oficial 2ª taller.

Oficial 3ª taller.

Especialista.

Peón.

Aprendiz.

* Persoal administrativo.

1. Oficial de 1ª.

É a persoa cun sector de tarefas ó seu cargo que con iniciativa e responsabilidade, con ou sen outros traballadores ó seu cargo, executa, baixo a dependencia do xefe, unha ou varias das seguintes funcións: manexo e custodia dos caudais principais da empresa; planificación, cálculo, extensión de facturas complexas; realización de estatísticas nas que interveñan cálculos de importancia e esixan, á mesma persoa, análises e conclusións, imputacións contables a nivel equivalente á de libros oficiais de comercio, redacción de correspondencia, con plena e propia iniciativa, en asuntos que excedan os de mero trámite; taquimecanografía. E ademais, o que presta outros servicios, con importancia, iniciativa e responsabilidade, que teñan analoxía cos anteriormente citados.

2. Oficial de 2ª.

É a persoa que, cunha iniciativa á subordinación doutras categorías superiores, se as houbese, efectúa unha ou varias das seguintes operacións: estatísticas e contabilidade que requiran cálculos medios, manexo e utilización de ficheiros e arquivos complexos: redacción e correspondencia con iniciativa propia en asuntos que excedan os do trámite: taquimecanografía. E que preste outros servicios de mérito importante, iniciativa e responsabilidade, que teñan analoxía cos antes citados.

3. Auxiliar.

É o que, sen iniciativa especial, realiza operacións auxiliares de administración e, en xeral repetitivas, como son a título orientativo: os traballos de mecanografía realizados con pulcritude e corrección; a facturación simple que non requira moitos cálculos, busca e clasificación en ficheiros e arquivos, que só precisan simples anotacións preestablecidas e outras similares.

* Persoal de fábrica.

1. Oficial de 1ª.

É aquel operario que executa traballos cualificados dunha especialidade, que esixen unha habilidade particular e coñecemento profesional, que non pode ser adquirido máis que por unha intensa práctica da especialidade, ou por unha aprendizaxe metódica, sancionando, se existira, por un certificado de aptitude profesional.

Realizará as funcións propias da súa especialidade cunha habilidade consumada, espírito de iniciativa

e completa responsabilidade, executando calquera tipo de labor que se lle encomende dentro da súa especialidade.

2. Oficial 2ª.

É aquel operario que executa os trabalos cualificados dunha especialidade, que esixen unha habilidade particular e coñecemento profesional que non pode ser adquirido máis que por unha intensa práctica da especialidade, ou por unha aprendizaxe metódica, pero sen ter chegado a adquiri-la totalidade dos coñecementos e pericia do oficial de 1ª.

3. Oficial de 3ª.

É aquel operario que executa os traballos cualificados dunha especialidade, que esixen unha habilidade particular e coñecemento profesional que non pode ser adquirido máis que por unha intensa práctica da especialidade, ou por unha aprendizaxe metódica, sancionando se existira, por certificado de aptitude profesional, pero sen ter chegado a adquiri-la totalidade de coñecementos e pericia do oficial de 2ª.

4. Peón.

É o operario a quen se lle confían traballos elementais, para os que non se require preparación ningunha, nin coñecementos teórico-práticos de ningunha clase, requiríndolle predominantemente unha contribución de esforzo físico, a atención debida e a vontade de levar a cabo o traballo que se lle ordene. Os traballadores só poderán permanecer nesta categoría un máximo de dous anos.

5. Aprendiz.

Considéranse aprendices aqueles traballadores que teñan vixente un contrato de aprendizaxe. Realizarán os labores correspondentes ó oficio que estean aprendendo. Disporán dun 15% da xornada para a formación.

Artigo 6º.-Traslado de centro de traballo.

No suposto de que a empresa pretenda traslada-lo centro a outra zona dentro da localidade ou a outra localidade, sen prexuízo das disposicións vixentes nesta materia, a empresa estará obrigada a comunicalo coa seguinte antelación:

Dentro da mesma provincia: dous meses.

Fóra da provincia: tres meses.

Desde a data da comunicación, o traballador terá un mes para aceptar ou rexeita-lo traslado. En calquera caso, o persoal terá dereito a:

a) Traslado do centro da mesma cidade: non sufrirán modificación ningunha as condicións pactadas neste convenio, con excepción da quilometraxe que en todo caso se trataría.

b) Traslado do centro fóra do termo municipal, pero dentro da mesma provincia: aboaríaselle ó persoal un complemento extrasalarial denominado de distancia, que cubrise a diferencia no gasto de desprazamento desde o antigo centro ata o novo centro,

a razón de vintesete pesetas por quilómetro e día traballado.

