Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 06 de xullo de 2000 Páx. 10.532

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de xuño de 2000 pola que se establecen medidas de apoio a agrupacións e entidades para a mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios.

As produccións agrícolas e gandeiras enfróntanse a unha crecente competitividade, sendo claves a calidade e a diminución de custos, o que obriga ás explotacións agropecuarias a incorporar novas técnicas de producción e organización e implica un incremento da demanda de servicios especializados.

A falla de programas e servicios axeitados é máis notoria nas pequenas explotacións, polo que as agrupacións de agricultores e gandeiros son a vía axeitada para a realización de actividades que garantan a viabilidade das explotacións e a competencia dos seus productos no mercado.

Así mesmo, débense ter en conta as entidades e asociacións que desexen incrementa-la formación dos seus compoñentes para a súa intervención na incorporación de novos coñecementos e tecnoloxías, que contribúan á mellora dos procesos productivos agropecuarios.

De acordo co anterior, a realización dos programas de xestión, selección e reproducción animal e vexetal, formación de técnicos e de agricultores, manexo da explotación, etc., son algunhas das actividades que permiten acada-la mellora dos sistemas productivos cunha clara repercusión na economía da explotación e que se realizan a través de agrupacións.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

O obxeto desta orde é regula-la concesión de axudas a agrupacións de agricultores ou gandeiros, a entidades relacionadas coa agricultura formalmente constituídas, así como a outras entidades, tales como as locais e aquelas sen ánimo de lucro, que desexen realizar actividades encamiñadas á mellora da eficacia dos seus sistemas productivos e das calidades nas súas produccións, ou apoien a realización deste tipo de programas, que presenten un programa de actuación de acordo co contido desta orde.

Artigo 2º.-Tipos e contía das axudas.

1. Os solicitantes poderán optar a axudas para as seguintes actividades:

1.1. Contratación do persoal técnico ou da prestación do servicio mediante contratos homologados para a realización, con carácter exclusivo, de programas de xestión, manexo de explotacións, reproducción e selección, sanidade animal e vexetal e, en xeral, aquelas actividades nas que o resultado sexa o desenvolvemento da explotación.

A contía da subvención, que poderá chegar ó 70% do custo do contrato, modularase en función da importancia do programa que se vai desenvolver.

A dita contía será, como máximo, do 60% do custo do contrato cando o persoal técnico xa fora obxecto de subvención durante un período de tempo igual ou superior a tres anos.

Non obstante o disposto no parágrafo primeiro, non se requirirá a exclusividade nos supostos da prestación daqueles servicios demandados puntualmente polas ganderías e que unha agrupación non poida manter a tempo completo ó longo dun ano.

Para os programas dos niveis I e II, recollidos no artigo 3º desta orde, no caso de que a totalidade das subvencións solicitadas superasen a dotación orzamentaria, aplicaríaselle a cada entidade un coeficiente reductor en función do grao de execución do programa no ano anterior.

Así mesmo, as contías das axudas para os programas de ámbolos dous niveis serán proporcionais ós seguintes parámetros:

a) Número de explotacións e vacas incluídas nos programas.

b) Porcentaxe de explotacións leiteiras incluídas no control leiteiro. Non obstante, non se subvencionará ningún programa que non acade, polo menos, o 25%, salvo que a orientación productiva da agrupación sexa a de carne.

1.2. Adquisición dos bens e servicios necesarios para a correcta execución do programa presentado pola agrupación, asociación ou institución.

A súa contía será, como máximo, do 35% do investimento, anque poderá chegar ó 50% cando as características do programa, tales como innovación, repercusión e risco asumido pola agrupación, así o aconsellen.

Esta porcentaxe de axuda poderá chegar ata o 75%, cando os investimentos supoñan un aumento de custos derivado da protección e mellora do ambiente, da protección e mellora das condicións de hixiene das explotacións gandeiras ou da promoción do benestar animal.

2. Tamén poderán subvencionarse:

2.1. Ata o 100% do seu custo, a realización de congresos, estudios, cursos ou conferencias destinados á formación do persoal técnico dos programas, ou á divulgación de novas tecnoloxías, actuacións, situacións ou programas, entre técnicos ou gandeiros, sempre que se consideren de interese para o programa que se vaia executar ou para a gandería en xeral.

2.2. Ata o 100% dos gastos das asociacións de ámbito galego, segundo o seu grao de representatividade e programa de actividades, durante o primeiro ano da súa creación, ou da ampliación substancial das tarefas no caso das organizacións preexistentes. Neste último caso, as axudas limitaranse ós gastos orixinados polas novas tarefas.

