Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 30 de xuño de 2000 Páx. 10.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de oficinas e despachos da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de oficinas e despachos da provincia da Coruña (código 1501075) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-5-2000 subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Graduados Sociais, Asesores Fiscais e Empresarios da Provincia da Coruña (AGS), e da parte social, por CC.OO., UGT e CIG o día 11-5-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado laudo arbitral no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de maio de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo para o sector de oficinas

e despachos da provincia da Coruña

Ano 2000

Capítulo I

Unidades de negociación

Artigo 1º.-Partes concertantes.

A comisión negociadora do convenio que se subscribe está integrada pola parte empresarial: Asociación Profesional de Graduados Sociais, Asesores Fiscais e Empresarios da Provincia da Coruña (AGS), e por parte dos traballadores: as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Trabajadores (UGT) e Confederación Intersindical Galega (CIG).

Ámbalas dúas partes, despois de analiza-la documentación que presentan como constancia da súa representatividade, se recoñecen como interlocutores válidos, con lexitimación suficiente para a negociación do presente convenio, de conformidade co establecido no título III do vixente Estatuto dos traballadores, modificado pola Lei 32/1984, do 2 de agosto.

Capítulo II

Ámbito, vixencia e denuncia

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Rexeranse polo presente convenio a totalidade dos traballadores que na actualidade, ou no sucesivo, presten os seus servicios nas empresas reguladas polo ámbito funcional e situadas dentro do ámbito provincial.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación a tódalas empresas encadradas, ou que no futuro se integren, en actividades reguladas pola ordenanza laboral para oficinas e despachos do 31 de outubro de 1972, hoxe derrogada.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As normas do presente convenio serán de aplicación en toda a provincia da Coruña.

Artigo 5º.-Ámbito temporal, vixencia.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2000, con independencia da data da súa publicación no BOP.

A súa duración será ata o 31 de decembro de 2000, entendéndose prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.

Artigo 6º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a denuncia deste á outra parte e á autoridade laboral competente. Como mínimo terá que realizala con dous meses de antelación á data de expiración da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.

Capítulo III

Representación das partes negociadoras

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará formada, logo de acordo das partes, polas representacións empresariais e sociais que o deliberaron.

Para os sos efectos de notificacións sinálanse os seguintes domicilios:

Pola representación empresarial:

-Asociación Profesional de Graduados Sociais, Asesores Fiscais e Empresarios da Provincia da Coruña. R/ Rafael Alberti, 8 Ppal., 15008 A Coruña.

Pola representación social:

-Unión Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.). R/ Isaac Peral, 42-3º Esq., 15008 A Coruña.

-Unión Xeral de Traballadores (UGT). R/ Fernández Latorre, 27, 15006 A Coruña.

-Confederación Intersindical Galega (CIG). R/ Ronda de Nelle, 11 bis, baixo, 15007 A Coruña.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo distribuirase da seguinte forma:

1.a) Xornada de inverno: 40 horas efectivas semanais, prestadas de luns a venres, en réxime de xornada partida.

1.b) Xornada de verán: 35 horas efectivas semanais, de luns a venres, en réxime de xornada intensiva ou continuada. Este réxime de xornada levarase a cabo desde o día 20 de xuño ata o día 30 de setembro, ámbolos dous inclusive.

Os traballadores en xornada continuada desfrutarán de 15 minutos de descanso diario.

Non serán laborables os seguintes días: día 24 de decembro (pola tarde) e día 31 de decembro (todo o día).

Aquelas empresas que teñan establecida unha xornada continuada todo o ano respectarana como condición máis beneficiosa.

2. Horas extraordinarias: as horas que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo terán a consideración de horas extraordinarias. As ditas horas poderán ser compensadas por tempos equivalentes de descanso retribuído: 1 hora extraordinaria equivale a 1 h 45 m de descanso retribuído; ou ben aboadas da seguinte forma: 1 hora extraordinaria será aboada como un incremento do 75 por 100 sobre a hora ordinaria.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

1. ós traballadores interesados concederáselles, necesariamente, os seguintes permisos retribuídos:

a) Por matrimonio do traballdor: 15 días naturais.

b) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, pais políticos e fillos: 5 días naturais. No caso de enfermidade grave ou internamento de irmáns, 2 días naturais, ampliables a 4, cando exista desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Parto da esposa: 4 días naturais. No suposto de non coincidir, polo menos 2 días hábiles no cómputo dos 4 días naturais, ampliarase o permiso como garantía mínima dos días hábiles.

d) Morte do cónxuxe, pais, pais políticos, fillos ou irmáns: 5 días naturais, que se ampliarán ata 8 días naturais, se o óbito ocorre fóra da Comunidade Autónoma.

e) Morte do avó, tío ou cuñado: 2 días naturais.

f) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora: o tempo que sexa necesario para iso. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a necesidade.

g) Licencia a representantes sindicais: aplicarase o lexislado nesta materia.

h) Un día por traslado de domicilio habitual.

2. As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai no caso de que ámbolos dous traballen.

Artigo 10º.-Vacacións anuais.

O persoal regulado polo presente convenio terá dereito a 30 días de vacacións anuais, que se desfrutarán preferentemente nos meses de verán de acordo coas necesidades da empresa.

As quendas de vacacións serán fixadas pola empresa e os delegados de persoal ou comité de empresa, no seu defecto por quen designen os traballadores.

A data de comezo do desfrute farase coincidir cun luns laborable.

Capítulo V

Percepcións económicas e revisión

Artigo 11º.-Salario base.

O concepto de salario base mensual, para cada categoría profesional, será o que se detalla na táboa salarial anexa, tendo efectos económicos desde o día 1 de xaneiro de 2000.

Os salarios do ano 2000 representan un incremento do 3 por cento sobre os salarios vixentes ó 31 de decembro de 1999.

O pagamento dos atrasos farase no prazo dun mes desde a publicación do presente convenio no BOP.

Artigo 12º.-Remuneración anual.

Dado cumprimento ó disposto no artigo 26.5º do vixente Estatuto dos traballadores, detállanse na segunda columna das táboas salariais anexas os salarios en cómputo anual, en función da xornada efectiva pactada no presente convenio.

Artigo 13º.-Revisión económica.

Garántese o 0,5 por cento sobre o IPC real para o ano 2000, que se aboará cando se constate ese incremento do IPC, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2000.

Artigo 14º.-Antigüidade.

A partir do día 1 de xaneiro de 1989, establécese un complemento persoal de antigüidade para as categorías, consistente en cuadrienios do 5 por cento do salario base. O complemento por antigüidade devengarase a partir do día primeiro do mes no que se cumpra.

Os traballadores que o 31 de decembro estivesen percibindo algún bienio do 5 por cento, seguirán devengando o complemento de antigüidade, consolidado naquela, pola mesma porcentaxe. Os sucesivos e posteriores períodos de antigüidade devengaranse, a partir do día 1 de xaneiro de 1989, en cuadrienios ó 5 por cento do salario base.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderán, en cada caso, supoñer máis do 10 por cento ós 5 anos, do 25 por cento ós 15 anos, do 40 por cento ós 20 anos e do 60 por cento, como máximo ós 25 anos ou máis.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores ó servicio das empresas afectadas por este convenio percibirán 2 gratificacións extraordinarias ó ano. Unha no mes de xullo e outra no mes de decembro. O importe de cada unha delas será dunha mensualidade no salario base máis antigüidade.

O persoal que ingrese ou cese na emprea durante o transcurso dun ano percibirá as gratificacións extraordinarias en proporción ó tempo traballado.

Aqueles traballadores que polos conceptos anteriores veñan percibindo das empresas o importe

correspondente a unha mensualidade do salario real seguirán excepcionalmente as mesmas condicións por ter carácter máis beneficioso.

Artigo 16º.-Contratos eventuais.

1. En atención ás especiais características do sector que implica frecuentes e irregulares períodos nos que se acumulan tarefas, as empresas poderán concertar contratos eventuais, ó amparo do establecido neste convenio colectivo e no artigo 15 b) do Estatuto dos traballadores, por un tempo non superior a trece meses dun período de dezaoito meses.

2. Cando se concerten estos contratos por un prazo inferior ó máximo establecido, poderán prorrogarse por acordo das partes, unha ou máis veces, ata o referido prazo máximo de trece meses.

3. Naqueles casos nos que o contrato se concertase por un prazo inferior ó máximo establecido e chegado o seu termo non existise denuncia previa de ningunha das dúas partes, nin existise acordo expreso de prórroga, pero se continuase realizando a prestación laboral, entenderase prorrogado tacitamente ata o prazo máximo de trece meses.

Artigo 17º.-Incapacidade temporal.

En calquera suposto de baixa por incapacidade temporal, as empresas afectadas por este convenio garantirán ó traballador o 100 por 100 do salario que lle corresponda percibir no momento de producirse a baixa.

Capítulo VI

Conceptos extrasalariais

Artigo 18º.-Axudas de custo e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón dos métodos de organización das empresas, deban efectuar saídas fóra do municipio no que radica o centro de traballo, quedan establecidas da seguinte maneira:

a) Axuda de custo completa: fíxase na contía de 8.000 ptas. para tódalas categorías.

b) Media axuda de custo: será de 3.000 ptas. para tódalas categorías.

Capítulo VII

Acordos sociais

Artigo 19º.-Cadros de persoal.

As empresas reguladas por este convenio axustarán ós seus cadros de persoal as seguintes normas:

a) Os empregados que teñan directamente baixo a súa responsabilidade a quince ou máis traballadores dos grupos titulados administrativos ou técnicos serán clasificados como xefes superiores.

b) En dependencias con dez ou máis traballadores dos grupos citados no apartado anterior, o empregado que se atopa á fronte deles terá a categoría de xefe de primeira.

c) Nos centros de traballo onde prestan os seus servicios un número de sete traballadores dos grupos xa citados anteriormente ou, no suposto de que sendo menos de sete exista un mínimo de tres traballadores clasificados como oficiais ou asimilados, estará á fronte deles un xefe de segunda.

Artigo 20º.-Ascensos.

Tódalas empresas reguladas polo presente convenio veñen obrigadas a dispoñer nos seus cadros de persoal, como mínimo, dun número de oficiais de primeira igual ó 20 por 100 do cadro de persoal total de oficiais.

A elección dos novos oficiais de primeira é facultade exclusiva do empresario. Para o seu cómputo non se terán en conta as fraccións decimais.

Os auxiliares administrativos con 5 anos de servicio nesta categoría dentro da empresa pasarán automaticamente á categoría de oficial de segunda administrativo.

Os auxiliares administrativos, ós tres anos de antigüidade na categoría dentro da empresa pasarán a percibi-las remuneracións que fixa para estes casos a táboa salarial anexa.

O auxiliar especialista de oficina con máis de tres anos de antigüidade na categoría dentro da empresa será ascendido automaticamente á categoría de calcador.

Os cobradores, ó cumpriren dez anos de antigüidade na súa categoría dentro da empresa, asimilaranse, exclusivamente para efectos económicos, ós oficiais administrativos de segunda.

Os mozos dos recados, ó cumpriren os dezaoito anos de idade, pasarán automaticamente á categoría de ordenanza.

Cando o persoal realice traballos de categoría superior á que teña atribuída percibirá, durante o tempo de prestación destes servicios, a retribución da categoría á que circunstancialmente quede adscrito.

Salvo nos casos de substitución doutro empregado, estes traballos de superior categoría non poderán ter duración superior a seis meses ininterrompidos, debendo o empregado, ó cabo dese tempo, volver á categoría anterior ou ascender definitivamente á categoría superior.

O tempo no que o productor permaneceu en superior categoría será computado como antigüidade nela, cando o empregado ascenda a ela.

Artigo 21º.-Póliza de accidentes.

As empresas afectadas polo presente convenio colectivo estarán obrigadas a subscribir no prazo de 20 días, desde a publicación no BOP, unha póliza de accidentes que garanta a tódolos traballadores un capital de 2.200.000 ptas. para morte e 3.300.000 ptas. para invalidez permanente, derivada, en ámbolos dous casos, de accidente de traballo.

As empresas disporán dun prazo de 30 días, desde a publicación deste convenio, para regulariza-los capitais das pólizas.

As empresas de nova creación disporán dun prazo de 30 días, desde a alta do primeiro productor, para formaliza-la dita póliza.

Artigo 22º.-Premio de xubilación.

Todo traballador que, cunha antigüidade mínima de 15 anos de servicio na empresa se acolla á xubilación anticipada, percibirá en concepto de premio á vinculación as seguintes cantidades:

Ós 60 anos de idade: 7 meses de salario.

Ós 61 anos de idade: 6 meses de salario.

Ós 62 anos de idade: 5 meses de salario.

Ós 63 anos de idade: 4 meses de salario.

Ós 64 anos de idade: 3 meses de salario.

Non obstante o anterior, o traballador que á idade de 64 anos se xubile, como medida de fomento de emprego, sen aplicación de coeficiente reductor, e cos beneficios que tería de ter cumprido os 65 anos, e tal como establece o R.D. 1194/1985, non terá dereito a ningunha indemnización.

Capítulo VIII

Acción sindical

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

En todo o concernente ós aspectos sindicais dentro e fóra das empresas, estarase ó que sobre esta materia dispón o vixente Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 24º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

Os membros do comité de empresa e os delegados de persoal terán as garantías que se establezan no artigo 68 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e as que se determinan a continuación:

a) Non se computará dentro do máximo legal de horas mensuais dispoñibles para o exercicio das súas funcións de representación, o exceso que sobre este se produza con motivo da designación de delegados de persoal ou membros do comité de empresa como compoñentes de comisións negociadoras de convenios colectivos nos que sexan afectados, e polo que se refire á celebración de sesións oficiais a través das cales transcorran tales negociacións e cando a empresa en cuestión se vexa afectada polo ámbito da negociación referido.

b) Sen excede-lo máximo legal, poderán ser consumidas as horas retribuídas de que dispoñen os membros dos comités de empresa ou delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia destes a cursos de formación organizados polos seus sindicatos, institucións de formación e outras entidades.

Capítulo IX

Seguridade e hixiene no traballo

Artigo 25º.-Seguridade e hixiene.

Será obrigatoria a utilización de ordenadores de filtro ou monitores que cumpran a normativa vixente.

As mulleres embarazadas estarán exentas de traballos continuados nas fotocopiadoras.

Efectuaranse revisións médicas específicas (vista, costas, etc.) ós traballadores e traballadoras que desenvolvan os seus labores en equipos informáticos.

Artigo 26º.-Revisións médicas.

Tódalas empresas vinculadas ó presente convenio colectivo estarán obrigadas a solicitar do centro provincial do servicio social de hixiene e seguridade no traballo, ou mutua patronal, que cubra o risco de accidente de traballo, un recoñecemento médico anual para todo o persoal.

O tempo empregado para o dito recoñecemento será aboado pola empresa.

Capítulo X

Cómputos e vinculacións

Artigo 27º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas neste convenio formarán un todo orgánico indivisible e, consecuentemente, absorberán e compensarán no seu conxunto as melloras de calquera natureza que viñeran anteriormente satisfacendo as empresas, ben por imperativo legal, convenio colectivo, etc.

Artigo 28º.-Vinculación á totalidade.

Como se cita no artigo anterior, as condicións establecidas no presente convenio e pactadas polas partes deliberantes del, forman un todo orgánico e indivisible, en consecuencia, non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias normas con esquecemento das restantes, senón que, para tódolos efectos, o presente convenio terá que ser aplicado e observado na súa integridade.

No suposto de que a autoridade laboral ou xurisdicción competente, no exercicio das súas facultades, declarase nulo, total ou parcialmente algún artigo, o presente convenio quedará invalidado na súa totalidade, levándose a cabo unha nova negociación.

Artigo 29º.-Cláusula de desvinculación salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula reguladora no presente artigo establécense os seguintes mecanismos:

a) Comisión paritaria do convenio.

b) Mecanismos do AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente presentarase a documentación seguinte:

1. Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios nos que se demostre que durante eles se produciron perdas reais.

2. Plan de viabilidade para o período que se pretenda a aplicación da dita cláusula de exención, xustificación económica en repercusión real no melloramento global dos resultados da empresa.

Disposición derradeira:

No non establecido de maneira expresa no presente convenio, e en tanto non sexa publicada outra disposición que substitúa á hoxe derrogada ordenanza laboral para oficinas e despachos, do 31 de outubro de 1972, seguirase a aplicar esta como norma supletoria, así como o R.D. 1/1995, do 24 de marzo, sobre o Estatuto dos traballadores.

Partes negociadoras:

Por parte da representación social comparecen:

Nome e apelidos Central sindical

Gerardo Mariño CastroCC.OO.
Juana Estébanez CepedalCC.OO.
Juan Trigo EspiñeiraUGT
Silo Castro Pérez. AsesorCIG
Xosé Antón Porto Rodríguez. AsesorCIG
María José García RocaCIG
Arturo Vijande ParaparCIG

E pola representación empresarial:

Nome e apelidos Central sindical

Jesús Vázquez VázquezA.G.S.
José Ramón Briones VarelaA.G.S.
Isidro Pousada ValesA.G.S.

ANEXO

Táboa salarial

Categorías19992000

MesAnoMesAno

* Grupo I. Titulados

Titulado G. superior156.5162.148.832161.2112.256.954

Titulado G. medio141.2691.977.766145.5072.037.098

* Grupo II. Administrativos

Xefe superior141.2691.977.766145.5072.037.098

Xefe de primeira139.2491.949.486143.4262.007.964

Categorías19992000

MesAnoMesAno

Xefe de 1ª, caixeiro con sinatura, xefe de reporteiros, traductor e intérprete, xurado de máis dun idioma.134.8971.888.558138.9441.945.216

Oficial de 1ª, caixeiro sen sinatura, intérprete xurado dun idioma, operador de máquinas contables, taquimecanógrafo, telefonista ou recepcionista con dous ou máis idiomas, inspector de zona.123.6821.731.548127.3921.783.488

Oficial de 2ª, telefonista ou recepcionista cun idioma, reporteiro de axencias de información, traductor e intérprete no xurado, xefe de visitadores.117.7971.649.158121.3311.698.634

Auxiliar con antigüidade superior a 3 anos.107.0491.498.686110.2601.543.640

Auxiliar, telefonista, visitador-cobrador, pagador.102.6841.437.576105.7651.480.710

Aspirante.72.0521.008.72874.2141.038.996

* Grupo III. Técnicos de oficina

Xefe superior.141.2691.977.766145.5072.037.098

Xefe de 1ª, xefe de equipo de informática, analista, programador de ordenadores.139.2491.949.486143.4262.007.964

Xefe de 2ª, xefe de delineación, xefe de explotación, programador máquinas auxiliares, administrador de tratamentos de cuestionarios.134.8971.888.558138.9441.945.216

Xefe de equipo de enquisas, coordinador de estudios.132.7211.858.094136.7031.913.842

Delineante proxectista.126.3351.768.690130.1251.821.750

Debuxante proxectista, controlador, operador de ordenadores.123.6821.731.548127.3921.783.488

Delineante.117.7971.649.158121.3311.698.634

* Grupo IV. Especialista oficina

Xefe de máquinas básicas.134.8971.888.558138.9441.945.216

Operador de tabuladores, inspector de entrevistadores, encargado do departamento de reprografía.123.6821.731.548127.3921.783.488

Operador de máquinas básicas, entrevistador-enquisador, debuxante.117.7971.649.158121.3311.698.634

Calcador, perforista, verificador, clasificador.108.7721.522.808112.0351.568.490

Auxiliar.102.6841.437.576105.7651.480.710

Aspirante.72.0521.008.72874.2141.038.996

* Grupo V. Subalternos

Conserxe maior.108.7721.522.808112.0351.568.490

Conserxe.104.5511.463.714107.6881.507.632

Ordenanza, vixilante.102.6841.437.576105.7651.480.710

Mozo dos recados.69.853977.94271.9491.007.286

* Grupo VI. Oficios varios

Encargado almaceneiro.117.7971.649.158121.3311.698.634

Oficial de 1ª, conductor de 1ª.113.4231.587.922116.8261.635.564

Oficial de 2ª, conductor de 2ª.108.7721.522.808112.0351.568.490

Axudante, operador, reproductoras de planos, operador de multicopistas ou fotocopias.97.8901.370.460100.8271.411.578

Peón, mozo, limpador/a a xornada completa.102.6841.437.576105.7651.480.710