Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 30 de xuño de 2000 Páx. 10.284

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2000 pola que se dictan normas de tramitación dos expedientes de autorizacións para limpeza de canles solicitadas polas administracións locais.

A Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidraúlica de Galicia, atribulle no seu artigo 7.2º b) ó organismo autónomno Augas de Galicia as funcións de administración e control do dominio público hidráulico correspondente ás cuncas hidrográficas internas de Galicia. Funcións nas que os actos resolutorios se lle encomendan ó presidente do organismo, de acordo co previsto no artigo 12 a) da mesma lei, logo da tramitación dos correspondentes expedientes por conta do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico, segundo prevé a letra a) do artigo 41.1º do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, de aprobación do Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia.

Visto que os concellos situados no ámbito territorial de Galicia-Costa con frecuencia dirixen solicitudes a Augas de Galicia co obxecto de proceder a diferentes actuacións de limpeza de canles públicas.

Visto que nalgúns casos as devanditas solicitudes refírense a actuacións de escasa entidade que non implican en si mesmas a realización de obras propiamente ditas, e que, polo tanto, convén axiliza-la tramitación do procedemento correspondente.

Considerando que, nembargantes, a realización de calquera tipo de obra ou construcción en zona de policía e nas propias canles require autorización da Administración hidráulica (artigo 78 do Regulamento do dominio público hidráulico-RDPH-), que se tramitará consonte o disposto nos artigos 52 a 54 RDPH.

Considerando que o artigo 126 RDPH contén determinadas especialidades para a tramitación destes procedementos, cando se refiren a actuacións de limpeza de canles.

Na súa virtude, e de acordo co disposto no artigo 12 c) da Lei 8/1993, e no artigo 43.1º do Decreto 108/1996.

RESOLVO:

I. O ámbito material da presente resolución refírese exclusivamente ás solicitudes de actuacións de limpeza de canles presentadas polas administracións locais das cuncas de Galicia-Costa.

II. A tramitación das solicitudes de autorización para actuacións de limpeza de canles presentadas polos concellos e demais entidades locais levarase a cabo consonte as normas do Regulamento do dominio público hidráulico, e seguindo as instruccións seguintes:

1. Encoméndaselles ós Servicios Territoriais de Augas de Galicia a tramitación destes procedementos ata a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes deberá xuntarse:

a) Se se trata de actuacións de limpeza que impliquen a execución de obras ou ben operacións de corta de árbores, achegarase un plano de planta á escala no que queden estas definidas en relación coas marxes da canle, así como unha memoria descritiva.

b) Se se trata de actuacións de limpeza que non implican a execución de obras nin operacións de corta (tales como actuacións referidas á retirada de maleza, residuos ou material de arrastre do río, poda de vexetación, etc.), ou ben actuacións en xeral de pouca importancia ou en canles de escasa entidade, bastará unha sucinta memoria descritiva xunto cun bosquexo acoutado.

3. Recibida a solicitude e considerada axeitada a documentación remitida, solicitarase informe, relativo á materia da súa competencia, da correspondente Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente (Servicio de Medio Ambiente Natural), que será emitido no prazo de dez días, considerándose favorable en caso de silencio.

4. Simultaneamente, aínda que exclusivamente para os supostos do punto 2.a), procederase ó trámite de información pública do expediente por espacio dun mes.

5. Procederase á emisión de proposta de resolución.

Naqueles casos nos que se propoña denega-la autorización, daráselles traslado da proposta ós interesados co fin de que poidan alegar, de se-lo caso, o que coiden pertinente.

6. Remitirase o expediente ó Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico, xunto coa proposta, unha vez presentadas as eventuais alegacións, co fin que este someta á Presidencia de Augas de Galicia a correspondente resolución.

7. O Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico notificaralles a tódolos interesados as

resolucións que dicte a Presidencia de Augas de Galicia.

III. A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento e entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación, aplicándose ás solicitudes que aínda estean pendentes de inicia-la súa tramitación.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2000.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do organismo autónomo Augas de Galicia