Esta melloría considérase condición particular e só afectará ó persoal que aceptase ser trasladado e en ningún caso, ó persoal contratado para o novo centro unha vez realizado o traslado.

c) Traslado do centro fóra da provincia: haberá que aterse ó disposto no ET.

Se o traballador renunciase ó traslado, percibirá as compensacións que a lexislación vixente en cada momento sinale.

Artigo 7º.-Mobilidade.

Se por necesidades de producción subcontratase algunha tarefa con empresas auxiliares, co fin de axilizar ó máximo os traballos que esta realice para Carchidea, S.L., a dirección poderá designa-los traballadores que considere oportuno, para que acudan ó centro para realiza-los traballos propios da súa categoría, nas tarefas subcontratadas por Carchidea, S.L. e sempre baixo o seu ámbito e dirección, quedando os traballadores designados obrigados a iso.

Nestes casos, sempre que o desprazamento fose fóra do termo municipal de Vigo, a empresa obrígase a paga-la quilometraxe e se procedese, a súa manutención.

TÍTULO III

Sistema retributivo

Artigo 8º.-Aumento salarial e táboas salariais.

As retribucións do persoal comprendido neste convenio estarán constituídas por:

Salario base de cada categoría profesional segundo táboa anexa.

Complemento de asistencia.

Complemento puntualidade.

Complemento responsable de zona (se é o caso).

Retribución voluntaria (se é o caso).

Retribución voluntaria absorbible (se é o caso).

Horas extras.

Os traballadores terán dereito a percibir anticipos á conta, polo importe do traballo xa realizado. Este dereito farase efectivo no momento de formaliza-la solicitude.

Aumento salarial:

1º ano aplicarase un aumento do IPC máis un punto máis o 0,6 do ano anterior (ano 2000).

2º ano aplicarase un aumento do IPC previsto polo Goberno máis un punto (ano 2001).

3º ano aplicarase un aumento do IPC real polo Goberno máis un punto (ano 2002).

No ano 2001 ó rematar, se o IPC real é maior á previsión, a diferencia sumarase á subida prevista do ano seguinte.

A retribución voluntaria absorbible do persoal fixo da empresa consolidarase como retribución voluntaria fixa.

Artigo 9º.-Complemento responsable de zona.

Denomínase responsable de zona a aquel traballador que, independentemente da súa categoría, e logo do nomeamento pola dirección ademais da súa tarefa, se responsabiliza do control e vixilancia dunha zona determinada da fábrica, do seu persoal e do traballo que se desenvolva nela.

Quen fose designado para este cargo percibirá, mentres o desempeñe, un complemento responsable de zona consistente no 5% do soldo base do convenio en cada momento.

A revogación deste cargo poderaa realizar a dirección en calquera momento, perdendo o traballador a partir do mes seguinte o dereito á percepción do citado complemento responsable de zona.

Artigo 10º.-Complemento de asistencia e puntualidade.

Establécese un complemento de asistencia consistente en:

3.100 pesetas para o ano 2000.

3.200 pesetas para o ano 2001.

3.300 pesetas para o ano 2002.

Establécese un complemento de puntualidade consistente nun 4% sobre o soldo base, ámbalas mensuais para tódalas categorías.

Perderase o dereito a percibir estes complementos nos seguintes casos:

-Cando no mes se produzan tres ou máis ausencias, xa sexan ou non xustificadas ou motivadas por situación ILT, derivada de enfermidade común.

-Cando no mes se produzan tres ou máis faltas de puntualidade xa sexan ou non xustificadas.

-No período de vacacións, o complemento de asistencia descontarase proporcionalmente ós días que se estea de vacacións.

A perda do dereito á percepción deste complemento non impedirá á empresa que ademais proceda ós descontos e sancións oportunas en cada caso.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécense cuadrienios ó 5% do soldo base vixente en cada momento, os que se acumulan a razón do importe de cada cuadrienio. O tope máximo de cuadrienios para percibir será de seis.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias de trinta días de soldo base máis antigüidade, correspondentes ós meses de xullo e decembro.

As pagas de xullo e nadal aboaranse entre os días quince e vinte de xullo e decembro respectivamente.

TÍTULO IV

Xornada, horarios, horas extras e vacacións

Artigo 13º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 1.800 horas anuais, en xornada continua, de luns a venres, a razón de 8 horas diarias, cun descanso intermedio de quince minutos para toma-lo bocadillo, tempo que se computará como de traballo efectivo. O seu horario será de 7 a 15 horas.

Artigo 14º.-Horas extras.

As horas extraordinarias poderanse compensar por descansos, sempre a criterio da dirección da empresa, logo do acordo individual co traballador e sen que en ningún caso resulte perturbado o proceso productivo da empresa.

As horas extraordinarias compensadas por descansos dentro dos tres meses seguintes á súa realización non computarán para efectos do tope máximo anual de horas extraordinarias establecido no artigo 35.2º do ET.

Artigo 15º.-Vacacións.

Establécese un período de vacacións de 20 días laborables que se realizarán da forma seguinte:

3 días en Semana Santa (laborables).

15 días entre xullo e agosto (laborables).

2 días en decembro (laborables).

As quendas de vacacións limítanse a un 50% do persoal.

Artigo 16º.-Seguridade e hixiene.

A protección da saúde dos traballadores constitúe un obxectivo prioritario das partes asinantes. Considerando que para alcanzalo, se require o establecemento dunha acción preventiva na empresa, que teña por fin a eliminación ou reducción dos riscos na súa orixe a partir da súa avaliación, adoptando as medidas necesarias, tanto na corrección da situación existente como na evolución técnica e organizativa da empresa, para adapta-lo traballo á persoa e protexe-la súa saúde.

Para estes efectos, ámbalas partes acordan dar cumprimento ó establecido na Lei de prevención de riscos laborais, creando a figura do delegado de prevención, que será elixido de entre os representantes dos traballadores e cunhas competencias e facultades que serán as sinaladas no artigo 36 da Lei 31/1995.

A dirección da empresa, de acordo co establecido no R.D. 39/1997, pola que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención, elaborará:

a) Evacuación dos riscos dos centros de traballo.

b) Un plan xeral de prevención.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá a tódolos traballadores de dúas batas de traballo, das coñecidas e típicas, para a

realización das distintas e diversas actividades que o seu uso vén aconsellando e pantalóns para aqueles que realicen traballos que así o requiran.

Os traballadores, pola súa parte, están obrigados a levar posta unha de tales pezas durante a xornada de traballo, a mantelas limpas e, fóra das horas de traballo, a gardalas no seu lugar correspondente.

TÍTULO V

Licencias e permisos ILT

Artigo 18º.-Licencias.

O traballador, avisando coa antelación posible, poderá faltar ó traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e durante o tempo que a continuación se expón:

a) Matrimonio: 16 días.

Enfermidade grave ou operación cirúrxica dun familiar ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade que esixa dous días de hospitalización: 3 días.

Ídem con desprazamento: 4 días.

Falecemento de pais, fillos ou cónxuxe: 5 días.

Nacemento de fillo: 3 días.

Falecemento de familiar ata o segundo grao: 2 días.

Ídem con desprazamento: 4 días.

Traslado de domicilio: 2 días.

Voda de fillos ou irmáns: 1 día.

b) Tempo necesario e imprescindible:

Deber inescusable de carácter público e persoal.

Matricularse ou examinarse en centros oficiais recoñecidos.

Asistir ó ambulatorio médico.

Para a aplicación deste artigo terán igual consideración as parellas de feito.

Artigo 19º.-Baixas por enfermidade ou accidente laboral.

Accidente laboral: os traballadores en situación de ILT por accidente de traballo producido durante a xornada de traballo, é dicir, dentro do recinto da factoría, percibirán con cargo á empresa, a diferencia existente entre as prestacións económicas da Seguridade Social ou a entidade e o 100% do salario base, antigüidade e retribución voluntaria.

Os accidentes in itinere, enténdense estes os que se produzan no traxecto entre o domicilio habitual e o centro de traballo e viceversa, nun espacio de tempo razoable, considéranse como accidentes de traballo, percibindo con cargo á empresa a diferencia existente entre as prestacións económicas da Seguridade Social ou entidade e o 100% do salario base. Garántese o cobramento como mínimo do 75% da base de cotización.

Baixas por enfermidade: en caso de hospitalización a empresa aboará a diferencia existente entre as prestacións económicas da Seguridade Social ou entidade e o 100% do salario base, sempre e cando o tempo de hospitalización non sexa inferior a quince días e un tempo máximo de 30 días.

TÍTULO VI

Traballos a quendas

Artigo 20º.-Quendas.

