Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 04 de xullo de 2000 Páx. 10.411

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo dos fabricantes de mobles de Ourense e rectificación do seu escrito.

Visto o texto do convenio colectivo de fabricantes de mobles de Ourense (código convenio nº 3200185) e escrito de rectificación, con entrada nesta delegación provincial o día 4-4-2000, subscrito pola parte económica polas Asociacións de Fabricantes de Mobles e Fabricantes de Mobles de Cociña de Ourense, e, da parte social, polas centrais sindicais UGT, CC.OO e CIG, o día 27-3-2000, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-las súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 24 de maio de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de fabricantes de mobles 2000

Artigo 1º.

De conformidade co Estatuto dos traballadores, este convenio afectará a tódolos traballadores do sector de fabricantes de mobles non excluídos expresamente por este e dentro do ámbito das empresas radicadas en Ourense e provincia ou que no futuro se establezan, dedicadas á ebanistería, carpintería e tapicería.

Quedan excluídos do presente convenio:

O persoal de alta dirección ou alto consello e os socios de empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá unha duración dun ano; entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2000 e rematará o 31 de decembro de 2000, aínda que os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 2000,

manténdose a súa vixencia en canto ós seus efectos normativos ata o ano 2001 mentres non se negocie outro que o substitúa. O convenio denunciarase con tres meses de antelación á finalización da vixencia. A forma de denuncia será por medio de comunicación dunha parte á outra, na que se fará consta-la pretensión de denuncia-lo convenio, a representación que posúe para negociar, así como as materias que se van negociar.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes deste convenio serán absorbidas ata onde chegue o cómputo anual con aqueloutras condicións que puidesen establecerse por disposición legal, salvo cando expresamente se pacte o contrario.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

1. A duración da xornada anual de traballo efectivo no presente convenio colectivo será no ano 2000 de 1.780 horas.

2. Esta xornada considérase de traballo efectivo e desenvolverase de luns a venres.

Artigo 5º.-Vacacións.

O tempo anual de vacacións será de trinta días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponda no caso de levar traballando o ano requirido para o desfrute pleno deste dereito.

O total de días anuais de vacacións repartiranse para os efectos de desfrute con carácter xeral da seguinte forma: 15 días seguidos para desfrutar no verán.

O resto, para desfrutar de acordo entre traballador e empresa, atendendo de forma prioritaria ás necesidades de producción.

Deberá facerse público cun mínimo de dous meses a data das vacacións.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data do desfrute das vacacións a excepción das horas extraordinarias e gratificacións extraordinarias.

Os traballadores que cesen durante o transcurso do ano, terán dereito a que na liquidación que se lles practique no momento da baixa na empresa, se integre o importe da remuneración correspondente á parte de vacacións devengadas e non desfrutadas.

Pola contra, e nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballador desfrutase das súas vacacións, a empresa poderá deducir da liquidación que se lle practique, os días de exceso desfrutados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

Para efectos de devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal, sexa cal fose a causa. Non obstante, dado que o dereito

ó desfrute das vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase este se ó vencemento deste o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación de incapacidade temporal de ser aquela de superior contía. O mesmo criterio se aplicará para os supostos de cesamentos por finalización de contrato.

En caso de baixa por accidente laboral os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a pospo-las súas vacacións, sinalándose un novo período que se fixará de común acordo entre a empresa e o traballador afectado.

Conceptos retributivos

Artigo 6º.-Salario.

As táboas retributivas para 2000 serán as que figuran no presente convenio e que é o resultado de aplica-lo 3,5% ás táboas salariais de 1999 e á que se lle engadirá, ademais, a parte correspondente á compensación por supresión da antigüidade.

Artigo 7º.-Antigüidade.

1. A partir do 30 de setembro de 1996, non se devengarán por este concepto novos dereitos quedando, por tanto, suprimido.

Non obstante, os traballadores que xerasen antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na dita data. Esta contía quedará reflectida na nómina de cada traballador como complemento persoal, baixo o concepto de antigüidade consolidada, e non será absorbible nin compensable.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición deste concepto calcularase o equivalente a 8 anos (isto é segundo o criterio da antiga ordenanza laboral) un quinquenio máis tres quintas partes doutro quinquenio, das bases e porcentaxes de concepto de antigüidade de cada convenio de ámbito inferior ó presente ou, no seu defecto, das porcentaxes de ordenanza laboral.