Esta porcentaxe do 100%, que diminuirá anualmente en 20 puntos, concederase durante un período máximo de 5 anos.

2.3. Poxa de gando selecto e concursos de gando, en contía acorde co seu impacto na mellora gandeira, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, para a organización e participación nos mesmos, non superando, en ningún caso, os custos totais por concurso e/ou poxa.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria ou o Ilgga poderán establece-los índices e baremos que crean oportunos para a mellor instrumentación do disposto neste artigo.

Artigo 3º.-Programas de planificación sanitario-productiva.

1. En gando vacún:

Establécense subvencións para a realización de programas especiais encamiñados á planificación sanitario-productiva do rabaño. Os programas poderanse desenvolver en varios niveis de execución, sendo necesario que cada entidade presente unha única solicitude, especificando os distintos niveis de actuacións que pretende desenvolver e achegando a totalidade de datos requiridos que lle permitan á Administración barema-las axudas.

A solicitude limitarase a explotacións cun censo mínimo de 11 vacas, e 7 no caso de explotacións cunha orientación dirixida á producción de carne. No caso de explotacións de orientación productiva leiteira, a solicitude limitarase ás que dispoñan de tanque de refrixeración do leite e que estean realizando, polo menos, unha revisión anual da instalación de muxidura.

Asesoramento na planificación sanitario-productiva da explotación.

* Nivel I.

Os programas específicos de mellora poden abarca-los seguintes aspectos:

a) Control da reproducción.

b) Control da mamite.

c) Control de parasitos.

* Nivel II.

Sobre explotacións incluídas no nivel de actuación I, apoiaranse programas que abrangan os seguintes aspectos:

a) Programas de alimentación.

b) Programas de podoloxía.

c) Apareamentos dirixidos.

d) Asesoramento sobre instalacións/manexo da explotación.

Coa finalidade de levar a cabo os diferentes programas, as agrupacións de gandeiros poderán contar co apoio de laboratorios autorizados ou dependentes da consellería para a realización de análises de alimentos, análises microbiolóxicas de leite e parasitolóxicas.

Así mesmo, poderán subvencionarse outros programas complementarios que propoñan as agrupacións, sempre que estean dirixidos ou realizados polos técnicos que presten os seus servicios, en exclusividade, ós mesmos, de acordo ó disposto no artigo 2.1.1. da presente orde e que aprobe a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria ou o Instituto Lacteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), segundo o caso.

2. Noutras especies:

Establécense subvencións para o desenvolvemento de programas en Agrupacións de Defensa Sanitaria, adaptadas a cada producción gandeira e aprobados polos Servicios técnicos da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

Artigo 4º.-Accions prioritarias.

Tendo en conta que as axudas reguladas nesta orde se outorgan con cargo a un orzamento limitado, segundo o disposto no seu artigo 15, baixo o principio de concorrencia competitiva, establécense os seguintes criterios para a súa adxudicación:

-As agrupacións de agricultores e gandeiros cun programa que teña como finalidade a consolidación ou ampliación das actuacións xa iniciadas con anterioridade e que cumpran os requisitos establecidos nesta.

-As agrupacións de productores con problemas de comercialización que presenten programas conducentes a mellora-la calidade e competitividade dos seus productos.

-As agrupacións con explotacións que estean situadas maioritariamente en zonas desfavorecidas ou de montaña.

-As entidades asociativas agrarias con programas de maquinaria en común.

Artigo 5º.-Documentación complementaria para os programas.

1. Xunto coa solicitude a agrupación deberá achegar un ficheiro en base de datos, coa estructura indicada no anexo II, no que se inclúan os datos das explotacións de gando acollidas ós programas.

No caso de explotacións incluídas no control leiteiro, o CEA, DNI, apelidos e nome deberán coincidir co titular da explotación en control leiteiro.

2. Facturas orixinais ou copias cotexadas dos bens ou servicios adquiridos para levar a cabo o programa.

Artigo 6º.-Obrigas, incompatibilidades e denegación.

Os beneficiarios das axudas para a realización dun programa dos distintos niveis deberanse comprometer a achegar persoal suficientemente capacitado, a xuízo da consellería ou do Ilgga, para a realización do programa e dotalo dos medios necesarios para levalo a cabo.

No caso de que unha explotación se atope incluida dúas ou máis veces na solicitude presentada por unha ou varias agrupacións, excluirase do programa, anque, excepcionalmente, en casos xustificados, poderá manterse a explotación nun programa, unha soa vez, a petición conxunta da agrupación e do titular da explotación.