Enténdese por quendas un proceso continuo do traballo que debido a necesidade técnicas ou organizativas, se realiza durante un período non inferior a dezaseis horas ó día nos períodos do ano denominados de producción punta e eventualmente para reparacións, mantemento, cambio de ciclo ou de producto ou calquera outro motivo alleo ós traballadores, así como por causas de forza maior.

Cando a dirección da empresa o considere, poderá establecer que o persoal, con independencia do seu horario, e sen exceder da xornada máxima legal establecida, traballe a quendas por período máximo de tres meses. En tal caso, o horario sería de 7 a 15 horas para a primeira quenda e de 15 a 23 horas para a segunda.

As partes acordan que esta situación non supón modificación ningunha nas condicións de traballo.

TÍTULO VII

Contratación. Cadro de persoal.

Ascensos e cesamentos

Artigo 21º.-Contratación.

Por razón das características do servicio na empresa, os traballadores clasifícanse en fixos, contratados por tempo determinado, eventuais e interinos, contratados a tempo parcial, en aprendizaxe e prácticas.

Poderá subscribirse calquera tipo de contrato de traballo cunha modalidade que estea recollida na lexislación laboral vixente en cada momento.

Os traballadores contratados por tempo determinado terán os mesmos dereitos e igualdade de trato nas relacións laborais que os demais traballadores de cadro de persoal, excepto as limitacións que deriven da natureza e duración do seu contrato.

Os contratos de formación e prácticas formalizados de acordo coa lexislación vixente estarán dirixidos a favorece-lo adestramento profesional e a formación naqueles postos que pola súa propia natureza requiran un coñecemento e experiencia determinados.

Co fin de potencia-la contratación e evitar no posible a utilización de persoal contratado a empresas de traballo temporal acórdase crear un contrato de obra ou servicio determinado, segundo o previsto no artigo 15 do ET modificado en virtude da Lei 11/1994, do 19 de maio.

Estes contratos de obra ou servicio determinado poderán cubrir todas aquelas tarefas ou traballos

suficientemente diferenciados polo volume adicional de traballo que representen, que limitados no tempo e cunha duración que poida preverse, estean directa ou colateralmente relacionados co proceso productivo da empresa, sendo a duración máxima posible a de doce meses nun período de dezaoito.

Esta inclusión neste convenio non poderá entenderse en ningún caso como unha limitación á modalidade de contractual prevista no referido artigo 15.1.a) do ET.

Artigo 22º.-Período de proba.

Toda admisión de persoal para as actividades comprendidas neste convenio considerarase provisional dentro dun período de proba variable, de acordo coa categoría que o traballador teña e que non poderá ser superior á que se establece na seguinte escala:

Titulados superiores: 2 meses.

Oficiais e especialistas: 1 mes.

Peóns e aprendices: 15 días.

Durante o período de proba, a empresa poderá dar por finalizada a relación laboral, sen alegar máis causa que a non superación do citado período de proba.

A situación de incapacidade laboral transitoria durante o período de proba non interrompe o período de proba.

TÍTULO VIII

Comisión mixta e lexislación aplicable

Artigo 23º.-Comisión mixta.

Durante a vixencia deste convenio actuará unha comisión de seguimento e interpretación que, sen prexuízo das atribucións que en cuestión de vixencia teñen os delegados de persoal, terá por funcións.

a) Vixilancia do cumprimento do pactado.

b) Actuar como órgano de interpretación, arbitraxe e conciliación, sen prexuízo da posibilidade de reclamación ante a xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lexislación vixente.

c) Por parte dos traballadores, a comisión estará composta por catro persoas, dous representantes dos traballadores: o delegado de persoal máis outro elixido pola asemblea de traballadores e dúas persoas en representación da empresa.

Artigo 24º.-Lexislación aplicable.

No que non está expresamente disposto neste convenio haberá que aterse ó que determine o Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais disposicións concordantes.

Artigo 25º.-Comisión negociadora.

Este convenio foi negociado entre a dirección da empresa, José Piñón Fernández e a parte social, formada polos representantes dos traballadores, sendo referendado por tódolos traballadores.

Táboa salarial ano 2000

CategoríaSalario base

* Persoal administrativo

Oficial 1ª administrativo97.272 ptas.
Oficial 2ª administrativo89.492 ptas.
Auxiliar administrativo78.446 ptas.

* Persoal de fábrica
Encargado107.941 ptas.
Oficial 1ª taller92.879 ptas.
Oficial 2ª taller87.859 ptas.
Oficial 3ª taller81.288 ptas.
Especialista78.445 ptas.
Peón75.309 ptas.
Aprendiz55.178 ptas.