A contía resultante dividirase entre cinco.

A contía resultante de efectua-la operación anterior será a que se adicionará ó importe anual do salario base durante os cinco primeiros anos.

A compensación da antigüidade para 1998, 1999, 2000 será a seguinte:

Peón: 1.330 pesetas mensuais.

Axudante: 1.448 pesetas mensuais.

Oficial segunda: 1.484 pesetas mensuais.

Oficial primeira: 1.489 pesetas mensuais.

Encargado: 1.525 pesetas mensuais.

Auxiliar admvo.: 1.448 pesetas mensuais.

Admvo. segunda: 1.484 pesetas mensuais.

Admvo. primeira: 1.489 pesetas mensuais.

Transcorridos os cinco anos, desaparecerán esas contías e a antigüidade quedará cos valores que tivesen o 30 de setembro de 1996, quedando así fixada no sucesivo.

En canto ó valor do quinquenio, será o seguinte:

Peón: 59.136 pesetas/ano.

Axudante: 64.351 pesetas/ano.

Oficial segunda: 65.961 pesetas/ano.

Oficial primeira: 66.195 pesetas/ano.

Encargado: 67.779 pesetas/ano.

Auxiliar admvo.: 64.351 pesetas/ano.

Admvo. de segunda: 65.961 pesetas/ano.

Admvo. de primeira: 66.195 pesetas/ano.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade.

Considéranse gratificacións extraordinarias os complementos salariais de vencemento periódico superior ó mes.

Establécense dúas gratificacións extraordinarias coa denominación de paga de verán e paga de Nadal, que serán aboadas, respectivamente, antes do 30 de xuño e 20 de decembro, e se devengarán por semestres naturais, e por cada día natural en que se devengase o salario base.

Devengo de pagas:

Paga de verán: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

Paga de Nadal: do 1 de xullo ó 31 de decembro.

A contía destes complementos será a que se especifique para cada un dos grupos ou niveis nas táboas deste convenio, incrementada coa antigüidade que corresponda.

Ó persoal que ingrese ou cese na empresa faráselle efectiva a parte proporcional das gratificacións extraordinarias conforme os criterios anteriores, no momento de realiza-la liquidación de haberes.

Artigo 9º.-Indemnización por desgaste de ferramentas.

Establécese unha indemnización por desgaste de ferramentas para aqueles traballadores ós que non lles sexa facilitada pola empresa, consistente en 39 ptas. por día efectivo de traballo para o oficial e de 20 ptas. para o axudante. A empresa determinará os casos de achega de ferramentas polo traballador.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Establécese un permiso retribuído nos casos que se indica e polo tempo que se sinala:

Falecemento de pais, avós, fillos, netos, cónxuxe, irmáns e sogros: 3 días naturais ampliables ata 5 naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

Enfermidade grave de pais, fillos, netos, cónxuxe, irmáns e sogros: 3 días naturais, ampliables a 5 naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

En caso de hospitalización de parente ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade, os traballadores terán dereito a 2 días naturais. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días.

Por falecemento de tíos: 1 día natural.

Falecemento de noras, xenros, cuñados e avós políticos: 2 días naturais ampliables ata 4 días naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

Enfermidade grave de noras, xenros, cuñados e avós políticos: 2 días naturais ampliables ata 4 naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

Nacemento de fillo ou adopción: 3 días naturais, ampliables a 5 naturais en caso de desprazamento superior a 150 km.

Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

Cambio de domicilio habitual: 1 día laborable.

Deber inescusable de carácter público e persoal: o indispensable ou o que marque a norma.

Lactación ata nove meses: ausencia de 1 hora ou dúas fraccións de media hora, reducción da xornada en media hora.

Traslado (Art. 40 ET): 3 días laborables.

Matrimonio de fillos: 1 día natural.

Funcións sindicais ou de representación dos traballadores: o establecido na norma.

O tempo necesario para acudir ó médico presentando a xustificación correspondente.

Para o non previsto neste artigo, aplicarase o previsto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar.

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralles a tódolos traballadores a roupa de seguridade a que houbese lugar, adaptada ós distintos postos de traballo. A roupa de traballo e as pezas de seguridade reporanse sempre que sexa necesario, cando o seu grao de deterioración non sexa imputable á neglixencia por parte do traballador. Esta roupa será sempre propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á boa conservación e emprego. En calquera caso, o traballadores terán dereito a percibir dúas fundas de traballo ó ano.

Artigo 12º.-Axuda de custos.

A axuda de custo é un concepto de devengo extrasalarial de natureza indemnizatoria ou compensatoria e de carácter irregular, que ten como finalidade o resarcimento ou compensación dos gastos de manutención e aloxamento do traballador ocasionados como consecuencia da situación de desprazamento.

O traballador percibirá axuda de custo completa cando, como consecuencia de desprazamento, non poida pasa-la noite na súa residencia habitual. Devengarase sempre por día natural.

Devengarase media axuda de custo cando, como consecuencia do desprazamento o traballador afectado teña necesidade de realiza-la comida fóra da súa residencia habitual e non lle fose subministrada pola empresa, e poida pasa-la noite na citada residencia. A media axuda de custo devengarase por día efectivo de traballo.

As axuda de custos ou medias axudas de custos percibiranse sempre con independencia da retribución do traballador.

Ó persoal afectado por este convenio seranlle aboados, en caso de desprazamento fóra do seu centro de traballo habitual, os gastos ocasionados e debidamente xustificados.

Artigo 13.-Retribución de menores.

O contrato de aprendizaxe que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional do presente convenio, terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. Este traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional relacionada co posto de traballo que vaia desempeñar.

O contido do contrato, ó igual que as súas posibles prórrogas deberá formalizarse por escrito, e figurará nel de modo claro, a actividade ou profesión obxecto do aprendizaxe.

En ningún caso se poderán realizar este tipo de contrato naquelas actividades nas que concorran circunstancias de tipo tóxico, penoso, perigoso ou nocturno. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

A idade do traballador, cun contrato destas circunstancias non poderá ser inferior a 16 anos nin superior a 22 anos.

A) A duración máxima será de tres anos, xa sexan alternos ou continuos, cunha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector do presente convenio.

B) Non se poderán realizar contratos de duración inferior a 6 meses podendo prorrogar ata tres veces por períodos como mínimo de 6 meses.

C) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase á formación teórica. Concretaranse no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico.

O ensino teórico, a ser posible, deberá ser previo á formación práctica ou alternarse con esta de forma racional.

No contrato deberá figura-lo nome e a categoría profesional do titor ou monitor encargado da for

mación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do aprendiz así como de tódolos riscos profesionais.

O traballo efectivo que preste o traballador na empresa, deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

O salario que percibirá o aprendiz, será o 75%, 85% e 95% do salario do axudante ou categoría equivalente do presente convenio, durante o primeiro, segundo ou terceiro ano do contrato respectivamente.

No caso de cesamento na empresa, entregaráselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida, en que constará a duración desta.

Artigo 14º.-Vinculación á totalidade.

No caso de non ser autorizado pola autoridade laboral competente algún dos preceptos deste convenio, este quedará sen efecto e deberá considerarse o seu contido total.

Artigo 15º.-Póliza de seguros.

As empresas están obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo no prazo de tres meses a partir da contratación do traballador, unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de morte, incapacidade para a profesión habitual e incapacidade para todo tipo de traballo dos traballadores por accidente laboral incluido o in itinere, que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa, no caso de morte e invalidez para todo tipo de traballo por causa fortuíta, espontánea e exterior á vontade do traballador, o percibo da indemnización seguinte:

2.500.000 pesetas en caso de morte.

3.000.000 de pesetas en caso de incapacidade permanente total para a profesión habitual.

3.500.000 pesetas en caso de incapacidade para todo tipo de traballo.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou montepío. Non obstante, as indemnizacións a que se fai mención neste artigo non se considerarán como entrega á conta da indemnización que de se-lo caso puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 16º.-Situacións de incapacidade laboral.

Tódolos traballadores afectados por este convenio, en caso de accidente laboral, con ou sen hospitalización percibirán polo período de ILT, por conta da empresa, o cento por cento do salario desde o día 10 ata o 70, ambos inclusive. Para os supostos de enfermidade común e enfermidade profesional

percibirán, en caso de IT, por conta da da empresa, o cento por cento do salario desde o día 20 ó 60, ambos inclusive.

Artigo 17º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria para a interpretación deste convenio, constituída polos membros asinantes do presente convenio.

Artigo 18º

No non previsto no presente convenio colectivo aplicarase o disposto no R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o convenio estatal da madeira asinado o 21 de marzo de 1996 entre as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CONEMAC como dereito de directa aplicación para todas aquelas cuestións non recollidas no presente convenio provincial e que afectan ás empresas e traballadores do correspondente ámbito territorial.

Artigo 19º.-Sistema de contratación.

Durante a vixencia do presente convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración determinada acolleranse ó disposto na letra b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e o fomento da contratación indefinida, en virtude da cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos para o fomento da contratación indefinida.

Artigo 20º.-Fomento á contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, para dar unha menor precarización no emprego que deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas e exceso de pedidos a que se refire o dito artigo, poderá formalizarse cunha duración mínima de seis meses e un máximo de trece meses e medio nun período de dezaoito meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó desfrute dos beneficios salariais, complementos, etc.

Este contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con polo menos 15 días de antelación, de 12 días por ano traballado, entendéndose que a dita indemnización corresponde por finalización das prórrogas xa que, en caso de producirse a extinción por causa non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente corresponda por despedimento.

No suposto de non producirse a extinción á terminación do tempo máximo de duración dos tres anos, se o traballador seguise prestando os seus servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Artigo 21º.-Empresas de traballo temporal.

Ós traballadores/as que sexan contratados a través de empresas de traballo temporal (ETT) para presta-los seus servicios nas empresas de fabricación de mobles, seralles de aplicación o presente convenio colectivo. Ó mesmo tempo, tódolos contratos que a empresa usuaria desta modalidade (a través das ETT) dará copia del ó representante sindical, se o houber.

Artigo 22º.-Revisións médicas.

As empresas afectadas polo presente convenio deberán concerta-los servicios adecuados para realizar unha revisión médica ó ano para os seus traballadores.

Disposición adicional

Primeira.-Os atrasos deste convenio serán aboados a partir dos 7 días desde a sinatura do convenio.

Segunda.-Co fin de adapta-lo calendario laboral anual ó presente ano 2000, fíxanse como días non laborables: 24 de xullo, 13 de outubro, 7 de decembro e a tarde do 22 de decembro, salvo acordo entre empresa e traballadores para a fixación doutros distintos.

Se algún dos días sinalado coincidise con festivo local pasaríase ó inmediato anterior ou posterior.

Os días festivos de convenio sinalados neste artigo non serán computados para efectos de vacacións.

Terceira.-Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC previsto polo Goberno superase o 2% máis o 0,2, actualizaranse as táboas salariais e adicionaráselle este incremento, de producirse, ó que se pacte para o ano 2001.

Disposición derradeira

Faise constar que nas cantidades que se sinalan no anexo I deste convenio como salario base do convenio, xa está incluído o rateo da paga de marzo.

Cláusula de sumisión ó AGA

Dada a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as centrais sindicais CC.OO., a UGT e a CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formuladas.

As partes asinantes do convenio acordan reuni-la comisión paritaria do convenio co obxecto de estudiar e efectuar un estudio en profundidade das categorías profesionais do convenio. Esta comisión paritaria reunirase no prazo máximo de tres meses desde a publicación do convenio no BOP.

Táboa salarial

CategoríaS.B.C.A.Total

Peón98.473 ptas.+1.33099.803
Axudante107.158 ptas.+1.448108.606
Oficial de segunda109.839 ptas.+1.484111.323
Oficial de primeira110.228 ptas.+1.489111.717
Encargado112.866 ptas.+1.525114.391
Auxiliar administrativo108.655 ptas.+1.448110.103
Administrativo de segunda109.839 ptas.+1.489111.323
Administrativo de primeira110.228 ptas.+1.489111.717