A execución de tódolos programas, así como a toma de datos e o envío periódico de informes, farase segundo os protocolos establecidos polos servicios técnicos correspondentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria ou do Ilgga.

Non obstante, poderanse denega-las axudas solicitadas polas agrupacións ou entidades ante programas insuficientemente xustificados en campañas/anos pasados.

Artigo 7º.-Solicitudes.

Tódalas solicitudes presentaranse, preferentemente nas, delegacións provinciais da consellería, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia de acordo co modelo do anexo I.

Ás solicitudes xuntaráselles, ademais da documentación específica de cada programa, a seguinte:

1. A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante.

2. Relación informatizada de socios titulares das explotacións que participen no programa.

3. Código de identificación fiscal e certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.

4. Programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos, orzamento pormenorizado e prazo de execución.

5. Contrato dos técnicos responsables da súa execución, de se-lo caso.

6. Fotocopia cotexada do título, de se-lo caso.

7. Declaración xurada de exclusividade dos técnicos responsables dos programas de mellora, se é o caso.

8. Factura proforma dos equipos a adquirir, se é o caso.

Artigo 8º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

Os solicitantes das axudas previstas na presente orde xuntarán á solicitude inicial unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes da consellería ou do Ilgga, o beneficiario da axuda deberá facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera outro órgano de inspección ou control.

Artigo 10º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda, máis os xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das con

dicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 12º.-Instrucción e resolución.

Recibidas as solicitudes das axudas e a súa documentación, serán examinadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria ou do Instituto Lacteo e Gandeiro de Galicia, elevando o respectivo director xeral ou o director do Ilgga a correspondente proposta perante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e presidente do Ilgga, quen resolverá.

A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes contando a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Artigo 13º.-Comunicación.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da presente convocatoria de axudas, a súa resolución porase en coñecemento de tódolos solicitantes das axudas, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Caso de que transcorridos catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, non se dictase e notificase resolución, os interesados poderán entender desestimadas ás súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14º.-Xustificacións.

1. As actuacións previstas nos programas aprobados deberanse rematar antes do 30 de outubro de 2000, aínda que se poderá conceder prórroga para a súa execución se as súas características así o aconsellan.

A agrupación beneficiaria deberalle comunica-la finalización da execución do programa preferentemente á delegación provincial da consellería, xuntando os xustificantes de investimento e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización, antes da data indicada no parágrafo anterior.

2. A contía total das axudas satisfarase de acordo co nivel de execución do programa subvencionado, logo de comprobación por parte dos servicios correspondentes.

3. O incumprimento dos programas propostos suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituílas cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades nas que puidesen incorre-los beneficiarios.

4. Para poder percibi-la axuda, a agrupación beneficiaria terá que acreditar que se atopa ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 15º.-Financiamento.

As axudas que deriven da aplicación da presente orde financiaranse con cargo ós seguintes conceptos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000, aprobados pola Lei 7/1999, do 29 de decembro:

a) 09.03.712-A.773.0 «Apoio á eficacia dos sistemas productivos»: 73.500.0000 pesetas.

b) 09.03.613-A.771.0 «Agrupacións de defensa sanitaria». 34.827.606 pesetas.

c) 09.03.613-A.760.0 «Programas sanitarios especiais»: 4.500.000 pesetas.

d) 09.50.614-A.782.0 «Mellora da eficacia dos sistemas productivos»: 30.000.000 de pesetas.

e) 09.50.712-A.770.0 «Modernización de explotacións»: 78.000.000 de pesetas.

f) 09.04.612-A.770.0 «Promoción cooperativas agrarias»: 5.000.000 de pesetas.

g) 09.04.615-A.770.0 «Regulación das produccións e dos mercados agrarios»: 5.000.000 de pesetas.

h) 09.03.614-A 773.0 «Programas agrarios» 40.000.000 de pesetas.

i) 09.03.614-A 780.0 «Programas agrarios especiais» 35.000.000 de pesetas.

Os ditos importes poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos, achegados para o efecto.

Disposición adicional

Ademais do disposto nesta orde en canto ós límites e contías das axudas que se van conceder, teranse que respecta-los establecidos nas Directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C 28/02), publicadas no Diario Oficial das Comunidades Europeas do 1 de febreiro de 2000, ou nas que as poidan substituír no futuro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria, o director do Ilgga e o director xeral de Industrias e Alimentación, en función das súas competencias, para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día siguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria