Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 30 de xuño de 2000 Páx. 10.283

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 160/2000, do 22 de xuño, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola execución do proxecto de ramal de gas do Complexo Ambiental de Cerceda.

O Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia é o instrumento director e coordinador de tódalas actuacións que se realicen na Comunidade Autónoma en materia de xestión deste tipo de residuos, de acordo co disposto no artigo 17 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia. A aprobación definitiva do plan, conforme o artigo 23 desta lei, leva implícita a declaración de utilidade pública e interese social así como

a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa de tódalas obras, intalacións e servicios recollidos de forma concreta neste.

O Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos e o proxecto de ramal de gas de Cerceda foron aprobados definitivamente como plans sectoriais de incidencia supramunicipal, por Resolución do 2 de xuño de 1999 e do 15 de febreiro de 2000 respectivamente, e de conformidade coa disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, a aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio levará implícita a declaración de utilidade pública das obras, instalacións e servicios previstos de forma concreta neste.

Igualmente, o artigo 12 da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, declara de utilidade pública

para os efectos de expropiación forzosa o establecemento ou ampliación de instalacións de almacenamento, valorización e eliminación de residuos.

Correspóndelle á Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama), conforme o artigo 29 da lei, a xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento no que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no plan de xestión, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos polo que, en aplicación do establecido no artigo 2 da Lei de expropiación forzosa e os artigos 4 e 5 do seu regulamento, deberá actuar no procedemento expropiatorio como beneficiario.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública a través da Resolución do 11 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (DOG nº 74, do 14 de abril), e publicouse no BOP da Coruña nº 105, do 9 de maio e a La Voz de Galicia do 27 de abril.

A execución do ramal de gas de Cerceda resulta indispensable para o cumprimento do Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos, o que xustifica a necesidade de declara-la urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación. Por outra banda, mediante o Decreto 148/1988, do 14 de abril, foi declarada de utilidade pública e urxente ocupación a execución da concentración parcelaria da zona de San Pedro de Ardemil, en Ordes (A Coruña), polo que cómpre declara-la prevalencia da utilidade pública do proxecto de ramal de gas sobre a execución da concentración parcelaria.

A competencia para a declaración da concreta utilidade pública e urxente ocupación, así como a súa prevalencia, correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia de acordo co disposto no artigo 28.2º do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xuño de dous mil.

DISPOÑO:

Artigo 1º

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa e 56 do seu regulamento, declárase a concreta utilidade pública e a urxente ocupación dos terreos e bens necesarios, que se especifican no expediente administrativo instruído para o efecto, para a execución do proxecto de ramal de gas do Complexo Ambiental de Cerceda.

Artigo 2º

Declárase prevalente a utilidade pública do proxecto de ramal de gas do Complexo Ambiental

de Cerceda sobre a execución da concentración parcelaria da zona de San Pedro de Ardemil (Ordes-A Coruña).

Santiago de Compostela, vintedous de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente